19 de Outubro de 2006

 

Ice cased Adelie penguins after a blizzard at Cape Denison / photograph by Frank Hurley
State Library of New South Wales. Ice cased Adelie penguins after a blizzard at Cape Denison / photograph by Frank Hurley. Sen restriccións de Copyright, fonte clicando na imaxe. Eu chámolle “Alegoría do Castiñeira coñecendo en persoa o inverno bávaro”.

Dixen que non ía escribir nun tempo, e así foi durante sete meses. E esta semana, dúas postaxes. Para esta segunda, hai unha razón, polos números da data de hoxe: unha efeméride personal. Pero serei breve.

O 19.10.2006, hai exactamente unha década, chegaba eu por estas horas, isto é, bastante tarde, ó aeroporto de Múnic. Despois collería unha especie de taxi nocturno ata a cidade de Passau, fronteira de Baviera con Austria, uns 150 quilómetros. A primeiros de Novembro comezaría o meu curso de alemán da Volkshochschule, da cal nin sabía pronunciar o nome. Como xa contara as miñas aventuras no meu defunto antigo blog, estaría cinco meses na pequena cidade fronteiriza, nove anos en Regensburg, os últimos sete meses en Múnic. Conto cos dedos, miro outra vez ó calendario, as mans á cabeza.

Dez anos en Alemaña.

Non lembro moi ben todos os detalles daquel 19-Out, mais lembrarei a data mentres viva, e penso que calquera migrante pode contar o mesmo. Lembro tamén que daquela tiña plans, difusos e susceptibles de modificacións, como moito para un ano. Como era (é?) habitual en min, non tiña nin idea se ía durar neste país, se ía fracasar, trunfar, se ía aburrirme eu mesmo da parvada.

Claro que daquela non sabía alemán, nin comprobara aínda que cada ano dura menos e é de peor calidade. E que unha década a este paso vai durar menos ca unha mañá. Pero os calendarios non menten  e din que levo dez anos de emigrante neste país. Zehn Jahre schon!

O que non me din os calendarios é se debo celebralo, lamentalo, ou reunilo todo neste revoltallo confuso no estómago e na memoria. Porque é a cuarta parte da miña vida e non gusto de poñer fitos de “antes” e “despois”, fixen o que fixen, pasou o que pasou e o tempo fixo o seu traballo, transcorrer.

O que queda é a memoria, sobre todo das cousas boas e dos erros e acertos, e mailo futuro. Sobre todo, o futuro. Non sei desde onde escribirei dentro de outros dez anos. E menos mal que non o sei. Pero sexa o que for, que sigades aí. Celebrémolo ou non, veña un brinde.

Advertisements

Múnic

Se Regensburg, a cidade que me acolleu nove anos, merecía un artigo neste blog, Múnic, que o fai dende sete meses, non vai ser menos. Unha é pasado, o futuro non teño nin idea onde nos vai levar. Mais o presente é Múnic. E non está mal.

Comezo confesando: Múnic, neste anos ratisbonenses, non era a miña cidade favorita de Alemaña, nin de lonxe. Teño vido moito e por diferentes motivos, e coñecina bastante ben. A nivel turístico, non me impresionou. Ben a zona vella (Altstadt), a Marienplatz e o Novo Concello, a Catedral (Frauenkirche) é ben fea, iso si… Non a vin fea, mais tampouco lle vin o encanto. Mais isto vai ser un exemplo de como visitar unha cidade é unha cousa e vivir nela outra moi distinta.

Múnic
A Cidade Vella: a catedral Frauenkirche e o Novo Concello.

Farémolo en conceptos. Alá vou.

