Curruncho de Maratón (10): Cádiz CF, 1-0

RC Deportivo: Dani Giménez; Bóveda, Mujaid, Somma, Montero, Salva Ruiz (Luis Ruiz, min.16); Peru (Bergantiños, min.85) , Gaku, Aketxe; Mollejo (Vicente, min.80), Sabin Merino.

Goles: 1-0 Sabin Merino

Vou ser breve, porque esta semana houbo dobre sesión, o xoves contra o Racing S. e hoxe contra o Cádiz. Tan só admitir o impensábel, aceptar o improbábel. A mediados de decembro levabamos 18 xornadas e 17 delas seguidas sen gañar. Se me din daquela que viñan catro vitorias seguidas en liga beliscaríame os brazos cun alicate. Recoñecendo que no fútbol hai ventos, en contra e a favor, xa podemos facer unha pequena análise e dicilo: grazas, Fernando Vázquez.

Un mal adestrador e unha mala dinámica fan que cada xogador renda un 30% menos, cando esas cousas son boas, un 30% máis. Iso multiplicado por once é unha barbaridade, sumado a corrixir automatismos, dar co sistema axeitado, corrixir sobre a marcha os propios erros, meter a todo o mundo no seu sitio, concentralos e motivalos. Así de fácil é mellorar un equipo e así de difícil. Mellorar o colectivo mentres se mellora cada individualidade.

Moitos cambios, pero… A man da directiva nova aínda non se nota, as raias verticais son un fetiche, pero non xogan, e das novas fichaxes hoxe só xogou Merino, en estado de boa ventura, pero Çolak estaba sancionado, Beauvue non tivo minutos e o resto aínda están por chegar. En resumo: xogamos con Fernando e no céspede dez dos de antes, dos malditos dos últimos catro meses, pero algo mudou. Gaku omnipresente e decisivo, Aketxe aportando, Montero non a cagou… O rival, o Cádiz, é o líder de Segunda e nós non hai tanto eramos últimos. Pois ben: O Deportivo fixo un partido moi serio, o máis serio do ano. Sen fogos de artificio turcos nin cousas espectaculares, pero sen erros, moi colocados, actitude agresiva sen pasarse de revolucións e concentrados. Controlaron o Cádiz e resistiron os seus embates nos minutos finais. Os nosos non crearon grande perigo aparte do tanto, pero ninguén se agachou e impediron o xogo do rival, e por veces elaboraron o seu propio, ata acadar o gol. Dicir que o partido tivo pouca historia é unha grande historia se seguiches o Dépor este ano. Iso chámase Vázquez.

Vese posíbel. Aínda estamos en descenso, pero agora albíscase a salvación vese, o noso verdadeiro obxectivo. Chegamos a estar a nove puntos, pero daquela a min tanto me tiña nove puntos que un, senón o feito de que era absolutamente imposíbel que gañaramos un partido a alguén. Agora levamos catro seguidos. Fútbol, señores.

Perderemos partidos, non o dubiden. Pero os que papamos tantas derrotas e debacles deportivas, déixennos desfrutar disto. Sen complexos: merecémolo.

Curruncho de Maratón (9): Racing de Santander, 2-1

RC Deportivo: Dani Giménez; Bóveda, Mujaid, Somma, Montero (Çolak, min.31), Salva Ruiz; Peru, Gaku, Aketxe; Koné (Bergantiños, min.67), Sabin Merino (Vicente, min.79).

Goles: 0-1, min.15: Cejudo. 1-1, min.32: Sabin Merino. 2-1, min.54.

