A Loxia dos Mariscais e como evitala

Hoxe falaremos dun lugar de Múnic que non me gusta moito, quero dicir, esteticamente, aínda que para gustos, etcétera. Atopámola no límite da Cidade Vella (Altstadt) coa zona universitaria, concretamente na praza do Odeón (Odeonsplatz), moi transitada. A praza está aberta á Ludwigstrasse polo norte, se miramos para esta de fronte teremos á dereita unha parte do inmenso pazo real bávaro, a Residenz, e á esquerda a fermosa Igrexa dos Teatinos. Demos a volta, coa cara dirección centro da cidade e as costas viradas á Ludwigstrasse. Aí está. A Feldherrnhalle ou Loxia dos Mariscais.

Odeonsplatz, Neve - Snow
A Feldherrnhalle e á súa dereita a igrexa dos Teatinos (Foto miña)

Évos unha especie de pórtico de tres arcos coas estatuas de dous mariscais de campo bávaros, dous leóns e outra estatua central, alegoría de Baviera. É unha imitación da sonada Loggia dei Lanzi de Florencia e foi erixida polo rei bávaro Lois I na época dourada da arquitectura muniquesa, en 1844, cando Baviera era un reino independente e Múnic a súa próspera capital. O monarca tentou “pechar” así a pouco harmónica Odeonsplatz, e se cadra a deixou peor que antes. Lois I construíu boa parte do que é hoxe o Múnic monumental e tamén cousas bastante tolas como o Walhalla de preto de Regensburg, do que falei hai moito, ou a Sala da Liberación de Kelheim. Pero nada comparado ás extravaganzas do seu neto Lois II “o Rei Tolo”, o perpetrador do castelo de Neuschwanstein e outras insensateces, pero non nos desviemos da historia.

León e héroe - Lion and hero
A Feldherrnhalle de noite (foto miña)

A historia que quería contar parte de dous turistas, eu calculei que da India ou de Oriente Medio, que me pediron en inglés que lles tirase unha foto diante do monumento en cuestión, alí na Odeonsplatz. Cando lles devolvín á cámara, un preguntoume, sorrindo e en ton confidencial, se aquela cousa a fixera Hitler. Eu lles contestei sinxelamente que non, que era máis antiga, e calei a verdade: se o fixera o Hitler hoxe non ía quedar del nin a borralla.

Pero mirade, pescudando un pouco, a pregunta do turista oriental non carecía de todo de sentido: este foi un lugar emblemático do nazismo. Tampouco o título deste artigo: se andades por Múnic non tedes ningún motivo para evitar este lugar e dar un rodeo, pero naqueles tristes anos si que o había.

Resumindo a historia, Adolf Hitler comezou a súa carreira política (por chamarlle dalgún xeito) en Múnic. O 9 de Novembro de 1923 ergueu o seu famoso “Putsch” ou o “Golpe de Estado da Cervexaría”, xa que foi na famosa cervexaría Bürgerbräukeller onde encirrou os seus fieis e se ergueu contra a República de Weimar. Os seus tempos non eran chegados e a revolta fracasou aos pés dos leóns da Feldherrnhalle. A policía detivo a marcha dos fascistas na Odeonsplatz, morrendo trece deles e mais catro axentes. O golpe foi abortado e Hitler, detido. Foi xulgado cunha condea benévola, e toda esta historia non fixo máis que incrementar a súa popularidade e a do seu movemento, unido á crise e declive da República.

A historia segue como sabedes. O austriaco do bigodiño e os seus nazis tomaron o poder en Berlín en 1933, e desta vez foi en serio, ata que perderon a Guerra Mundial e deixaron o país e media Europa aniquilados. Neses anos escuros a Loxia dos Mariscais converteuse nunha sorte de altar nazi, unha homenaxe permanente aos trece caídos no Putsch, agora “Testigos de Sangue do Movemento”.

