8220378731_509f6bcacf_o

Compráceme presentar o meu novo libro de relatos, Podería falar de nubes, que ve a luz con Edicións Redelibros. Xa o tedes nas tendas e na rede, en formato libro “de papel de toda a vida” e libro electrónico (e-book).

É unha compilación de relatos escritos nestes últimos anos, algúns premiados en certames de narrativa, de diferentes temáticas e extensión, vertebrados por un central, Inventario de nubes (XXVI Premio Ourense de Contos), no que un discapacitado só quere mirar as nubes pola xanela da súa habitación de hospital e cismar nas súas cousas e no seu pasado… pero non o van deixar tranquilo. Pero hai moitas historias máis arredor deste eixo común, escritas nestes últimos anos, acadando unha madurez maior coma narrador.

“Ben podería falar de nubes. Por falar de algo”.

Colle este libro sen medo, ábreo, leo, pero non o axites de máis. Porque as nubes son delicadas, poden desfacerse e refacerse, xuntarse e disgregarse, e do mesmo xeito poden misturarse os personaxes. E logo que facemos co científico nudista, co esquecido heroe de guerra, coa oficinista con problemas de puntualidade, co que atopou un bolígrafo, co poeta alcoholizado, co que sae do cine, co irmán do violinista negro, co home-escornabois, coa enfermeira, coa outra enfermeira, a que non fala, co psiquiatra estupefacto, coa nena que pasea pola casa cando todos dormen, co náufrago da illa deserta, co tolo que garda a estatua, co historiador xudeu, co que mira pola fiestra e con tódolos demáis.

Ben pensado, axítao todo o que ti queiras, ábreo, leo ou non. É teu.

– Ficha en Redelibros


Onde se vende?

De primeiras recoméndovos as librarías amigas de Redelibros, onde vos informarán amablemente sobre nós, os Autores Independentes, e que nos proporcionan un espazo estable, á marxe de modas e bestsellers.

Tamén o podes atopar na túa libraría habitual, e se non o teñen, non dubides en encargar que cho pidan. Para nós os autores é moi importante estar presentes nas librarías, e se non o teñen seguro que cho traen decontado.

E o máis cómodo: podes pedilo en liña na propia páxina de Redelibros e recibiralo na casiña. Tamén está dispoñible en Amazon e noutros portais.


E iso do ebook?

Tamén está dispoñible para descargar en formato electrónico, para os vosos chintófanos e fedellos (lectores, kindles, tabletas, ordenadores ou smartphones). Pódese descargar desde Redelibros e desde as principais plataformas para ebooks, incluídas Amazon e outras, etc., a un prezo moi económico.


Premios e vaidades

Varios destes relatos tiveron a honra de ser premiados en diversos certames literarios.

  • Inventario de Nubes, o conto en dez partes que dá eixo a este libro, acadou o XXVI Premio Ourense de Contos para a Mocidade.
  • S.O.S. foi accésit no III Certame de Microrrelatos da Lonxa Literaria (Cangas do Morrazo).
  • O cuspe dos Poliquetos levou o Premio Cide Hamete Benengeli, encadrado no I Certame Radio France International, outorgado por este organismo e a Universidade de Toulouse-Le Mirail.
  • Coitelas acadou o II Certame Lucus Augusti de Narrativa, outorgado polo Concello de Lugo.
  • Pombas foi premiado co accésit do V Premio Literario Carlos Casares de Microrrelato, organizado polo Liceo de Ourense.
  • Nai e Violín queimado formaron parte do fermoso proxecto/certame MicroQontos.

Y en castellano?

Ya a la venta  la versión en español, Podría hablar de nubes, para ebook en Amazon y Redelibros. Más información en esta página.


Outras cousas

“Podería falar de nubes é un deses títulos que permanecerán na nosa mente e nos nosos afectos literarios durante moito tempo”. X.M. Eyré
“O autor onde logra surpreender-nos com as histórias tecidas segundo os princípios clássicos dos relatos -lograr manter a atenção e deitar, no fim dos mesmos, uma outra olhada que obriga a reconsiderar o lido, e mesmo grande parte das nossas convenções-“. Ramiro Torres.

Que é Redelibros?

Redelibros é unha editora onde os autores participan activamente na súa obra, prestándolles axuda sempre con respecto e independecia. Pero non é só iso: é un proxecto aberto, unha rede social sobre a lectura onde se relacionan lectores, editores, libreiros e autores. Pero mellor mírao ti mesm@A colección “Autores independentes” oferta outras obras interesantes (Pere Tobaruela, Fran Zabaleta, Miguel Otero, Juan Sacha Full, Xesús Bermúdez Tellado…) e págavos a pena botarlle un ollo.

 

Advertisements