Non puideron pasar máis cousas. Non viamos ao noso equipo desde o ano pasado, e desde aquela houbo unha revolución, ou polo menos unha morea de acontecementos inevitábeis que se precipitaron. A saber: a directiva de Paco Zas deu por ouvidos os apupos da afección nos últimos meses, o clamor dunha cidade: Directiva Dimisión. Dimitiron. Temos novo presidente, Fernando Vidal. Novo DT, non sei quen vai ser, pero hoxe Carmelo del Pozo foi despedido. Novos xogadores, a estrea de Sabín Merino e a re-estrea de Emre Çolak (chegaremos a iso), ambos con gol. E uns cantos virán e outros marcharán. Ata nova camisola, abandonando as infaustas raias transversais polas tradicionais verticais. Novo dono do clube: unha coñecida entidade bancaria venezolana, Abanca, sendo o principal acredor do clube, tamén optou por abranguer boa parte do accionariado. Todo novo. E por suposto, novo adestrador. Por fin, Fernando Vázquez. Adeus, Luis César, es boa xente, pero non fuches quen de dar a sensación de amañar esta desfeita.

Incríbel entrada para un partido de semana, en segunda e coa traxectoria do equipo. A paixón non se pode explicar. O equipo dá as grazas ao final do encontro desde o centro do campo.

E pouco chega para prender a ilusión. Canto máis fonda foi a depresións dos últimos catro meses, máis arriba voa agora a esperanza. Se a unión da bancada era incontestábel para sinalar ao palco de Zas e Carmelo, agora o é para o que ten que ser, para animar ao equipo. Axuda o fin do refacho negativo: Luís César despediuse do ano e da Coruña con vitoria en Riazor e Fernando estreouse coa primeira vitoria branquiazul lonxe da casa.

Fernando. O Dépor e o Fútbol debíanllo. Merecía unha nova oportunidade no peor momento, no mellor momento. Foi botado a couces por Tino Fernández tras ascender o equipo cun plantel e unha economía máis que precarias. Desde aquela que non damos unha a dereitas. Pero xa temos adestrador, é de aquí e ten as ideas claras. Pasamos de estar a nove puntos da salvación a estar a un. Deixamos o farol vermello. Queda moito por mellorar, pero Fernando era o único paso posible. Pode fallar, pero unha decisión diferente sería de certo outro erro, outro máis. E ten algo difícil de finxir ou inventar: carisma e riquiñismo para unir plantel e afección.

Fernando é un adestrador de fútbol. A diferencia dos seus precedesores pode fallar o plantexamento dun partido (brandiño o centrocampo de Peru e Gaku e innúmeros problemas para conter o Racing – gol dos cántabros, 0-1) pero pode rectificar, corrixir, ler o partido e decidir en consecuencia. Quitando o once inicial, atinou en todas as decisións: foi perdendo, empatando, gañando, tivo un xogador menos… Por certo, falemos de Çolak.

O turco é un xogador dunha calidade superlativa para a Segunda División. Despois de catro meses de ver torcer botas e sacar terróns, presenciar un xogador do Dépor controlar e tratar o balón como Emre é como un oase após do deserto. É imprevisíbel, ten o mellor (a calidade) e o peor (certa indolencia e moi mal carácter), e onte en poucos minutos ofreceunos sacos das dúas cousas. Saíu co marcador na contra, volveu tolo ao rival, creou perigo, meteuse nunha liorta estúpida e viu amarela, e como remache final, marcou o golazo do 2-1 e saltou o valado para festexalo co público, o que está penado con amarela, polo tanto viu o segundo cartón, foi expulsado e deixounos con dez xogadores na última media hora (por fortuna o Racing non atinou e os galegos controlaron ben – novidade!) e privaranos do seu talento no vindeiro partido co Cádiz. Gañas de abrazalo, gañas de matalo. Emre non cambiou.

Outro partido, nova vitoria, máis ilusión e menos fibras no miocardio. Vainos custar a saúde, pero isto non hai quen o pare. Convencéronnos. PÓDESE.

Curruncho de maratón (7): Real Zaragoza, 1-3

RC Deportivo: Dani Giménez; Mujaid, Lampropoulos, Somma, Luis Ruiz; Peru, Bergantiños, Vicente; Mollejo (Longo, min.64), Aketxe (Valle, min.46), Koné (Beto, min.46).