Bundesarchiv Bild 183-S11292, München, Ehrenmal in der Feldherrenhalle
Monumento aos trece nazis caídos no Putsch na Odeonsplatz. Bundesarchiv, Bild 146-1978-004-12A / Hoffmann, Heinrich / CC-BY-SA 3.0 [CC BY-SA 3.0 de], via Wikimedia Commons
Cada nove de Novembro había unha homenaxe a eses “heroes”, presidido polo Führer en persoa. En dúas destas ocasións houberon de matalo en senllos atentados, pero saíu ileso. O primeiro, na homenaxe na Loxia do 9 de Novembro do 1938, tentoulle disparar o suízo Maurice Bavaud, sen éxito. Na véspera do mesmo acto do ano seguinte, o 8 de Novembro de 1939, estouraba unha bomba na Burgerbräukeller, a mesma cervexaría onde se iniciara o Putsch. Alí tiña lugar un mitin nazi onde falaría Adolf Hitler, e durante as semanas anteriores o metódico e paciente Georg Elser introducira unha bomba de reloxaría, peza a peza, montándoa nos baixos do local. A terrible detonación levou a vida de moitos nazis por diante, pero sorpresivamente Hitler acurtara o seu discurso e xa abandonara o local cando estourou a bomba, salvando a súa vida. Non a salvaron nin Bavaud nin Elser, arrestados e executados.

Bundesarchiv Bild 183-E12359, München, Adolf Hitler vor Feldherrenhalle
11 de Novembro de 1939. Hitler homenaxea na Feldherrnhalle aos mortos do atentado da Bürgerbräukeller, tres días antes. Bundesarchiv, Bild 183-E12359 / CC-BY-SA [CC BY-SA 3.0 de], via Wikimedia Commons
Alén dos actos dos nove de Novembro, a Loxia dos Mariscais de Odeonsplatz era un lugar de culto diario e permanente dos nazis, custodiado polas SS. Para desgusto dos muniqueses de boa fe, calquera que pasara por diante do pórtico estaba obrigado a facer o saúdo nazi, como reverencia aos caídos, baixo ameaza de rematar no cercano campo de concentración de Dachau. Algo moi molesto, xa que era un lugar de paso importante.

Captura de pantalla 2017-12-02 a las 00.53.22
Situación da Viscardigasse/Dückebergergasse, detrás do Pazo Preysing (a Feldherrnhalle estaría diante). Imaxe de Google Maps.

Así que os muniqueses que non querían ter que escoller entre o saúdo nazi ou visitar Dachau, comezaron a evitar a Feldherrnhalle e a praza de Odeón, dando un rodeo por unha rúa traseira, estreita e discreta, a Viscardigasse. Esta ruela foi coñecida popularmente comoa Drückebergergasse, termo de difícil traducción: rúa da deserción (do nazismo, enténdese), do escapulirse, do rodeo, do “escaqueo”. Ignoro se os nazis eran tan parvos para non decatarse de que o tráfico enteiro peonil da grande praza do Odeón se estaba desprazando a un pequeno rueiro, ou se cadra non quixeron decatarse.

2010-11-09 Neue Gedenktafel
Homenaxe aos catro policías mortos no Putsch. By Michael Lucan, München (Own work) [GFDL or CC BY 3.0], via Wikimedia Commons
Trala derrota do nazismo e a restauración da zona histórica, os símbolos e monumentos nazis foron eliminados e a Loxia dos Mariscais retornou á súa imaxe orixinal, a que idearan os arquitectos dos tempos do rei Lois I. Ademais, unha praca rememora os sanguentos enfrontamentos do día do Putsch, pero de xeito inverso ao que quería Hitler: figuran os nomes dos catro policías que morreron enfrontándose aos nazis. Malia todo, o lugar tamén é emblemático para neonazis na actualidade, e o lugar sufriu varios asaltos por grupos de indesexables, sobre todo os 9 de Novembro. Espero que non evitemos a súa visión indo pola rúa de atrás, e enfrontemos o problema na propia praza. É nosa, xa non lles pertence.

