Múnic

Past and present #München #Regensburg #meulibro #poderiafalardenubes #libros #Bücher

A post shared by Fran Castiñeira (@kastanienwald) on

Se Regensburg, a cidade que me acolleu nove anos, merecía un artigo neste blog, Múnic, que o fai dende sete meses, non vai ser menos. Unha é pasado, o futuro non teño nin idea onde nos vai levar. Mais o presente é Múnic. E non está mal.

Comezo confesando: Múnic, neste anos ratisbonenses, non era a miña cidade favorita de Alemaña, nin de lonxe. Teño vido moito e por diferentes motivos, e coñecina bastante ben. A nivel turístico, non me impresionou. Ben a zona vella (Altstadt), a Marienplatz e o Novo Concello, a Catedral (Frauenkirche) é ben fea, iso si… Non a vin fea, mais tampouco lle vin o encanto. Mais isto vai ser un exemplo de como visitar unha cidade é unha cousa e vivir nela outra moi distinta.

Múnic
A Cidade Vella: a catedral Frauenkirche e o Novo Concello.

Farémolo en conceptos. Alá vou.

Xigante - Giant

  • Pero ti que fas aí. Pouco espectacular para ser contado. Aburrímonos da cidade onde vivíamos e dos empregos que tiñamos e fixemos este cambio. Aceptei un emprego nun hospital de Múnic e a cousa desenvolveuse bastante rápido.
  • As cifras e os cartos: Múnic é a capital de Baviera, un dos estados dun dos países máis ricos de Europa. Si, a economía vai ben. Grandes industrias (BMW, MAN, Siemens…), grande actividade comercial, a burocracia do estado bávaro, a bolsa, bancos, aseguradoras, turismo… É a terceira cidade en tamaño de Alemaña despois de Berlín e Hamburgo, millón e medio de muniqueiros e unha grande área de influencia. O paro é baixo e a demanda de traballadores segue atirar a milleiros de novos habitantes cada ano. Eu entre eles.
  • Vivible (o verde). Se estou a gusto aquí, é porque noto en moitos aspectos as vantaxes de vivir nunha cidade grande pero non os inconvintes. O primeiro que me chamou a atención: as hectáreas adicadas a zonas verdes. Un parque inmenso, o Xardín Inglés (Englischer Garten) a ambas beiras do río Isar, outros tres ou catro parques moi grandes (Nymphenburg, Ostpark…) e centos de prazas arboladas, parques pequenos ou sinxelos parques e alamedas entre vivendas. Na nosa rúa hai tantos árbores que se ven esquíos correndo, sempre ás présas. O urbanismo é amable, fuxindo dos rañaceos de vivendas (si de negocios, pero nas súas zonas específicas) e as rúas están pensadas para as bicicletas. Para o seu tamaño, é tranquila e segura. Mesmo está inzada de pequenos lagos para bañarse en verán. Non é o mar, pero consola.
Par - Couple
No Englischer Garten
  • Cousas bonitas. Se saímos da postal da Cidade Vella, hai zonas ben bonitas. O parque e o pazo de Nymphenburg, igrexas como a dos Asam, o Xardín Inglés, moreas de museos como a Nova e a Vella Pinacoteca, barrios xeitosos como Lehel, Au ou Schwabing, grande oferta cultural e gastronómica… Fóra do urbano pero non moi lonxe, comezan os Alpes, a famosa Rota Romántica, o castelo de Neuschwanstein (o do Rei Tolo)… A oferta cultural e de espectáculos (desde ópera e teatro clásico a concertos, musicais, festivais de cine e literatura) é de primeira liña. Os monumentos están marcados pola época de esplendor político da capital do Reino de Baviera, que non durou moito como nación independente pero que deixou a súa pegada no urbanismo.