Desesperados. Os dezaséis mil e pico sufridores que vimos, outra vez máis, este esperpento. Os once que defenden as malditas por sempre raias transversais branquiazuis. O calvo do banco. Todos os deportivistas. Os da xunta directiva non o teño claro. Andan agochados embaixo dunha pedra, algo normal cando a incompetencia e a soberbia camiñan da man coa covardía.

O peor (xa pasando ao estritamente futbolístico) non é que o Dépor sexa un equipo arrepiante que xogue 90 minutos ruíns e perda 5-0 no descanso. O peor son os refachos de bo xogo, os primeiros vinte minutos da primeira parte e os quince da segunda, o gol marcado e o penal parado por Dani. Non: o peor son as farangullas que nos fan rexurdir a esperanza, ilusionarnos como idiotas e logo decepcionarnos. Varias veces por partido, ata os tres asubíos finais do árbitro.

O Dépor comezou dominando e creando perigo, pero aos vinte minutos, inexplicablemente e sen haber un feito traumático que o motivase (iamos 0-0), foise diluíndo, entregando a culler, deixando chegar aos maños e perdendo por riba o que amosaran nas últimas semanas: seguridade defensiva. Outra vez defendendo coma o esterco, outra vez un centrocampo esluído, e Luís César propoñendo arriba un sistema sen dianteiros e con dianteiros natos facendo calquera outra cousa. Resultado: centros á nada, contraataques dos aragoneses e ir perdendo 0-2 no descanso. Quince minutos de pausa nos que calculabamos como de grande ía ser esta (nova) debacle.

Pero Luís César fixo bos trocos, xa veremos se por bo criterio ou por casualidade desesperada. E funcionaron. Saíron Koné e Aketxe e entraron Beto da Silva e Borja Valle. E Beto tirou unha asistencia incrible que definiu Valle á perfección. Por que non antes, Sampedro. Sobre todo: que che fixo Beto para darlle tan poucas oportunidades, vendo o que hai na herba. Pero tanto ten o pasado. Comeza a remontada!

Pois non. Tras quince minutos moi bos retira o bo e eléctrico Mollejo (se ben non foi o seu mellor día, aquí somos mollejistas) e introduce a Longo, hoxe por hoxe un cadáver balompédico, cortando toda a progresión do equipo. Demostrado: os dous cambios de antes foran un acerto ás toas. O empurre do Dépor mingua, e pitan un penal en contra. Para sorpresa xeral, Dani párao, pero nin iso lle sobe a moral a este fato de homes derrotados. O terceiro dos maños non se fixo agardar moito.

Desesperante. Dani sobresaínte, detalles de Valle, Beto, Luís Ruiz e Mujaid, o resto para esquecer. Eu teño poucas esperanzas que este equipo gañe algún partido e, xa que logo, non descenda a Segunda B. O peor Dépor da historia, aí están as cifras.

Fan falta mudanzas económicas e estruturais a longo e medio prazo, e unha nova filosofía deportiva. Un novo Dépor. E a curto prazo, erguer este equipo e evitar o descenso cos poucos medios que quedan: fichaxes no mercado de inverno, probar xogadores do Fabril e seguramente un novo adestrador, apostas que polo xeral non saen ben. Sobre isto último, Luís César cáeme ben, pero penso que nin el se cre quen de sacar isto adiante. Negro, negrísimo.

Sen relación co anterior, pero que quede claro:

https://platform.twitter.com/widgets.js

Curruncho de maratón (6): AD Alcorcón, 0-0

RC Deportivo: Dani Giménez; Mujaid, Lampropoulos, Somma, Luis Ruiz; Peru, Bergantiños, Vicente; Mollejo (Beto, min.84), Longo (Santos, min.59), Koné (Aketxe, min.73)

Os empates son amolados, non son fracasos completos, non son trunfos, non son derrotas nin vitorias. Na liga dos EEUU non había empates, non se entenden na súa cultura deportiva, cumpría desempatar. E máis amolados se vés dun refacho nefasto como o Dépor, desesperado por engadir puntos e escapar do último posto da segunda e do descenso, un obxectivo moi distinto ao que nos prometeran antes de comezar a tempada.

