O Tirol do Sur

Pragser Wildsee / Laco di Braies

Hai cousa dun mes estivemos por segunda vez na rexión italiana do Tirol do Sur. Curiosamente fomos os dous o ano pasado (concretamente a Ritten – Renon) e este ano fomos tres, xunto co Samuraiciño, recente socio do clube da humanidade, desta volta á cidade de Brixen. Fermosa terra, que xunta o mellor de Italia co mellor do mundo xermano. Encaixada entre os Alpes e os Dolomitas, ten paisaxes fermosísimas e boas pistas de esquí, para quen lle guste, que aquí son moitos.

Trentino-South Tyrol in Italy
Situación da rexión Trentino-Alto Adige/Südtirol en Italia. By Kmusser and TUBS [GFDL or CC BY-SA 3.0], from Wikimedia Commons
Tamén me chamou a súa historia e a súa situación idiomática. Forma parte da rexión autónoma de Alto Adige-Trentino, que ten dúas provincias: no sur o Trentino, de capital Trento, e no norte o Alto Adige-Südtirol, de capital Bozen-Bolzano. Son dúas provincias moi diferentes, cultural e lingüisticamente, o Trentino fala italiano na súa totalidade, pero o Alto Adige, o Tirol do Sur, fala na súa meirande parte alemán.

(Inciso innecesario: de postadolescente agasalláronme o exitoso libro Onde te leve o corazón, de Susanna Tamaro. Disque de todos os libros podes tirar algo bo, mesmo dos máis ruíns. A novela era do peor, pero aprendín dela que había un anaco de Italia que falaba alemán, para a miña sorpresa).

O Tirol é unha rexión histórica que pertencía de sempre ao Imperio Austrohúngaro, agás pequenas interrupcións. Trala Primeira Guerra Mundial a parte sur do Tirol foi invadida polo estado italiano, quedando o Tirol esgazado entre dous estados, Austria e Italia, ao norte e ao sur do paso alpino de Brenner. No Tirol do Sur a cultura e lingua xermana situouse en inferioridade diglósica fronte á italiana. Fixádevos que é desde hai só un século, un período curto en termos de historia europea. Pero en cen anos pasan moitas cousas.

Trala ocupación italiana, procedeuse á “italianización” da rexión, no administrativo, educativo, toponímico e mesmo no demográfico, favorecéndose o establecemento de italianos doutras rexións. Italianizáronse todos os nomes de lugares en base a un libro de Ettore Tolomei, nacionalista italiano, o Prontuario dei nomi locali dell’Alto Adige. Con esta guía, escrita antes da invasión (para que vexamos que tiñan as ideas claras do que ían facer) substituíron todos os nomes xermánicos de lugares por cadanseu italianismo inventado, ás veces baseándose no antigo topónimo latino (Sterzing – Vipiteno), as máis das veces dun xeito burdo, engadindo unha vogal ao final (Meran – Merano, Bozen – Bolzano, Bruneck – Brunico), traducindo máis ou menos ao chou (Oberbozen – Soprabolzano, Klausen – Chiusa) ou inventando calquera cousa (Brixen – Bressanone, Klobenstein – Collalbo). E comezando polo propio nome da rexión, de Tirol do Sur (Südtirol) a Alto Adige, un nome meramente xeográfico (o Adige é un río) e que ignora deliberadamente a identidade histórica da rexión. Estes neotopónimos trapalleiros, inventados por Tolomei, son hoxe cooficiais cos auténticos.

A represión endureceuse durante o fascismo. Aparte dos lugares, o alemán desterrouse dos xornais, os oficios, a administración e os tribunais, mesmo traduciron os apelidos da xente. Os surtiroleses fundaron Katakombenschulen, as Escolas das Catacombas, escolas subterráneas clandestinas onde podían aprenderlle aos nenos a súa lingua nai, o alemán.

