Curruncho de Maratón (12): Girona FC, 2-2

Antes do partido houbo un espectáculo de luces e bandeiras e música e eu cheguei tarde e non teño nin idea de debido a que era tal cousa tan Núremberg’36. Fixen foto.

Non me apetece moito escribir esta crónica, do anoxo que me provoca o acontecido o venres. Aparte diso, chega un pouco tarde e léstelo todos: cúrtase a xeira de vitorias con este empate, culpa do VAR, arbitraxe polémica, etcétera. Pero é que claro, non estabades alí. Unha mágoa. E unha mágoa aínda maior: Figueroa Vázquez, árbitro do colexio de Andalucía, si que estaba.

Imaxinade que chegades a un posto de traballo para o que non estades cualificados dabondo, nin por asomo. A cousa vai saír mal. Que opción tomades, para minimizar danos? Seguramente facer o que sabedes e manter un perfil baixo. Figueroa non. Figueroa é o pintor que non ten nin perralleira idea de debuxo e que decide ser protagonista dando brochazos no lenzo co seu pene.

Ademais, Figueroa leu un día que un bo árbitro non teme pitar en contra do equipo de casa. Pero entendeuno mal, como tantas outras cousas: pensou que para facer unha boa arbitraxe había que pitar seguido contra o equipo de casa. A ser posible, nunha actitude prepotente e fachendosa, descortés co equipo branquiazul e tremerosa e servil co vermellibranco. Sufrímolo en moitos partidos contra o Real Madrid ou Barça, pero non tiña idea de que o Girona tivese a vitrina chea de Champions e puidese condicionar así a un árbitro.

Pero é que Figueroa o entendeu todo mal. Entendeu cada loita polo balón por falta do Deportivo, entendeu cada xogador branquiazul coma un inimigo, entendeu cada protesta lóxica polas súas enésimas decisións inxustas como cartón amarelo, entendeu a reiteración de faltas dos visitantes como cousa normal e non punible, entendeu unha labazada de Stuani a un deportivista como unha anécdota do xogo, entendeu co tempo cumprido un comentario de Vicente Gómez (“Hoxe non te podo felicitar. Estiveches mal, mal.”) como unha grave aldraxe merecedora de cartón vermello. Sobre todo, Figueroa Vázquez non entendeu que vinte e cinco mil persoas non acoden a un estadio para velo a el, senón aos outros vinte e dous mozos vestidos de curto. Un árbitro que ten tres xogadas decisivas e se trabuca ten mala sorte. Un árbitro nesa actitude continuada, incompetente e prepotente durante noventa minutos é un bardallas e un perigo para o fútbol.

E non hai espectáculo futbolístico se o árbitro non quere.

Diría que é malo, pero daquela nos rotinarios lances do xogo (fóra de penaltis e xogadas decisivas de gol) prexudicaría aos dous equipos, pero só nos amolou a nós. O bo, que o Dépor o fixo todo contra un dos mellores equipos da categoría, pero rectificando a frase anterior, non hai Deus que gañe se o árbitro non quere. Chegamos a poñernos 2-0 , marcaron os xerundenses e volveron a meterse no encontro, pero por desgraza son un profeta de malas novas.

Vendo o despropósito do colexiado (ao meu carón sentaron dous rapaces árabes e fixeron un crash course de faltadas en español/galego e remataron apuntando á filiación materna do xuíz) díxenlle a miña compañeira de asento e sensabores futbolísticos que “Este FdP vainos inventar un penalti en contra”. E así foi, no 85′: pitoulle unha falta ambigua e leve a Montero fóra da área que tras consultar o VAR (polo pinghanillo, non foi ver a pantalla) trasladouna para dentro da área para asubiar pena máxima. Agardou para facelo rematando o partido. 2-2, resultado mesmo positivo contra un equipo moi potente e que mesmo asinaríamos antes de entrar no estadio, pero non despois de saír. Roubáronnos dous puntos, tiñamos que gañar e o rival non podía impedilo. Pero ese señor non quixo.

