Curruncho de Maratón (1): Albacete B., 0-1

Abro aquí unha nova sección neste discontinuo blog que non ten seccións. Estreo, despois de tantos anos de migración, carné de socio do Dépor e apetéceme contar como vou vendo os partidos.

RC Deportivo – Albacete, 0-1.

RC Deportivo: Dani Giménez; David Simón, Lampropoulos, Montero, Salva; Bergantiños, Vicente (Beto, min.79); Mollejo, Aketxe, Galán (Jovanovic, min.63); Koné (Santos, min.59).

Goles: 0-1, min.76: Susaeta.

En cada deportivista hai dous. O cínico pesimista e resabiado por unha banda, e pola outra, o neno fácil de ilusionar ata o absurdo. O primeiro non oculta a súa indignación contra a enésima decepción, enruga o entrecello mesmo nas vitorias, nos seus tempos criticaba a Irureta, Djalminha ou Fran, como non vai agora criticar a estes, xogadores, adestradores, ninguén lle vale. E o outro, convivindo en incríbel harmonía co pesimista, di que somos o mellor equipo de segunda cando gañamos dous seguidos, ve un novo Makaay nese cedido que marcou dous goles en catro semanas, el é, somos, os que nos amoreamos para facernos socios e para sacar as entradas, malia todo, malia que a nosa metade resabiada desconfíe. Non somos de termos medios. O corazón sofre nesta bipolaridade, pero non se aburre, que é o que importa. Claro que un carácter atemperado e obxectivo tampouco se afaría á montaña rusa emocional que é este clube desde hai máis dun lustro.

Indo para o estadio, xa nolo advertiu un dos nosos acompañantes: “Non vos poñades nerviosos que somos un equipo en formación”. Non vin despois tal formación nin me prestou o que se estaba formando, pero o comentario veu polo da paciencia: boa parte do equipo é novo deste verán, e hoxe debutaron se non contei mal, catro, catro! novos xogadores no equipo, recén saídos do Calpita de Alvedro para o céspede de Riazor sen coñecer uns o nome dos outros e buscando “Coruna” en gúguel. E outra presa deles que marcharon: o impertérrito Mosquera, o pirotécnico Cartabia, o presidencial Pdr Schz, o cantautor Quique González… Gustoume a reencarnación de Derticya, Mollejo. “Karim Abdul-Jabbar” Montero non deu moita vergonza na retagarda, Aketxe vai ser o cerebro e corazón deste equipo, e sobre todo, o seu canón. O resto… eu que sei. Veremos. Polo de agora, cuarto partido: vitoria na casa co Uviéu (non asistín) e dúas derrotas fóra, un precedente nada esperanzador. Tocaba remontar ou afundirse. Non fai falta dicir que pasou.

Novedades para os vellos seareiros: a pausa para hidratarse nos minutos 30 e 60, imprescindible nos días solleiros da Coruña onde chegamos a uns tórridos 22ºC sempre e cando non pegue a sombra nin o nordeste. E o VAR, sobre todo o VAR, que chegou a Segunda División ou como corcio se chame agora. O VAR que nos deu un gol na primeira xornada, desta lle deu un penalti ao Albacete que só viu o colexiado. Mellor dito, non o viu, viuno o VAR, despois de rebobinar o VHS da xogada no punto xusto durante cinco longuísimos minutos, para o árbitro e para o resto dos que sufriamos no Municipal. Porén, non xulgou necesaria a súa axuda para anularlle un gol a Dertycia Mollejo. Gústanos a xente creativa no seu traballo, como este árbitro. Pero a ver se non nos toca a nós sempre.

Curiosidades: no Alba xogou Zozulia. Lembrades a Zozulia? Hai un par de anos o ucraniano foi fichado polo Rayo Vallecano pero abortouse a operación porque a afección vallecana vetouno por ser neonazi. Porque non vale todo, nin sequera no fútbol. Non marcou, non todo foron malas novas.

Falcatruadas aparte, arbitruchadas e mala sorte (dous balóns á madeira): pouco, moi pouco. Xogo moi superior aos manchegos, pero con poucas ideas, pouco perigo, moitos detalles pero sen continuidade. Se en vez do Alba vennos un candidato ao ascenso, píntanos un cadro. O canón de Aketxe e a inqueda e voluntariosa calva de Mollejo non abondan. Non merecemos perder pero así imos mal. Hai tempo, si. Xa veremos se hai fútbol. Si, Anquelotti, estamos a falar contigo, que Carmelo non nos colle o teléfono. A discusión ao volver é se o míster chegaría a Nadal ou non pasaría do Samaín. Imaxina rematar a tempada co mesmo adestrador coa que comezaches. Just imagine

Pero ese é o deportivista resabiado, o cínico. Logo está o iluso, tentando apreixarse de algo para volver ilusionarse, un mínimo para abrazar o optimismo. Pouco lle fará falta, pero necesita algo, un chisco. Esperemos, que non queda outra.

Advertisements