Kaitakombenschule 1927
Nenos aprenden alemán clandestinamente nunha Escola das Catacombas nunha granxa surtirolesa en 1927 [Public domain or Public domain], via Wikimedia Commons
Logo ascendeu o nazismo en Alemaña, anexionándose Austria (e por tanto o Tirol do Norte) ao III Reich. É curioso que Hitler rabeara por invadir (“recuperar”) rexións máis ou menos xermanas como a Alsacia francesa e os Sudetes checoslovacos, e en cambio non lle fora tan urxente o Tirol do Sur. Por que? Porque a Italia de Mussolini era unha amiga. Adolf e Benito chegaron a un acordo en 1939: o Tirol do Sur (Alto Adige) sería respetado polo Reich e permanecería en Italia. A cambio, ofreceuse a Opción. Os surtiroleses de fala alemá ou ladina tiñan que escoller entre dúas alternativas: deixar a súa terra cara o Norte, adquirir a nacionalidade alemá e comezar un futuro incerto nos dominios nazis (decote no que era a Austria anexionada ao Reich), ou ben quedar no seu fogar pero coa nacionalidade italiana, renunciando aos seus dereitos lingüísticos, coa súa lingua proscrita e ameazados por Mussolini de ser deportados a Sicilia ou á Abisinia. Pouca sorte estar rifados entre dous fascistas sanguinarios. Milleiros marcharon cara o norte, os Optanten, os que aceptaron esa opción ofrecida polo III Reich. O resto deron en chamarse os Dableibern, “os que quedaron” a condición de italianizarse. Os primeiros foron vistos como nazis, os segundos, como traidores á súa terra. Unha escolla moi difícil. Adquirir unha das dúas nacionalidades, ademais, conlevaba a absoluta renuncia á outra.

Trentino-South Tyrol Provinces
Rexión do Trentino-Alto Adige. Trentino ao sur (fala italiana) e Alto Adige-Südtirol ao norte (fala maioritariamente alemá). By Rarelibra [GFDL, CC-BY-SA-3.0 or CC BY 2.5], from Wikimedia Commons
Non durou moito esta migración. A II Guerra Mundial estourou, e o réxime fascista de Mussolini caeu, invadindo Hitler o Tirol do Sur en 1943. Recibidos por moitos como “forzas de liberación” (hai que entender que a represión fascista italiana foi durísima), os nazis foron ao seu, a facer cousas de nazis: exterminar a minoría xudía, esmagar a quen os contradicía e saquear e organizarse estratexicamente para obxectivos maiores.

Tralo remate da II Guerra Mundial acordouse que o Tirol do Sur permanecese na República Italiana, pero a condición de que se respetaran os dereitos das tres comunidades lingüísticas por igual. Creouse a nova rexión autónoma do Alto Adige-Trentino, con amplas competencias. Isto non impediu que xurdira un terrorismo (o BAS) que defendía a anexión da provincia a Austria. O movemento reunificador abandonou hai tempo a loita armada, pero hoxe o seu sector máis radical está animado por Viena, onde cogoberna a extrema dereita austríaca. Con todo, o partido dominante é o Popular do Sur do Tirol, rexionalista conservador.

A provincia vive unha innegable paz entre as dúas grandes comunidades culturais e é posta de exemplo de convivencia lingüística no exterior. Ademáis, a economía sorrí e cóntase entre as rexións máis ricas de Italia.

Na provincia autónoma do Tirol do Sur falan alemán sobre os dous terzos do seu medio millón de habitantes, un claro retroceso desde a ocupación italiana, mais o obxectivo fascista de borralo do mapa quedou lonxe de cumprirse. Pensade no galego, como aturou cinco séculos de represión. O alemán tirolés non leva nin 100 anos de diglosia.

O ensino está separado por linguas, con inmersión lingüïstica na natural do neno (alemán ou italiano), cursándose obrigatoriamente a outra. A resultas disto a poboación é bilingüe, independentemente da súa escolla lingüística. Os surtiroleses contan cun 70% de falantes de alemán, un 25% de italiano (case todos nas cidades, sobre todo en Bozen) e un 5% de ladino, nas pequenas zonas de Gröden e Gadertal, onde o ensino é trilingüe. O ladino é unha póla do retorrománico (parente do que é oficial en Suíza no cantón de Graubunden-Grisóns), un dialecto moi conservador do latín. Ten uns 20000 falantes.

