Curruncho de maratón (5): Elche CF, 1-3

RC Deportivo: Dani Giménez; Mujaid (Galán, min.81), Lampropoulos, Montero, Salva; Bergantiños (Santos, min.71), Peru; Jovanovic (Valle, min.59), Aketxe, Mollejo; Koné

Un escritor (non son xornalista) ten pánico a unha cousa: escribir a mesma cousa, plaxiarse a si mesmo. E eu levo, desde que empecei a escribir estas crónicas, escribindo, ou describindo, exactamente a mesma desfeita cada dúas semanas, con diferentes rivais.

E esta non prometía. Luís César non atopou a tecla nas últimas xornadas, o equipo é o último de Segunda e a moral está polo chan, estou aquí un domingo ás 12 chovendo e con frío na vez de estar co meu fillo e muller nunha función de teatro infantil pasándoo pirata… Non prometía.

Se cadra vexo cousas que desexo ver, máis que a realidade. Se cadra vin un partido que os demais non viron. Pero non foi tan mal, no que atinxe ao xogo. Pero logo: erros nosos, inquina arbitral na nosa contra e mala sorte. “Xogamos como nunca, perdemos coma sempre”, dicía o outro. Puidemos gañar. Un gol de falta, un penalti parvo, outro que nos roubaron a nós, moita mala sorte.

A ver. O Dépor ten unha arrepiante falta de fútbol. Mesmo nos mellores momentos (o primeiro tempo contra o Elche), xoga á arroutada, sen creación de xogo nin centro do campo, ás veces con testosterona, pero sen fútbol. Mediapuntas sen visión de xogo, extremos que desbordan e centran a ninguén, xogadores que non se apoian e non saben por onde anda o compañeiro. Nolaskoain correcto, Bergantiñator mal, Aketxe unha desfeita, Mollejo do único salvable (do partido e da tempada)… Por liñas: o centro campo é o problema máis gordo, da dianteira falarei cando lle cheguen balóns (aínda que non lle vexo moitas brillanteces) e a boa nova, a defensa non está tan mal.

Si, levaron tres goles, pero ningún por erros parvos dos defensas, grande novidade. Un de libre directo, un penalti provocado por Dani e unha cagada de Aketxe (perda de balón inexcusable no peor momento e lugar, buscando empatar o 1-2), unha contra con todo o equipo vendido arriba. Lamprockenbauer asinou o seu mellor partido, Montero non meteu a zoca e a mellor nova foi o rapaz canteirán Mujaid Sadick no lateral, moi correcto.

Por rematar coa primeira das catro liñas: mal a portería, mal Dani Giménez, mal. Penalti parvo e erros e agasallos para o rival. Non sospeitaríamos que un dos nosos baluartes da tempada pasada, despois da incrible maldición dos porteiros da 17/18, estaría a un nivel tan decepcionante nesta.

Hai unha quinta liña: o adestrador. Evidentemente, non pido o seu cese e non o sinalo como primeiro culpable. Pero está ofrecendo demasiado pouco, só o mesmo esquema que fracasou con Anquela con leves cambios, como sentar a Gaku. Non abonda. Moitos do banco e do Fabril merecen unha oportunidade na vez que varios dos titulares que están estragando a súa.

A sexta é esa banda de terroristas da xestión deportiva que chamamos “directiva”. Cando un equipo é deseñado para o ascenso e tras moita irregularidade fai 7º, promoción e queda ás portas do mesmo, para o ano vindeiro quere cambios. Dixen cambios, non revolución total, iso foi unha insensatez que podía saír mal. E saíu. Vanse unha presa de xogadores, moitos a primeira división (tan malos non serían) e vén unha manchea de mediocridades. Somos 22ºs e non marcamos nin a porta baleira.

Volveremos dentro de dúas semanas, con vento, chuvia e frío e ningunha esperanza de que isto mellore e non caiamos ao pozo de 2ªB. Pero volveremos a Riazor, sen poder dar unha razón coherente á familia. Só que se isto mellora, nós queremos estar aí e ser testemuñas. Eu vexo o cambio cando sumemos dúas vitorias seguidas. Aí iremos, a Riazor, a agardar a primeira delas.

Quero que vos fixedes na bancada de abaixo. É Preferencia Inferior e non está cuberta. Estiveron caendo chuzos de auga case dúas horas sen interrupción. Malia o tempo, a hora e a desastrosa xeira do equipo e as nulas expectativas de mellora, varias ducias de seareiros viñeron ver o partido, baixo a incesante chuvia e o frío con chuvasqueiros e paraguas. Isto é o Dépor, señoras.