Xigante - Giant

  • Pero ti que fas aí. Pouco espectacular para ser contado. Aburrímonos da cidade onde vivíamos e dos empregos que tiñamos e fixemos este cambio. Aceptei un emprego nun hospital de Múnic e a cousa desenvolveuse bastante rápido.
  • As cifras e os cartos: Múnic é a capital de Baviera, un dos estados dun dos países máis ricos de Europa. Si, a economía vai ben. Grandes industrias (BMW, MAN, Siemens…), grande actividade comercial, a burocracia do estado bávaro, a bolsa, bancos, aseguradoras, turismo… É a terceira cidade en tamaño de Alemaña despois de Berlín e Hamburgo, millón e medio de muniqueiros e unha grande área de influencia. O paro é baixo e a demanda de traballadores segue atirar a milleiros de novos habitantes cada ano. Eu entre eles.
  • Vivible (o verde). Se estou a gusto aquí, é porque noto en moitos aspectos as vantaxes de vivir nunha cidade grande pero non os inconvintes. O primeiro que me chamou a atención: as hectáreas adicadas a zonas verdes. Un parque inmenso, o Xardín Inglés (Englischer Garten) a ambas beiras do río Isar, outros tres ou catro parques moi grandes (Nymphenburg, Ostpark…) e centos de prazas arboladas, parques pequenos ou sinxelos parques e alamedas entre vivendas. Na nosa rúa hai tantos árbores que se ven esquíos correndo, sempre ás présas. O urbanismo é amable, fuxindo dos rañaceos de vivendas (si de negocios, pero nas súas zonas específicas) e as rúas están pensadas para as bicicletas. Para o seu tamaño, é tranquila e segura. Mesmo está inzada de pequenos lagos para bañarse en verán. Non é o mar, pero consola.
Par - Couple
No Englischer Garten
  • Cousas bonitas. Se saímos da postal da Cidade Vella, hai zonas ben bonitas. O parque e o pazo de Nymphenburg, igrexas como a dos Asam, o Xardín Inglés, moreas de museos como a Nova e a Vella Pinacoteca, barrios xeitosos como Lehel, Au ou Schwabing, grande oferta cultural e gastronómica… Fóra do urbano pero non moi lonxe, comezan os Alpes, a famosa Rota Romántica, o castelo de Neuschwanstein (o do Rei Tolo)… A oferta cultural e de espectáculos (desde ópera e teatro clásico a concertos, musicais, festivais de cine e literatura) é de primeira liña. Os monumentos están marcados pola época de esplendor político da capital do Reino de Baviera, que non durou moito como nación independente pero que deixou a súa pegada no urbanismo.

