Kehlsteinhaus, o Niño da Aguia, o chabolo de Hitler

22-IMG_20170626_142853
Kehlsteinhaus, Berchtesgaden (Baviera, Alemaña). O “Niño das Aguias”

Andei pola fermosa bisbarra de Berchtesgaden de vacacións, no sureste de Baviera, ao pé dos Alpes e á carreira dun can de Salzburgo e Austria. Alí hai unha visita case obrigada, entre o morbo, o interese histórico e a visita turística pura, xa que é un sitio precioso: a Kehlsteinhaus, o curuto dunha montaña onde Adolf Hitler se fixo un chabolo, o Niño da Aguia. O lugar ben merece unhas liñas.

Existe a crenza de que esa casa (a da foto), no cumio da montaña Kehlstein (1881 m de altura) fíxoa Hitler para trazar os seus plans maquiavélicos, mentres desfrutaba do aire da montaña. Non é exactamente así, aínda que tampouco é mentira de todo. Por partes.

Mal ano - Bad yearPor unha banda, as casas-pousadas nos cumios das montañas parécennos unha idea moi tola e exótica, pero son moi comúns nos Alpes, primeiro como refuxio de pastores e montañeiros e logo adaptadas á hostalaría como restaurantes. Esa casa en concreto xa existía dende o século XIX, con diferentes donos e denominacións. Durante a ditadura foi adquirida polo Partido Nazi, para ser agasallada ao Führer, Adolf Hitler. Non só iso, senón que se construiu unha estrada desde a base, un túnel de 124 m de longo en horizontal e mais un ascensor dourado, para ascender sen esforzo ao cumio outros 124 m en vertical. Unha obra inxente e disparatada, deseñada por Martin Bormann e na que morreron 14 obreiros.

Hitler converteu a pousada nunha “Casa de Té” para recibir as súas visitas diplomáticas. Todas as visitas estaban escenificadas paso a paso: impresionándoas coa subida, para dar ó escuro túnel, o ascensor dourado e logo a casa do cumio, coas súas impresionantes vistas, desde o lago Königsee ata o val de Berchtesgaden. Déronllo polo seu 50º aniversario. Non me digades que non é un detallazo. Sobre todo cando os que morren por excavar a montaña son outros.

Túnel de Kehlsteinhaus
Túnel cara o ascensor.
Bundesarchiv Bild 183-H12478, Obersalzberg, Münchener Abkommen, Vorbereitung.jpg
Hitler recibe a Chamberlain. Von Bundesarchiv, Bild 183-H12478 / Unbekannt / CC-BY-SA 3.0, CC BY-SA 3.0 de, Link

Este percorrido fixérono dous primeiros ministros de Gran Bretaña, Lloyd George e Chamberlain, este último previo ao asinamento do Tratado de Múnic, no que Checoslovaquia tivo que cederlle ao Reich os Sudetes, a cambio de non iniciar unha guerra… por un tempo. Tamén acolleu entrevistas con embaixadores, incluído o da España de Franco, o Marqués de Magaz, ou o primeiro ministro de Austria, para ameazalo e chantaxealo previamente á Anexión (Anschluss) de Austria, coas consecuencias que todos coñecemos. É un lugar crave para entender a historia de Alemaña e Europa naqueles escuros tempos.

Agora veñen as contradicións: estade atentos. Alemaña está salpicada de “casas de Hitler”, porque cando era Führer recibíaas de agasallo dos lambecús de turno: corporacións locais do Partido, concellos, etc. (Exemplo: a Casa Vermella de Passau), inmobles que na súa vida Adolfo visitou poucas veces ou ningunha e que trala derrota na guerra foron demolidos ou ocultados polos aliados para evitar o “turismo nazi”. Este non é o caso, dada a magnitude de feitos históricos que alí aconteceron. Con todo, Hitler detestaba a casa: os rumores dicían que padecía vertixe e que odiaba as alturas, e toda a idea lle parecía perigosa, porque era un lugar desprotexido ante posibles bombardeos ou raios (en serio). Só subía cando viñan esas visitas estranxeiras, en total, non máis dunha ducia de veces, e non máis de media hora cada unha. Pero tamén lemos que pasaba moitísimo tempo en Berchtesgaden (daquela, Obersalzberg) e que era case o seu cuartel xeral despois da capital Berlín. Como se explica isto? A resposta é sinxela: “ABAIXO”.

