Os Leóns de Múnic: o descenso e a incerteza

Faleivos hai pouco tempo do simpático e tradicional clube de fútbol TSV 1860 de Múnic, “Os Leóns” ou “Os Sesenta” (Löwen ou Sechzger), e a súa querencia histórica pola derrota, o afundimento e o rexurdir das súas cinzas. Pero esta semana escribiu un novo capítulo do primeiro, a derrota, sen albiscar nada do segundo, ao contrario. Veñen tempos negros para os celestes.

En Alemaña xóganse partidos para a promoción para o descenso e ascenso. Sen ir máis lonxe, os Sesenta, metéronse no partido de promoción contra un equipo de terceira (equivalente á nosa 2ªB) para manter a súa categoría en segunda. Os que quedaron por embaixo del descenderon a terceira directamente. Estes partidos de promoción (Relegation) son moi criticados porque nos últimos anos o guion está preestablecido: o equipo da categoría superior, usualmente o rico, vence e mantén a categoría.

Pero para iso están os Sesenta, para rachar coas tradicións, pero para mal. O rival, procedente de Terceira como xa dixemos, é un vello coñecido meu, o Jahn Regensburg, o clube da cidade onde vivín nove anos. En teoría, un modesto bávaro que pasou polo seu inferno particular: nos últimos catro anos chegou a segunda, baixou a terceira e sucesivamente á Rexional (equivalente, agora si, á nosa 3ª) cun estadio novo do trinque e agora tentan volver á segunda, o que sería un exitazo para a cidade.

O TSV fixo o máis difícil, empatar 1-1 en Regensburg na Ida e deixar a defensa da súa praza para a volta, nun Allianz Arena ateigado. E logo acadou o máis abraiante: fracasar. O Jahn infrixiulle un 0-2 ante 70000 seareiros. Os de Regensburg foron un equipo moito máis compacto (“somos un equipo, eles non”, resumiu un do Jahn), e como final vergoñento, o partido houbo de ser interrompido 15 minutos polo lanzamento de obxectos dos ultras locais máis túzaros. O encontro finalizou, e tamén unha desastrosa tempada, que xerou unha frustración que algúns seareiros canalizaron do peor xeito posible, coa violencia, sempre condenable.

O facto non cambia: o Jahn ascende a segunda, sorpresiva pero merecidamente. O TSV 1860 München descende a Terceira. Pode ser peor? Pode.

O caos instalouse no equipo de Giesing. Demitiron o director deportivo, o presidente e o adestrador, e boa parte do plantel tamén marchará. Culmínanse anos de nefastas decisións institucionais, deportivas e económicas. Por riba, as condicións de Hasan Ismaik, o investidor e dono de facto do clube, para non “pechar a billa” dos cartos, fan difícil que o clube poida pagar as súas débedas e a propia licencia da Bundesliga de terceira, polo que podería ser descendido a Rexional, un golpe do que non se sabe se poderá sobrevivir. Como tantos, metidos na roda de gastar o que non se ten para competir deportivamente, e mesmo así non acadalo.

O único bo destes momentos negros e incertos en Giesing é que se abre unha porta para abandonar o Allianz e volver en terceira ó seu tradicional Grünwald Stadion, sempre e cando cumpra certos requisitos de seguridade. Veremos se se recuperan do golpe, para que o fútbol en Múnic non só teña cor vermella.

wp-1492452142180.jpg

 

TSV 1860: Os Leóns de Múnic

Xa sei que son pesado cos posts de fútbol, e xa non digamos cos de fútbol alemán. Pero isto, por achegamento, apetecíame escribilo. A ti lelo, non sei.

Hai moitos anos, antes mesmo de eu sequera pisar Alemaña, o amigo Romeiruga andou por Múnic e tróuxome de lembranza unha bufanda futboleira, “do equipo de Múnic”. Eu non recoñecín as cores celestes e brancas da miña única referencia balompédica daquela lonxana cidade bávara, e inquirín: “Do Bayern de Múnic?”. E el contestoume: “Non. DO OUTRO”. O “Outro” é, e seguirá a ser, o TSV 1860 München.