Theatinerkirche
Un dos leóns da Feldherrnhalle vixía a Igrexa dos Teatinos

 

Advertisements

O Zoo de Neuperlach

En Múnic haivos dous parques zoolóxicos. Un convencional, en Hellabrunn, con bechos salvaxes que xa non son salvaxes, metidos en gaiolas con cara tristeira. O outro, con animais salvaxes, libre e ceibos e porén, quedos para ir miralos e fotografalos. Animais de tinta de esprai. O Zoo de Neuperlach.

Trátase dunha intervención cultural no Quiddezentrum, que era un centro comercial de pequenas tendas (panadería, quiosco, a caixa de aforros, a biblioteca…) tan antigo como o propio barrio de Neuperlach, de fins dos anos sesenta ou comezos dos setenta, que leva o seu nome da Quiddestrasse, onde está situado.

1000613.jpg
O Quiddezentrum nos seus bos tempos (foto dunha foto no propio centro)
1000612.jpg
Neuperlachiáns setenteiros fregando cadanseu Wagen

O malo é que os outros centros comerciais do barrio (o grande PEP, e mais outro construído anos máis tarde a pouca distancia) lle foron roubando a clientela ás tendas do “Quidde” ata iren pechando todas e quedar abandoado. Como xeito de reciclalo para a comunidade, os locais foron cedidos a artistas para que estableceran os seus estudos. Nacía o Kunsttreff Quiddezentrum. Non só iso, senón que varios artistas decidiron compoñer un “zoo” nas súas paredes no 2016, facendo un percorrido-safari por unha xungla urbana, imaxinativa e orixinal, aberta a quen a queira visitar.

IMG_20170904_132616
O Quiddezentrum hoxe. Viu tempos mellores.

En contra, para algúns, a asimilación mainstream dunha arte anónima e contracultural como o graffiti, polémica eterna que vimos hai pouco coas Meninas de Canido en Ferrol (que se a comercialización do evento con bancos e marcas de cervexa, que se Banksy vén ou non vén…). A favor, para min esa comercialización non se dá aquí, e aínda que se cadra non entra esta acción no terreo do graffiti ou a arte urbana, si que é un bo intento de recuperar artísticamente un espazo urbano, de outro xeito en abandono e decadencia, unha humanización por medio da creatividade dun barrio (Neuperlach, que xa describimos) xa por desgraza non todo o humano e vivible que debería ser. Non sei se se acadou, pero pagou a pena tentalo.

Tirei unhas cantas fotos. Feliz paseo polo Zoo!:

This slideshow requires JavaScript.

Malia todo, e como eu mesmo puiden comprobar, o estado do Quiddezentrum non é o idóneo e está proxectada a súa demolición. Supoño que farán outro arrepiante bloque de vivendas que non reparará a perda (outra máis) dun referente cultural da veciñanza. Entrementres, desfrutemos do safari e da arte.

Ligazóns:

VER ESTE ARTÍCULO EN CASTELLANO

Neuperlach, un barrio

Neuperlach é o barrio onde vivo e apetecíame escribir sobre el. Precisamente, porque non o atoparás na túa guía de Baviera ou da cidade de Múnic. Aquí non hai monumentos, aquí non se coroaron emperadores nin reis nin se erixiron catedrais, nin tan sequera houbo unha revolución popular. Éche un barrio, sen máis, e para un estraño na capital bávara, aquí non hai nada que ver nin hai nada polo que vir. Porén, aquí rematamos tras unha ardua busca de vivenda, aquí levamos máis de un ano e aquí, causalidades da vida, vai nacer o noso fillo. Non creo que duremos moito porque pensamos mudarnos (o noso futuro e minúsculo compañeiro de piso ten a culpa), pero Neuperlach é o noso presente.

