Hoxe falaremos dun lugar de Múnic que non me gusta moito, quero dicir, esteticamente, aínda que para gustos, etcétera. Atopámola no límite da Cidade Vella (Altstadt) coa zona universitaria, concretamente na praza do Odeón (Odeonsplatz), moi transitada. A praza está aberta á Ludwigstrasse polo norte, se miramos para esta de fronte teremos á dereita unha parte do inmenso pazo real bávaro, a Residenz, e á esquerda a fermosa Igrexa dos Teatinos. Demos a volta, coa cara dirección centro da cidade e as costas viradas á Ludwigstrasse. Aí está. A Feldherrnhalle ou Loxia dos Mariscais.

Évos unha especie de pórtico de tres arcos coas estatuas de dous mariscais de campo bávaros, dous leóns e outra estatua central, alegoría de Baviera. É unha imitación da sonada Loggia dei Lanzi de Florencia e foi erixida polo rei bávaro Lois I na época dourada da arquitectura muniquesa, en 1844, cando Baviera era un reino independente e Múnic a súa próspera capital. O monarca tentou “pechar” así a pouco harmónica Odeonsplatz, e se cadra a deixou peor que antes. Lois I construíu boa parte do que é hoxe o Múnic monumental e tamén cousas bastante tolas como o Walhalla de preto de Regensburg, do que falei hai moito, ou a Sala da Liberación de Kelheim. Pero nada comparado ás extravaganzas do seu neto Lois II “o Rei Tolo”, o perpetrador do castelo de Neuschwanstein e outras insensateces, pero non nos desviemos da historia.

A historia que quería contar parte de dous turistas, eu calculei que da India ou de Oriente Medio, que me pediron en inglés que lles tirase unha foto diante do monumento en cuestión, alí na Odeonsplatz. Cando lles devolvín á cámara, un preguntoume, sorrindo e en ton confidencial, se aquela cousa a fixera Hitler. Eu lles contestei sinxelamente que non, que era máis antiga, e calei a verdade: se o fixera o Hitler hoxe non ía quedar del nin a borralla.
Pero mirade, pescudando un pouco, a pregunta do turista oriental non carecía de todo de sentido: este foi un lugar emblemático do nazismo. Tampouco o título deste artigo: se andades por Múnic non tedes ningún motivo para evitar este lugar e dar un rodeo, pero naqueles tristes anos si que o había.
Resumindo a historia, Adolf Hitler comezou a súa carreira política (por chamarlle dalgún xeito) en Múnic. O 9 de Novembro de 1923 ergueu o seu famoso “Putsch” ou o “Golpe de Estado da Cervexaría”, xa que foi na famosa cervexaría Bürgerbräukeller onde encirrou os seus fieis e se ergueu contra a República de Weimar. Os seus tempos non eran chegados e a revolta fracasou aos pés dos leóns da Feldherrnhalle. A policía detivo a marcha dos fascistas na Odeonsplatz, morrendo trece deles e mais catro axentes. O golpe foi abortado e Hitler, detido. Foi xulgado cunha condea benévola, e toda esta historia non fixo máis que incrementar a súa popularidade e a do seu movemento, unido á crise e declive da República.
A historia segue como sabedes. O austriaco do bigodiño e os seus nazis tomaron o poder en Berlín en 1933, e desta vez foi en serio, ata que perderon a Guerra Mundial e deixaron o país e media Europa aniquilados. Neses anos escuros a Loxia dos Mariscais converteuse nunha sorte de altar nazi, unha homenaxe permanente aos trece caídos no Putsch, agora “Testigos de Sangue do Movemento”.

Así que os muniqueses que non querían ter que escoller entre o saúdo nazi ou visitar Dachau, comezaron a evitar a Feldherrnhalle e a praza de Odeón, dando un rodeo por unha rúa traseira, estreita e discreta, a Viscardigasse. Esta ruela foi coñecida popularmente comoa Drückebergergasse, termo de difícil traducción: rúa da deserción (do nazismo, enténdese), do escapulirse, do rodeo, do “escaqueo”. Ignoro se os nazis eran tan parvos para non decatarse de que o tráfico enteiro peonil da grande praza do Odeón se estaba desprazando a un pequeno rueiro, ou se cadra non quixeron decatarse.
