A Loxia dos Mariscais e como evitala

Hoxe falaremos dun lugar de Múnic que non me gusta moito, quero dicir, esteticamente, aínda que para gustos, etcétera. Atopámola no límite da Cidade Vella (Altstadt) coa zona universitaria, concretamente na praza do Odeón (Odeonsplatz), moi transitada. A praza está aberta á Ludwigstrasse polo norte, se miramos para esta de fronte teremos á dereita unha parte do inmenso pazo real bávaro, a Residenz, e á esquerda a fermosa Igrexa dos Teatinos. Demos a volta, coa cara dirección centro da cidade e as costas viradas á Ludwigstrasse. Aí está. A Feldherrnhalle ou Loxia dos Mariscais.

Odeonsplatz, Neve - Snow
A Feldherrnhalle e á súa dereita a igrexa dos Teatinos (Foto miña)

Évos unha especie de pórtico de tres arcos coas estatuas de dous mariscais de campo bávaros, dous leóns e outra estatua central, alegoría de Baviera. É unha imitación da sonada Loggia dei Lanzi de Florencia e foi erixida polo rei bávaro Lois I na época dourada da arquitectura muniquesa, en 1844, cando Baviera era un reino independente e Múnic a súa próspera capital. O monarca tentou “pechar” así a pouco harmónica Odeonsplatz, e se cadra a deixou peor que antes. Lois I construíu boa parte do que é hoxe o Múnic monumental e tamén cousas bastante tolas como o Walhalla de preto de Regensburg, do que falei hai moito, ou a Sala da Liberación de Kelheim. Pero nada comparado ás extravaganzas do seu neto Lois II “o Rei Tolo”, o perpetrador do castelo de Neuschwanstein e outras insensateces, pero non nos desviemos da historia.

León e héroe - Lion and hero
A Feldherrnhalle de noite (foto miña)

A historia que quería contar parte de dous turistas, eu calculei que da India ou de Oriente Medio, que me pediron en inglés que lles tirase unha foto diante do monumento en cuestión, alí na Odeonsplatz. Cando lles devolvín á cámara, un preguntoume, sorrindo e en ton confidencial, se aquela cousa a fixera Hitler. Eu lles contestei sinxelamente que non, que era máis antiga, e calei a verdade: se o fixera o Hitler hoxe non ía quedar del nin a borralla.

Pero mirade, pescudando un pouco, a pregunta do turista oriental non carecía de todo de sentido: este foi un lugar emblemático do nazismo. Tampouco o título deste artigo: se andades por Múnic non tedes ningún motivo para evitar este lugar e dar un rodeo, pero naqueles tristes anos si que o había.

Resumindo a historia, Adolf Hitler comezou a súa carreira política (por chamarlle dalgún xeito) en Múnic. O 9 de Novembro de 1923 ergueu o seu famoso “Putsch” ou o “Golpe de Estado da Cervexaría”, xa que foi na famosa cervexaría Bürgerbräukeller onde encirrou os seus fieis e se ergueu contra a República de Weimar. Os seus tempos non eran chegados e a revolta fracasou aos pés dos leóns da Feldherrnhalle. A policía detivo a marcha dos fascistas na Odeonsplatz, morrendo trece deles e mais catro axentes. O golpe foi abortado e Hitler, detido. Foi xulgado cunha condea benévola, e toda esta historia non fixo máis que incrementar a súa popularidade e a do seu movemento, unido á crise e declive da República.

A historia segue como sabedes. O austriaco do bigodiño e os seus nazis tomaron o poder en Berlín en 1933, e desta vez foi en serio, ata que perderon a Guerra Mundial e deixaron o país e media Europa aniquilados. Neses anos escuros a Loxia dos Mariscais converteuse nunha sorte de altar nazi, unha homenaxe permanente aos trece caídos no Putsch, agora “Testigos de Sangue do Movemento”.