Como sempre, pódese ver o vaso medio valeiro ou medio cheo. O medio valeiro: seguimos mal, o equipo ten carencias graves, seguimos a pagar unha pésima planificación de pretemporada e temos un adestrador que teimou en fracasar durante semanas co mesmo esquema co que fracasara o seu precedesor. Fan falta dúas ou tres vitorias para saír do pozo, sobre todo anímico, pero non dá chegado nin a primeira. Pero.

O medio cheo: o xogo do equipo non ten nada que ver co esperpento que levo vendo desde que estreei o carné de socio. Mellor dito: houbo un xogo de equipo. O Dépor competiu xogando ao fútbol, dominou o partido ante un rival bastante mellor que os torcenocellos que viñeron bailar samba a Riazor nas últimas doce semanas, e unha novidade importantísima: mantivo a porta de Dani Giménez a cero. Xogando mal ou peor o Dépor sempre chegaba palmando 0-1 ao minuto quince e logo tocáballe pedalear costa arriba cunha bici avariada. Hoxe non. Noventa minutos sen goles do Alcorcón, cun centro de campo reforzado (trivotazo Vicente-Bergan-Peru, novidade de Luís César) e unha defensa que non é un vodevil. Con esta base pódense construír cousas.

Sempre evitei cualificar a dianteira, uns pobres diaños aos que non lles chegaban balóns. Hoxe si lles chegaron. Ben Koné, imprescindíbel, mesmo sen depredar na área, onde sería máis perigoso. Mal Longo, frustrado e desatinado. Mediocre Cristian Santos, máis incisivo na prensa que coa porta rival. E vimos a Beto da Silva, eu non sei que mal terríbel fixo o peruano pero vai sendo hora de levantarlle o castigo e darlle minutos, dada a competencia.

Máis boas novas: a defensa ben, Mujaid ten que ser cada vez menos fabrilista e máis do primeiro equipo, meréceo e merecemos velo. Vicente Gómez, excelente noticia, despois de varias actuacións penosas reivindicouse hoxe. Mollejo segue a desequilibrar pero parece menos só. Todos, cando menos, ben situados e concentrados no que estaban facendo.

O Dépor xogou ben, armou xogadas, aínda que segue a custarlle ferro e fariña sacar o xogo desde atrás. Acadou dominar un partido e a posesión, pero non traducila en perigo e goles, e os dianteiros, pouco afeitos a disparar este ano, teñen unha falta de puntería terríbel. A sorte non acompaña.

Hoxe non se acadou nada, pero se cadra é o camiño de algo. Un leve erro faríanos caer na lameira de sempre e dar mil pasos atrás. Todo é fráxil, a xente anda xustamente indignada e se cadra, quizais, a afección poida conectar co equipo e saírmos todos de aí, afección e equipo, evitando a estes xefes nefandos, mentireiros e incompetentes, mentres buscamos un xeito de botalos. Cando a bóla entre.

Curruncho de maratón (4): CD Málaga, 0-2

RC Deportivo: Dani Giménez; Bóveda, Peru, Montero, Salva; Bergantiños, Gaku (Jovanovic, min.70); Mollejo (Santos, min.70), Aketxe, Valle; Longo (Koné, min.84).

Riazor está cheo. Non digo que venderan todas as entradas, hoxe asistimos uns catorce milleiros de resignados deportivistas, e moitos me parecen dado o espectáculo lamentable que está dando o equipo e mailo clube. Quería dicir que nós, os seareiros de Riazor, estamos cheos, fartos, ata aquí arriba.

