Morreu Blogaliza

Se nos poñemos fríos, serios e circunspectos, a nova non nos dará mágoa. O proxecto, os blogues como se entendían antes e a blogosfera galega, o maremágnum coñecido como Blogomillo, hai tempo que desapareceron, quedando algúns farrapos, heroicos, pero testimoniais. Pero non somos fríos nin serios, e a cousa dános nostalxia, é inevitable.

Volvamos atrás, hai máis dunha década. Tiñamos por primeira vez internet estable e ganas de usalo. Medraron e multiplicáronse o número de blogs en galego, de toda caste, literarios, artísticos, políticos. Unha moda, si, pero moda bonita. Visitabámonos entre nós, facíamonos comentarios, promocionábamos as nosas cousas. Primeiro pinchando nos blogues que ligabamos no noso, logo nos agregadores RSS como Google Reader, que tamén desapareceu. Volvendo atrás, vexo aí a grande diferencia: os comentarios, o debate.

0393243001274457508-un-dos-anteriores-logotipos-da-blogaliza
Un dos anteriores logos de Blogaliza. Fonte: Artigo en Vieiros… medio tamén desaparecido.

Certo é que se acusa ás redes sociais de asasinar os blogues, pero é que usabamos os blogues tamén para o que hoxe se utilizan as redes sociais: viralizar algo, amosar as fotos das nosas viaxes, reproducir unha imaxe, un chiste, un vídeo visto noutra parte. Se aquilo estaba ben feito antes en blog, non vexo por que criticalo cando se fai en Facebook, Instagram ou Twitter.

No caso de Galiza e da expresión en galego, xurdiu unha rede-nube-marea heteroxénea de blogues no noso idioma, e cubriron o déficit de medios de comunicación galegos e en galego, é dicir, non só na nosa lingua, senón tamén da nosa perspectiva, da nosa cosmovisión. No cumio deste movemento, no 2003, Goretoxo (Pedro Silva), ideou un hosting para blogs en galego, Blogaliza. Moitos fixeron o seu primeiro blog ao seu abeiro, outros moitos migraron o seu blog xa existente doutros aloxamentos (WordPress, Blogspot, Blogalia…). Lembro o divertido de “customizar” o teu curruncho de internet, un curruncho teu, da túa propiedade, para as túas cousas. Non teño esa sensación de propiedade coas miñas contas en RRSS.

No seu cumio, Blogaliza aloxaba 28000 blogues en galego, pouca broma. E non contamos a manchea de blogs galegos que non estaban en Blogaliza. Non había escritor galego, consagrado ou afeizoado, que non tivese un blog de seu, sen contar artistas, xornalistas, políticos… Eu mesmo, migrara de blogspot e fundara Chove en Ningures (ningures.blogaliza). Aí fixemos amizades virtuais e das outras, démonos a coñecer, coñecemos a outros que non coñeceríamos doutro xeito. Cando un sacaba un libro, un poemario, gañaba un premio de relato, era un descoñecido ata que alguén recoñecía: “Ai, si, ti escribes no blogue tal!”. Ata os xornais se apuntaron á moda.

Foi bonito, pero rematou. Como xa dixen, os blogues perderon a meirande parte da súa clientela, a que busca algo lúdico na rede. Compartimos memes no FB, fotos no IG, vídeos no Tubo, chistes, novas e opinións políticas no TW. O blog quedou para textos máis extensos que ninguén quere ler. Existen blogues, por suposto, e algúns (máis no ámbito do español) moi seguidos e celebrados, pero son máis expositores de contido, logo multiplicados polos espellos das redes sociais. É outra cousa, perdéronse os comentarios por likes, loves, corazonciños e polgares para riba.

Vou reprimir a nostalxia. Anos atrás Blogaliza foi quedando inoperante, mesmo a nivel técnico, deixamos de entrar nas páxinas dos outros e de actualizar a nosa. Eu mesmo din o paso de abandonar o meu Blogaliza e facer isto que estás lendo, un site en wordpress con dominio propio. É un blogue, pero non como se entendía antes. Sei que se non o publicito isto nas redes sociais, ninguén entrará a ler este artigo. Blogaliza botará o peche mañá 25 de Abril, e con el os blogs aló almacenados, a non ser que os donos entren e fagan unha copia de seguridade. Eu xa o fixera e abrin unha copia do Chove en Ningures en plan museo, que non se actualizará, porque aquilo é o pasado e estivo ben, pero xa pasou.

Se cadra nos pasa cos blogs como con todo de cando eramos (máis) novos: a música era mellor, e as películas, as tapas, os bares e os gintónics. Mentira, nós eramos mellores, máis novos e queríamos comer o mundo. Pero esa efervescencia de creación en galego merece un brinde.

Así se despide:

25 de abril

Blogaliza foi un soño no tempo, unha illa na rede, un criadeiro de blogs destinado a permitir a comunicación e expresión persoal e libre.

Blogaliza foi unha Zona Temporalmente Autónoma, pero agora toca voltar á oscuridade, disolverse na neboa para que outras iniciativas poidan xurdir da reorganización das enerxías dispersas.

De aqui nun mes, o dia 25 de abril de 2018, Blogaliza pecha as suas portas.

Ata entón tes tempo para facer copia dos teus contidos, exportar, migrar, gardar os devezos desdes doce anos de actividade blogueira nunha caixa de bolachas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s