Bundesarchiv Bild 183-S11292, München, Ehrenmal in der Feldherrenhalle
Monumento aos trece nazis caídos no Putsch na Odeonsplatz. Bundesarchiv, Bild 146-1978-004-12A / Hoffmann, Heinrich / CC-BY-SA 3.0 [CC BY-SA 3.0 de], via Wikimedia Commons
Cada nove de Novembro había unha homenaxe a eses “heroes”, presidido polo Führer en persoa. En dúas destas ocasións houberon de matalo en senllos atentados, pero saíu ileso. O primeiro, na homenaxe na Loxia do 9 de Novembro do 1938, tentoulle disparar o suízo Maurice Bavaud, sen éxito. Na véspera do mesmo acto do ano seguinte, o 8 de Novembro de 1939, estouraba unha bomba na Burgerbräukeller, a mesma cervexaría onde se iniciara o Putsch. Alí tiña lugar un mitin nazi onde falaría Adolf Hitler, e durante as semanas anteriores o metódico e paciente Georg Elser introducira unha bomba de reloxaría, peza a peza, montándoa nos baixos do local. A terrible detonación levou a vida de moitos nazis por diante, pero sorpresivamente Hitler acurtara o seu discurso e xa abandonara o local cando estourou a bomba, salvando a súa vida. Non a salvaron nin Bavaud nin Elser, arrestados e executados.

Bundesarchiv Bild 183-E12359, München, Adolf Hitler vor Feldherrenhalle
11 de Novembro de 1939. Hitler homenaxea na Feldherrnhalle aos mortos do atentado da Bürgerbräukeller, tres días antes. Bundesarchiv, Bild 183-E12359 / CC-BY-SA [CC BY-SA 3.0 de], via Wikimedia Commons
Alén dos actos dos nove de Novembro, a Loxia dos Mariscais de Odeonsplatz era un lugar de culto diario e permanente dos nazis, custodiado polas SS. Para desgusto dos muniqueses de boa fe, calquera que pasara por diante do pórtico estaba obrigado a facer o saúdo nazi, como reverencia aos caídos, baixo ameaza de rematar no cercano campo de concentración de Dachau. Algo moi molesto, xa que era un lugar de paso importante.

Captura de pantalla 2017-12-02 a las 00.53.22
Situación da Viscardigasse/Dückebergergasse, detrás do Pazo Preysing (a Feldherrnhalle estaría diante). Imaxe de Google Maps.

Así que os muniqueses que non querían ter que escoller entre o saúdo nazi ou visitar Dachau, comezaron a evitar a Feldherrnhalle e a praza de Odeón, dando un rodeo por unha rúa traseira, estreita e discreta, a Viscardigasse. Esta ruela foi coñecida popularmente comoa Drückebergergasse, termo de difícil traducción: rúa da deserción (do nazismo, enténdese), do escapulirse, do rodeo, do “escaqueo”. Ignoro se os nazis eran tan parvos para non decatarse de que o tráfico enteiro peonil da grande praza do Odeón se estaba desprazando a un pequeno rueiro, ou se cadra non quixeron decatarse.

2010-11-09 Neue Gedenktafel
Homenaxe aos catro policías mortos no Putsch. By Michael Lucan, München (Own work) [GFDL or CC BY 3.0], via Wikimedia Commons
Trala derrota do nazismo e a restauración da zona histórica, os símbolos e monumentos nazis foron eliminados e a Loxia dos Mariscais retornou á súa imaxe orixinal, a que idearan os arquitectos dos tempos do rei Lois I. Ademais, unha praca rememora os sanguentos enfrontamentos do día do Putsch, pero de xeito inverso ao que quería Hitler: figuran os nomes dos catro policías que morreron enfrontándose aos nazis. Malia todo, o lugar tamén é emblemático para neonazis na actualidade, e o lugar sufriu varios asaltos por grupos de indesexables, sobre todo os 9 de Novembro. Espero que non evitemos a súa visión indo pola rúa de atrás, e enfrontemos o problema na propia praza. É nosa, xa non lles pertence.

Theatinerkirche
Un dos leóns da Feldherrnhalle vixía a Igrexa dos Teatinos

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s