Hai cousa dun mes estivemos por segunda vez na rexión italiana do Tirol do Sur. Curiosamente fomos os dous o ano pasado (concretamente a Ritten – Renon) e este ano fomos tres, xunto co Samuraiciño, recente socio do clube da humanidade, desta volta á cidade de Brixen. Fermosa terra, que xunta o mellor de Italia co mellor do mundo xermano. Encaixada entre os Alpes e os Dolomitas, ten paisaxes fermosísimas e boas pistas de esquí, para quen lle guste, que aquí son moitos.
(Inciso innecesario: de postadolescente agasalláronme o exitoso libro Onde te leve o corazón, de Susanna Tamaro. Disque de todos os libros podes tirar algo bo, mesmo dos máis ruíns. A novela era do peor, pero aprendín dela que había un anaco de Italia que falaba alemán, para a miña sorpresa).
O Tirol é unha rexión histórica que pertencía de sempre ao Imperio Austrohúngaro, agás pequenas interrupcións. Trala Primeira Guerra Mundial a parte sur do Tirol foi invadida polo estado italiano, quedando o Tirol esgazado entre dous estados, Austria e Italia, ao norte e ao sur do paso alpino de Brenner. No Tirol do Sur a cultura e lingua xermana situouse en inferioridade diglósica fronte á italiana. Fixádevos que é desde hai só un século, un período curto en termos de historia europea. Pero en cen anos pasan moitas cousas.
Trala ocupación italiana, procedeuse á “italianización” da rexión, no administrativo, educativo, toponímico e mesmo no demográfico, favorecéndose o establecemento de italianos doutras rexións. Italianizáronse todos os nomes de lugares en base a un libro de Ettore Tolomei, nacionalista italiano, o Prontuario dei nomi locali dell’Alto Adige. Con esta guía, escrita antes da invasión (para que vexamos que tiñan as ideas claras do que ían facer) substituíron todos os nomes xermánicos de lugares por cadanseu italianismo inventado, ás veces baseándose no antigo topónimo latino (Sterzing – Vipiteno), as máis das veces dun xeito burdo, engadindo unha vogal ao final (Meran – Merano, Bozen – Bolzano, Bruneck – Brunico), traducindo máis ou menos ao chou (Oberbozen – Soprabolzano, Klausen – Chiusa) ou inventando calquera cousa (Brixen – Bressanone, Klobenstein – Collalbo). E comezando polo propio nome da rexión, de Tirol do Sur (Südtirol) a Alto Adige, un nome meramente xeográfico (o Adige é un río) e que ignora deliberadamente a identidade histórica da rexión. Estes neotopónimos trapalleiros, inventados por Tolomei, son hoxe cooficiais cos auténticos.
A represión endureceuse durante o fascismo. Aparte dos lugares, o alemán desterrouse dos xornais, os oficios, a administración e os tribunais, mesmo traduciron os apelidos da xente. Os surtiroleses fundaron Katakombenschulen, as Escolas das Catacombas, escolas subterráneas clandestinas onde podían aprenderlle aos nenos a súa lingua nai, o alemán.
Tralo remate da II Guerra Mundial acordouse que o Tirol do Sur permanecese na República Italiana, pero a condición de que se respetaran os dereitos das tres comunidades lingüísticas por igual. Creouse a nova rexión autónoma do Alto Adige-Trentino, con amplas competencias. Isto non impediu que xurdira un terrorismo (o BAS) que defendía a anexión da provincia a Austria. O movemento reunificador abandonou hai tempo a loita armada, pero hoxe o seu sector máis radical está animado por Viena, onde cogoberna a extrema dereita austríaca. Con todo, o partido dominante é o Popular do Sur do Tirol, rexionalista conservador.
A provincia vive unha innegable paz entre as dúas grandes comunidades culturais e é posta de exemplo de convivencia lingüística no exterior. Ademáis, a economía sorrí e cóntase entre as rexións máis ricas de Italia.
Na provincia autónoma do Tirol do Sur falan alemán sobre os dous terzos do seu medio millón de habitantes, un claro retroceso desde a ocupación italiana, mais o obxectivo fascista de borralo do mapa quedou lonxe de cumprirse. Pensade no galego, como aturou cinco séculos de represión. O alemán tirolés non leva nin 100 anos de diglosia.
O ensino está separado por linguas, con inmersión lingüïstica na natural do neno (alemán ou italiano), cursándose obrigatoriamente a outra. A resultas disto a poboación é bilingüe, independentemente da súa escolla lingüística. Os surtiroleses contan cun 70% de falantes de alemán, un 25% de italiano (case todos nas cidades, sobre todo en Bozen) e un 5% de ladino, nas pequenas zonas de Gröden e Gadertal, onde o ensino é trilingüe. O ladino é unha póla do retorrománico (parente do que é oficial en Suíza no cantón de Graubunden-Grisóns), un dialecto moi conservador do latín. Ten uns 20000 falantes.
Toda a cartelería está en alemán e italiano e así tamén os documentos administrativos, turísticos… Cabe dicir que outra diferencia na diglosia de aquí co catalán, euskera, etc., é que o alemán é unha grande lingua de estado e de cultura, a primeira de Europa en falantes, e que Austria e Alemaña fan valer a súa influencia para que non sexa reprimida a este lado da fronteira. Por iso nos convenceron que o galego non tiña naaaada que ver co portugués, porque só e illado se defende un peor. Pero ese debate, para outro día.
Como xa apuntei, a rexión é fermosísima. Cidades medievais, paisaxes alpinas, paraíso de esquiadores, alpinistas, camiñadores e cicloturistas, estupendas pizzas, café, pasta e viño, pero tamén embutidos (o Tiroler Speck, un xamón do país, é o seu tesouro), cervexa e carne. Boa parte dos visitantes veñen de Alemaña e Austria, polo que case están como na casa: fala alemana, cultura parecida, paisaxe alpina, pero ollo, con máis horas de sol.







Os Kastelruther Spatzen (os Pardais de Kastelruth, Tirol do Sur) son un dos grupos máis vendidos de lingua alemá. Fan unha mistura comercial de música tradicional e Schlager, música lixeira para ouvidos pouco esixentes. Sen entrar en valores musicais (non son os Zeppelin, e se entendedes os textos, tampouco son Dylan), a canción Tränen der Dolomiten (As bágoas dos Dolomitas) lembra as crueis batallas nas montañas entre austríacos e italianos na I Guerra Mundial, que remataron coa submisión do Tirol do Sur a Italia. E se lle quitades o son, veredes unha boa colección de paisaxes dos Dolomitas.
Outro grupo surtirolés que canta en alemán, Frei.Wild, é dos grupos de rock con máis éxito na xermanía. Non os vou poñer aquí. A razón menos importante é que están ligados a movementos identitarios e de extrema dereita. A máis importante é… que son malísimos. Mellor quedamos cos “Pardais”:
One thought on “O Tirol do Sur”