Xa sei que son pesado cos posts de fútbol, e xa non digamos cos de fútbol alemán. Pero isto, por achegamento, apetecíame escribilo. A ti lelo, non sei.
Hai moitos anos, antes mesmo de eu sequera pisar Alemaña, o amigo Romeiruga andou por Múnic e tróuxome de lembranza unha bufanda futboleira, “do equipo de Múnic”. Eu non recoñecín as cores celestes e brancas da miña única referencia balompédica daquela lonxana cidade bávara, e inquirín: “Do Bayern de Múnic?”. E el contestoume: “Non. DO OUTRO”. O “Outro” é, e seguirá a ser, o TSV 1860 München.
É difícil atopar un club tan á sombra de outro, tan sometido ás comparacións e tan condenado a ser derrotado nas mesmas. Se Múnic fora Madrid, o Bayern sería o Real e o 1860 non sería o Atlético, senón o Rayo Vallecano ou aínda menos. Atoado na segunda Bundesliga, con perennes problemas económicos e sen casa propia, todo produto da fatalidade, dos reveses do fútbol moderno e, tamén hai que dicilo, dunha nefasta xestión nas últimas décadas.

Porque os Leóns están feridos, e deprimidos, pero lamben as súas feridas lembrando a súa historia. Foron campións da Bundesliga en 1966, e tiveron a súa época dourada nos anos sesenta, onde gañaron unha Copa de Alemaña (tiñan outra do 1942) e chegaron á final da Recopa. Pero, como se tivese relación inversamente proporcional, apareceu o FC Bayern. Os seus veciños, de mediocre palmarés ata 1969 (unha liga nos anos 30), eclosionaron nos anos setenta con aqueles Beckenbauer, Maier, Hoeness e Gerd Müller. Gañaron ligas e Copas de Europa e construíron intelixentemente o club que son hoxe: o máis poderoso de Alemaña, o Rekordmeister, e uns dos primeiros do mundo. Non caen simpáticos. Tampouco o pretenden.
https://www.instagram.com/p/BSl44TagGM0/
(Enriba, os afoutos gañadores da Bundesliga en 1966. Equipazo. Fonte premendo na imaxe)
E o 1860? Comezou nos setenta unha montaña rusa con máis baixadas ca subidas. Só cinco anos despois do campionato perderon a categoría, e tras varios ascensos a primeira sen consolidarse nesta, retiráronlles a licenza no 1982 por débedas e trapalladas financeiras variadas, probando o fel da Bayernliga, a división Rexional. Con este panorama, vendo os seareiros o seu querido club pasar ser do primeiro da cidade, por riba do Bayern, a ser uns ninguén por campos de terra mentres os veciños se convertían en emperadores, o máis difícil é erguerse. E fixérono. En 1994 regresaban á Bundesliga, e quedarían dez anos. E nada mal. Participaron dúas veces na copa da UEFA e unha na Champions, e venceron varios derbis contra os malditos veciños da Säbener Strasse. Dende o 2004 penan outra vez na Segunda Bundesliga, e outra vez (ou sempre é a mesma vez) con mágoas económicas. No 2011 fíxose dono do equipo un inversor xordano bastante fantasmón e antipático, Hasan Ismaik.
Recapitulando, este modesto equipo muniqués ten unha liga e dúas copas, participacións nas tres copas que había no continente (que morriña da UEFA e da Recopa) e xogadores como (nas últimas décadas) Rudi Völler, Hässler, Jeremies, Abedi Pelé, Martin Max (dúas veces pichichi defendendo o escudo do León), os irmáns Bender e ata Davor Suker veu por aquí no luscofusco da súa carreira
Jens Jeremies, futuro internacional, defendendo a camisola dos Leóns fronte o Bayern. No 1998 ficharía polos eternos rivais. Non foi obstáculo para que no 2000 os 60er gañaran o derby muniqués… con gol de Jeremies. En propia porta. O Deus Fútbol ten sentido do humor.
O FC Bayern é o equipo máis seguido de Alemaña e unha verdadeira relixión en Baviera. Os apoios do 1860 fóra dos lindeiros de Múnic son escasos, mesmo en Baviera, pero dentro da cidade deixan a súa pegada os seus 20000 socios, fieis ás cores contra toda lóxica, torcendo para “o outro”, sabendo que non vai erguer nunca unha Champions e o outro club da cidade si. As súas simpatías espállanse por toda a cidade, sobre todo onde as antipatías “dos de vermello” medran (o FCB é o equipo oficioso da CSU, o partido conservador que goberna Baviera desde a fin da guerra).

