Curruncho de maratón (4): CD Málaga, 0-2

RC Deportivo: Dani Giménez; Bóveda, Peru, Montero, Salva; Bergantiños, Gaku (Jovanovic, min.70); Mollejo (Santos, min.70), Aketxe, Valle; Longo (Koné, min.84).

Riazor está cheo. Non digo que venderan todas as entradas, hoxe asistimos uns catorce milleiros de resignados deportivistas, e moitos me parecen dado o espectáculo lamentable que está dando o equipo e mailo clube. Quería dicir que nós, os seareiros de Riazor, estamos cheos, fartos, ata aquí arriba.

Comprometinme a testemuñar aquí os partidos do meu primeiro ano como socio do RC Deportivo. O caso é que cada dúas semanas estou aquí escribindo exactamente o mesmo, e xa estou cheo. O RC Deportivo é un clube enfermo, á valga, ao que lle arrincaron a súa alma, a súa filosofía, o vencello cos seus seareiros, coa cidade e con Galicia. Foille arrebatado aos afeccionados con diversas ampliacións de capital que traspasaron a propiedade da SAD a uns poucos petos. Foi invadido por sabichóns arrogantes que non teñen idea de fútbol e que desprezan, como bos señoritos, a xente, os seareiros, a nosa terra e, por que non dicilo, o mesmo fútbol. Isto fóiselles das mans e teñen que ceibalo. Non hai máis.

Deixaron caer a Anquela e traen a Luís César Sampedro. O arousán leva dous partidos e polo visto ten moito, moito choio por facer. A tarefa é inmensa, as urxencias grandes, e sinceramente non sei se será capaz, ou se existe alguén capaz. Pero o público sinala primeiro o adestrador, despois a directiva. Con Anquela fulminado, o palco queda sen parapetos. Poden asubiar aos xogadores (que se mercenarios, que se os collóns, etc.) pero ata o máis diletante vai sinalar á tribuna, a Zas, a Tino na sombra e a Carmelo del Pozo. Os seareiros non poden botalos por ningún mecanismo visible, pero si facerlle a vida imposible. Este é un problema de fondo, de anos atrás, e cómpre discorrer qué clube queremos nos vindeiros anos.

O Dépor é último da segunda división. Leva 12 xornadas e só gañou en unha, a primeira. O equipo dá noxo, é unha desfeita, un despropósito, un circo. Hoxe, contra un rival con historia parecida (candidato ao ascenso, pasado glorioso, crise institucional, mala xeira deportiva) os blanquiazuis fixeron o de sempre: convertir ao rival, por malo que sexa, nun equipazo. Porque o Málaga é malo. Nós, pésimos. Os nosos xogaron ben uns vinte minutos no segundo tempo, sendo xogar ben empurrar e enfiar tres pases seguidos e crear non demasiado perigo. O resto da minutaxe non merece nin chamarse fútbol. Neste combate de boxeo figurado, o Málaga foi un boxeador malo pero prudente e o Dépor un púxil borracho: os malacitanos esquivaron os febles golpes dos coruñeses ata que este se golpeou a si mesmo. Dúas veces.

Os xogadores renden un mil por cento menos que a súa valía real, que en moitos casos tampouco é demasiada. Aterecidos polo medo e a presión, vacilantes, desquiciados. Bergantiños repartindo xogo como se fora Xavi (non o é) porque ninguén máis quería ou podía coller esa responsabilidade. E a defensa é una festa á que todo o mundo está convidado. Para chorar. É como ver un accidente de tráfico e non poder apartar a vista. Hoxe fallou ata Dani, a nosa outra torre de maratón, o noso baluarte. Estamos fodidos.

Pouca esperanza vexo, no deportivo e no inmediato. Tan só dúas calvas, a de Luís César e a de Mollejo. Que a entrega do último contaxie aos compañeiros, máis experimentados pero, á vista disto, máis imberbes cando as cousas veñen costa arriba. E a LC que sexa valente. Non pode saír co método e o once de Anquela, co que está amosado que non funciona. Que ignore a Carmelo, que lles ensine a ese fato de homes sen rumbo a ser un equipo. Un traballo arduo e a contrarreloxo. E xa que está, por Deus e Valerón, por Mauro Silva e Xanetas, que lles ensine a defender. Sería un primeiro paso.