As cousas estranxeiras


Se entrades na miña casa sen coñecer moito a nosa historia non atoparedes de primeiras nada anormal ou fóra do ordinario. Se comezades mirar polo miúdo nos armarios e polas nosas cousas (o cal sería de bastante mala educación, pero ben, sodes os meus convidados) descubriredes cousas que veñen de “alá”, da Alemaña. Mellor dito, de Alemaña vimos nós, as cousas trouxémolas. As cousas son estranxeiras, pero non o eran cando as mercamos: os estranxeiros eramos nós.

Non pararei, para non aburrir, nos mobles, decoración e demais cousas máis ou menos permanentes. Refírome ás cousas de consumo, funxíbeis, que aínda temos despois de dous meses de abandonar aquel país. Comida (non fresca, claro, pasaron dous meses), produtos de hixiene, de limpeza e cousas polo xeito. Todas viven un proceso continuo que se vive en todas esas casas: eses produtos remátanse, desbotamos o envase ao lixo e compramos outro produto equivalente no súper do barrio. Substituímos un produto etiquetado en alemán por outro, máis familiar (para ti, visitante lercho), con etiquetado en español. Porque é raro mercar algo etiquetado en galego, pero esa é outra historia.

Nas nosas reservas xa non hai definitivamente Milch, Butter, Käse ou Zahnpasta, e a cambio xa temos leite, manteiga, queixo ou pasta de dentes. Podemos atopar Senf, Duschgel e Thunfisch, pero xa conviven cos seus irmáns galegos mostaza, xel de ducha e atún. Chegará un día que todos estes funxíbeis xermánicos se rematen, e que só atopemos cousas mercadas aquí, nada exóticas. Daquela teremos que recorrer a outros indicios, como detalles da decoración ou a pequena manchea de libros que trouxemos de alá para descubrir linguas estrañas e intuír que os donos da casa estiveran algunha vez nas Xermanias.

Non sei se tamén iremos trocando as lembranzas daquela longa época con vivencias novas, as desta segunda etapa na nosa terra. É un cambio radical, pero non cabe falar de adaptación. Somos de aquí, non esquecemos como eran as cousas e a vida deste país, nin o bo nin o malo, e ademais e a diferencia dos emigrantes a outro continente do século pasado, o contacto coa nosa sociedade e cultura foi constante. Con todo, pasamos o día comparando todo o de “aquí” e o de “alá”, ás veces gañamos co cambio, ás veces alá era mellor, outras veces, empate, sinxelamente é distinto. Pero iso non se percibe desde fóra. Só que somos xente de aquí vivindo aquí. Os nosos apelidos xa non son os “raros” da caixa de correos, e casan ben cos dos veciños.

Isto pasarase, supoño, se cadra cando estes envases en alemán vaian caendo ao lixo. Pasarase o de comparar, o de seguir sentíndome “inmigrante” ou “estranxeiro” ou “alleo”, como se tivese algo raro e mo fosen descubrir. Pasarase. Somos retornados, e a emigración foi unha parte longa e intensa da nosa historia e é imposible de obviar ou agochar, pero será un detalle dunha familia funcional e típica “de aquí”, de feito xa o estamos a ser case sen decatarnos. A nova rutina desde que chegamos dáme vértixe cando as repenso “desde fóra”, coa cabeza aínda “alá”, como as novas casa, traballo, gardería do cativo, etc., pero precisamente a rutina é a que vai tinxindo todo de normalidade, o Señor Tempo é o que acaba por poñer todo no seu sitio. E a nós púxonos aquí de volta. Queda moito por camiñar, pero ese paso está dado, xa foi.

Volvemos á mesma terra da que saímos, pero non é a mesma, o tempo pasou, á xente que deixamos pasáronlle cousas. Xa o sabíamos. E non importa, importa o agora. Penso no noso fillo: naceu alá, pero iso só será unha anécdota, medrará aquí sen lembrar nada daquel país, será un neno de aquí, logo un rapaz, un mozo, un home de aquí. Seino porque vivín o mesmo. A vida fóra marcou a lume aos seus pais, pero non a el.

En fin. Estamos ledos de volver. O último envase alemán rematará no lixo e a nós só nos importará o aquí e agora, aínda que a memoria perdure. Por nós.

E por vós, que demo. Facíamosvos de menos. E xa non queremos facer de menos, non queremos máis morriña. Nunca máis.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s