Toda a cartelería está en alemán e italiano e así tamén os documentos administrativos, turísticos… Cabe dicir que outra diferencia na diglosia de aquí co catalán, euskera, etc., é que o alemán é unha grande lingua de estado e de cultura, a primeira de Europa en falantes, e que Austria e Alemaña fan valer a súa influencia para que non sexa reprimida a este lado da fronteira. Por iso nos convenceron que o galego non tiña naaaada que ver co portugués, porque só e illado se defende un peor. Pero ese debate, para outro día.

IMG_20170416_203803  IMG_1901
P1020751
IMG_1838

Como xa apuntei, a rexión é fermosísima. Cidades medievais, paisaxes alpinas, paraíso de esquiadores, alpinistas, camiñadores e cicloturistas, estupendas pizzas, café, pasta e viño, pero tamén embutidos (o Tiroler Speck, un xamón do país, é o seu tesouro), cervexa e carne. Boa parte dos visitantes veñen de Alemaña e Austria, polo que case están como na casa: fala alemana, cultura parecida, paisaxe alpina, pero ollo, con máis horas de sol.

Pragser Wildsee / Laco di Braies
Unha marabilla: O lago salvaxe Pragser Wildsee (lacco di Braies), nun parque natural
P1020692
Meran (Merano), unha fermosa cidade de balnearios ao pé das montañas. A Sissi pasaba moitas tempadas aquí.
Laubengasse / Via dei Portici
A Laubengasse (Rúa dos Pórticos), o corazón de Bozen (Bolzano), a capital da provincia. O Tirol máis urbano, pero non demasiado. Nada ten que envexarlle a Innsbruck (a capital do Tirol austríaco). Cabe dicir que é onde menos alemán e máis italiano sentín falar.
P1020716
Sankta Magdalena, no val do Villnöss (val di Funes)
P1020734
A montaña é coma o mar. en fotos é moi bonita, pero hai que estar alí. E que conste que eu son de mar, pero as paisaxes son impresionantes.
#Klausen / #Chiusa, unha xoia agachada do #südtirol #altoadige #tirol
Outro pequeno segredo: a pequena e medieval Klausen (Chiusa).
Suedtirol 2012_016
Un sitio no que non estiven e parece bastante flipante: na fronteira con Suíza fixeron un lago-encoro artificial, o Reschensee, e afundiron a vila de Graun. Pero a torre das campás da súa igrexa sobresae entre as augas. Foto da Galería de Flickr de Reisender1701. Attribution-NoDerivs 2.0 Generic (CC BY-ND 2.0)

Os Kastelruther Spatzen (os Pardais de Kastelruth, Tirol do Sur) son un dos grupos máis vendidos de lingua alemá. Fan unha mistura comercial de música tradicional e Schlager, música lixeira para ouvidos pouco esixentes. Sen entrar en valores musicais (non son os Zeppelin, e se entendedes os textos, tampouco son Dylan), a canción Tränen der Dolomiten (As bágoas dos Dolomitas) lembra as crueis batallas nas montañas entre austríacos e italianos na I Guerra Mundial, que remataron coa submisión do Tirol do Sur a Italia. E se lle quitades o son, veredes unha boa colección de paisaxes dos Dolomitas.