Solpor e arco da vella- Sunset and rainbow

Situémonos. Neuperlach é un grande barrio do sur de Múnic, que en tempos era “extrarradio”, pero que a cidade medrou tanto en extensión que agora é case céntrico. En vinte e poucos minutos accédese ao centro histórico e a todos os puntos importantes da cidade. Consta en boa parte de grandes bloques de vivendas que, a diferencia das nosas cidades, non conforman mazás e rúas, senón que deixan espazos baleiros entre eles, formando colonias. O bo é que eses espazos baleiros están axardinados, abondando as zonas verdes, parques e paseos con árbores. Vexo mesmo esquíos correndo polas beirarrúas. Así que o barrio é unha curiosa mistura de monstros de formigón e cristal emerxendo entre xardíns e avenidas. Para uns coruños coma nós, nada que obxectar: estamos afeitos aos edificios e medramos cun déficit de zonas verdes, que aquí hai en abundancia.

(Inciso: insisto no dos bloques de vivendas porque é algo moi normal na nosa cultura urbana, pero non na centroeuropa rica. Os alemáns como Helmut detestan os edificios de vivendas, todos anceian vivir nunha casiña con xardín para os nenos e facer churrasco, garaxe para o BMW e casiña para o can. Se este plan falla, Helmut conformaríase con residir nunha casa de vivendas, dous andares como máximo e xardín comunal. As torres de vivendas son para os inmigrantes. Pero non podes montar unha cidade de 2 millóns de habitantes e que todos vivan nunha casa individual co xardín. Asúmeo, Helmut).

Hai varias empresas importantes con sé en Neuperlach: Siemens, Allianz, Generali, Wacker… Hai un grande centro comercial, o PEP, varios máis pequenos, supermercados, unha biblioteca municipal bastante mal fornecida, un centro cultural público con teatro e actividades, un parque enorme (o Ostpark) e varios máis pequenos, mesmo unha fraga (a de Trudering), unha piscina municipal, un centro de acollida de refuxiados e o seu muro da vergoña, colexios, institutos, etcétera. Entre o formigón, moita xente que aboia ás tardiñas e falan idiomas pouco xermánicos: turco, árabe, serbio, polaco, italiano, romanés… galego. Só nós, pero é algo. Unha grande parte dos meus veciños teñen orixe migratoria. E contra o de facer alternativas de lecer e culturais xoga a arma de dobre fío da boa comunicación co centro histórico de Múnic: a menos de media hora están os teatros, cines e discotecas. O que incrementa a sensación de que o bo empeza cando se sae dos límites da veciñanza.

IMG_0985.jpg
A factoría da Siemens en Neuperlach. Detrás vense os Alpes, malia estaren a un par de centos de quilómetros ao sur.

IMG_20170513_180209_526

Tamén hai cousas que non hai. Cines, teatros (fóra do centro cultural), iniciativas comunitarias culturais, cafetarías fóra do centro comercial, bares de noite, librarías, pequeno comercio non pertencente a grandes cadeas, ou en resumo, cousas que facer aparte de traballar e mercar e consumir no centro comercial. Tampouco busquedes monumentos e historia: aquí todo ten cincuenta anos como máximo, que é o aniversario que celebrou o barrio hai pouco.

Como moitos outros barrios de grandes cidades europeas, Neuperlach ideouse a fins dos 60 dunha vez sobre plano para aloxar á crecente poboación urbana (Entlastungsstadt, cidade de descarga, chamárono). Así foron agromando os inmensos bloques nos anos 70 e 80. En Francia chámanlles banlieues, en alemán, Vorstädte. Suburbios para dar acubillo aos milleiros de persoas que estaban a chegar á cidade. Os bloques foron sendo ocupados por xente traballadora de orixe sobre todo estranxeiro, sobre todo de Turquía e do Este de Europa. “Pedimos man de obra, e viñeron persoas”, dixo Max Frisch. Eu non estaba aquí e non falo do que non sei, pero o Novo Perlach pasou ser dun lugar rural e despoboado a ser bestialmente urbano, e inmediatamente devir nun “punto social candente”: problemas de integración nas escolas, delincuencia, drogas… eu non estaba, insisto, pero sóame a historia. Hoxe en día Neuperlach é máis seguro ca moitas veciñanzas máis “centrais”, pero o estigma permanece, e malia non manifestarse en forma de violencia e delincuencia, os problemas de integración son un feito.