Pouco futbolístico que comentar. Partido moi tenso (grazas a Figueroa Vázquez), gustáronme Aketxe e Shibasaki, Bergantiños substituíu o mancado Somma e respondeu cun golazo, Mollejo hiperrevolucionado (e goleador, 1-0 dun suave calvorotazo ao pau oposto) e trocado por Fernando para evitar que vira a segunda amarela. Çolak mal, desatinado. Mujaid inmenso, o mellor, gañou tódolos cortes por carreira e de cabeza, fantástico. Montero pésimo. Inexperiencia e penaltis discutibles aparte, penso que o clube cometeu un erro retendo ao canteirán do Atlético e deixando marchar a Lambropoulos e non fichando a outro central. E con Somma mancado, temos que apandar con el. Non dá o nivel, nin con anteollos nin sen eles.

Quedemos co bo: nin os mellores de Segunda poden co Dépor sen axudas. A permanencia chegou estar a nove puntos por riba, e a sensación de que era imposible gañarlle a ninguén. Agora estamos cinco puntos por riba desa liña do descenso, e mirando a canto quedan os postos de promoción de ascenso. Eu vexo a permanencia por feita pero o segundo moi complicado. Pero claro, o Dépor fai movidas así. Para mal, e ás veces, para ben. Soñamos?

RC Deportivo: Dani Giménez; Bóveda, Mujaid, Somma (Bergantiños, min.9), Montero, Mollejo (Salva, min.46); Peru, Gaku; Aketxe (Vicente, min.86), Çolak; Sabin.

Goles: 1-0, min.17: Mollejo. 2-0, min.60: Bergantiños. 2-1, min.77: Stuani. 2-2, min.85: Stuani.

Curruncho de Maratón (11): UD Las Palmas, 2-1

RC Deportivo: Dani Giménez; Bóveda, Mujaid, Somma, Montero (Bergantiños, min.63), Mollejo; Peru, Gaku; Aketxe (Vicente, min.86), Çolak, Sabin Merino (Beauvue, min.70).

Goles: 1-0, min.18: Sabin. 1-1, min.67: Somma, en propia meta. 2-1, min.74: Bóveda

Seis de seis. Se nolo din hai mes e medio non o cremos. Pero seguimos o idilio, a lúa de mel, o amorío entre Fernando Vázquez, o plantel, a bancada e os resultados. Seis vitorias seguidas, cinco baixo a batuta de Fernando. Nos 21 primeiros partidos da liga colleitáronse uns paupérrimos 12 puntos. Agora en só media ducia de encontros, 18 puntos. O fútbol é incrible. E nas súas augas máis inverosímiles, para ben e para mal, navega o Dépor, navegamos nós.

Torre de Maratón, Estadio de Riazor by Fran Castiñeira on 500px.com

Considerando só este refacho, non foi o mellor Dépor, pero chegoulle para vencer. Oficio, orde e experiencia, cousas que se ausentaron no pasado recente. Con todo, o Dépor foi chegando ata o gol de Sabin Merino, incrible o deste rapaz, a gol por partido e leva catro. Pero os coruñeses apagáronse, repregáronse de máis, a UDLP mereceu marcar pero estragou as súas ocasións e se o partido rematase no descanso co 1-0, diría que a vitoria deportivista foi inmerecida.

A segunda parte foi outra cousa. Os nosos cedéronlle outra vez a posesión aos canarios, pero doutro xeito, controlando o partido, impedindo máis ocasións do rival e saíndo a trabar na contra. Porén, o fútbol non é moi cumpridor co tema da xustiza e os da illa empataron cun gol en propia porta de Somma. Mais os branquiazuis (de novo con raias horizontais, desafiando meigallos) apretaron e marcaron o 2-1 coa fe de Mollejo (unha vez máis) e a cabeza de Bóveda. Dobrete euskaldún. Incrible a loita do alopécico extremo propiedade do Atlético, moi bo partido de Merino e Aketxe, algo apagado Çolak, pero con Peru e Gaku amosan ser un dos mellores centrocampos da segunda.

Se cadra non vemos o final desta xeira de vitorias polo sistema de Vázquez: non lle importan as vitorias anteriores, como tampouco as derrotas herdadas no seu momento, o importante é este partido. Agora seguro que só está pensando na visita ao Alcorcón. E funciona.

Estadio de Riazor by Fran Castiñeira on 500px.com
Hoxe o clube agasallou os asistentes con estas camisolas.