Curruncho de Maratón (2): CD Mirandés, 1-1

RC Deportivo: Dani Giménez; Bóveda, Lampropoulos, Montero, Salva; Bergantiños, Gaku (Nolaskoain, min.65); Galán (Santos, min.46), Aketxe, Mollejo; Valle (Longo, min.75).

Goles: 0-1, min.49: Marcos. 1-1, min.54: Mollejo.

Malia o tenaz orballo, o tarde que era (21h do domingo) e o deprimente xogo do equipo, 17000 persoas aturamos en Riazor o duelo contra o Mirandés.

Miranda de Ebro é a segunda poboación máis grande de Burgos despois da capital, uns 37000 habitantes. Caben uns 6500 deles no seu estadio. Dato curioso: non teñen xente dabondo para encher o seu estadio e mailo noso á vez, o de Riazor. O Mirandés, o seu clube, acaba de ascender e cando chegou a Riazor ía penúltimo. Mirei estes datos na wikipedia, e o do seu posto actual, na clasificación. Non sabía nin de onde viñan, perdoade a miña ignorancia.

Polo tanto xa sabemos o que é o Mirandés: un clube moi modesto, un equipo que aspira á permanencia e que con ese obxectivo ía guerrear en Riazor para rañar un punto contra un equipo de aspiracións moi superiores (o ascenso a primeira) pero metido en crise, nervios e ansiedade. Nesa mesma clasificación o Dépor estaba só un posto por riba dos do Ebro e cos mesmos puntos, así que mellor non ser soberbios.

Non sei se a situación está rebentando ou xa viña rebentada de antes. Se lle preguntan a calquera deportivista se esta enésima crise é por mor da inoperancia do adestrador Anquela, pola pésima planificación deportiva desta campaña (pretempada con 7-8 xogadores que deixarían o clube, para vir outros tantos novos a última hora), pola incomparecencia da directiva, polas malas arbitraxes (que tamén…) ou pola mediocridade e falta de actitude de boa parte dos xogadores, a súa resposta sería: “…Si”.

Así foi co Mirandés, un pequeno que sabía a que xogaba. Así foi co Dépor, que non. O centro de campo a seis quilómetros da defensa, preparados para saír ao pelotazo. A defensa, pola contra, teimando en sacar o balón en curto para desesperación do grego Lampro, que non deu unha certa. Nin dous pases seguidos, escaso perigo ante un rival moi pobre, xogadores desaparecidos, en atonía, transformada en pánico cando lles chegaba o balón e tiñan que tomar decisións. Só vin centrados e motivados a Dani Giménez e ao cedido Mollejo, que entendeu mellor de que vai isto do Deportivo nas escasas catro semanas que leva aquí ca outros que levan anos con estas cores.

Despois do lóxico gol dos burgaleses (desfeita da defensa) vimos a un depor entregado, sen xogo pero con empurre e calidade individual, dabondo para desbordar o rival. Empatou Mollejo e aquilo durou dez minutos máis, logo foi esmorecendo. Ata seren os de sempre.

Se entrase algún dos remates ou o árbitro vise dous penaltis ao noso favor e a cousa rematase en 2-1, diría o mesmo. O Dépor é un equipo indigno, deprimido, sen alma, agora mesmo e tal como reza a clasificación, parte do grupo dos catro peores equipos de segunda, os que descenderían a segunda B. Unha soa vitoria, contra o Uviéu na primeira xornada (levamos oito), que vai de colista. Unha desfeita.

Vai sendo hora de pensar que se está facendo mal e que se depuren responsabilidades. O primeiro que vai caer será Anquela, non vai ser esta semana pero o equipo non vai mellorar e el será o primeiro culpable. Sabe o demo quen virá, e tanto terá. Non lembro o último adestrador que comezou e rematou a tempada, e xa non digo cando menos comezar a seguinte. Unha dirección deportiva que trae xogadores para un tipo de xogo e un adestrador para outro, que prima cedidos, medianeiros a custo cero e vellas glorias aos nosos canteiráns e xogadores de aquí. Non aprendemos. Veremos nomes novos no banco e despois sobre a herba, pero arriba seguen os de sempre. E pasa o de sempre.