De volta – Due back – Zurück

Hai cinco anos, case seis, non estabamos en corentena e esta familia aínda non era exactamente unha familia e viviamos na fermosa cidade bávara de Regensburg.

Passages

Hai cinco anos, case seis, houbo un certame de relato con motivo do irmanamento de Regensburg coa cidade escocesa de Aberdeen. Presenteime e acadei un premio, sendo ademáis incluído no libro colectivo “Passages“, e por riba acabei convidado a coñecer a cidade de Aberdeen.

Tanto ten. O caso é que pensei que podería agasallarvos o relato gañador en trilingüe: en galego, claro, e tal como foi publicado, en alemán (lingua na que foi concebido, o cal explica a sinxeleza da linguaxe) e inglés. O tema é familiar: o retorno do emigrante, que aínda demoraría uns anos no noso caso, e o agarimo pola cidade que foi o meu fogar durante varios anos.
Ao comezo deste artigo tedes a ligazón para descargar o pdf do relato. Agardo que vos guste.

Nova daquel certame: ligazón

Ponte de Pedra - Stone Bridge - Steinerne Brücke, Regensburg
Regensburg / Ratisbona (foto miña)
Aberdeen beach
Praia de Aberdeen, Escocia (foto miña)

Os Leóns de Múnic: o descenso e a incerteza

Faleivos hai pouco tempo do simpático e tradicional clube de fútbol TSV 1860 de Múnic, “Os Leóns” ou “Os Sesenta” (Löwen ou Sechzger), e a súa querencia histórica pola derrota, o afundimento e o rexurdir das súas cinzas. Pero esta semana escribiu un novo capítulo do primeiro, a derrota, sen albiscar nada do segundo, ao contrario. Veñen tempos negros para os celestes.

En Alemaña xóganse partidos para a promoción para o descenso e ascenso. Sen ir máis lonxe, os Sesenta, metéronse no partido de promoción contra un equipo de terceira (equivalente á nosa 2ªB) para manter a súa categoría en segunda. Os que quedaron por embaixo del descenderon a terceira directamente. Estes partidos de promoción (Relegation) son moi criticados porque nos últimos anos o guion está preestablecido: o equipo da categoría superior, usualmente o rico, vence e mantén a categoría.

Pero para iso están os Sesenta, para rachar coas tradicións, pero para mal. O rival, procedente de Terceira como xa dixemos, é un vello coñecido meu, o Jahn Regensburg, o clube da cidade onde vivín nove anos. En teoría, un modesto bávaro que pasou polo seu inferno particular: nos últimos catro anos chegou a segunda, baixou a terceira e sucesivamente á Rexional (equivalente, agora si, á nosa 3ª) cun estadio novo do trinque e agora tentan volver á segunda, o que sería un exitazo para a cidade.

O TSV fixo o máis difícil, empatar 1-1 en Regensburg na Ida e deixar a defensa da súa praza para a volta, nun Allianz Arena ateigado. E logo acadou o máis abraiante: fracasar. O Jahn infrixiulle un 0-2 ante 70000 seareiros. Os de Regensburg foron un equipo moito máis compacto (“somos un equipo, eles non”, resumiu un do Jahn), e como final vergoñento, o partido houbo de ser interrompido 15 minutos polo lanzamento de obxectos dos ultras locais máis túzaros. O encontro finalizou, e tamén unha desastrosa tempada, que xerou unha frustración que algúns seareiros canalizaron do peor xeito posible, coa violencia, sempre condenable.

O facto non cambia: o Jahn ascende a segunda, sorpresiva pero merecidamente. O TSV 1860 München descende a Terceira. Pode ser peor? Pode.

O caos instalouse no equipo de Giesing. Demitiron o director deportivo, o presidente e o adestrador, e boa parte do plantel tamén marchará. Culmínanse anos de nefastas decisións institucionais, deportivas e económicas. Por riba, as condicións de Hasan Ismaik, o investidor e dono de facto do clube, para non “pechar a billa” dos cartos, fan difícil que o clube poida pagar as súas débedas e a propia licencia da Bundesliga de terceira, polo que podería ser descendido a Rexional, un golpe do que non se sabe se poderá sobrevivir. Como tantos, metidos na roda de gastar o que non se ten para competir deportivamente, e mesmo así non acadalo.

O único bo destes momentos negros e incertos en Giesing é que se abre unha porta para abandonar o Allianz e volver en terceira ó seu tradicional Grünwald Stadion, sempre e cando cumpra certos requisitos de seguridade. Veremos se se recuperan do golpe, para que o fútbol en Múnic non só teña cor vermella.

wp-1492452142180.jpg

 

Presentación de Passages

O libro “Passages” que inclúe o meu pequeno relato “Zurück / Due back” será presentado o vindeiro 29 de Setembro en Regensburg. Un pequeno éxito noutro idioma! Iso si, non estarei alí porque non son ubicuo e conto con estar eses días en Arxentina. Xa falaramos da súa presentación en Aberdeen (Escocia), onde paradoxalmente si que estiven.
O conto? Poderédelo ler axiña en galego. Onde, cando? Avisaremos.

Polo de agora e por se andades por Regensburg, a cita é no Thon-Dittmer-Palais, Haidplatz 8, o día 29 de Setembro ás 19:15. Oiredes o meu relato non da miña voz, como xa dixen, senón da de Lena Dirnberger, outra das gañadoras.

Ligazón (en alemán): https://www.regensburg.de/veranstaltungen/detail/138426

IMG_20150906_124138

IMG_20150906_124302