Outro grupo surtirolés que canta en alemán, Frei.Wild, é dos grupos de rock con máis éxito na xermanía. Non os vou poñer aquí. A razón menos importante é que están ligados a movementos identitarios e de extrema dereita. A máis importante é… que son malísimos. Mellor quedamos cos “Pardais”:

 

Leer este artículo en castellano

Advertisements

A Loxia dos Mariscais e como evitala

Hoxe falaremos dun lugar de Múnic que non me gusta moito, quero dicir, esteticamente, aínda que para gustos, etcétera. Atopámola no límite da Cidade Vella (Altstadt) coa zona universitaria, concretamente na praza do Odeón (Odeonsplatz), moi transitada. A praza está aberta á Ludwigstrasse polo norte, se miramos para esta de fronte teremos á dereita unha parte do inmenso pazo real bávaro, a Residenz, e á esquerda a fermosa Igrexa dos Teatinos. Demos a volta, coa cara dirección centro da cidade e as costas viradas á Ludwigstrasse. Aí está. A Feldherrnhalle ou Loxia dos Mariscais.

Odeonsplatz, Neve - Snow
A Feldherrnhalle e á súa dereita a igrexa dos Teatinos (Foto miña)

Évos unha especie de pórtico de tres arcos coas estatuas de dous mariscais de campo bávaros, dous leóns e outra estatua central, alegoría de Baviera. É unha imitación da sonada Loggia dei Lanzi de Florencia e foi erixida polo rei bávaro Lois I na época dourada da arquitectura muniquesa, en 1844, cando Baviera era un reino independente e Múnic a súa próspera capital. O monarca tentou “pechar” así a pouco harmónica Odeonsplatz, e se cadra a deixou peor que antes. Lois I construíu boa parte do que é hoxe o Múnic monumental e tamén cousas bastante tolas como o Walhalla de preto de Regensburg, do que falei hai moito, ou a Sala da Liberación de Kelheim. Pero nada comparado ás extravaganzas do seu neto Lois II “o Rei Tolo”, o perpetrador do castelo de Neuschwanstein e outras insensateces, pero non nos desviemos da historia.

León e héroe - Lion and hero
A Feldherrnhalle de noite (foto miña)

A historia que quería contar parte de dous turistas, eu calculei que da India ou de Oriente Medio, que me pediron en inglés que lles tirase unha foto diante do monumento en cuestión, alí na Odeonsplatz. Cando lles devolvín á cámara, un preguntoume, sorrindo e en ton confidencial, se aquela cousa a fixera Hitler. Eu lles contestei sinxelamente que non, que era máis antiga, e calei a verdade: se o fixera o Hitler hoxe non ía quedar del nin a borralla.

Pero mirade, pescudando un pouco, a pregunta do turista oriental non carecía de todo de sentido: este foi un lugar emblemático do nazismo. Tampouco o título deste artigo: se andades por Múnic non tedes ningún motivo para evitar este lugar e dar un rodeo, pero naqueles tristes anos si que o había.

Resumindo a historia, Adolf Hitler comezou a súa carreira política (por chamarlle dalgún xeito) en Múnic. O 9 de Novembro de 1923 ergueu o seu famoso “Putsch” ou o “Golpe de Estado da Cervexaría”, xa que foi na famosa cervexaría Bürgerbräukeller onde encirrou os seus fieis e se ergueu contra a República de Weimar. Os seus tempos non eran chegados e a revolta fracasou aos pés dos leóns da Feldherrnhalle. A policía detivo a marcha dos fascistas na Odeonsplatz, morrendo trece deles e mais catro axentes. O golpe foi abortado e Hitler, detido. Foi xulgado cunha condea benévola, e toda esta historia non fixo máis que incrementar a súa popularidade e a do seu movemento, unido á crise e declive da República.

A historia segue como sabedes. O austriaco do bigodiño e os seus nazis tomaron o poder en Berlín en 1933, e desta vez foi en serio, ata que perderon a Guerra Mundial e deixaron o país e media Europa aniquilados. Neses anos escuros a Loxia dos Mariscais converteuse nunha sorte de altar nazi, unha homenaxe permanente aos trece caídos no Putsch, agora “Testigos de Sangue do Movemento”.

