A desmemoria

Onte houbo eleccións en Alemaña ao Bundestag, o Parlamento nacional que decide quen rexirá o goberno do país nos vindeiros anos, isto é, o canceler. Canceleira, porque non houbo sorpresa e Angela Merkel ostentará o cargo uns cantos anos máis no país no que resido. Velaí vai unha pequena análise, dun leigo en política e dun xeito absolutamente subxectivo.

Resumindo os resultados: como se levaba dicindo meses, Merkel (a CDU, conservadores) gañou sen apuros, pero non arrasou, é máis, desgástase. En parte, tamén por mor do pinchazo dos seus socios conservadores bávaros, a CSU. Desta volta, a súa diletancia Merkel Si / Merkel Non, apoio e crítica segundo dea o vento, castigounos. Noxenta a deriva dos conservadores bávaros, máis preocupados de acadar o voto xenófobo que de construír algo. O seu dominio sobre o estado máis rico de Alemaña segue sendo férreo, pero vense as gretas.

Aos socialistas (SPD) só lles queda o consolamento de que desta vez foron co mellor candidato posible (Martin Schulz, ex-presidente da Comisión da UE) e pouco máis: acadaron os peores resultados da súa historia. Razóns: o afundimento xeral da socialdemocracia europea (Francia, PSOE…) e que a SPD participara no último goberno merkeliano (a “Grande Coalición”). Xa que logo, as súas críticas á canceleira teñen pouco percorrido: se hai un problema, son percibidos como parte del, non como a solución.

Por atrás, os Verdes mantéñense, a FDP (Liberais, como Cidadáns pero con máis historia) recupérase e os Linke, a esquerda da esquerda, segue aí. Tal e como está o patio, Merkel precisa outra vez dunha coalición: ou ben cos socialistas ou ben cos Verdes e mailos liberais. Nada novo.

Captura de pantalla 2017-09-26 a las 00.50.36
FONTE: Spiegel. Gaña Merkel pero baixando. Os socialistas seguen a súa caída, os partidos “pequenos” mantéñense e irrompen os extremistas da AfD.

Pero a nova é a irrupción por primeira vez dun partido de extrema dereita no Bundestag, Alternativ für Deutschland (AfD), xenófoba e eurófoba, populista e reaccionaria. Nada menos que un 13% dos votos, a terceira forza do parlamento, e a primeira da oposición se os socialistas entran no goberno.

Que pasou en Alemaña? Primeiro, o contexto das eleccións. O favoritismo de Merkel era inmenso, e as alternativas diluíronse, o electorado notou o tedio e faltoulle a motivación. E por outra banda hai unha parte que está anoxada, moi indignada, cansa de que lle digan que as cousas vaian ben cando para eles non é así. Alemaña segue a ser unha das grandes locomotoras económicas europeas e mundiais. O seu superávit exportador é enorme, as súas grandes empresas (automoción, químicas, financeiras…) dominan o mundo. O paro caeu e hai máis demanda de profesionais cualificados en moitos sectores da que se pode cubrir.

Pero, a que prezo? A desigualdade económica disparouse, cada vez máis xente malvive malia ter un emprego ou varios, mentres moitos xubilados non son quen de seguir pagando coas súas pensións uns alugueiros desorbitados, tendo que buscarse un dos famosos minijobs. O ensino é gratuíto, incluíndo o universitario, e porén só acceden ao ensino superior os fillos de clase académica e acomodada. É dicir, é moi probable que o fillo dun médico ou enxeñeiro remate na universidade, mais se é fillo dun electricista a súa carreira será unha sucesión de cambadelas para que escolla unha formación profesional ou algo menos cualificado. E os impostos? Cada vez máis, e máis gravosos para os menos favorecidos, e pola contra menos gasto social (sanidade, infraestruturas, etc.). E un custo da vida (enerxía, combustible, comida, transporte, e por riba de todo e ante todo: a vivenda) ao ritmo dos máis ricos e do que marquen os especuladores, esmagando aos de abaixo. Todos sabedes que un médico ou un enxeñeiro poden acadar aquí máis de 3000 €/mes para comezar, pero poucos saben que na rica Alemaña hai soldos de 500 €/mes ou menos por xornada completa, cun prezo da vivenda absolutamente demencial nas grandes cidades… que é onde hai traballo. No “Macro” o país vai de cine, no “micro”, a xustiza social, vai de mal en peor. Alemaña está rompéndose, e Merkel non o quere ver.

Polo tanto esta desigualdade está a crear unha grande masa de alemáns que senten que están a “perder o tren”, que hai un benestar e unha bonanza que non os inclúe, que están pagando unha festa á que non están convidados. Xente que traballa duro (ou xa non, pero que traballou toda a súa vida) pero que non lles vale de nada. Ou mozos que non poden traballar, xente que perde continuamente nivel de vida e está supeditada a axudas sociais. Este é o caldeiro onde pesca a extrema dereita. Onde pescou a AfD o que non deron pescado os neonazis da NPD na última década. Porque estes son uns skinheads pailarocos sempre a moverse na sombra da ilegalización por apoloxía do nazismo. Os AfD son moito máis intelixentes. Ben, non moito, son racistas, pero algo máis si. É dicir, estes partidos agrupan a unha boa masa de idiotas, pero tamén a xente empurrada por unha realidade inxusta que atopa aquí unha solución e unha esperanza. Erradamente.

image-1168676-860-galleryfree-qtro-1168676
Frauke Petry, a candidata de AfD, non tivo problema para utilizar a imaxe do seu propio bebé recén nacido para fins electorais.

Non hai país máis hostil legalmente coa extrema dereita ca Alemaña. Aquí vas ao caldeiro por levar ou posuír unha bandeira nazi, esvásticas, negar o Holocausto ou saudar ao “Sieg Heil”, aínda que sexa piada. O exame de conciencia foi profundo e doloroso trala derrota na 2ªGM, en comparanza por exemplo con Austria, máis cómplice que vítima do nazismo. Os partidos e grupos neonazis son sistematicamente ilegalizados. Iso vetou a súa entrada na vida política, por exemplo co partido extremo NPD, pero non a eclosión do neonazismo, sobre todo nos estados do Este. Engado que a desigualdade da que falei tamén é rexional: a Reunificación da RFA coa RDA foi un calote e unha decepción, unha absorción do Este por parte do Oeste coas regras de xogo deste último, na que ademais se desvertebraron as estruturas económicas e sociais do comunismo sen poñer nada a cambio. As industrias pecharon e a mocidade quedou a mercé da emigración cara o oeste ou de subsistir coa beneficencia. Aquí renace o nazismo, aquí estoura a xenofobia en Lichtenhagen en 1992 e aquí, nestes estados, é a AfD a segunda forza. En Saxonia, a primeira. Curiosamente, os estados onde a inmigración é menor.

E dálle que dálle coa procreación e o racismo. Unha muller grávida (supoño que non será outra vez a propia Petry) e o eslogan: “Novos alemáns? Facémolos nós mesmos”. Que sutil.

Neste caldo, merkelismo sen albiscarse cambios, desigualdade e combate entre a memoria do que pasou co nazismo e a xenofobia, comeza medrar Alternativ für Deutschland. Fundado hai seis anos como partido eurófobo (contrario á UE e ao Euro) e conservador, os acontecementos virárono a un partido xenófobo, radical e contrario ao establishment da democracia alemá, o que lle fai gañar simpatías entre os descontentos.

pegida-galgen
Forcas preparadas na manifestación de Pegida para Siegmar Gabriel (SPD) e Angela Merkel. Adorables, non? Fonte: Die Zeit, foto © Hannibal Hanschke/Reuters

A crise dos refuxiados foi a mecha que fixo estourar o racismo en moitos puntos de Alemaña. Non crealo, xa estaba alí, enlarvado. Acollidos con xenerosidade nun principio por Merkel (a Roma o que é de Roma) pero con escasa organización e visión de futuro, proporcionoulles aos radicais os “inimigos perfectos”. Non podían ser outra vez os xudeus (demasiado poucos na Bundesrepublik actual) nin os turcos (demasiados, e xa moi integrados): os inimigos eran os refuxiados, os musulmáns, os terroristas. En Dresde naceu a Pegida para “defender” (segundo eles) a “Patria” dos “invasores” islámicos, “terroristas” (que veñen fuxindo precisamente dos terroristas, pero os racistas non gustan de matices) e os “traidores” dos gobernantes. “Wir sind das Volk”, “Somos o pobo”, berran, como dicindo, “Vós non, sodes traidores”. A AfD foi lista dabondo para absorber ese discurso da carraxe pero sen arriscarse a levar eles mesmos as faixas nas manifas, que rematan sempre con cantos nazis. Negan ser neonazis, mais absorben sen complexos movementos radicais como os “identitarios”, nacionalistas radicais, antisemitas e racistas. Por fóra teñen a imaxe de Frauke Petry, a súa lideresa: radical contra a “vella política”, ideas poucas pero claras, determinar culpables das cousas malas e aportar solucións (inmigrantes fóra, prohibir o islam, volver ao marco alemán e pouco máis). Por dentro: o racismo de sempre e un discurso máis sinxelo que o mecanismo dunha chancleta. Pero funciona.

Non importan os feitos nin a realidade, senón a percepción da xente. A nova extrema dereita rexeita á prensa convencional (“Lügenpresse“, prensa mentireira) e intoxica as redes sociais con novas falsas (atrocidades cometidas por musulmáns malos malísimos, que son agachadas polo poder e a prensa) que se espallan coma o cancro sen ningún control, e son cridas por quen quere crelas. A versión xermanofacha das fake news.

Non me preocupa intrinsecamente a AfD. Son demasiado parvos para manter o seu propio partido unido (Petry abandoa o grupo parlamentario da AfD) e non poderían gobernar con éxito nin unha comunidade de veciños sen levala ao colapso. Preocúpame máis ese sentimento, esa masa de xente que pensa que todo é culpa dos refuxiados e os estranxeiros, que ten nostalxia dunha sociedade que non existiu e que traga con discursos tan simples. Ese desfavorecemento, esa desigualdade que facilita estes fenómenos que só poden enxendrar cousas terribles. Xa o vivimos, xa o sabemos. Pensabamos que en Alemaña non, que aquí non prendería esa lacra, porque se fixera un bo traballo para ter presente o acontecido no pasado. Trabucámonos.

Os nazis hai 90 anos eran un partido con representación inferior á actual da AfD. Pero logo veu unha crise económica, e pasou o que pasou. Lembrémolo.

20160821_0099
Fuck AfD. Non esquezamos que o 87% dos votantes alemáns rexeitaron ese lixo. Foto en Flickr de Mike Powell aka Elektrollligazón e licenza.

LEER ESTE ARTÍCULO EN CASTELLANO

Advertisements

One thought on “A desmemoria

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s