Neuperlach, un barrio

Neuperlach é o barrio onde vivo e apetecíame escribir sobre el. Precisamente, porque non o atoparás na túa guía de Baviera ou da cidade de Múnic. Aquí non hai monumentos, aquí non se coroaron emperadores nin reis nin se erixiron catedrais, nin tan sequera houbo unha revolución popular. Éche un barrio, sen máis, e para un estraño na capital bávara, aquí non hai nada que ver nin hai nada polo que vir. Porén, aquí rematamos tras unha ardua busca de vivenda, aquí levamos máis de un ano e aquí, causalidades da vida, vai nacer o noso fillo. Non creo que duremos moito porque pensamos mudarnos (o noso futuro e minúsculo compañeiro de piso ten a culpa), pero Neuperlach é o noso presente.

Solpor e arco da vella- Sunset and rainbow

Situémonos. Neuperlach é un grande barrio do sur de Múnic, que en tempos era “extrarradio”, pero que a cidade medrou tanto en extensión que agora é case céntrico. En vinte e poucos minutos accédese ao centro histórico e a todos os puntos importantes da cidade. Consta en boa parte de grandes bloques de vivendas que, a diferencia das nosas cidades, non conforman mazás e rúas, senón que deixan espazos baleiros entre eles, formando colonias. O bo é que eses espazos baleiros están axardinados, abondando as zonas verdes, parques e paseos con árbores. Vexo mesmo esquíos correndo polas beirarrúas. Así que o barrio é unha curiosa mistura de monstros de formigón e cristal emerxendo entre xardíns e avenidas. Para uns coruños coma nós, nada que obxectar: estamos afeitos aos edificios e medramos cun déficit de zonas verdes, que aquí hai en abundancia.

(Inciso: insisto no dos bloques de vivendas porque é algo moi normal na nosa cultura urbana, pero non na centroeuropa rica. Os alemáns como Helmut detestan os edificios de vivendas, todos anceian vivir nunha casiña con xardín para os nenos e facer churrasco, garaxe para o BMW e casiña para o can. Se este plan falla, Helmut conformaríase con residir nunha casa de vivendas, dous andares como máximo e xardín comunal. As torres de vivendas son para os inmigrantes. Pero non podes montar unha cidade de 2 millóns de habitantes e que todos vivan nunha casa individual co xardín. Asúmeo, Helmut).

Hai varias empresas importantes con sé en Neuperlach: Siemens, Allianz, Generali, Wacker… Hai un grande centro comercial, o PEP, varios máis pequenos, supermercados, unha biblioteca municipal bastante mal fornecida, un centro cultural público con teatro e actividades, un parque enorme (o Ostpark) e varios máis pequenos, mesmo unha fraga (a de Trudering), unha piscina municipal, un centro de acollida de refuxiados e o seu muro da vergoña, colexios, institutos, etcétera. Entre o formigón, moita xente que aboia ás tardiñas e falan idiomas pouco xermánicos: turco, árabe, serbio, polaco, italiano, romanés… galego. Só nós, pero é algo. Unha grande parte dos meus veciños teñen orixe migratoria. E contra o de facer alternativas de lecer e culturais xoga a arma de dobre fío da boa comunicación co centro histórico de Múnic: a menos de media hora están os teatros, cines e discotecas. O que incrementa a sensación de que o bo empeza cando se sae dos límites da veciñanza.

IMG_0985.jpg
A factoría da Siemens en Neuperlach. Detrás vense os Alpes, malia estaren a un par de centos de quilómetros ao sur.

IMG_20170513_180209_526

Tamén hai cousas que non hai. Cines, teatros (fóra do centro cultural), iniciativas comunitarias culturais, cafetarías fóra do centro comercial, bares de noite, librarías, pequeno comercio non pertencente a grandes cadeas, ou en resumo, cousas que facer aparte de traballar e mercar e consumir no centro comercial. Tampouco busquedes monumentos e historia: aquí todo ten cincuenta anos como máximo, que é o aniversario que celebrou o barrio hai pouco.

Como moitos outros barrios de grandes cidades europeas, Neuperlach ideouse a fins dos 60 dunha vez sobre plano para aloxar á crecente poboación urbana (Entlastungsstadt, cidade de descarga, chamárono). Así foron agromando os inmensos bloques nos anos 70 e 80. En Francia chámanlles banlieues, en alemán, Vorstädte. Suburbios para dar acubillo aos milleiros de persoas que estaban a chegar á cidade. Os bloques foron sendo ocupados por xente traballadora de orixe sobre todo estranxeiro, sobre todo de Turquía e do Este de Europa. “Pedimos man de obra, e viñeron persoas”, dixo Max Frisch. Eu non estaba aquí e non falo do que non sei, pero o Novo Perlach pasou ser dun lugar rural e despoboado a ser bestialmente urbano, e inmediatamente devir nun “punto social candente”: problemas de integración nas escolas, delincuencia, drogas… eu non estaba, insisto, pero sóame a historia. Hoxe en día Neuperlach é máis seguro ca moitas veciñanzas máis “centrais”, pero o estigma permanece, e malia non manifestarse en forma de violencia e delincuencia, os problemas de integración son un feito.

