San Nicolás e o seu criado

(Artigo publicado no vello blog hai 10 anos, o 6/12/2010), un pouco actualizado)

O 6 de Decembro no noso país é o Día da Constitución e un dos patróns dos Controladores Aéreos Civís Militarizados, pero en Alemaña, Suíza e Austria é un día moi celebrado polos cativos, San Nicolás, Heilige Nikolaus. Nicolás, en orixe un bispo que predicara na Anatolia, é un amable santo que vai polas casas e lle trae agasallos e lambonadas aos nenos que foron bos. Esta e outras moitas tradicións de Nadal europeas deformaríanse nos Estados Unidos e o Nikolaus converteuse en Santa Claus, logo volveu cruzar o océano transformado en Papá Noel, ou Weihnachtsmann como din aquí, para distinguilo da tradición do Nicolás, vindo en días diferentes, o 6 e o 25 de Decembro. Ás veces vai de vermello, máis pola CocaCola ca por outra cousa, pero normalmente vai con túnica, mitra e báculo pontificios e barba branca. Engado que en Baviera os agasallos, á parte de Nikolaus, tráeos o 25 o Christkindl e non o Weihnachtsmann/Santa Claus/Gordo lambón esbirro cocacólido.

A min atírame o seu compañeiro, o Knecht Ruprecht, o Criado Ruperto. É a fiel compaña do amable Nicolás e unha némese deste: vestido de escuro, sucio, barbouzán, sinistro e coa cara embarroada, leva canda el un ramallo de bidueira na man para zorregarlle ós nenos malos e mais un saco (disque, aquí as tradicións varían) para levalos e abandoalos na fraga. Outra figura para asustar ós críos, que leva outros nomes e apariencias noutras terras, coma o arrepiante Diaño Krampus ou outras miles segundo onde se pregunte, e que os americanos acabaron mutando no reno Ruperto, o da nariz vermella. Mesmo algunhas destas personificacións do castigo nadaleiro parecen unha sorte de Nikolaus e Ruprecht combinados, dunha man a saca de agasallos, do outro a zorrega. Hai máis variantes con outros nomes, dependendo da rexión, e fanse celebracións públicas.

San Nicolás, a súa muller (?) e os seus criados na tradición dunha vila xermana.
Gamsjaga, Public domain, via Wikimedia Commons
Gruss_vom_Krampus
O Krampus levando nenos malos.
Fonte: Jeff Gauthier
Gruss_vom_Krampus

Hai un poema sobre Ruprecht de Theodor Storm (1817-1888) que aprenden tódolos alemáns de nenos. En galego mal traducido (por min mesmo) sería algo así:

Veño de fóra da fraga e teño que dicir, xa é moito tempo de Nadal!

Por tódalas partes no curuto dos abetos

vexo apousarse luciñas douradas;

E alá na Porta do Ceo

vin cos ollos arregalados ó Neno Xesús;

E estando oculto entre os abetos,

chamoume coa súa voz clara:

“Criado Ruprecht”, chamou, “vello compañeiro,

move as pernas e bule de présa!

Comezan a arder as velas,

a Porta do Ceo está aberta,

vellos e mozos deben agora

dos traballos da vida facer unha pausa;

e mañá voarei ata a Terra,

porque é xa tempo de Nadal!”

Eu falei: “Ou querido Señor Cristo,

a miña viaxe xa case rematou;

Só teño que chegar a esta cidade,

onde hai nenos bos”.

– “Levas canda ti a saquiña?”

Dixen: “Levo, aquí a teño:

porque as mazás, noces e améndoas

lles prestan ós nenos piadosos”.

– “Leva-la zorrega contigo?”

Dixen: “Velaquí o látego

para os nenos malvados,

que atope do lado dos bos”.

O Neno Xesús falou: “É de xustiza,

así que vai con Deus, meu fiel criado!”

Veño de fóra da fraga e teño que dicir,

xa é moito tempo de Nadal!

Só dicide, como os atopo?

Son nenos bos ou son nenos malos?

Knecht Ruprecht
Un poema de Theodor Storm (1817-1888)
Motivo de Adrian Ludwig Richter (1803-1884), desta fonte

 Así que nenos e grandes, sede bos e apañaredes chocolate e cousas ricas. E se non, igual levades algún trallazo no cú e un viaxe de ida nunha escura saca. Avisados quedades. Feliz San Nicolás.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s