Curruncho de maratón (6): AD Alcorcón, 0-0

RC Deportivo: Dani Giménez; Mujaid, Lampropoulos, Somma, Luis Ruiz; Peru, Bergantiños, Vicente; Mollejo (Beto, min.84), Longo (Santos, min.59), Koné (Aketxe, min.73)

Os empates son amolados, non son fracasos completos, non son trunfos, non son derrotas nin vitorias. Na liga dos EEUU non había empates, non se entenden na súa cultura deportiva, cumpría desempatar. E máis amolados se vés dun refacho nefasto como o Dépor, desesperado por engadir puntos e escapar do último posto da segunda e do descenso, un obxectivo moi distinto ao que nos prometeran antes de comezar a tempada.

Como sempre, pódese ver o vaso medio valeiro ou medio cheo. O medio valeiro: seguimos mal, o equipo ten carencias graves, seguimos a pagar unha pésima planificación de pretemporada e temos un adestrador que teimou en fracasar durante semanas co mesmo esquema co que fracasara o seu precedesor. Fan falta dúas ou tres vitorias para saír do pozo, sobre todo anímico, pero non dá chegado nin a primeira. Pero.

O medio cheo: o xogo do equipo non ten nada que ver co esperpento que levo vendo desde que estreei o carné de socio. Mellor dito: houbo un xogo de equipo. O Dépor competiu xogando ao fútbol, dominou o partido ante un rival bastante mellor que os torcenocellos que viñeron bailar samba a Riazor nas últimas doce semanas, e unha novidade importantísima: mantivo a porta de Dani Giménez a cero. Xogando mal ou peor o Dépor sempre chegaba palmando 0-1 ao minuto quince e logo tocáballe pedalear costa arriba cunha bici avariada. Hoxe non. Noventa minutos sen goles do Alcorcón, cun centro de campo reforzado (trivotazo Vicente-Bergan-Peru, novidade de Luís César) e unha defensa que non é un vodevil. Con esta base pódense construír cousas.

Sempre evitei cualificar a dianteira, uns pobres diaños aos que non lles chegaban balóns. Hoxe si lles chegaron. Ben Koné, imprescindíbel, mesmo sen depredar na área, onde sería máis perigoso. Mal Longo, frustrado e desatinado. Mediocre Cristian Santos, máis incisivo na prensa que coa porta rival. E vimos a Beto da Silva, eu non sei que mal terríbel fixo o peruano pero vai sendo hora de levantarlle o castigo e darlle minutos, dada a competencia.

Máis boas novas: a defensa ben, Mujaid ten que ser cada vez menos fabrilista e máis do primeiro equipo, meréceo e merecemos velo. Vicente Gómez, excelente noticia, despois de varias actuacións penosas reivindicouse hoxe. Mollejo segue a desequilibrar pero parece menos só. Todos, cando menos, ben situados e concentrados no que estaban facendo.

O Dépor xogou ben, armou xogadas, aínda que segue a custarlle ferro e fariña sacar o xogo desde atrás. Acadou dominar un partido e a posesión, pero non traducila en perigo e goles, e os dianteiros, pouco afeitos a disparar este ano, teñen unha falta de puntería terríbel. A sorte non acompaña.

Hoxe non se acadou nada, pero se cadra é o camiño de algo. Un leve erro faríanos caer na lameira de sempre e dar mil pasos atrás. Todo é fráxil, a xente anda xustamente indignada e se cadra, quizais, a afección poida conectar co equipo e saírmos todos de aí, afección e equipo, evitando a estes xefes nefandos, mentireiros e incompetentes, mentres buscamos un xeito de botalos. Cando a bóla entre.

Curruncho de maratón (5): Elche CF, 1-3

RC Deportivo: Dani Giménez; Mujaid (Galán, min.81), Lampropoulos, Montero, Salva; Bergantiños (Santos, min.71), Peru; Jovanovic (Valle, min.59), Aketxe, Mollejo; Koné

Un escritor (non son xornalista) ten pánico a unha cousa: escribir a mesma cousa, plaxiarse a si mesmo. E eu levo, desde que empecei a escribir estas crónicas, escribindo, ou describindo, exactamente a mesma desfeita cada dúas semanas, con diferentes rivais.