Comprometinme a testemuñar aquí os partidos do meu primeiro ano como socio do RC Deportivo. O caso é que cada dúas semanas estou aquí escribindo exactamente o mesmo, e xa estou cheo. O RC Deportivo é un clube enfermo, á valga, ao que lle arrincaron a súa alma, a súa filosofía, o vencello cos seus seareiros, coa cidade e con Galicia. Foille arrebatado aos afeccionados con diversas ampliacións de capital que traspasaron a propiedade da SAD a uns poucos petos. Foi invadido por sabichóns arrogantes que non teñen idea de fútbol e que desprezan, como bos señoritos, a xente, os seareiros, a nosa terra e, por que non dicilo, o mesmo fútbol. Isto fóiselles das mans e teñen que ceibalo. Non hai máis.

Deixaron caer a Anquela e traen a Luís César Sampedro. O arousán leva dous partidos e polo visto ten moito, moito choio por facer. A tarefa é inmensa, as urxencias grandes, e sinceramente non sei se será capaz, ou se existe alguén capaz. Pero o público sinala primeiro o adestrador, despois a directiva. Con Anquela fulminado, o palco queda sen parapetos. Poden asubiar aos xogadores (que se mercenarios, que se os collóns, etc.) pero ata o máis diletante vai sinalar á tribuna, a Zas, a Tino na sombra e a Carmelo del Pozo. Os seareiros non poden botalos por ningún mecanismo visible, pero si facerlle a vida imposible. Este é un problema de fondo, de anos atrás, e cómpre discorrer qué clube queremos nos vindeiros anos.

O Dépor é último da segunda división. Leva 12 xornadas e só gañou en unha, a primeira. O equipo dá noxo, é unha desfeita, un despropósito, un circo. Hoxe, contra un rival con historia parecida (candidato ao ascenso, pasado glorioso, crise institucional, mala xeira deportiva) os blanquiazuis fixeron o de sempre: convertir ao rival, por malo que sexa, nun equipazo. Porque o Málaga é malo. Nós, pésimos. Os nosos xogaron ben uns vinte minutos no segundo tempo, sendo xogar ben empurrar e enfiar tres pases seguidos e crear non demasiado perigo. O resto da minutaxe non merece nin chamarse fútbol. Neste combate de boxeo figurado, o Málaga foi un boxeador malo pero prudente e o Dépor un púxil borracho: os malacitanos esquivaron os febles golpes dos coruñeses ata que este se golpeou a si mesmo. Dúas veces.

Os xogadores renden un mil por cento menos que a súa valía real, que en moitos casos tampouco é demasiada. Aterecidos polo medo e a presión, vacilantes, desquiciados. Bergantiños repartindo xogo como se fora Xavi (non o é) porque ninguén máis quería ou podía coller esa responsabilidade. E a defensa é una festa á que todo o mundo está convidado. Para chorar. É como ver un accidente de tráfico e non poder apartar a vista. Hoxe fallou ata Dani, a nosa outra torre de maratón, o noso baluarte. Estamos fodidos.

Pouca esperanza vexo, no deportivo e no inmediato. Tan só dúas calvas, a de Luís César e a de Mollejo. Que a entrega do último contaxie aos compañeiros, máis experimentados pero, á vista disto, máis imberbes cando as cousas veñen costa arriba. E a LC que sexa valente. Non pode saír co método e o once de Anquela, co que está amosado que non funciona. Que ignore a Carmelo, que lles ensine a ese fato de homes sen rumbo a ser un equipo. Un traballo arduo e a contrarreloxo. E xa que está, por Deus e Valerón, por Mauro Silva e Xanetas, que lles ensine a defender. Sería un primeiro paso.

Curruncho de Maratón (2): CD Mirandés, 1-1

RC Deportivo: Dani Giménez; Bóveda, Lampropoulos, Montero, Salva; Bergantiños, Gaku (Nolaskoain, min.65); Galán (Santos, min.46), Aketxe, Mollejo; Valle (Longo, min.75).