Bundesarchiv Bild 183-S11292, München, Ehrenmal in der Feldherrenhalle
Monumento aos trece nazis caídos no Putsch na Odeonsplatz. Bundesarchiv, Bild 146-1978-004-12A / Hoffmann, Heinrich / CC-BY-SA 3.0 [CC BY-SA 3.0 de], via Wikimedia Commons
Cada nove de Novembro había unha homenaxe a eses “heroes”, presidido polo Führer en persoa. En dúas destas ocasións houberon de matalo en senllos atentados, pero saíu ileso. O primeiro, na homenaxe na Loxia do 9 de Novembro do 1938, tentoulle disparar o suízo Maurice Bavaud, sen éxito. Na véspera do mesmo acto do ano seguinte, o 8 de Novembro de 1939, estouraba unha bomba na Burgerbräukeller, a mesma cervexaría onde se iniciara o Putsch. Alí tiña lugar un mitin nazi onde falaría Adolf Hitler, e durante as semanas anteriores o metódico e paciente Georg Elser introducira unha bomba de reloxaría, peza a peza, montándoa nos baixos do local. A terrible detonación levou a vida de moitos nazis por diante, pero sorpresivamente Hitler acurtara o seu discurso e xa abandonara o local cando estourou a bomba, salvando a súa vida. Non a salvaron nin Bavaud nin Elser, arrestados e executados.

Bundesarchiv Bild 183-E12359, München, Adolf Hitler vor Feldherrenhalle
11 de Novembro de 1939. Hitler homenaxea na Feldherrnhalle aos mortos do atentado da Bürgerbräukeller, tres días antes. Bundesarchiv, Bild 183-E12359 / CC-BY-SA [CC BY-SA 3.0 de], via Wikimedia Commons
Alén dos actos dos nove de Novembro, a Loxia dos Mariscais de Odeonsplatz era un lugar de culto diario e permanente dos nazis, custodiado polas SS. Para desgusto dos muniqueses de boa fe, calquera que pasara por diante do pórtico estaba obrigado a facer o saúdo nazi, como reverencia aos caídos, baixo ameaza de rematar no cercano campo de concentración de Dachau. Algo moi molesto, xa que era un lugar de paso importante.

Captura de pantalla 2017-12-02 a las 00.53.22
Situación da Viscardigasse/Dückebergergasse, detrás do Pazo Preysing (a Feldherrnhalle estaría diante). Imaxe de Google Maps.

Así que os muniqueses que non querían ter que escoller entre o saúdo nazi ou visitar Dachau, comezaron a evitar a Feldherrnhalle e a praza de Odeón, dando un rodeo por unha rúa traseira, estreita e discreta, a Viscardigasse. Esta ruela foi coñecida popularmente comoa Drückebergergasse, termo de difícil traducción: rúa da deserción (do nazismo, enténdese), do escapulirse, do rodeo, do “escaqueo”. Ignoro se os nazis eran tan parvos para non decatarse de que o tráfico enteiro peonil da grande praza do Odeón se estaba desprazando a un pequeno rueiro, ou se cadra non quixeron decatarse.

2010-11-09 Neue Gedenktafel
Homenaxe aos catro policías mortos no Putsch. By Michael Lucan, München (Own work) [GFDL or CC BY 3.0], via Wikimedia Commons
Trala derrota do nazismo e a restauración da zona histórica, os símbolos e monumentos nazis foron eliminados e a Loxia dos Mariscais retornou á súa imaxe orixinal, a que idearan os arquitectos dos tempos do rei Lois I. Ademais, unha praca rememora os sanguentos enfrontamentos do día do Putsch, pero de xeito inverso ao que quería Hitler: figuran os nomes dos catro policías que morreron enfrontándose aos nazis. Malia todo, o lugar tamén é emblemático para neonazis na actualidade, e o lugar sufriu varios asaltos por grupos de indesexables, sobre todo os 9 de Novembro. Espero que non evitemos a súa visión indo pola rúa de atrás, e enfrontemos o problema na propia praza. É nosa, xa non lles pertence.

Theatinerkirche
Un dos leóns da Feldherrnhalle vixía a Igrexa dos Teatinos