E esta non prometía. Luís César non atopou a tecla nas últimas xornadas, o equipo é o último de Segunda e a moral está polo chan, estou aquí un domingo ás 12 chovendo e con frío na vez de estar co meu fillo e muller nunha función de teatro infantil pasándoo pirata… Non prometía.

Se cadra vexo cousas que desexo ver, máis que a realidade. Se cadra vin un partido que os demais non viron. Pero non foi tan mal, no que atinxe ao xogo. Pero logo: erros nosos, inquina arbitral na nosa contra e mala sorte. “Xogamos como nunca, perdemos coma sempre”, dicía o outro. Puidemos gañar. Un gol de falta, un penalti parvo, outro que nos roubaron a nós, moita mala sorte.

A ver. O Dépor ten unha arrepiante falta de fútbol. Mesmo nos mellores momentos (o primeiro tempo contra o Elche), xoga á arroutada, sen creación de xogo nin centro do campo, ás veces con testosterona, pero sen fútbol. Mediapuntas sen visión de xogo, extremos que desbordan e centran a ninguén, xogadores que non se apoian e non saben por onde anda o compañeiro. Nolaskoain correcto, Bergantiñator mal, Aketxe unha desfeita, Mollejo do único salvable (do partido e da tempada)… Por liñas: o centro campo é o problema máis gordo, da dianteira falarei cando lle cheguen balóns (aínda que non lle vexo moitas brillanteces) e a boa nova, a defensa non está tan mal.

Si, levaron tres goles, pero ningún por erros parvos dos defensas, grande novidade. Un de libre directo, un penalti provocado por Dani e unha cagada de Aketxe (perda de balón inexcusable no peor momento e lugar, buscando empatar o 1-2), unha contra con todo o equipo vendido arriba. Lamprockenbauer asinou o seu mellor partido, Montero non meteu a zoca e a mellor nova foi o rapaz canteirán Mujaid Sadick no lateral, moi correcto.

Por rematar coa primeira das catro liñas: mal a portería, mal Dani Giménez, mal. Penalti parvo e erros e agasallos para o rival. Non sospeitaríamos que un dos nosos baluartes da tempada pasada, despois da incrible maldición dos porteiros da 17/18, estaría a un nivel tan decepcionante nesta.

Hai unha quinta liña: o adestrador. Evidentemente, non pido o seu cese e non o sinalo como primeiro culpable. Pero está ofrecendo demasiado pouco, só o mesmo esquema que fracasou con Anquela con leves cambios, como sentar a Gaku. Non abonda. Moitos do banco e do Fabril merecen unha oportunidade na vez que varios dos titulares que están estragando a súa.

A sexta é esa banda de terroristas da xestión deportiva que chamamos “directiva”. Cando un equipo é deseñado para o ascenso e tras moita irregularidade fai 7º, promoción e queda ás portas do mesmo, para o ano vindeiro quere cambios. Dixen cambios, non revolución total, iso foi unha insensatez que podía saír mal. E saíu. Vanse unha presa de xogadores, moitos a primeira división (tan malos non serían) e vén unha manchea de mediocridades. Somos 22ºs e non marcamos nin a porta baleira.

Volveremos dentro de dúas semanas, con vento, chuvia e frío e ningunha esperanza de que isto mellore e non caiamos ao pozo de 2ªB. Pero volveremos a Riazor, sen poder dar unha razón coherente á familia. Só que se isto mellora, nós queremos estar aí e ser testemuñas. Eu vexo o cambio cando sumemos dúas vitorias seguidas. Aí iremos, a Riazor, a agardar a primeira delas.

Quero que vos fixedes na bancada de abaixo. É Preferencia Inferior e non está cuberta. Estiveron caendo chuzos de auga case dúas horas sen interrupción. Malia o tempo, a hora e a desastrosa xeira do equipo e as nulas expectativas de mellora, varias ducias de seareiros viñeron ver o partido, baixo a incesante chuvia e o frío con chuvasqueiros e paraguas. Isto é o Dépor, señoras.