Efectivamente, Adolfiño non paraba no curuto da montaña, que é un bo lugar para tomar unha cervexa mirando a paisaxe (un té, no seu caso, detestaba o alcohol), pero pouco aconsellable para pasar longas tempadas, xa non digamos con mal tempo. Onde montou o seu chiringuito foi máis abaixo. Os nazis adquiriron a pousada de Berghof, e toda a bisbarra circundante de Obersalzberg. Mercaron todos os terreos aos propietarios, e se non aceptaban, expropiábanos e mandábanos ó campo de concentración de Dachau. Unha comunidade tradicional enteira de pastores e labregos foi expulsada das súas terras, que se convertiron nun xigantesco acuartelamento nazi.

Hitler fixo de Berghof a súa residencia de verán e desde aí trazou plans, leis, batallas e falcatruadas. Xa ía por Obersalzberg de vacacións antes de ser Führer, pero a unha residencia moito máis modesta. Arredor do Berghof, un terreo firmemente custodiado polo exército, pechado ó público, con cuarteis das SS e Gestapo, búnkers e túneis de emerxencia para unha posible resistencia e fuxida, aínda que, como sabedes, morreu no seu búnker de Berlín. E, por suposto, a montaña e a casa de Kehlsteinhaus. En Berghof pasaba as súas vacacións (a paraxe é idílica) e se ese refugallo humano foi feliz nalgures, foi en Berghof, unha paraxe idílica e á vez firmemente protexido polos seus. E no político e militar, se os seus ministros Göbbels, Himmler e compaña necesitaban algo do seu Führer, tiñan que emprender unha longa viaxe ata o sur do país.

Bundesarchiv B 145 Bild-F051673-0059, Adolf Hitler und Eva Braun auf dem Berghof.jpg
Con Eva Braun en Berghof, 1942. Fonte: Von Bundesarchiv, B 145 Bild-F051673-0059 / CC-BY-SA, CC BY-SA 3.0 de, Link
montage-magda
Unha asidua en Berghof que visitaba decote a Adolfiño era a por entón famosa actriz Magda Schneider, que tiña casa en Schönau am Königsee, moi preto. Tamén co seu bebé Romy, nacida no 38. Si, Romy Schneider, a inesquecibe actriz de Sissi Emperatriz. Ten un museo á beira do lago Königsee (Romy, non Magda), onde viviu de nena. Fonte: páxina, á súa vez tomado dos arquivos do INA.
csm_Farbpostkarte00k_1d89afddeb
Todo o acuartelamento de Obersalzberg, incluída a casa Berghof (nº1). Fonte: Dokumentation Obersalzberg
Postal Berghof
Postal co Berghof de Hitler, e as casas de Bormann e Göring. Fonte: Dokumentation Obersalzberg

Vídeo familiar de Hitler no Berghof filmado pola súa compañeira Eva Braun. Aquí o tedes pasándoo pirata nas montañas, recibindo visitas nunha pousada-gasthof bucólica e riquiña, sen aprezarse que estaba protexido por unha fortificación militar inexpugnable. Sen aprezarse tampouco, que Europa ardía en guerra e millóns de persoas morrerían en campos de concentración. Pero non aquí.

Sempre se fala do Niño das Aguias ou Kehlsteinhaus e nunca do Berghof, cando foi neste último lugar onde Hitler se calcula que morou a terceira parte do tempo da súa triste ditadura, uns catro anos en total. Por que? Inflúe o feito de que Kehlsteinhaus se conservou ata os nosos días, pero non o Berghof.

Bundesarchiv Bild 183-2004-1202-502, Obersalzberg, Hermann Göring, Adolf Hitler
Hitler e mailo seu ministro Göring no Berghof, facendo cousas de nazis. Atribución: Bundesarchiv, Bild 183-2004-1202-502 / CC-BY-SA 3.0 [CC BY-SA 3.0 de], via Wikimedia Commons
Hitler animal
Non teño nin idea se isto foi en Berghof, pero a imaxe sempre me fixo moita risa. E estupor. Fonte: By AdrianDrozdek (Own work) [CC BY-SA 4.0 (Link), via Wikimedia Commons
Que pasou trala derrota nazi?

Os aliados bombardearon e tomaron o acuartelamento de Obersalzberg. Aínda por riba, os nazis prendéronlle lume na súa retirada. A casa do cumio, o túnel e o ascensor de Kehlsteinhaus, porén, quedaron intactos.