Vereinswappen des TSV 1860 München
Escudo do TSV 1860 de Múnic. Fonte: By Gaspard (de.wikipedia.org) [Public domain], via Wikimedia Commons
O seu nome completo é o Turn- und Sportverein 1860 München, facendo o número alusión á súa data de fundación. Máis de 170 anos de antigüidade, aínda que penso que non foi como club de fútbol, senón como clube de “Turn”, ou sexa, ximnasia da época e outros deportes. Pero ninguén o coñece con ese nome, senón como os “Sechszger” ou “60er” (os “sesenta”) ou os “Löwen” (os Leóns), como a figura do seu escudo. Se os seus veciños do FC Bayern quedaron co nome do Estado de Baviera, os Sesentas quedaron co león e as cores celeste e branca, emblema e cores do escudo e a bandeira bávaros.

É difícil atopar un club tan á sombra de outro, tan sometido ás comparacións e tan condenado a ser derrotado nas mesmas. Se Múnic fora Madrid, o Bayern sería o Real e o 1860 non sería o Atlético, senón o Rayo Vallecano ou aínda menos. Atoado na segunda Bundesliga, con perennes problemas económicos e sen casa propia, todo produto da fatalidade, dos reveses do fútbol moderno e, tamén hai que dicilo, dunha nefasta xestión nas últimas décadas.

München Große Liebe.jpg
“O grande amor de Múnic”. Fonte e dereitos

Porque os Leóns están feridos, e deprimidos, pero lamben as súas feridas lembrando a súa historia. Foron campións da Bundesliga en 1966, e tiveron a súa época dourada nos anos sesenta, onde gañaron unha Copa de Alemaña (tiñan outra do 1942) e chegaron á final da Recopa. Pero, como se tivese relación inversamente proporcional, apareceu o FC Bayern. Os seus veciños, de mediocre palmarés ata 1969 (unha liga nos anos 30), eclosionaron nos anos setenta con aqueles Beckenbauer, Maier, Hoeness e Gerd Müller. Gañaron ligas e Copas de Europa e construíron intelixentemente o club que son hoxe: o máis poderoso de Alemaña, o Rekordmeister, e uns dos primeiros do mundo. Non caen simpáticos. Tampouco o pretenden.

(Enriba, os afoutos gañadores da Bundesliga en 1966. Equipazo. Fonte premendo na imaxe)

E o 1860? Comezou nos setenta unha montaña rusa con máis baixadas ca subidas. Só cinco anos despois do campionato perderon a categoría, e tras varios ascensos a primeira sen consolidarse nesta, retiráronlles a licenza no 1982 por débedas e trapalladas financeiras variadas, probando o fel da Bayernliga, a división Rexional. Con este panorama, vendo os seareiros o seu querido club pasar ser do primeiro da cidade, por riba do Bayern, a ser uns ninguén por campos de terra mentres os veciños se convertían en emperadores, o máis difícil é erguerse. E fixérono. En 1994 regresaban á Bundesliga, e quedarían dez anos. E nada mal. Participaron dúas veces na copa da UEFA e unha na Champions, e venceron varios derbis contra os malditos veciños da Säbener Strasse. Dende o 2004 penan outra vez na Segunda Bundesliga, e outra vez (ou sempre é a mesma vez) con mágoas económicas. No 2011 fíxose dono do equipo un inversor xordano bastante fantasmón e antipático, Hasan Ismaik.

Recapitulando, este modesto equipo muniqués ten unha liga e dúas copas, participacións nas tres copas que había no continente (que morriña da UEFA e da Recopa) e xogadores como (nas últimas décadas) Rudi Völler, Hässler, Jeremies, Abedi Pelé, Martin Max (dúas veces pichichi defendendo o escudo do León), os irmáns Bender e ata Davor Suker veu por aquí no luscofusco da súa carreira

bildergalerie-stars-loewen104-_v-img__16__9__xl_-d31c35f8186ebeb80b0cd843a7c267a0e0c81647

Jens Jeremies, futuro internacional, defendendo a camisola dos Leóns fronte o Bayern. No 1998 ficharía polos eternos rivais. Non foi obstáculo para que no 2000 os 60er gañaran o derby muniqués… con gol de Jeremies. En propia porta. O Deus Fútbol ten sentido do humor.

O FC Bayern é o equipo máis seguido de Alemaña e unha verdadeira relixión en Baviera. Os apoios do 1860 fóra dos lindeiros de Múnic son escasos, mesmo en Baviera, pero dentro da cidade deixan a súa pegada os seus 20000 socios, fieis ás cores contra toda lóxica, torcendo para “o outro”, sabendo que non vai erguer nunca unha Champions e o outro club da cidade si. As súas simpatías espállanse por toda a cidade, sobre todo onde as antipatías “dos de vermello” medran (o FCB é o equipo oficioso da CSU, o partido conservador que goberna Baviera desde a fin da guerra).

