Curruncho de Maratón (8): CD Tenerife, 2-1

Si, leron ben. O Deportivo gañou. Desde aquel día de Agosto, no primeiro partido de Liga (ao que non asistín) no que derrotou ao Oviedo. Ou sexa, na xornada 1ª e na 21ª, 19 partidos de derrotas vergoñentas ou empates paupérrimos, de xogo arrepiante, convulsión social, indignación, despoboamento progresivo das bancadas (8 mil onte, e moitos me parecen visto o visto estes catro meses) e incompetencia e erros sen fin cometidos a nivel extra e intradeportivo, na herba de Riazor e nos despachos da praza de Pontevedra. Todo rematou onte. É dicir, o xogo non mellora, a situación na táboa é dramática e imos de cabeza a 2ªB, os problemas sociais e económicos non marcharon, pero esta xeira demoníaca de resultados inédita na historia deportivista, rematou.

Viña tan cargada a semana que parecía que o partido perdía importancia, cando era vital. Unha entrada pésima en Riazor e xunta de accionistas catro días antes, que deixaron o presidente Paco Zas e demais directiva como interinos. Virán Fernando Vidal e os seus dentro dun mes, e de seguro que lles amosarán a porta ao adestrador (pésimos números do arousán, que en palabras propias fracasou no intento de erguer isto), ao DT Carmelo del Pozo e mesmo a varios xogadores, para facerlle sitio a outros novos. Con estes vimbios e cos protagonistas absolutamente queimados e con data de caducidade, poucos agardaban algo do encontro contra os canarios. Aínda por riba, mal tempo (entre os temporais Elsa e Fabien), as áreas do terreo de xogo feitas unha pataqueira despois do controvertido Bergantiños-Sevilla e a cesión non-pero-si do estadio aos carballeses por parte do noso clube. Así que con ese historial de fracasos e a resaca extradeportiva, a primeira sorpresa é que foramos ao partido. Nin sequera podiamos berrar “DIRECTIVA DIMISIÓN”, que xa o fixeran.

A segunda sorpresa foi a primeira parte do Dépor. Parecían outro equipo, non un equipazo, pero si un que sabe ao que xoga: presión alta, centro de campo valente e toque rápido aos de diante. Non era o Brasil do 70, pero con ese par de argumentos dominou incontestablemente ao Tenerife, unha escuadra que non está na UVI como a nosa pero que ten graves problemas. Permitímonos o luxo de errar un penalti e Santos marcou un golazo. Cero perigo por parte dos insulares. Unha rara sensación na bancada, xa esquecida de tempos mellores: a tranquilidade. A satisfacción. 1-0: veríamos a primeira vitoria da tempada? Así de fácil? Pois claro que non.

No segundo tempo, por desgraza, vimos o Dépor de sempre. Entregaron o partido, as bandas e o balón, e Sampedro volveu facer cambios aleatorios e absurdos. Un penalti estúpido outorgado por Montero (o canteirán do Atlético ao que lle estamos “fogueando”, en vez de facelo co noso propio canteirán Mujaid Sadick, que demostrou un rendemento mil veces mellor ca o pimpín dos anteollos e que porén papou os 90 minutos no banco – bravo, LC!) propiciou o 1-1. Os nosos, esfondados fisica e moralmente. E cando nos achegamos ao final con este inútil empate, a cabeza inesperada de Peru Nolaskoain espetou o balón na rede tinerfeña. Tolería, mans na cabeza, berros afogados de ledicia.

Eu non vía o problema nos 8 puntos que nos separaban da salvación. O problema era que esta banda de pixama a raias horizontais (un día falamos do bonito que é o uniforme deste ano, téñeno que estar vendendo como filloas) non era quen de gañar un partido, de marcar máis goles dos que levaba do rival. Todos o vían imposible, sobre todo os propios xogadores. Cada xogada custaba un mundo e para o rival todo era demasiado doado. Xa non. Pódese gañar un partido.