    O pazo mírase no espello
    Pazo de Nymphenburg
  • As distancias. Si, o das vivendas relativamente baixas e tanta zona verde ten un efecto: Múnic é unha cidade moi extensa e as distancias alónganse. Malia ser o transporte urbano e o tráfico bastante racional e eficiente, toca consumir bastante tempo ó día en transportes públicos, que son caros pero de todos xeitos unha opción máis práctica ca o coche. A non ser que poidas percorrelo en bici. Eu papo tres cuartos de hora para ir ao traballo e outro tanto volver, e podo considerarme afortunado.
O Surfeiro e o Can - Surfer and Dog
No regato Eisbach, preto do Isar, hai surfeiros que van tomar as olas. Mellor dito, a ola, porque só hai unha. Cousas de doiches.
  • A vivenda. Os soldos son máis altos pero o nivel de vida é caro, hai que avisar. Pero o peor é a situación inmobiliaria. Os alugueiros son desorbitados, e tanto ten o centro como as cidades dormitorio dos arredores, aquí está o metro cadrado máis caro da Alemaña. A demanda é moi alta e como sufrimos nós mesmos, non abonda con estar disposto a pagar un alugueiro abusivo. A busca de piso aquí é unha presentación de candidaturas, na que lle tes que caer en graza á axencia ou ao caseiro e salientar entre ducias de candidatos. Unha tortura, mais unha vez que acadaches o teu niño, morreu o conto. O malo é a porcentaxe de salario que vai adicado ó inmoble. Para min, unha mistura entre unha baixa oferta, unha alta demanda e moito aproveitado.
  • Os lambidos e arrogantes muniqueses. Si, ese é o estereotipo, se cadra derivado das clases sociais altas e a nobreza que desprezaban o resto dos bávaros, eminentemente rural. Non é para tanto. O muniqués é un bávaro de cidade. Igual de apegado ás tradicións e ó dialecto, igual de amante de vestirse co Trachten (traxe típico) cando toca Oktoberfest. Pero, á forza, a súa visión do mundo é menos pechada e máis cosmopolita. É un feudo tradicional socialista, mentres que Baviera é un imperio da CSU, a democracia cristiana conservadora rexionalista bávara (canto epíteto!).
Invernía en Hofgarten - Winterness in Hofgarten
Os Xardíns da Corte (Hofgarten), a carón do Pazo Real (Residenz)
  • Estranxeiros. A cuarta parte dos habitantes da cidade son estranxeiros (inmigrantes sen nacionalidade alemana) e a terceira teñen raíces migratorias á vez que o pasaporte doiche. Un bo exemplo é a miña veciñanza e a cantidade de linguas que oio falar no metro: turco, árabe, múltiples linguas eslavas, grego, italiano, español…
  • Galegos en Múnic. Hainos! Siii! Hai unha colonia chegada nos últimos anos da crise, profesionais cualificados e escapados do paro no noso país. E houbo outra, chegada nos anos sesenta e setenta, en grande parte xa regresada. Aquela xeración xuntábase en centros galegos, dos que xa queda pouco. Os novos son máis de grupos de feisbuc e ghuasap. Pero o que importa é buscar unha tarde para reunirse e, como bos galegos, papar algo con xeito. Se acabas de chegar á cidade, búscanos no Feis, somos os “Galegos en Baviera”.
  • PaulanerA cervexa. Baviera é a nación da cervexa (con permiso dos checos) e Múnic é a súa capital. É unha relixión, mais non a beberaxe en si, senón o evento social que ten ó seu redor. Os Biergarten ou terrazas da cervexa co bo tempo e dentro das fermosas Brauhaus en inverno. Seis grandes marcas patrocinan todo e centos de pequenas fábricas (Brauerei), moitas en producións pequenas que só serven nas súas instalacións.
Pureza bávara (da cervexa)
As seis grandes: Augustiner, Hacker-Pschorr, Hofbrau, Löwenbrau, Paulaner e Spaten.
  • O Wiesn. Todos oístes falar da Oktoberfest, mais os muniqueses de verdade chámanlle Wiesn, por onde se celebra (a Theresienwiese, Wiese=Campo, Wiesn en bávaro). A finais de Setembro (non sei por que lle din “Festa de Outubro”), queiras ou non, o corazón de Múnic latexa cunha festa que atrae millóns de visitantes e que se debate entre a tradición e o desencanto do turismo masivo e alcohólico. Pero a Fest merece un artigo enteiro e non vai ser este.
  • O fútbol. Por suposto, hai que falar do monopolio do FC Bayern de Múnic, o clube máis grande de Alemaña (sería nestes tempos como o Real Madrid se non existise o Barça no outro prato da balanza, ou viceversa, como se prefira) e unha multinacional deportiva que trascende moitos niveis, con centos de milleiros de seguidores. En Baviera, é o único clube, vívese máis que a selección. Pero non é o único clube en Múnic. Temos o entrañable TSV 1860 Múnic, o Sechziger (o 60) ou os leóns: un pasado glorioso (foran campións) e unha masa irredenta de fieis, ó que unha xestión nefasta nas últimas décadas levounos á segunda división e a xogar nun campo alleo, o inmenso e inadecuado Allianz Arena, compartido co FC Bayern, a soñar cun campo propio e volver á gloria. Adiviñade con cal me identifico máis. Mención especial ó Unterhaching, equipo de barrio do sur, perdido hoxe na Regionalliga pero que abraiou a todos hai dúas décadas chegando xogar na máxima categoría nacional.

    Allianz Arena
    O Allianz Arena (renomeado pola compañía de seguros). Un estadio que comparten un equipo de Champions e outro que sofre en segunda.

 

  • Neuperlach, o meu barrio. Non, non perdades o tempo buscándoo na vosa guía turística. Xa vos falarei da súa idiosincrasia. Tampouco vai ser este o artigo.

Pois iso, se vedes á miña nai dicide que estou ben e que como de todo. Estou contento coa mudanza. Múnic, por tempo indefinido, que non definitivo, será o noso fogar. Iremos contando, ós poucos.