Curruncho de maratón (4): CD Málaga, 0-2

RC Deportivo: Dani Giménez; Bóveda, Peru, Montero, Salva; Bergantiños, Gaku (Jovanovic, min.70); Mollejo (Santos, min.70), Aketxe, Valle; Longo (Koné, min.84).

Riazor está cheo. Non digo que venderan todas as entradas, hoxe asistimos uns catorce milleiros de resignados deportivistas, e moitos me parecen dado o espectáculo lamentable que está dando o equipo e mailo clube. Quería dicir que nós, os seareiros de Riazor, estamos cheos, fartos, ata aquí arriba.

Comprometinme a testemuñar aquí os partidos do meu primeiro ano como socio do RC Deportivo. O caso é que cada dúas semanas estou aquí escribindo exactamente o mesmo, e xa estou cheo. O RC Deportivo é un clube enfermo, á valga, ao que lle arrincaron a súa alma, a súa filosofía, o vencello cos seus seareiros, coa cidade e con Galicia. Foille arrebatado aos afeccionados con diversas ampliacións de capital que traspasaron a propiedade da SAD a uns poucos petos. Foi invadido por sabichóns arrogantes que non teñen idea de fútbol e que desprezan, como bos señoritos, a xente, os seareiros, a nosa terra e, por que non dicilo, o mesmo fútbol. Isto fóiselles das mans e teñen que ceibalo. Non hai máis.

Deixaron caer a Anquela e traen a Luís César Sampedro. O arousán leva dous partidos e polo visto ten moito, moito choio por facer. A tarefa é inmensa, as urxencias grandes, e sinceramente non sei se será capaz, ou se existe alguén capaz. Pero o público sinala primeiro o adestrador, despois a directiva. Con Anquela fulminado, o palco queda sen parapetos. Poden asubiar aos xogadores (que se mercenarios, que se os collóns, etc.) pero ata o máis diletante vai sinalar á tribuna, a Zas, a Tino na sombra e a Carmelo del Pozo. Os seareiros non poden botalos por ningún mecanismo visible, pero si facerlle a vida imposible. Este é un problema de fondo, de anos atrás, e cómpre discorrer qué clube queremos nos vindeiros anos.

O Dépor é último da segunda división. Leva 12 xornadas e só gañou en unha, a primeira. O equipo dá noxo, é unha desfeita, un despropósito, un circo. Hoxe, contra un rival con historia parecida (candidato ao ascenso, pasado glorioso, crise institucional, mala xeira deportiva) os blanquiazuis fixeron o de sempre: convertir ao rival, por malo que sexa, nun equipazo. Porque o Málaga é malo. Nós, pésimos. Os nosos xogaron ben uns vinte minutos no segundo tempo, sendo xogar ben empurrar e enfiar tres pases seguidos e crear non demasiado perigo. O resto da minutaxe non merece nin chamarse fútbol. Neste combate de boxeo figurado, o Málaga foi un boxeador malo pero prudente e o Dépor un púxil borracho: os malacitanos esquivaron os febles golpes dos coruñeses ata que este se golpeou a si mesmo. Dúas veces.

Os xogadores renden un mil por cento menos que a súa valía real, que en moitos casos tampouco é demasiada. Aterecidos polo medo e a presión, vacilantes, desquiciados. Bergantiños repartindo xogo como se fora Xavi (non o é) porque ninguén máis quería ou podía coller esa responsabilidade. E a defensa é una festa á que todo o mundo está convidado. Para chorar. É como ver un accidente de tráfico e non poder apartar a vista. Hoxe fallou ata Dani, a nosa outra torre de maratón, o noso baluarte. Estamos fodidos.

Pouca esperanza vexo, no deportivo e no inmediato. Tan só dúas calvas, a de Luís César e a de Mollejo. Que a entrega do último contaxie aos compañeiros, máis experimentados pero, á vista disto, máis imberbes cando as cousas veñen costa arriba. E a LC que sexa valente. Non pode saír co método e o once de Anquela, co que está amosado que non funciona. Que ignore a Carmelo, que lles ensine a ese fato de homes sen rumbo a ser un equipo. Un traballo arduo e a contrarreloxo. E xa que está, por Deus e Valerón, por Mauro Silva e Xanetas, que lles ensine a defender. Sería un primeiro paso.

