(Artigo publicado no vello blog hai 10 anos, o 6/12/2010), un pouco actualizado)
O 6 de Decembro no noso país é o Día da Constitución e un dos patróns dos Controladores Aéreos Civís Militarizados, pero en Alemaña, Suíza e Austria é un día moi celebrado polos cativos, San Nicolás, Heilige Nikolaus. Nicolás, en orixe un bispo que predicara na Anatolia, é un amable santo que vai polas casas e lle trae agasallos e lambonadas aos nenos que foron bos. Esta e outras moitas tradicións de Nadal europeas deformaríanse nos Estados Unidos e o Nikolaus converteuse en Santa Claus, logo volveu cruzar o océano transformado en Papá Noel, ou Weihnachtsmann como din aquí, para distinguilo da tradición do Nicolás, vindo en días diferentes, o 6 e o 25 de Decembro. Ás veces vai de vermello, máis pola CocaCola ca por outra cousa, pero normalmente vai con túnica, mitra e báculo pontificios e barba branca. Engado que en Baviera os agasallos, á parte de Nikolaus, tráeos o 25 o Christkindl e non o Weihnachtsmann/Santa Claus/Gordo lambón esbirro cocacólido.
A min atírame o seu compañeiro, o Knecht Ruprecht, o Criado Ruperto. É a fiel compaña do amable Nicolás e unha némese deste: vestido de escuro, sucio, barbouzán, sinistro e coa cara embarroada, leva canda el un ramallo de bidueira na man para zorregarlle ós nenos malos e mais un saco (disque, aquí as tradicións varían) para levalos e abandoalos na fraga. Outra figura para asustar ós críos, que leva outros nomes e apariencias noutras terras, coma o arrepiante Diaño Krampus ou outras miles segundo onde se pregunte, e que os americanos acabaron mutando no reno Ruperto, o da nariz vermella. Mesmo algunhas destas personificacións do castigo nadaleiro parecen unha sorte de Nikolaus e Ruprecht combinados, dunha man a saca de agasallos, do outro a zorrega. Hai máis variantes con outros nomes, dependendo da rexión, e fanse celebracións públicas.
Gamsjaga, Public domain, via Wikimedia Commons
Fonte: Jeff Gauthier
Gruss_vom_Krampus
Hai un poema sobre Ruprecht de Theodor Storm (1817-1888) que aprenden tódolos alemáns de nenos. En galego mal traducido (por min mesmo) sería algo así:
Veño de fóra da fraga e teño que dicir, xa é moito tempo de Nadal!
Por tódalas partes no curuto dos abetos
vexo apousarse luciñas douradas;
E alá na Porta do Ceo
vin cos ollos arregalados ó Neno Xesús;
E estando oculto entre os abetos,
chamoume coa súa voz clara:
“Criado Ruprecht”, chamou, “vello compañeiro,
move as pernas e bule de présa!
Comezan a arder as velas,
a Porta do Ceo está aberta,
vellos e mozos deben agora
dos traballos da vida facer unha pausa;
e mañá voarei ata a Terra,
porque é xa tempo de Nadal!”
Eu falei: “Ou querido Señor Cristo,
a miña viaxe xa case rematou;
Só teño que chegar a esta cidade,
onde hai nenos bos”.
– “Levas canda ti a saquiña?”
Dixen: “Levo, aquí a teño:
porque as mazás, noces e améndoas
lles prestan ós nenos piadosos”.
– “Leva-la zorrega contigo?”
Dixen: “Velaquí o látego
para os nenos malvados,
que atope do lado dos bos”.
O Neno Xesús falou: “É de xustiza,
así que vai con Deus, meu fiel criado!”
Veño de fóra da fraga e teño que dicir,
xa é moito tempo de Nadal!
Só dicide, como os atopo?
Son nenos bos ou son nenos malos?
Knecht Ruprecht
Un poema de Theodor Storm (1817-1888)

Así que nenos e grandes, sede bos e apañaredes chocolate e cousas ricas. E se non, igual levades algún trallazo no cú e un viaxe de ida nunha escura saca. Avisados quedades. Feliz San Nicolás.