Solpor nas fiestras - Sunset on windows

Hoxe en día o veciño neuperlacheiro típico ten orixe migratoria, pero de segunda ou terceira xeración. A diferencia do emigrante galego en Alemaña dos anos setenta e oitenta, estes non regresaron á súa patria e agora viven aquí os seus fillos e netos, moitos co pasaporte alemán. Lin nunha reportaxe que un mestre tiña unha aula con quince nenos de dezaseis nacionalidades, xa que algún podía ter dúas ou máis. Eses nenos están esgazados da patria dos seus avós, e malia todo non son vistos como “verdadeiros alemáns”, e un sistema clasista lles porá, por exemplo, mil cambadelas para avanzaren nos seus estudos. A diferencia de rapaces que acceden a estudos universitarios en barrios como Neuperlach en comparación con outros “máis brancos” é escandalosa. Non creo que sexa todo culpa súa, ou dos pais.

Cacho artistas hai en #Neuperlach #Munich #Múnic #München #Graffiti #Mural #urbanart #arteurbano

A post shared by Fran Castiñeira (@kastanienwald) on

Volvendo ás xeracións de emigrantes, non lin estudos sobre o feito, pero dubido que Neuperlach siga sendo un punto de chegada. Por que? Porque como xa contamos un día, o grande problema social e económico de Múnic é a vivenda. Hai pouca e o prezo dispárase de ano en ano. Neuperlach está preto do centro urbano, as vivendas son de calidade se ignoramos a estética e o distrito non é unha excepción a esta suba de prezos, polo que está a ser abordado, malia a súa sona de gueto, por habitantes de maior nivel económico. Como a famosa xentrificación, pero sen necesidade de poñer librarías-café e tendas de muffins: a burbulla inmobiliaria abonda para disparar os alugueiros. No exterior, nada cambia, pero no interior, vai ser duro para os veciños de vello que non teñan a vivenda en propiedade. Inclúonos neste lote. Nós buscamos un apartamento máis amplo para a descendencia vindeira, e moito temo que nos vai tocar vivir máis lonxe da Marienplatz, e do meu traballo, o que me amola bastante máis.

Gueto, Neuperlach? Nin eu que levo quince meses aquí, nin os visitantes temporais que coñecemos temos esa sensación. A Roma o que é de Roma e estereotipos fóra. É un barrio moi tranquilo, sen incidentes, relativamente limpo, de xente traballadora e en xeral moi aberta e amable, falando sempre desde a miña experiencia persoal e subxectiva. Pero os estereotipos pesan, e Neuperlach soa a ese ghetto boy vestido de rapeiro, que fala un argot urbano, escasa cultura, pel morena e comportamento asocial (“Asis“, chámanlles, de Asozialen). Non son prexuízos locais contra Neuperlach, senón clasismo, criminalización e ridiculización da clase obreira e, por moitas veces, xenofobia e racismo. Daría para unha tese, pero isto non o é.

Hai certa costume cos carros de compra dos supermercados que me ten fascinado e que non vin noutro lugar en Alemaña. Este é un lugar moi alemán na súa concepción, pero no fondo, lonxe da perfección alemá. E gústame.

Un dos nosos lugares preferidos é, contiguo a Neuperlach (o “Novo Perlach”), a veciñanza de Perlach ou Altperlach (o “Vello Perlach”). Se definimos a Neuperlach como un inmenso barrio novo e construído da nada, Altperlach é unha pequena vila bávara antigamente afastada de Múnic pero que logo foi fagocitada pola cidade, pero non devorada nin dixerida. Conserva o seu carácter vilego, algunhas casas bávaras de séculos de antigüidade, festas populares, a igrexa e o regato de Hachinger Bach. No medio da urbe e a poucos metros de todo o que describín arriba. Hai esperanza.

IMG_20170313_161844_816IMG_20170806_200649

Despídome cunha celebridade de Neuperlach, un alemán que quixo ser latino e petouno na década pasada versionando o Mambo nº 5 de Pérez Prado: Lou Bega. Se nunca o bailastes, ou sodes moi novos ou tedes horchata nas veas.

Algunhas ligazóns:

Advertisements

One thought on “Neuperlach, un barrio

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s