Nacín en Delémont no 77, cidade suíza do cantón de Berna, fillo de emigrantes de Laxe. Nin Delémont durou no cantón de Berna (pasou ao cantón do Xura) nin meus pais moito máis na emigración, e non tardamos en volver a Galicia. Medrei na Coruña, fíxenme técnico de laboratorio clínico, e exerzo diso, pero rematei emigrando eu tamén unha ducia de anos en Alemaña, en Regensburg e Múnic (Baviera). Agora, de regreso na Coruña. Emigrante retornado fillo de emigrantes retornados. Pai, esposo, testalán, despistado, deportivista.

E escribindo, aquí e alá. Ata agora adiqueime ó relato curto. Apañei algún premio que outro, entre outros o Certame “Radio France International-Cide Hamete Benengeli” (2003), o II Certame Lucus Augusti (2004) ou o Certame Ourense de Contos (2006). Publiquei en solitario dúas escolmas de relatos chamadas Seica Chove (Baía Edicións, 2002) e  Podería falar de nubes (Redelibros, 2012). Saíron ademáis relatos meus noutras compilacións xunto con outros autores co gallo dos mesmos certames literarios, ademáis de colaboracións en publicacións como Palavra Comum, Sermos Galiza, A Trabe de Ouro ou a Revista Dorna de Expresión Poética. Tedes máis detalles no apartado “Obra“.

Oxalá que leas algo meu e che preste. Se non, toda esta caótica biografía sobra.

Feliz lectura! 

Autoría: Distrito Xermar (2019)

 

One thought on “Biografía

Os comentarios están pechados.