70
O avellado estadio Grünwald. Fotos de Philmensch, Fonte

51Outra cousa que rechama é que os 60er son case uns homeless, un equipo sen casa. Calquera seareiro diría que a súa casa é o estadio municipal de Grünwald, no barrio popular de Giesing. Por desgraza, tiveron que deixalo para xogar no Estadio Olímpico, ó non reunir o de Grünwald as condicións que marcaba a federación alemá para a primeira ou a segunda Bundesliga. Logo o Bayern e o 1860 construíron xuntos o imponente Allianz Arena, un estadio Champions que serve de fogar a ambos equipos. Curiosamente, cambia de cor cando xoga un ou outro, vermello ou azul.

Moi limpo non debeu de ser o proceso cando levaron presos ao presidente do 1860, Wildmoser, e o seu fillo por subornos e trapalladas relativas á construción do estadio. O flamante Allianz non fixo máis grande ó clube, senón que resultou ser unha carga para o futuro deste e, en xeral, unha pésima idea. O frío, moderno e enorme Allianz resultou ser un escenario ideal para un equipo “champions” coma o Bayern, pero ridiculamente sobredimensionado para un modesto club de segunda división coma o 1860. Por riba, na súa enésima crise económica o 60 viuse obrigado a vender a súa parte ó FC Bayern, pasando pagar un alugueiro tamén excesivo e gravoso para as arcas do clube. A situación é: están onde non lles gusta, queren marchar e o Bayern tamén celebraría que marcharan (Hoeness ofreceu unha banda de trompetas para acompañalos na saída), pero a solución non parece doada.

Allianz Arena
O magnífico Allianz Arena. Magnífico de máis para o 1860

No 2015, tras unha pésima tempada, tiveron que xogar a promoción de descenso á 3. Bundesliga. Aos seareiros dilatáronselle as pupilas: en terceira división si que poderían xogar no seu anceiado Grünwald Stadion. Pero gañaron a promoción ao Holstein Kiel, permaneceron en segunda e no Allianz. Así son os Leóns: mesmo gañando, perden. Tamén lonxe do céspede: o Concello rexeitou unha reforma do estadio Grünwald, imposibilitando a volta dos Leóns á súa casa.

En canto á xestión sentimental, fai falta unha dose de realismo e esquecer esa absurda rivalidade co Bayern, na que só se pode saír perdendo. O Bayern está noutro planeta, non se pode rivalizar cun equipo que ten nonseicantas ligas e copas de Europa e contra o que xogas cero veces ó ano, porque estás en segunda desde hai unha década. É máis, o clube vermello axudou economicamente ós Sechzger en varias e apuradas ocasións. É mellor centrarse no capital social do club e a súa presencia na cidade, a súa tradición, historia e o futuro, sen mirar decote ós veciños. O seu “muniquismo”, as súas raigames na cidade, fronte ao “globalismo” dos de vermello. Difícil.

En canto ó social, 1860 e Bayern queren presumir de ter unhas bancadas libres de extrema dereita e neonazis. Hai iniciativas como “Löwen Fans gegen Rechts” (Seareiros dos Leóns contra a Extrema Dereita) que buscan por unha banda extirpar ese virus que afecta aos ultras de todos os equipos do mundo, o neonazismo e o racismo. Por outra, buscan unha memoria histórica, xa que os 1860 foron moi favorecidos polo III Reich e hai manchas que non se limpan ocultándoas, senón con transparencia. O Bayern sufriu neses escuros anos de todo o contrario, foi etiquetado como “equipo xudeu” e varrido da vida social e deportiva bávara.

Vendo as formas do tal Ismaik (o Sankt Pauli, outros clubes, árbitros, prensa e a Federación queixáronse por desprezo e malas formas do 1860 como club cos rivais) e a súa pésima xestión deportiva, non veremos axiña ós xogadores branquicelestes erguer trofeos, como moito, os seus seareiros erguerán cervexas nos bares, con bufandas como a que teño eu. Se cadra anímome e vou torcer por eles un día no maldito Allianz, e vereinos seguramente perder. É o que ten estar “co outro”. Pero se o San Lorenzo regresou a Boedo, por que non vai o TSV 1860 München regresar ó Grünwald Stadion e á 1. Bundesliga?

64
Foto de Philmensch, fonte