Stars & Stripes & Hitler Dead2.jpg
De US Army – Stars and Stripes, the official US Army magazine, Gemeinfrei, Link

Nos anos da posguerra o recinto foi administrado polo exército estadounidense, que ademáis o promocionaba como posibilidade turística entre os seus oficiais. Nos primeiros anos cincuenta retiráronse e cedéronlle a zona ao Estado Federal de Baviera. No traspaso de poderes acordaron a voadura das casas de Hitler (Berghof), de Göring e Bormann. Os restos dos edificios militares nazis que quedaban foron destruídos e a zona reforestada. Quería evitarse o “turismo nazi”, de simpatizantes de extrema dereita, nostálxicos do Reich ou historiófilos morbosos.

Porén, os americanos viron as posibilidades turísticas da casa de Kehlsteinhaus e conservárona, e gustaron de chamarlle o Eagles Nest, o Niño das Aguias, un nome que gañou popularidade en todos os idiomas malia non ser nin un topónimo tradicional do lugar nin terse usado nunca na época nazi, pero que aumentou a categoría de lenda da casa do cumio. De feito, os EEUU teñen boa parte da responsabilidade de que este lugar sexa popular en todo o mundo.

Só é posible chegar arriba con autobuses que parten dunha base onde se edificou un Centro de Documentación  no 1995 para os interesados na historia, onde se poden entrar en parte dos búnkeres (eu non fun). Efectivamente, esa base dos autobuses está onde estaba o acuartelamento nazi, pero hoxe non queda nada deste. Tralo traxecto en bus pola estreita estrada de montaña que construira Bormann para o seu Führer, éntrase camiñando polo túnel e sóbese no ascensor. Arriba, por fin, a casa de Kehlsteinhaus, ou se o preferides, o Niño das Aguias. É só un restaurante cheo de turistas, cunha minúscula exposición que explica un pouco a sórdida historia do lugar naqueles anos. Pero o atractivo da casa, daquela e hoxe, son as impresionantes vistas, 200 km. á redonda, desde o lago Königsee, o monte Watzmann e o macizo Untersberg, ata albiscar as montañas de Salzburgo, xa en Austria.

Kehlsteinhaus - Pano

Vista desde Kehlsteinhaus

Evidentemente, o lugar ten un valor natural intrínseco impresionante, se acadamos esquecer o seu uso nos anos trinta e corenta. Pódese mesmo subir camiñando desde a base, pero llo recomendo só a expertos montañeiros con boas pernas e seis horas libres para o ascenso. Mesmo sen esquecer eses datos, un tamén se pode interesar en aprender algo máis sobre a historia. Pero non se pode obviar certo dilema moral. Pódese desfrutar dunha gorentosa cervexa de trigo e desfrutar dese entorno espectacular, e pódese defender dicindo que a casa xa estaba aí e que Hitler non fixo as montañas nin a paisaxe, e que só se aproveitou delas. Pero dubido que tivese tantos turistas (incluído eu, hipocrisías as xustas) se non fora por ter sido de certo xeito “a casa de Hitler”. Pero poucos coñecen, ou mellor dito, a poucos lles interesa que ese espectacular túnel e ascensor foi construído a costa de traballo seguramente escravo e vidas humanas, e que Hitler aborrecía dese sitio e que vivía máis abaixo. E que ese “máis abaixo” foi invadido polos nazis tan só porque a Adolf lle gustaba o sitio antes de ser Führer, e que os seus habitantes foron expulsados das súas casas para sempre para que Adolf e os seus nazis estiveran a gusto. Vale que non foi a barbaridade máis grande que fixeron eses malnacidos, nin sequera estaría no top dez, pero para Obersalzberg foi unha traxedia, non unha beizón que lles ía traer turismo décadas máis tarde.

 

Königsee from Kehlsteinhaus
Vista do lago Königsee a carón do monte Watzmann, desde o cumio de Kehlsteinhaus.

As autoridades alemás son sempre exemplares na divulgación da súa ditadura e o traballo coa súa memoria histórica, nin comparalo co caso de España. Pero neste caso, non sei se se deron os pasos axeitados, como derrubar unha casa e deixar a outra porque “é bonita” e “atrae turismo”. Aínda que descoñezo a solución, que dubido tamén que sexa pechala ou destruíla. Sobran cumios e montañas en Berchtesgaden, e esta é a máis visitada, por algo será. Sexa pola súa beleza, sexa polo horror que agacha. Pero cada quen, que tome as súas conclusións. A visita paga a pena, cando menos.

Atribución das imaxes: As fotos históricas, a debidamente indicada ao pé das mesmas. As actuais de Kehlsteinhaus son da miña autoría e premendo na imaxe pódese ver a fonte das mesmas no meu espazo en Flickr.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s