Outra cousa que rechama é que os 60er son case uns homeless, un equipo sen casa. Calquera seareiro diría que a súa casa é o estadio municipal de Grünwald, no barrio popular de Giesing. Por desgraza, tiveron que deixalo para xogar no Estadio Olímpico, ó non reunir o de Grünwald as condicións que marcaba a federación alemá para a primeira ou a segunda Bundesliga. Logo o Bayern e o 1860 construíron xuntos o imponente Allianz Arena, un estadio Champions que serve de fogar a ambos equipos. Curiosamente, cambia de cor cando xoga un ou outro, vermello ou azul.
Moi limpo non debeu de ser o proceso cando levaron presos ao presidente do 1860, Wildmoser, e o seu fillo por subornos e trapalladas relativas á construción do estadio. O flamante Allianz non fixo máis grande ó clube, senón que resultou ser unha carga para o futuro deste e, en xeral, unha pésima idea. O frío, moderno e enorme Allianz resultou ser un escenario ideal para un equipo “champions” coma o Bayern, pero ridiculamente sobredimensionado para un modesto club de segunda división coma o 1860. Por riba, na súa enésima crise económica o 60 viuse obrigado a vender a súa parte ó FC Bayern, pasando pagar un alugueiro tamén excesivo e gravoso para as arcas do clube. A situación é: están onde non lles gusta, queren marchar e o Bayern tamén celebraría que marcharan (Hoeness ofreceu unha banda de trompetas para acompañalos na saída), pero a solución non parece doada.

No 2015, tras unha pésima tempada, tiveron que xogar a promoción de descenso á 3. Bundesliga. Aos seareiros dilatáronselle as pupilas: en terceira división si que poderían xogar no seu anceiado Grünwald Stadion. Pero gañaron a promoción ao Holstein Kiel, permaneceron en segunda e no Allianz. Así son os Leóns: mesmo gañando, perden. Tamén lonxe do céspede: o Concello rexeitou unha reforma do estadio Grünwald, imposibilitando a volta dos Leóns á súa casa.
En canto á xestión sentimental, fai falta unha dose de realismo e esquecer esa absurda rivalidade co Bayern, na que só se pode saír perdendo. O Bayern está noutro planeta, non se pode rivalizar cun equipo que ten nonseicantas ligas e copas de Europa e contra o que xogas cero veces ó ano, porque estás en segunda desde hai unha década. É máis, o clube vermello axudou economicamente ós Sechzger en varias e apuradas ocasións. É mellor centrarse no capital social do club e a súa presencia na cidade, a súa tradición, historia e o futuro, sen mirar decote ós veciños. O seu “muniquismo”, as súas raigames na cidade, fronte ao “globalismo” dos de vermello. Difícil.
En canto ó social, 1860 e Bayern queren presumir de ter unhas bancadas libres de extrema dereita e neonazis. Hai iniciativas como “Löwen Fans gegen Rechts” (Seareiros dos Leóns contra a Extrema Dereita) que buscan por unha banda extirpar ese virus que afecta aos ultras de todos os equipos do mundo, o neonazismo e o racismo. Por outra, buscan unha memoria histórica, xa que os 1860 foron moi favorecidos polo III Reich e hai manchas que non se limpan ocultándoas, senón con transparencia. O Bayern sufriu neses escuros anos de todo o contrario, foi etiquetado como “equipo xudeu” e varrido da vida social e deportiva bávara.
Vendo as formas do tal Ismaik (o Sankt Pauli, outros clubes, árbitros, prensa e a Federación queixáronse por desprezo e malas formas do 1860 como club cos rivais) e a súa pésima xestión deportiva, non veremos axiña ós xogadores branquicelestes erguer trofeos, como moito, os seus seareiros erguerán cervexas nos bares, con bufandas como a que teño eu. Se cadra anímome e vou torcer por eles un día no maldito Allianz, e vereinos seguramente perder. É o que ten estar “co outro”. Pero se o San Lorenzo regresou a Boedo, por que non vai o TSV 1860 München regresar ó Grünwald Stadion e á 1. Bundesliga?

Reblogged this on Francisco Castiñeira.
GústameGústame