Agora, tres puntos no peto, vacacións de nadal e os mil problemas de sempre que seguen aí, pero achéganse cambios, moi profundos, a curto e a longo prazo. Xa veremos se abondan para salvarnos do descenso a 2ªB e, máis adiante, construír un clube do que podamos estar orgullosos de novo. Case nada.

Unha estampa que non tiña esperanza de revivir: un marcador final a favor e o equipo adicándollo á afección.

Curruncho de maratón (7): Real Zaragoza, 1-3

RC Deportivo: Dani Giménez; Mujaid, Lampropoulos, Somma, Luis Ruiz; Peru, Bergantiños, Vicente; Mollejo (Longo, min.64), Aketxe (Valle, min.46), Koné (Beto, min.46).

Desesperados. Os dezaséis mil e pico sufridores que vimos, outra vez máis, este esperpento. Os once que defenden as malditas por sempre raias transversais branquiazuis. O calvo do banco. Todos os deportivistas. Os da xunta directiva non o teño claro. Andan agochados embaixo dunha pedra, algo normal cando a incompetencia e a soberbia camiñan da man coa covardía.

O peor (xa pasando ao estritamente futbolístico) non é que o Dépor sexa un equipo arrepiante que xogue 90 minutos ruíns e perda 5-0 no descanso. O peor son os refachos de bo xogo, os primeiros vinte minutos da primeira parte e os quince da segunda, o gol marcado e o penal parado por Dani. Non: o peor son as farangullas que nos fan rexurdir a esperanza, ilusionarnos como idiotas e logo decepcionarnos. Varias veces por partido, ata os tres asubíos finais do árbitro.

O Dépor comezou dominando e creando perigo, pero aos vinte minutos, inexplicablemente e sen haber un feito traumático que o motivase (iamos 0-0), foise diluíndo, entregando a culler, deixando chegar aos maños e perdendo por riba o que amosaran nas últimas semanas: seguridade defensiva. Outra vez defendendo coma o esterco, outra vez un centrocampo esluído, e Luís César propoñendo arriba un sistema sen dianteiros e con dianteiros natos facendo calquera outra cousa. Resultado: centros á nada, contraataques dos aragoneses e ir perdendo 0-2 no descanso. Quince minutos de pausa nos que calculabamos como de grande ía ser esta (nova) debacle.

Pero Luís César fixo bos trocos, xa veremos se por bo criterio ou por casualidade desesperada. E funcionaron. Saíron Koné e Aketxe e entraron Beto da Silva e Borja Valle. E Beto tirou unha asistencia incrible que definiu Valle á perfección. Por que non antes, Sampedro. Sobre todo: que che fixo Beto para darlle tan poucas oportunidades, vendo o que hai na herba. Pero tanto ten o pasado. Comeza a remontada!

Pois non. Tras quince minutos moi bos retira o bo e eléctrico Mollejo (se ben non foi o seu mellor día, aquí somos mollejistas) e introduce a Longo, hoxe por hoxe un cadáver balompédico, cortando toda a progresión do equipo. Demostrado: os dous cambios de antes foran un acerto ás toas. O empurre do Dépor mingua, e pitan un penal en contra. Para sorpresa xeral, Dani párao, pero nin iso lle sobe a moral a este fato de homes derrotados. O terceiro dos maños non se fixo agardar moito.

Desesperante. Dani sobresaínte, detalles de Valle, Beto, Luís Ruiz e Mujaid, o resto para esquecer. Eu teño poucas esperanzas que este equipo gañe algún partido e, xa que logo, non descenda a Segunda B. O peor Dépor da historia, aí están as cifras.

Fan falta mudanzas económicas e estruturais a longo e medio prazo, e unha nova filosofía deportiva. Un novo Dépor. E a curto prazo, erguer este equipo e evitar o descenso cos poucos medios que quedan: fichaxes no mercado de inverno, probar xogadores do Fabril e seguramente un novo adestrador, apostas que polo xeral non saen ben. Sobre isto último, Luís César cáeme ben, pero penso que nin el se cre quen de sacar isto adiante. Negro, negrísimo.

Sen relación co anterior, pero que quede claro:

https://platform.twitter.com/widgets.js