Dachau, ensaio do horror

Dachau é un concello da periferia de Múnic, como tantos outros, á vista non ten nada de especial. É usado por moitos como cidade dormitorio para ir traballar a Múnic, coa que está ben comunicada. Porén, moitas das mulleres que viven alí e quedan grávidas fan as xestións para parir nun hospital de calquera outro concello, Freising, Fürstenfeldbrück ou un do mesmo Múnic. Non queren que na cédula do seu fillo figure Dachau como lugar de nacemento, aínda que vivan alí sen problemas. Na Alta Baviera, o nome de Dachau non evoca nada especial, fóra dela o horror, o noxo. Aquí houbo un importante campo de concentración, coñecido daquela en toda Alemaña. Se cadra non o máis grande nin terríbel (iso queda para os de Auschwitz/Oświęcim), pero si o primeiro, o pioneiro do terror nazi. Se hoxe fixeron 75 anos da liberación de Auschwitz, farán os mesmos o 8 de Maio do cese do terror en Dachau.

Dachau Memorial Concentration Camp by Fran Castiñeira on 500px.com

A porta coa famosa lenda “O traballo libera”. A cancela foi roubada e recuperada en Noruega.

Hoxe en día o campo é un memorial onde se explica a súa historia, funcionamento e homenaxea as vítimas. Din en visitalo un gris e frío día de Decembro do 2018, poucos meses antes de abandonar definitivamente Múnic e Alemaña. Verdadeiramente, o lugar méteseche dentro da pel.

Abriuse en 1933, o mesmo ano no que Hitler toma o poder. A súa evolución horroriza: ao comezo era un centro de traballo e factorías con traballadores remunerados, non prisioneiros. Pasou ser un campo de prisioneiros, habitualmente por motivos políticos e relixiosos e do mesmo Múnic, ata rematar sendo un campo de concentración de inimigos do réxime e persoas ás que eles lles negaban a categoría de humanos: comunistas, homosexuais, díscolos e rebeldes, xitanos roma e sinti, e ao final, por suposto, xudeus, mesmo traídos doutras terras (os Sudetes checos, Polonia…) segundo avanzaba o Reich. Mesmo os nazis caídos en desgraza, como os das Tropa de Asalto (as SA) despois da Noite dos Coitelos Longos do 34. A partir do 41 se instalaron os fornos crematorios, e tamén unha cámara de gas que non consta que fora utilizada. Cífrase imprecisamente en 30000 os asasinados en Dachau, aínda que foron moitos máis os que deixaron alí a vida por mor das súas condicións insalubres e inhumanas, as doenzas, a violencia gratuíta e a fame.

Nos seus barracóns se amoreaba un número de persoas que excedía seis veces a súa capacidade teórica, sen ningunha hixiene nin rastro de humanidade. Chegaron xuntarse 60000 almas, todas escravizadas con traballos forzados, asoballadas pola arbitrariedade e os maltratos dos gardas nazis, que lles negaban calquera tratamento humano e sen ningunha lei nin esperanza ata a súa liberación polos estadounidenses no 1945. Pouco antes unha epidemia de tifo levara por diante a boa parte dos prisioneiros, que foron guindados a foxas comúns: os fornos non tiñan carbón dabondo para tanto cadáver. Outro dato terrorífico: aquí médicos nazis usaban os reclusos como cobaias para experimentos, como o infame doutor Schilling, que inoculaba malaria aos presos.

O que fai interesante historicamente a Dachau non é a súa maquinaria de terror, non desprezábel pero inferior a Auschwitz, Mauthausen, Therezin e tantos outros campos. É en que foi o primeiro: aquí Himmler, xefe das SS, e o seu esbirro Eicke deseñaron o campo de concentración perfecto e logo exportaron o macabro modelo por todo o Reich. Os barracóns e a súa disposición, a organización polas SS, os fornos, os experimentos dos médicos nazis cos prisioneiros, todo foi ensaiado con éxito (a ollos nazis) en Dachau. Foi ao principio un “campo de concentración piloto”, xa antes da Solución Final, e as SS espallárono por todo o territorio do Reich.

Foi o segundo campo liberado polos USA, así que foi dos primeiros que se amosou ao resto do mundo, ignorantes dos horrores que pasaban nos campos nazis. Os prisioneiros foron liberados e substituídos por cargos e soldados nazis, ata seren xulgados. O campo clausurouse e décadas despois abriuse de novo como Campo Memorial Histórico. Foron reconstruídos dous barracóns e conservados os fornos, valados, a cámara de gas e abriuse un museo conmemorativo, ademais de varios monumentos en memoria das vítimas.

Dachau Memorial Concentration Camp by Fran Castiñeira on 500px.com

Dachau Memorial Concentration Camp by Fran Castiñeira on 500px.com

Dachau Memorial Concentration Camp by Fran Castiñeira on 500px.com
Barracón reconstruído.

Dachau Memorial Concentration Camp by Fran Castiñeira on 500px.com
"Crematorio: Pensade en como morriamos aquí"
Dachau Memorial Concentration Camp by Fran Castiñeira on 500px.com
Fornos crematorios
Dachau Memorial Concentration Camp by Fran Castiñeira on 500px.com
Dachau Memorial Concentration Camp by Fran Castiñeira on 500px.com
Aseos dos prisioneiros

Bundesarchiv Bild 152-11-12, Dachau, Konzentrationslager, Besuch Himmlers.jpg
De Bundesarchiv, Bild 152-11-12 / CC-BY-SA 3.0, CC BY-SA 3.0 de, Enlace

Heinrich Himmler visita o campo de Dachau no 1936.

En Dachau malviviron e morreron presos dunhas 30 nacionalidades, entre elas españois, republicanos vendidos polo franquismo, e por suposto galegos (se ben acabaron máis en Mauthausen). Santiago Durán (de Ribadavia) e Eliberto Fernández Cid (Augasantas) oficialmente perderon a vida en Dachau (fonte, diario Nós). O arousán Ramón Garrido Vidal, antifascista e membro da Resistencia, sobreviviu ata a liberación do campo e contou a súa experiencia.

Deixo o sobradamente coñecido poema (en realidade era parte dun sermón) que lembra este horror, por bos motivos: para que deixedes de atribuírllo falsamente a Bertolt Brecht e si ao crego protestante antinazi Martin Niemöller, que foi recluso en Sachsenhausen e Dachau e sobreviviu.

OriginalTraducción
Als die Nazis die Kommunisten holten,
habe ich geschwiegen;
ich war ja kein Kommunist.

Als sie die Sozialdemokraten einsperrten,
habe ich geschwiegen;
ich war ja kein Sozialdemokrat.

Als sie die Gewerkschafter holten,
habe ich nicht protestiert;
ich war ja kein Gewerkschafter.

Als sie die Juden holten,
habe ich nicht protestiert;
ich war ja kein Jude.

Als sie mich holten,
gab es keinen mehr, der protestieren konnte.
Cando os Nazis colleron os comunistas,
eu gardei silencio,
eu non era un comunista

Cando prenderon os socialdemócratas,
eu gardei silencio,
eu non era socialdemócrata.

Cando viñeron polos sindicalistas,
eu non protestei,
eu non era sindicalista.

Cando foron polos xudeus,
eu non protestei,
eu non era xudeu.

Cando viñeron por min,
xa non había ninguén
que puidese protestar.

As fotos, agás a indicada (Bundesarchiv-Wikipedia Commons) son da miña autoría (Decembro 2018)