Solpor nas fiestras - Sunset on windows

Hoxe en día o veciño neuperlacheiro típico ten orixe migratoria, pero de segunda ou terceira xeración. A diferencia do emigrante galego en Alemaña dos anos setenta e oitenta, estes non regresaron á súa patria e agora viven aquí os seus fillos e netos, moitos co pasaporte alemán. Lin nunha reportaxe que un mestre tiña unha aula con quince nenos de dezaseis nacionalidades, xa que algún podía ter dúas ou máis. Eses nenos están esgazados da patria dos seus avós, e malia todo non son vistos como “verdadeiros alemáns”, e un sistema clasista lles porá, por exemplo, mil cambadelas para avanzaren nos seus estudos. A diferencia de rapaces que acceden a estudos universitarios en barrios como Neuperlach en comparación con outros “máis brancos” é escandalosa. Non creo que sexa todo culpa súa, ou dos pais.

Volvendo ás xeracións de emigrantes, non lin estudos sobre o feito, pero dubido que Neuperlach siga sendo un punto de chegada. Por que? Porque como xa contamos un día, o grande problema social e económico de Múnic é a vivenda. Hai pouca e o prezo dispárase de ano en ano. Neuperlach está preto do centro urbano, as vivendas son de calidade se ignoramos a estética e o distrito non é unha excepción a esta suba de prezos, polo que está a ser abordado, malia a súa sona de gueto, por habitantes de maior nivel económico. Como a famosa xentrificación, pero sen necesidade de poñer librarías-café e tendas de muffins: a burbulla inmobiliaria abonda para disparar os alugueiros. No exterior, nada cambia, pero no interior, vai ser duro para os veciños de vello que non teñan a vivenda en propiedade. Inclúonos neste lote. Nós buscamos un apartamento máis amplo para a descendencia vindeira, e moito temo que nos vai tocar vivir máis lonxe da Marienplatz, e do meu traballo, o que me amola bastante máis.

Gueto, Neuperlach? Nin eu que levo quince meses aquí, nin os visitantes temporais que coñecemos temos esa sensación. A Roma o que é de Roma e estereotipos fóra. É un barrio moi tranquilo, sen incidentes, relativamente limpo, de xente traballadora e en xeral moi aberta e amable, falando sempre desde a miña experiencia persoal e subxectiva. Pero os estereotipos pesan, e Neuperlach soa a ese ghetto boy vestido de rapeiro, que fala un argot urbano, escasa cultura, pel morena e comportamento asocial (“Asis“, chámanlles, de Asozialen). Non son prexuízos locais contra Neuperlach, senón clasismo, criminalización e ridiculización da clase obreira e, por moitas veces, xenofobia e racismo. Daría para unha tese, pero isto non o é.

Hai certa costume cos carros de compra dos supermercados que me ten fascinado e que non vin noutro lugar en Alemaña. Este é un lugar moi alemán na súa concepción, pero no fondo, lonxe da perfección alemá. E gústame.

Un dos nosos lugares preferidos é, contiguo a Neuperlach (o “Novo Perlach”), a veciñanza de Perlach ou Altperlach (o “Vello Perlach”). Se definimos a Neuperlach como un inmenso barrio novo e construído da nada, Altperlach é unha pequena vila bávara antigamente afastada de Múnic pero que logo foi fagocitada pola cidade, pero non devorada nin dixerida. Conserva o seu carácter vilego, algunhas casas bávaras de séculos de antigüidade, festas populares, a igrexa e o regato de Hachinger Bach. No medio da urbe e a poucos metros de todo o que describín arriba. Hai esperanza.

IMG_20170313_161844_816IMG_20170806_200649

Despídome cunha celebridade de Neuperlach, un alemán que quixo ser latino e petouno na década pasada versionando o Mambo nº 5 de Pérez Prado: Lou Bega. Se nunca o bailastes, ou sodes moi novos ou tedes horchata nas veas.

Algunhas ligazóns: