Fototeca na AELG

Se hai uns días comentara que a Asociación de Escritores en Lingua Galega anovara a nosa videoteca, agora tocoulle o propio á fototeca da que dispoñemos no noso espazo de escritor no Centro de Documentación da AELG. Distrito Xermar tomou as fotos na Escola Normal da UDC e velaquí o resultado.

Convídovos a miralos, así como as aportacións de outros autores

A MIÑA FOTOTECA NA AELG

o meu espazo na AELG

Centro de Documentación da AELG

Videoteca da AELG

A Asociación de Escritores en Lingua Galega convocounos ás súas socias e socios para unha sesión de fotos e vídeos, co obxectivo de anovar as nosas fototecas e videotecas na web da AELG e achegarnos máis a quen importa, os lectores. Foron gravados no Espazo Normal, da Universidade da Coruña.

No que toca aos vídeos son catro, nos que autor diserta arredor de catro cuestións:

  • Cal é a orixe da súa vocación literaria? Por que comezou a escribir?
  • Cales son os referentes que alimentan a túa obra?
  • Lectura dun texto propio. No meu caso, os pequenos relatos “S.O.S.” e “Cronos“, compilados na miña obra Podería Falar de Nubes.
  • Lectura dun texto dun autor galego. Lin o texto “O neno e o mar“, de Suso de Toro, atopado no libro Tic-Tac.

Convídovos a miralos, así como as aportacións de outros autores

A miña videoteca na AELG

Centro de Documentación da AELG

Cuspidiños, relato en Palavra Comum

Imaxe para CuspidiñosHai un novo relato meu na Revista Palavra Comum. Chámase “Cuspidiños”. Agardo que vos guste.

“E non sabes con quen me atopei? Coa Sabela, a do Roxo. Si, ía ben de tempo sen vela, porque seica viviu anos na cidade, pero agora volveu, contoumo ela. No supermercado. Vina no súper, quero dicir. Ten un cativo, un… Logo chego a iso. Non, ao neno non lle pasa nada, meu pobre, déixame explicarche…”

Feliz lectura!

O Escribente, relato en Palavra Comum

IMG_0473.jpgNon todas as secas duran eternamente. Sen prometer nada e sen presión ningunha, tras longos meses de non escribir ficción (e pouca cousa, aparte diso), un novo relato meu aparece en Palavra Comum, a revista dixital do que son colaborador habitual. Moi pouco habitual no último ano, cousa que agardemos que cambie.

Chámase O Escribente e agardo que vos guste.

 

Un paso atrás (De por que deixar de escribir é bo para escribir)

 

Untitled

 Untitled, de Smithsonian Institution

 

Xa vos decataríades: non ando moi activo ultimamente no que atinxe á escrita. Tanto neste blog e no de Global Galicia como nos meus relatos e outros proxectos. Non, non estou a escribir en segredo e nun tempo vou sacar un “bombazo”. Oxalá fose iso, pero non.

Non estou escribindo. Case que ningunha liña.

E non pasa nada. En serio. Estou moi ben, moi ilusionado por moitas cousas.

Eu non lle chamaría “crise creativa” nin “bloqueo de escritor”. Se cadra foino antes, agora xa non. Sinxelamente, no último ano estiven enguedellado en cambios persoais moi grandes, todos positivos, e agora tamén estou moi metido en outros proxectos e mudanzas que non teñen nada que ver coa literatura. O tempo éme xusto, mais non é ese o problema, e si a concentración, a adicación e a enerxía. Así que saio da roda.

Antes diso si que houbera algo semellante a unha crise de escritor, recoñézoo. Replantexeime o meu rol como autor, bloqueeime cos meus textos e plans literarios, tan só tirei cousiñas que me deixaron insatisfeito, autoinflinxinme presión desde a publicación de “Podería falar de nubes“. Metinme nunha ruela sen saída bastante absurda.

E decidín dar un paso atrás. Ou a un carón, segundo se mire. Quiteime presión. E son máis feliz. Nin sequera é unha decisión, tan só constato un feito espontáneo. Xa non escribía antes, tan só deixei atrás o remordemento.

Deixei de escribir, definitivamente? Penso que non. Algún día volverei, estou seguro, lévoo dentro. Mais agora non é o momento. Prefiro concentrarme no que estou a vivir. Prefiro que se dea dun xeito natural, non impostado. E facer cousas que me realicen e que me esixan, non plaxiarme a min mesmo e ir por camiños que teño máis que gradados. Sería inxusto coa literatura, que tanto me agasallou. A escrita será excitante, divertida, perigosa, incerta… ou non será. Se o escritor non se divirte nin se emociona, o lector tampouco.

Tampouco é esta unha pueril choromicada para provocarvos un “Oooh, porfa, non nos deixes”, para alimentar o meu esfameado ego e volver ó carreiro de sempre, rosmando, “Vaaaale”. De verdade, non é iso, é algo que sempre aborrecín. A miña escrita é perfectamente prescindible para a literatura galega e para a Literatura (con maiúsculas), tan só quero ver se é prescindible para min. Pero queda unha pouca xente que gusta de ler o que eu escribo e que pensei que merecían unha explicación. Breve, porque hai cousas máis importantes das que preocuparse.

E con este blog, outro tanto. Contarei cousas que me motiven, se non, seguirei ó meu. Pido desculpas ós afectados. Aínda que non pase nada.

Insolvencia, novo relato en Palavra Comum

Insolvencia é a miña nova colaboración na revista dixital Palavra Común. Un relato de familia, cartos e certo pánico. Agardo que vos preste.

Presentación de Passages

O libro “Passages” que inclúe o meu pequeno relato “Zurück / Due back” será presentado o vindeiro 29 de Setembro en Regensburg. Un pequeno éxito noutro idioma! Iso si, non estarei alí porque non son ubicuo e conto con estar eses días en Arxentina. Xa falaramos da súa presentación en Aberdeen (Escocia), onde paradoxalmente si que estiven.
O conto? Poderédelo ler axiña en galego. Onde, cando? Avisaremos.

Polo de agora e por se andades por Regensburg, a cita é no Thon-Dittmer-Palais, Haidplatz 8, o día 29 de Setembro ás 19:15. Oiredes o meu relato non da miña voz, como xa dixen, senón da de Lena Dirnberger, outra das gañadoras.

Ligazón (en alemán): https://www.regensburg.de/veranstaltungen/detail/138426

IMG_20150906_124138

IMG_20150906_124302

O irmán, novo relato en Palavra Comum

Orixe: O irmán | Palavra comum

IMG_20140413_154007-001 (1)

Tardou moito, demasiado. Mais xa hai novo relato meu en Palavra Comum, revista cultural na rede da que son colaborador habitual e na que debería colaborar máis habitualmente. Mellor non me enguedello.

O relato chámase O irmán e sería moi acaído para o cada vez máis controvertido Día das Letras, o pasado 17 de Maio. Mais as cousas saen cando saen, e aquí o tedes, a mediados de Xuño. Unha ficción no mundo literario galego, vós diredes se é realista ou non. Agardo que vos guste.

Todos os meus relatos en Palavra Comum

Crónicas escocesas

Xa hai uns días que regresei da visita en Aberdeen, transcorrida entre o 28 e o 31 de Maio. O pouco tempo que levo reintegrado na rutina estiven poñendo en orde as miñas fotos, que están como as miñas lembranzas desa estadía: fermosas, caóticas, en diferentes carpetas sen conexión aparente, ocultas ou repetidas. Así que tentaremos poñelo todo en orde e contalo desde o principio.

Como xa contara, participei nuns talleres literarios en Regensburg, por aquilo de tentar escribir dun xeito creativo en alemán, lingua que domino máis ou menos ben pero da que nunca terei o dominio e a naturalidade que teño coa miña lingua materna.

Aberdeen & Regensburg, twin towns, cidades irmanadas
Bandeiras de Aberdeen e Regensburg na Casa do Concello

Regensburg está irmanada con moitas cidades, coas que abriu vías de cooperación cultural: Pilsen (Chequia), Tempe (Arizona, USA), Clermont-Ferrand (Francia), etc., mais o irmanamento máis antigo é coa cidade escocesa de Aberdeen. Este ano é o sesenta aniversario e para conmemoralo convocouse un concurso literario en ámbalas cidades. Seleccionaríanse vinte textos (dez de Aberdeen e dez de Regensburg) e publicaríase un libro conmemorativo. Desde o taller animáronos a participar, e tiven o atrevemento de escribir un texto en alemán e envialo. E eles tiveron o atrevemento de premialo e seleccionalo para o libro. Imaxinade a miña ledicia. Gañar un premio literario noutra lingua, o idioma co que pelexo todos os días, pelexas que adoito perder, e por riba que mo publiquen.

Mais as ledicias non remataron aí. O concello de Aberdeen decidiu lanzar o libro como se merece no seu May Festival e para iso convidou a dous dos autores da parte alemana. Un fun eu, para a miña sorpresa e emoción. A outra, a miña compañeira de viaxe, a novísima Lena Dirnberger, que xa pode dicir que ten un texto (merecidamente) premiado ós seus vinte aniños.

Passages (II)
Passages, o libro

Nada máis chegar, puxéronme o libro na man: chámase Passages, New Writing from Aberdeen and Regensburg. A edición estivo a cargo do bo de Shane Strachan e da editora regensburguesa Edition Vulpes. Cada texto está en inglés e alemán, e tradución dos textos nas dúas direccións estivo a cargo da aberdoniana Helen Stellner, que xa hai moitos anos que cambiou Escocia por estas ribeiras bávaras do Danubio. O volume é sinxelo e fermoso. Cabe a curiosidade que se podía participar con textos escritos nos dialectos locais: bávaro en Regensburg e o doric, o inglés-escocés propio de Aberdeen. Helen tivo a feliz idea de traducir os textos en bávaro a doric e viceversa, para que non perderan o seu achegamento e o seu sabor local.

A visita foi intensa e afortunada. Tratáronnos a Lena e a min como reis. Os propios Shane (autor novo e coordinador de Write Aberdeen) e Helen exerceron de magníficos anfitrións. Amosáronnos os segredos da fermosa Aberdeen e mesmo nos levaron a excursións, que logo relatarei.

Helen Stellner, Lena Dirnberger, este que escribe e Shane Strachan na asociación artística Seventeen de Aberdeen.
Helen Stellner, Lena Dirnberger, este que escribe e Shane Strachan na asociación artística Seventeen de Aberdeen.

O sábado 30 de Maio foi o grande día: a presentación do libro e a lectura dos participantes. Foi unha experiencia. Foron e leron oito dos dez participantes escoceses, ademáis de Lena e de min mesmo, que suei gordo para ler en inglés. Por riba, tocoume ler de último. Mais todo foi ben.

89ac12a19d41fd80686cd133af4500f9
Aquí, sufrindo en inglés. Mais feliz, non pensedes.

Despóis, houbo unha recepción na casa do concello, a cargo do alcalde (en Escocia ó cargo chámaselle Sir Provost), cos autores e outros convidados.

O salón do concello é impresionante e solemne, mais o ambiente cos outros escritores foi distendido e entretido. E si, houbo pinchos. Sempre había pinchos. É unha terra celta como a nosa, na que a hospitalidade se rexe por un parámetro: o convidado non pode marchar con fame.

O alcalde, Shane e os escritores do libro que asistiron ó acto (os escoceses, Lena e mais eu). Boa xente!
O alcalde, Shane e os escritores do libro que asistiron ó acto (os escoceses, Lena e mais eu). Boa xente!

Aberdeen é unha cidade inesperadamente fermosa. En contraste coa tranquila e medieval Regensburg, Aberdeen non mira atrás á historia nin se preocupa demasiado polo turismo, senón que vive no presente. É unha cidade viva, ruidosa, barullenta mais con recunchos encantadores. Vivía da pesca e do seu importante porto ata os anos 70, mais este sector desapareceu para dar paso ó fornecemento das plataformas petrolíferas do mar do Norte, das que Aberdeen é un dos portos base máis achegados. Non hai petroleiros, senón inmensos cargueiros que fornecen ás plataformas de todo o necesario, incluídos os traballadores.

Harbour, Porto
Porto de Aberdeen

Mais o pasado tamén deixou un barrio histórico ben conservado. Aberdeen é famosa por ser a Cidade do Granito, a pedra local que lle dá a súa cor gris característica.

Marischal College
Marischal College

Castlegate

Kirk St. Nicholas - Cemitery, Cemiterio
Cemiterio da Kirk (Igrexa) de St. Nicholas. Gaivotas por toda a cidade, por todas partes. Punto de conexión coruña.

Mais un puntazo a favor de Aberdeen: ten mar. Non só iso: ten praia, a unha distancia camiñable do centro.

Aberdeen beach

Aberdeen's beach and harbour

A un extremo da praia, aillado da cidade polo porto e esquecido pola especulación, está o antigo barrio pesqueiro do Footdee ou Fittie. As casas de pescadores recuperáronse e decoráronse en plan kitsch, e son sé de iniciativas artísticas.

IMG_7665

Os nosos anfitrións, riquiños ata o exceso, non se contentaron con amosarnos a cidade, senón que nos levaron coñecer unha Escocia algo máis profunda, tampouco lonxe de Aberdeen: a vila costeira de Stonehaven.

Stonehaven, Harbour - Porto
Porto de Stonehaven

As principais atraccións de Stonehaven son a súa praia e, a milla e media de camiñada, as ruínas do castelo de Dunnotar, tan impresionantes por si mesmas como o seu enclave, metido no mar entre cantís. Albergou gloria e tamén historias terribles, como era habitual: asedios, masacres e asasinatos, mais hoxe só hai paz, historia e boas vistas.
Dunnotar - Castle, Castelo

Dunnotar Castle

Dunnotar

Toxo escocés
Chorima escocesa

E que máis vou contar de Escocia. A xente é amable e educada. Hai toxos, mais os camiños están libres para camiñar. Ata as vacas son amables.  O fish and chips, que eu pensaba que era unha friturada de peixe sen moito mérito, está boísimo. Cómese ben, en xeral. O peixe é fresco, a carne non falta. Con todo non cheguei probar o Haggis, a comida nacional, unha especie de botelo de año. E o símbolo nacional eles din que é o cardo na botánica, o whisky nos licores (unha relixión aquí, non é un estereotipo) e o unicornio na heráldica, mais son tamén inventores de grandes avances da humanidade como a barra de Mars fretida. Vou repetir o concepto. Collen unha barra de chocolatina de Mars. Empánana. E frítena. Eu vino. E comino. Cambiou a miña vida, para mellor. E o estado das miñas arterias, para peor.

Barra de Mars fretida. Apuntádeo. Non o tentedes na casa. Ou si.
Barra de Mars fretida. Apuntádeo. Non o tentedes na casa. Ou si.

En fin, non me gusta empeñar a miña palabra en van, mais esta foi unha das viaxes que sei que vou repetir. Volverei a Escocia: deixei amigos, a terra é fermosa, o whisky quenta o espírito, o clima… ben, o clima explica o do whisky. Outro lugar fermoso e outra boa xente á que me levou o meu costume de emborranchar folios con historias. A literatura, esa axencia de viaxes.

Passages (II)O libro tamén se presentará en Regensburg, por suposto, e agardo que o concello trate tan ben os convidados escoceses como eles nos trataron a nós. En canto ó meu relato, non esperedes marabillas, xa vos dixen que o escribín en alemán e que precisei dunha corrección allea. En todo caso, sacareino por aquí en galego. Xa contaremos!
Regensburg to Aberdeen

Scottish Flag - Bandeira escocesa

BONUS: Shane Strachan, un dos meus anfitrións en Caledonia e tamén escritor, tamén relatou o acontecido, remontándose ó irmanamento literario entre as dúas cidades, no seu blog (en inglés).

Rumbo a Escocia

Que ten que ver Baviera con Escocia? Que teñen que ver as saias kilt cos pantalóns lederhosen? E se atopamos algunha relación, que teñen que ver as dúas con Galiza? A resposta é, coma sempre, a literatura.

WriteAberdeen_logoComo xa comentara, houbo un bonito certame literario organizado entre as cidades de Regensburg e a escocesa de Aberdeen, irmanadas tamén no literario. Foron escollidos dez textos por cada cidade (dez de aquí en alemán estándar ou en bávaro e mais dez de alí en inglés ou no dialecto do nordeste de Escocia, o doric) e publicaranse os vinte nunha edición bilingüe. E como xa relatara, participei modestamente con un relato escrito en alemán, Zurück (Regreso), e tiven a ledicia de saber que foi escollido para esta publicación.

Pois ben, por se non fora pouca a satisfacción de escribir un texto meu en alemán, unha lingua para min aprendida, e de gañar con el un pequeno premio (grande para min) e por riba ser publicado nun libro bilingüe, veño de saber que fun convidado xunto con outra participante alemana a ler os nosos textos en Aberdeen no lanzamento do devandito libro. Toda unha honra! Aló estaremos a finais de Maio e por suposto, contaremos por aquí que demo fai un galego representando a Baviera por Escocia.

Regensburg to Aberdeen
Praca coa distancia de Regensburg á cidade irmá de Aberdeen do Tempe Park (Regensburg)