Curruncho de Maratón (3): UD Almería, 0-0

RC Deportivo: Dani Giménez; Bóveda, Peru, Montero, Salva; Bergantiños, Gaku (Galán, min.90); Mollejo, Aketxe, Valle (Vicente, min.97); Longo (Santos, min.65).

Pois eu o día do partido me erguera optimista. Mesmo despóis das hecatombes futbolísticas ás que asistín e ás que non asistín, incluídas as performances de arte existencialista dos branquiazuis lonxe de Riazor. O peor foi que ao primeiro partido en casa contra o Oviedo, a primeira e única vitoria desta campaña maldita, non puiden asistir. Quen nos ía dicir que a partir de aí todo iría costa abaixo. Pois malia todo, e contra o que eu mesmo pensei os seis días anteriores, díxenme: hoxe non, hoxe a cousa vai mellorar, ou mellor dito: a partir de hoxe a cousa vai mellorar.

O ambiente era o lóxico: moito anoxo, contra a directiva (Zas), a dirección deportiva (Carmelo), o adestrador (Anquela) e o equipo. E a ratos, moita depresión, moita tristura, moitas ausencias nas bancadas. Cando saltou ao campo o Dépor era virtualmente pechacancelas de Segunda. O seu rival, pouco axeitado para reivindicarse, o Almería, segundo. Outro mal resultado e o adestrador de Xaén sería despedido con seguridade. Non é tan doado de desprenderse de Zas e Carmelo, de feito son eles os que despiden a xente, non ao revés. E os xogadores… esta tempada hai que apandar con eles.

Anquela é o máis fráxil. Así que a prepararse para outra desfeita, preguntarse cantos goles caerán na portería de Dani e logo despedirse do adestrador. Para min e para case todos: Anquela non é culpable absoluto nin principal desta debacle, é boa xente e traballador, pero non é competente para dirixir ao RC Deportivo. Non estou dicindo que deban botalo, ou que deban botalo agora. O problema é máis profundo. Ao fío disto, moitos seareiros antes do partido foron recibir aos do palco como se merecían. Non con flores, precisamente. Tampouco con violencia, ollo. Pero están fartos. En cambio, só algúns pitos para o xefe do banco coruñés.

Pois pequena sorpresa: o equipo mellorou. Mesmo comparando coa excursión a Xirona só tres días antes. Posicionouse ben no campo, creou e atacou con perigo, os xogadores tiveron máis actitude e confianza, viuse un equipo. A defensa mellorou con Nolaskoain(*) na vez do Lampro, pero aínda lle queda moito e a UDL tivo tres ocasións clarísimas para levar os tres puntos cara o sur. Na dianteira o Longo non me convenceu, pero está mellor conectado a un Shibasaki (*) e a un Aketxe menos deprimidos. Bergantiños seguiu sendo Bergantiños e Mollejo está descomunal. Porén, pouco acerto ou mala sorte na área contraria. Paréceme un punto ben gañado contra un rival forte, e puideron ser tres.

(*) Se tes a dóus tíos con dous apelidos tan chanantes como Nolaskoain e Shibasaki, non lles chames nin lles poñas na camisola “Peru” e “Gaku”, cona. O nome fai moito. Inflúe no rival. É algo básico.

En canto ao rival, evidentemente moito mellor escuadra cá o Albacete e o Mirandés. Anquela faría ben en tomar notas da masterclass en defensa que fixeron os almerienses. Pero pouco máis: demasiado pouco ambiciosos, pouco interese na área de Dani Giménez, pouco risco para enfrontarse a un equipo en implosión como era o Dépor. Non os vexo como candidatos ao ascenso na xornada 42.

Non sei que pensar. Se cadra Anquela deu co camiño correcto, por veces o Dépor achegouse a ser o que queremos que sexa o Dépor, o que merece ser. Se cadra comeza a remontada. Se cadra é tarde de máis e botan a Don Juan Antonio, ou danlle un par de partidos máis para prologar a súa agonía. As carencias de xogo seguen a ser graves, o tempo pasa e levamos nove xornadas sen gañar e en postos de descenso a 2ª B. Algo máis de paciencia, vendo que se están dando os pasos correctos, ou golpe de timón? Non vos caiba dúbida que hai unha opción correcta, amigos sufridores deportivistas. E que os directivos collerán a outra, sexa cal sexa.