Goles: 0-1, min.49: Marcos. 1-1, min.54: Mollejo.

Malia o tenaz orballo, o tarde que era (21h do domingo) e o deprimente xogo do equipo, 17000 persoas aturamos en Riazor o duelo contra o Mirandés.

Miranda de Ebro é a segunda poboación máis grande de Burgos despois da capital, uns 37000 habitantes. Caben uns 6500 deles no seu estadio. Dato curioso: non teñen xente dabondo para encher o seu estadio e mailo noso á vez, o de Riazor. O Mirandés, o seu clube, acaba de ascender e cando chegou a Riazor ía penúltimo. Mirei estes datos na wikipedia, e o do seu posto actual, na clasificación. Non sabía nin de onde viñan, perdoade a miña ignorancia.

Polo tanto xa sabemos o que é o Mirandés: un clube moi modesto, un equipo que aspira á permanencia e que con ese obxectivo ía guerrear en Riazor para rañar un punto contra un equipo de aspiracións moi superiores (o ascenso a primeira) pero metido en crise, nervios e ansiedade. Nesa mesma clasificación o Dépor estaba só un posto por riba dos do Ebro e cos mesmos puntos, así que mellor non ser soberbios.

Non sei se a situación está rebentando ou xa viña rebentada de antes. Se lle preguntan a calquera deportivista se esta enésima crise é por mor da inoperancia do adestrador Anquela, pola pésima planificación deportiva desta campaña (pretempada con 7-8 xogadores que deixarían o clube, para vir outros tantos novos a última hora), pola incomparecencia da directiva, polas malas arbitraxes (que tamén…) ou pola mediocridade e falta de actitude de boa parte dos xogadores, a súa resposta sería: “…Si”.

Así foi co Mirandés, un pequeno que sabía a que xogaba. Así foi co Dépor, que non. O centro de campo a seis quilómetros da defensa, preparados para saír ao pelotazo. A defensa, pola contra, teimando en sacar o balón en curto para desesperación do grego Lampro, que non deu unha certa. Nin dous pases seguidos, escaso perigo ante un rival moi pobre, xogadores desaparecidos, en atonía, transformada en pánico cando lles chegaba o balón e tiñan que tomar decisións. Só vin centrados e motivados a Dani Giménez e ao cedido Mollejo, que entendeu mellor de que vai isto do Deportivo nas escasas catro semanas que leva aquí ca outros que levan anos con estas cores.

Despois do lóxico gol dos burgaleses (desfeita da defensa) vimos a un depor entregado, sen xogo pero con empurre e calidade individual, dabondo para desbordar o rival. Empatou Mollejo e aquilo durou dez minutos máis, logo foi esmorecendo. Ata seren os de sempre.

Se entrase algún dos remates ou o árbitro vise dous penaltis ao noso favor e a cousa rematase en 2-1, diría o mesmo. O Dépor é un equipo indigno, deprimido, sen alma, agora mesmo e tal como reza a clasificación, parte do grupo dos catro peores equipos de segunda, os que descenderían a segunda B. Unha soa vitoria, contra o Uviéu na primeira xornada (levamos oito), que vai de colista. Unha desfeita.

Vai sendo hora de pensar que se está facendo mal e que se depuren responsabilidades. O primeiro que vai caer será Anquela, non vai ser esta semana pero o equipo non vai mellorar e el será o primeiro culpable. Sabe o demo quen virá, e tanto terá. Non lembro o último adestrador que comezou e rematou a tempada, e xa non digo cando menos comezar a seguinte. Unha dirección deportiva que trae xogadores para un tipo de xogo e un adestrador para outro, que prima cedidos, medianeiros a custo cero e vellas glorias aos nosos canteiráns e xogadores de aquí. Non aprendemos. Veremos nomes novos no banco e despois sobre a herba, pero arriba seguen os de sempre. E pasa o de sempre.