O muro de Múnic

 

Xa vos dixen que me gustaría falar aquí do meu novo barrio en Múnic, Neuperlach. O que me gustaría é facelo con temas máis agradables, pero a actualidade manda, disque.

O muro de Neuperlach. O Muro de Múnic

Ó ser humano préstalle construír muros. Caeu o Muro de Berlín, segue en pé o de Israel, Trump seica non vai facer o da fronteira entre México e EEUU, tal como prometeu. O muro constrúeno sempre uns por medo ós do outro lado, para contelos, controlalos, limitalos, isto é meu e aquilo é voso, quedade aí, non pasedes. Por iso os chineses construíron a súa muralla, para conter os mongois. A muralla segue en pé, pero os feros mongois invadiron igual a vella China.

Mais estes días andamos a voltas cun muro cunha polémica que comezou como moi local, aquí no distrito muniqués de Rammersdorf-Perlach, barrio de Neuperlach (o meu) pero que xa escalou a nivel muniqués, nacional e internacional. O trasfondo: a construción dun fogar para refuxiados en Nailastrasse nun descampado entre a rúa, un conxunto de vivendas unifamiliares a certa distancia (dato importante, como veremos) e varias naves industriais e comerciais. E diante do refuxio, un muro.

Todos estades familiarizados coa política alemana con respecto ós refuxiados, sobre todo da guerra de Siria, levada a cabo pola canceleira Merkel, e que Alemaña é de lonxe o país máis xeneroso de Europa en termos de acollida. Tamén sabedes que internamente esta política foi moi contestada, e está entre o apoio solidario e o rexeitamento, mesmo violento, acontecendo mesmo ataques a fogares de refuxiados por parte de grupos de extrema dereita. Curiosamente, un dos poucos rasgos de humanidade amosados pola señora Merkel pode causarlle un dano electoral moi grande, a favor de grupos xenófobos e eurófobos como AfD. Falaremos destes polos outro día.

Esta violencia non afectara polo de agora a Baviera e a Múnic. Con todo, o político local Guido Buchholz denunciou á opinión pública a existencia dun muro que circunda parte do recinto do asilo de refuxiados por medio dun vídeo aéreo tomado cun dron. E comezou o escándalo. Pasou ser do Muro de Nailastrasse a ser o Muro de Neuperlach e ó final, o Muro de Múnic, para estupefacción e vergoña dos seus habitantes, e a miña, que vivo a poucos minutos.

O muro é feo de carafio. Sono todos os muros, pero este é de récord. Son como croios metidos en gaiolas e logo amoreados. Nin un grafiti se pode facer. Iso si, logo poden prantarse prantas enredadeiras e quedará máis verde. Cousa bonita.

IMG_20161113_163439.jpg
O muro da discordia e ó fondo o futuro fogar de refuxiados
O fogar de refuxiados estará rematado a fins de novembro.

Que é, en teoría: Varios dos veciños (exactamente seis) da colonia de casas de a carón esixiron ó concello protección sonora polo eventual ruído. O ruído é unha cousa seria en Alemaña e a simple denuncia dun só veciño pode parar calquera infraestrutura. Véñenme á cabeza casos extremos como o peche dun parque de xogos infantís ou de varios campos de adestramento de fútbol polo teórico ruído que molestaba a un único veciño. Non sei que barullo sonoro poden armar esas persoas vivindo alí, eu estiven no lugar e aínda hai un anaco ata as seguintes casas, e no medio hai un camiño, campo e árbores. E, insisto, aíndo non abriron o fogar, así que de todos xeitos é poñer a corte antes que as vacas. Así que contra toda lóxica o concello prantou un “muro de protección sonora“, non moi longo, pero si moi alto. E non foi así decontado: foi producto dun acordo despois de dous anos de litixios entre o Concello e os veciños nos xulgados administrativos.

Que é o que parece, na práctica: Un horror urbanístico que fede a racismo e xenofobia, co agravante de ser patrocinado polos poderes públicos. Parece que o refuxio non é benvido entre varios destes veciños e que, sinxelamente, non queren velo e prefiren ignorar con máis efectividade a existencia desa pobre xente. O refuxio non é unha cárcere nin un CIE, e o muro non limita a libre entrada e saída do recinto. Pero psicoloxicamente aílla os refuxiados, e é hipócrita esixirlles que se integren e á vez agachalos detrás dunha parede. O ruído parece un pretexto absurdo. Sería como erguer muros entre os edificios para que non se molesten os uns ós outros.

Buchholz denuncia que este muro ten catro metros de altura, algo máis có de Berlín. A autopista Múnic-Salzburgo pasa preto, e para protexer á veciñanza do ruído desta ergueuse outro muro de protección sonora… de só tres metros de altura. Unha autopista mete menos ruído que un fogar de refuxiados? Parece moi iluso xustificar a obra por un problema veciñal de contaminación sonora.

Xa houbo mobilizacións nos dous sentidos. Artistas e xente vencellada a proxectos de acollida esixiron o derrube do muro, a extrema dereita ameaza de morte a Buchholz, os veciños insisten en que non entenden a polémica e que é un muro para protexelos do ruído, e os cargos do distrito teiman en que “non é un muro en contra dos refuxiados”. Mais a meirande parte calan.

Mensaxes en globos: “Todos sodes benvidos”
IMG_20161113_163758.jpg
O que cantaban en Berlín no 89: “O muro debe caer”

Os ánimos están alterados. Cando estivemos alí, había varios curiosos coma nós, e ademáis parou un coche e saíu un home a facer unha foto co seu móbil. Unha señora en bicicleta increpouno, e como boa alemana “ben pensante” díxolle que non estaba permitido facer fotos, polo que interpretei que vivía por alí. A liorta dialéctica subiu de ton e o home, coa súa razón, díxolle “Que ela non era tan importante” para prohibirlle facer fotos nunha vía pública, que ía tomar unha imaxe “desa vergonza” e que ese muro se ergueu  “por culpa de xente” coma ela. Tirou a foto, aínda rifaron un bo anaco máis e ó final marcharon no seu coche.

Oxalá os fogares de refuxiados deixen de ser necesarios algún día, oxalá non morran tantos no Mediterráneo para rematar nun asilo cun muro así diante dos ollos. Mais esa “vergoña” de muro da discordia debe caer, e decontado. Mesmo facendo un grande esforzo por crer a versión dos veciños e da súa inocua intención (isto é, que “é só polo ruído”), tan só lle dá azos ó racismo, á discordia e á división, dificulta a integración dos dun lado e perpetúa os prexuízos do outro. As pontes son para unir, e os muros para dividir, así foi sempre. E neste país de muros saben dabondo, e das súas consecuencias tamén.

 

Advertisements

2 thoughts on “O muro de Múnic

  1. De facer muros os galegos tamén sabemos moito. Agora xa non, porque perdemos a maña de amorear pedras, pero ata a xeración de meus pais pola miña zona o que prestaba era facer muros. Que tiñas un terreno de medio ferrado, pois veña, unha parede de pedra rodeando toda a finca. En realidade a parede non era necesaria, causaba máis problemas ca beneficios: perdías terreno; xunto ás pedras acostuman a medrar silvas, fentos e outras malas herbas; dificulta o traballo da finca, perxudica ós cultivos. Pero nada as paredes levantábanse: para marcar territorio, para que non che movesen os marcos, para impedir que os veciños ou as vacas dos veciños pisasen un anaco da túa finca, non vaia ser… E así fomos tirando.
    Eu penso que Trump ten algún antepasado galego, de aí a teima co muro. En fin….

    Liked by 1 person

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s