Curruncho de Maratón (11): UD Las Palmas, 2-1

RC Deportivo: Dani Giménez; Bóveda, Mujaid, Somma, Montero (Bergantiños, min.63), Mollejo; Peru, Gaku; Aketxe (Vicente, min.86), Çolak, Sabin Merino (Beauvue, min.70).

Goles: 1-0, min.18: Sabin. 1-1, min.67: Somma, en propia meta. 2-1, min.74: Bóveda

Seis de seis. Se nolo din hai mes e medio non o cremos. Pero seguimos o idilio, a lúa de mel, o amorío entre Fernando Vázquez, o plantel, a bancada e os resultados. Seis vitorias seguidas, cinco baixo a batuta de Fernando. Nos 21 primeiros partidos da liga colleitáronse uns paupérrimos 12 puntos. Agora en só media ducia de encontros, 18 puntos. O fútbol é incrible. E nas súas augas máis inverosímiles, para ben e para mal, navega o Dépor, navegamos nós.

Torre de Maratón, Estadio de Riazor by Fran Castiñeira on 500px.com

Considerando só este refacho, non foi o mellor Dépor, pero chegoulle para vencer. Oficio, orde e experiencia, cousas que se ausentaron no pasado recente. Con todo, o Dépor foi chegando ata o gol de Sabin Merino, incrible o deste rapaz, a gol por partido e leva catro. Pero os coruñeses apagáronse, repregáronse de máis, a UDLP mereceu marcar pero estragou as súas ocasións e se o partido rematase no descanso co 1-0, diría que a vitoria deportivista foi inmerecida.

A segunda parte foi outra cousa. Os nosos cedéronlle outra vez a posesión aos canarios, pero doutro xeito, controlando o partido, impedindo máis ocasións do rival e saíndo a trabar na contra. Porén, o fútbol non é moi cumpridor co tema da xustiza e os da illa empataron cun gol en propia porta de Somma. Mais os branquiazuis (de novo con raias horizontais, desafiando meigallos) apretaron e marcaron o 2-1 coa fe de Mollejo (unha vez máis) e a cabeza de Bóveda. Dobrete euskaldún. Incrible a loita do alopécico extremo propiedade do Atlético, moi bo partido de Merino e Aketxe, algo apagado Çolak, pero con Peru e Gaku amosan ser un dos mellores centrocampos da segunda.

Se cadra non vemos o final desta xeira de vitorias polo sistema de Vázquez: non lle importan as vitorias anteriores, como tampouco as derrotas herdadas no seu momento, o importante é este partido. Agora seguro que só está pensando na visita ao Alcorcón. E funciona.

Estadio de Riazor by Fran Castiñeira on 500px.com
Hoxe o clube agasallou os asistentes con estas camisolas.