Torneo Punto e Coma de Duelistas

Japanese art of fencing. Drill with long sabres. 1868
National Museum of Denmark
Japanese art of fencing. Drill with long sabres. 1868

A xente de Biosbardia vén de argallar o seu segundo Torneo Punto e Coma de Duelistas de relatos, onde varios escritores o pasaremos ben (ou mal) escribindo cada semana, competindo entre nós e lendo e votando. Hai nivelazo, atendendo ás biografías dos participantes. E hai pouco sentidiño, o meu, o de meterme nesta lea. A ver se melloro os rexistros do Anorthosis na liguiña da Champions. E vós, a desfrutar dos relatos que se irán publicando. Eu irei avisando aquí cando saian os meus.

  • Duelo 1: Contra Guillermo Rodicio. Tema: o Reloxeiro. “Peza a peza” foi a miña aportación. Ler
  • Duelo 2: Contra David Botana. Tema: A Santa Compaña. “A Compaña”. Ler
  • Duelo 3: Contra Clara Vidal. Tema: Queixo. “Desquite”. Ler
  • Desempate exprés para pasar a cuartos: Contra David e Clara. Tema: Pirata. “A canción”. Ler

Perdín en xusta lide os dous primeiros duelos, mais vencín no terceiro. Houbo un duelo extra de desempate contra David e Clara, no que vecín. Enfrontareime en cuartos a Lois Z.

Carlos Casares City

(Do 2007)

http://wp.me/p8wRMU-2n

Aquel vello blog…

Os que me seguiades antes polo blogomillo adiante sabiades que tiña dous blogues xemelgos, Chove en Ningures (en blogger e logo en Blogaliza) e Neva en Ningures (convidado por globalgalicia.com). Morreron hai tempo, e eu fíxenme esta nova casa.

Por se hai algún morriñoso, e tamén porque había antigos textos que non quería perder, fixen un sitio no faiado para os trastos vellos. Abrín un blog para hospedar os textos antigos, do 2006 ó 2015. Non porque sexan alfaias que pague a pena conservar, senón para darlle substrato e raigame a este novo proxecto.

Non te perdiches: estás na páxina correcta, aberta e actual. O blog cos textos vellos non será actualizado, pero queda en modo “museo”. Aquí o atoparedes:

choveenningures.wordpress.com

Aneis e pasaxes de avión

Colgado por ti - Hanging for you

Os meus achegados xa o saberedes, o resto igual xa o sentistes por aí. Neste blog non adoito falar da miña vida privada, pero cando a cousa é tan “gorda” non hai xeito de agachalo, nin ganas, é máis, pétame berralo ós catro puntos cardinais, pero contereime.

Agora mesmo estou metido nun avión rumbo a Arxentina, onde pasarei tres semanas entre Bos Aires, Corrientes, Iguazú e outros sitios que nin sequera planexamos aínda. Ó meu carón viaxa a muller da miña vida, o meu amor, pero mellor non publico o seu nome porque se cadra me esgana no medio do avión e de todos xeitos, algúns xa o saberedes. No seu dedo anular e no meu locen dous aneis. Casamos o día 19, hai dous días, e foi marabilloso. É dicir, estou escribindo isto quince días antes da voda e non sei como vai saír, pero, por que non ía saír ben? Se cadra algunhas pequeneces saíron (sairán, escribo desde o pasado) reviradas ou fóra do previsto, pero alí estaba ela, eu e case toda a xente que queremos e aprezamos. Que máis se quere?

Volverei a comezos de Outubro a Alemaña e irei contando esta marabillosa aventura, onde coñecerei tamén de preto a realidade actual e pasada da emigración galega na “quinta provincia”. Pero aínda queda.

Deica!

Nova etapa, nova web

Double rainbow over Regensburg (I)

Antes de nada, benvidos á miña nova web!

Deixamos a nosa antiga casa de Blogaliza para iniciar unha site máis moderna, “menos blogue” e “máis web”, ofrecendo máis información sobre o autor (eu) e a súa obra (os meus borranchos) e podéndoa compartir dun xeito máis claro. E cun dominio propio, ó meu nome.

Seguirá a haber bitácora, por suposto, no apartado “blog”. A meirande parte dos artigos tamén seguirán saíndo no meu outro blogue de Global Galicia (http://www.globalgalicia.org/ningures/). O que si cesará a súa actividade é o meu querido vello blogue Chove en Ningures de Blogaliza.

En “Biografía” falo un pouco de quen son, por se non me coñecedes. En “Obra“, do que levo escrito ata agora, con diferentes apartados. E… ben, xa iredes vendo no “Menú” de arriba.

E pouco máis. Ah! Faremos unha web xemelga en castelán.

Entrade con tino, a pintura está fresca e aínda hai reformas e cambios por facer. Pero xa estades aquí, que é o máis importante.

Benvidos!

Por outra banda, podedes contarme se vos gusta a páxina na seguinte enquisa. E mato dous paxaros dun tiro: sei a vosa opinión e vexo como vai o trebello das enquisas do WordPress.

O xogo de Merkel: inmigración si, inmigración non

Moitos mirades a Alemaña con envexa, e non é estraño. Un dos países máis desenvolvidos de Europa, unha economía que turra de toda a UE (xa que Francia non se dá erguido e Gran Bretaña anda ó seu), en comparación co noso paisiño, cheo de crises (en plural), paro, corrupcións (tamén en plural) e sensación de impotencia, opresión, depresión e carraxe. E tamén mirades os seus políticos, a Merkel que rexe o destino non só do seu Estado, senón tamén o de España e o resto de países que se fixeron a ilusión de coller o tren de Europa (entendida polos países de Europa con bo nivel de vida, unha terceira parte) e acabaron descarrilando.

Angela-Merkel-Pantone-Farbskala-von-Noortje-van-Eekelen
Pantone Merkel. Elixe a túa cor. Licencia Creative Commons de Neuewerbung.org (clicar para agrandar)

Mais, facédeme caso a un que vive aquí e que tampouco ten excesivas queixas de como lle van as cousas: Alemaña ten problemas e Merkel tamén, e non sempre se amosa como esa estadista sensata aínda que inflexible da que temos a imaxe no lonxano Sur. O seu gobernar é por moitas veces errático e contraditorio. Non vou falar de esa actitude parva de afogar as economías en crise e esnaquizar o benestar social e o consumo agardando así recuperar a economía, por aquilo de “non gastar máis do que se ingresa”, como se a economía dun país tivera a mesma complexidade que a dun neno de sete anos que recibe a paga os domingos despois de misa. Pois non, Angela, non. Non vai funcionar. Pero falemos do que acontece das fronteiras xermanas para dentro. De políticas migratorias. Velaquí o dobre discurso. O Goberno de Merkel proclamou que os profesionais europeos eran benvidos a Alemaña, sobre todo os cualificados. Lembrades? O efecto chamada funcionou en España, e expulsados pola crise o número de españois no país multiplicouse. Na meirande parte (non todos) con títulos universitarios ou profesionais que buscaban traballar “do seu” en mellores condicións ca na súa terra. Algúns acadárono, outros tamén pero tras un periodo difícil, outros fracasaron. Non é doado acceder ó mercado laboral alemán cun título e unha traxectoria laboral en outro país e sen desenvolverte ó cen por cen no idioma.

The Economist: Please can we start the engines now, Mrs Merkel? cover by Jon Berkeley #donttellmerkel
“Por favor Señora Merkel, podemos acender os motores xa?” Imaxe do Flickr de Duncan Hull. Fonte premendo na imaxe. Licenza.

Pero velaquí que o Goberno merkeliano abráianos con outra medida: aprobou unha lei que aumenta o control sobre as axudas sociais que reciben os inmigrantes comunitarios, mesmo posibilitándose a expulsión do país no caso de fraude ou mesmo sen el, cando o inmigrante en cuestión leve máis de seis meses sen traballar. Os españois, podendo sufrir o que nós lles facemos ós africanos en España. En fin. En resumo, por primeira vez un país membro da UE ameaza con expulsar a cidadáns comunitarios. Lembra ó caso recente do límite para a inmigración en Suíza, que pode facer perigar os acordos entre o país helvético e a UE, pero ollo, Suíza non é membro da UE. Alemaña si. Alemaña “é” a Unión Europea. O Goberno merkelita insiste malia todo, e nisto leva razón, que Alemaña precisa da inmigración e que se beneficia dela. A economía e o mercado laboral carburan, si, pero non nacen alemanciños e o país está en regresión demográfica. A única saída para que non se esboroe o sistema de pensións é aumentar a poboación activa coa inmigración. Non hai outra. Mais Merkel ve o ascenso de partidos eurófobos e mesmo xenófobos como Alternative für Deutschland (AfD), que lle están comendo votantes pola dereita, e pola presión do irmán bávaro da CDU, a intransixente CSU. E daquela invéntase que aquí non se vén por Turismo Social (Sozialtourismus) e que moitos estranxeiros veñen aquí a desfrutar de axudas sociais (que as hai, e son xenerosas) que non existen no seu país e das que non participaron solidariamente. Alguén decidiu que queixarse da inmigración dá votos. Pero mira unha cousa. A ver. Imos por partes. A que vén esta esquizofrenia? Precisan dos inmigrantes ou hai demasiados? En que quedamos?

Immigration
Imaxe do Flickr de Andrea Barisani: Immigration. Fonte: premendo na imaxe. Licenza Creative Commons Attribution-NonCommercial 2.0 Generic (CC BY-NC 2.0).

Os sinalados co dedo non son os españois, cuantitativamente unha parte pequena da masa inmigratoria en Alemaña, aínda que con esta lei poidan verse moi prexudicados. O dardo vai disparado contra a inmigración procedente dos novos países membros da Unión, en concreto de Europa do Este e máis en concreto contra búlgaros e romaneses. Houbo unha vaga de chegados destes países que non foi masiva en xeral, pero si que foi problemática en certas cidades (Duisburgo, Fráncfort, etc.) que non estaban preparadas. Saltaron as alarmas cando presuntamente os romaneses e búlgaros foron en masa a pedir as súas axudas sociais, o célebre Hartz IV, o subsidio por excelencia do sistema social alemán. Pero, foi así? Existe esta “invasión” de chupóns con acento eslavo (ou latino)? Estas cousas corrobóranse ou desméntense con cifras, e as do Instituto do Mercado Laboral e Investigación Laboral non enganan. Un 7,7% dos residentes en Alemaña cobran o Hartz IV, e sobe ata o 14,7% no caso dos estranxeiros, lóxico, por ser máis proclives á exclusión social. Mais no caso dos súbditos romaneses e búlgaros é superior á media, mais inferior á media dos estranxeiros: un 10%. O 80% dos perceptores desta axuda son alemáns. Se falamos de fraude na percepción das axudas, non é superior procentualmente neste subgrupo que na media. Ou sexa, os estranxeiros comunitarios non perceben significativamente máis axudas, nin defraudan procentualmente máis cós propios alemáns.

Captura de pantalla 2014-12-08 a las 19.40.02
Taxa de paro. Fixádevos: na primeira columna, o % de paro do conxunto de romaneses e búlgaros. A segunda, só búlgaros. A terceira, só romaneses. A cuarta, a de estranxeiros do resto dos “novos” países (Estonia, Chequia, etc.). A quinta, a dos países do sur, ou sexa, NÓS (España, Italia, Grecia e Portugal), un 10,9%. A sexta e penúltima, o paro no total dos estranxeiros en Alemaña e a sétima e última, o paro no total de Alemaña. Fonte, páxina 7

Pois claro que pode haber romaneses que defrauden, españois que só veñan aquí de festa e a cobrar o paro sen intención de traballar, e andaluces preguiceiros e galegos que respondan con preguntas. E tamén hai estranxeiros que queren traballar, e de feito traballan, e alemáns que viven da sopa boba mentres vén a RTL e beben cervexa do Aldi: non xeralicemos, por favor. As leis téñense que basear en realidades, datos e cifras, non absurdas alarmas sociais alimentadas polo sensacionalista Bild (e aplaudidas por diarios máis serios) nin en populismo electoralista. Non existe unha fraude social masiva por parte dos estranxeiros, iso é unha falacia. O que hai é medo á Armutszuwanderung, a Emigración da Pobreza, que non veñan os enxeñeiros e informáticos que agardaban e si esfarrapados non cualificados que procuren oportunidades de traballar mellor, xa veñan do Este ou empurrados pola brutal crise no Sur de Europa, na que, mira ti, as políticas da UE e do Goberno Federal e do Bundesbank e a Troika (son todo sinónimos) teñen moito que ver. Neste caso, galegos, españois, portugueses, romaneses e checos imos no mesmo barco. Efectos reais? Con que se controle mellor a fraude nas axudas non pode discordar ninguén. Expulsións directas? Meter a xente esposada nun taxi con destino a Varna, Timisoara, Chiclana ou Valdeorras? Pouco realista. O que si vai acontecer é que van dificultar as axudas ós estranxeiros (ós alemáns non, que eses votan!) e que moitos se non atopan traballo de contado terán que regresar, porque permanecer en Alemaña será insostible. Estamos falando dun país no que catro millóns de residentes, entre eles dez milleiros de españois (fonte) cobran unha axuda malia teren un emprego, porque este non abonda para sobrevivir. Eís os famosos minojobs, o segredo do desemprego cero xermano. Moito traballo, pero moi precario e con diferencias brutais de salarios entre o cualificado e o non cualificado. Se cadra con máis inspección laboral en contra do abuso (xente contratada por minijob por 15 horas semanais traballando o triple, traballadores asalariados camuflados de autónomos para non pagar S. Social, etc., etc.) solucionábanse moitos problemas.

Máis consecuencias: que a meirande parte dos españois, malia ser teoricamente obrigatorio, non fagan a Anmeldung ó chegar, que vén sendo coma o empadronamento. Se non consta que estás no país o tempo non corre e ademáis estás cuberto sanitariamente pola Seguridade Social española. Sempre hai tempo de facela, cando precisamente se atope un emprego ou se pida unha axuda, ou as dúas cousas. Por que demo o ían facer ata que non quede máis remedio? Por iso o número real de cidadáns españois e galegos en Alemaña é moi superior ó “oficial”. Así que, miña Merkel: aclárate. Ou queres inmigración (dentro dunha orde, etc., etc.) ou dis que sobramos. Daquela os estranxeiros collemos a maleta outra vez, regresamos e deixamos de pagar cotizacións e impostos directos e indirectos no teu paisiño. Porque para iso si que os Fernández e os Regueira somos tan cidadáns como os Müller: para pagar. Os dereitos son outra cousa. Pero cando marchemos, a ver como lle explicas a Herr Müller que non hai cartos na caixa para pagarlle a pensión. Non é con populismo electoralista como vas saír dese círculo vicioso. E ese é un xogo moi perigoso e pode revirarse na túa contra. Lémbrame á frase de canda nos 60-70 se abriron as fronteiras alemás para os necesarios traballadores españois, italianos e turcos: “Pedimos man de obra. E viñeron persoas“.

Mural emigrante - Wallpaint emigrant
Mural preto da praza de San Pedro de Mezonzo, na Coruña. Foto miña, pero non sei quen o pintou. E vós? Licenza.

Nota: hai uns meses na Voz de Galicia preguntáronnos a varios inmigrantes que opinabamos desta nova lexislación e xa din unha opinión, máis abreviada.

O soño inventado, en Palavra Comum

A revista online literaria e cultural Palavra Comum tivo a ben acoller outro relato meu, O soño inventado, ata agora inédito. Se pasades por aló podedes lelo. Agardo que vos preste.

Ligazón:

O soño inventado

IMG_4338