    O pazo mírase no espello
    Pazo de Nymphenburg
  • As distancias. Si, o das vivendas relativamente baixas e tanta zona verde ten un efecto: Múnic é unha cidade moi extensa e as distancias alónganse. Malia ser o transporte urbano e o tráfico bastante racional e eficiente, toca consumir bastante tempo ó día en transportes públicos, que son caros pero de todos xeitos unha opción máis práctica ca o coche. A non ser que poidas percorrelo en bici. Eu papo tres cuartos de hora para ir ao traballo e outro tanto volver, e podo considerarme afortunado.
O Surfeiro e o Can - Surfer and Dog
No regato Eisbach, preto do Isar, hai surfeiros que van tomar as olas. Mellor dito, a ola, porque só hai unha. Cousas de doiches.
  • A vivenda. Os soldos son máis altos pero o nivel de vida é caro, hai que avisar. Pero o peor é a situación inmobiliaria. Os alugueiros son desorbitados, e tanto ten o centro como as cidades dormitorio dos arredores, aquí está o metro cadrado máis caro da Alemaña. A demanda é moi alta e como sufrimos nós mesmos, non abonda con estar disposto a pagar un alugueiro abusivo. A busca de piso aquí é unha presentación de candidaturas, na que lle tes que caer en graza á axencia ou ao caseiro e salientar entre ducias de candidatos. Unha tortura, mais unha vez que acadaches o teu niño, morreu o conto. O malo é a porcentaxe de salario que vai adicado ó inmoble. Para min, unha mistura entre unha baixa oferta, unha alta demanda e moito aproveitado.
  • Os lambidos e arrogantes muniqueses. Si, ese é o estereotipo, se cadra derivado das clases sociais altas e a nobreza que desprezaban o resto dos bávaros, eminentemente rural. Non é para tanto. O muniqués é un bávaro de cidade. Igual de apegado ás tradicións e ó dialecto, igual de amante de vestirse co Trachten (traxe típico) cando toca Oktoberfest. Pero, á forza, a súa visión do mundo é menos pechada e máis cosmopolita. É un feudo tradicional socialista, mentres que Baviera é un imperio da CSU, a democracia cristiana conservadora rexionalista bávara (canto epíteto!).
Invernía en Hofgarten - Winterness in Hofgarten
Os Xardíns da Corte (Hofgarten), a carón do Pazo Real (Residenz)
  • Estranxeiros. A cuarta parte dos habitantes da cidade son estranxeiros (inmigrantes sen nacionalidade alemana) e a terceira teñen raíces migratorias á vez que o pasaporte doiche. Un bo exemplo é a miña veciñanza e a cantidade de linguas que oio falar no metro: turco, árabe, múltiples linguas eslavas, grego, italiano, español…
  • Galegos en Múnic. Hainos! Siii! Hai unha colonia chegada nos últimos anos da crise, profesionais cualificados e escapados do paro no noso país. E houbo outra, chegada nos anos sesenta e setenta, en grande parte xa regresada. Aquela xeración xuntábase en centros galegos, dos que xa queda pouco. Os novos son máis de grupos de feisbuc e ghuasap. Pero o que importa é buscar unha tarde para reunirse e, como bos galegos, papar algo con xeito. Se acabas de chegar á cidade, búscanos no Feis, somos os “Galegos en Baviera”.
  • PaulanerA cervexa. Baviera é a nación da cervexa (con permiso dos checos) e Múnic é a súa capital. É unha relixión, mais non a beberaxe en si, senón o evento social que ten ó seu redor. Os Biergarten ou terrazas da cervexa co bo tempo e dentro das fermosas Brauhaus en inverno. Seis grandes marcas patrocinan todo e centos de pequenas fábricas (Brauerei), moitas en producións pequenas que só serven nas súas instalacións.
Pureza bávara (da cervexa)
As seis grandes: Augustiner, Hacker-Pschorr, Hofbrau, Löwenbrau, Paulaner e Spaten.
  • O Wiesn. Todos oístes falar da Oktoberfest, mais os muniqueses de verdade chámanlle Wiesn, por onde se celebra (a Theresienwiese, Wiese=Campo, Wiesn en bávaro). A finais de Setembro (non sei por que lle din “Festa de Outubro”), queiras ou non, o corazón de Múnic latexa cunha festa que atrae millóns de visitantes e que se debate entre a tradición e o desencanto do turismo masivo e alcohólico. Pero a Fest merece un artigo enteiro e non vai ser este.
  • O fútbol. Por suposto, hai que falar do monopolio do FC Bayern de Múnic, o clube máis grande de Alemaña (sería nestes tempos como o Real Madrid se non existise o Barça no outro prato da balanza, ou viceversa, como se prefira) e unha multinacional deportiva que trascende moitos niveis, con centos de milleiros de seguidores. En Baviera, é o único clube, vívese máis que a selección. Pero non é o único clube en Múnic. Temos o entrañable TSV 1860 Múnic, o Sechziger (o 60) ou os leóns: un pasado glorioso (foran campións) e unha masa irredenta de fieis, ó que unha xestión nefasta nas últimas décadas levounos á segunda división e a xogar nun campo alleo, o inmenso e inadecuado Allianz Arena, compartido co FC Bayern, a soñar cun campo propio e volver á gloria. Adiviñade con cal me identifico máis. Mención especial ó Unterhaching, equipo de barrio do sur, perdido hoxe na Regionalliga pero que abraiou a todos hai dúas décadas chegando xogar na máxima categoría nacional.

    Allianz Arena
    O Allianz Arena (renomeado pola compañía de seguros). Un estadio que comparten un equipo de Champions e outro que sofre en segunda.

 

  • Neuperlach, o meu barrio. Non, non perdades o tempo buscándoo na vosa guía turística. Xa vos falarei da súa idiosincrasia. Tampouco vai ser este o artigo.

Pois iso, se vedes á miña nai dicide que estou ben e que como de todo. Estou contento coa mudanza. Múnic, por tempo indefinido, que non definitivo, será o noso fogar. Iremos contando, ós poucos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s