Adeus, servus, Regensburg

Así é. Non está este blog para contar a miña vida privada, mais os catro que entran aquí terán que aturalo.

Hai nove anos… nove anos!!! Que rápido roda a bóla do tempo… En fin, hai nove anos e medio, xa o contara algunha vez, cheguei á pequena cidade de Passau cun billete de ida, unha paga de paro exportada de España para tres meses, unha maleta chea de xerseis, algo de cartos aforrados e unha matrícula feita na Volkshochschule nun curso de Alemán, nivel A1, intensivo. Un soño de encarreirar a miña vida, aprender un idioma.

Catro ou cinco meses despóis fixen unha entrevista de traballo en Regensburg (Ratisbona, nos idiomas latinos), nunha pequena empresa xenética. Soaba tan raro antes como agora. Co meu nivel atrofiado de alemán, a entrevista, para min, foi unha desfeita. Cinco alemáns xefazos dirixíndome preguntas e eu sen entendelas á terceira repetición, en ocasións non enxergaba sequera que era unha pregunta, eu tan só asentía como un chimpancé mentres os xefazos teutóns miraban desconcertados. Saín de alí noqueado pola realidade da emigración e da inconsistencia do meu proxecto e deprimido de vez.

Por algunha razón ou confluencia astral, chamáronme e contratáronme. Supoño que a razón foi a expansión bestial da empresa, que no 2007 pasou de 80 a máis de 200 traballadores, e eu entre eles. Os comezos foron duros, de continuos cambios, expansións e innovacións que non sempre saían ben, e eu no medio, mellorando co idioma mais nunca tan rápido como quixera. Foi fodido. E un reto excitante. Fágoo de menos.

Ponte de Pedra - Stone Bridge - Steinerne Brücke, Regensburg Regensburg? Unha cidade de tamaño mediano, tranquila, provinciana, dirían algúns, mais que zumega historia. Un casco histórico Patrimonio da Humanidade, incluíndo ponte medieval e catedral, o forte máis norteño do Imperio Romano (do Danubio para alá, todos bárbaros), esplendor comercial na Idade Media, Cidade Imperial do Kaiser, patria de Xoán de Austria, logo declive, logo a recuperación trala II Guerra Mundial, turrada pola industria: Siemens, Infineon, BMW, Reinhausen… pequeno paraíso dos enxeñeiros, mecánicos e robots, e boa cervexa. Eu son máis do último. Non deixedes de visitala (a cidade e a cervexa) se estades por Baviera: das cidades máis fermosas da Xermanía. Para min, un lugar para comezar. Ou recomezar.

Primeiro Regensburg, logo o mundoA empresa foi absorbida por unha multinacional, e esta por outra multinacional máis grande, cambiou de nome, de xefazos. Os xefes de verdade sentan nun despacho en Estados Unidos, nós non os coñecemos nin eles saben onde está Regensburg. Lei de vida, peixe grande, peixe pequeno. Eu aprendín, medrei, madurei, fixen bos amigos e compañeiros, e como todo o mundo, vivinas de todas as cores. Fóra da empresa, a relación que me trouxera a Alemaña esfarelouse, adapteime ó país, hoxe estou casado e feliz de estalo, cheíños de plans e ilusións…
Nove anos despois, remato o 31 de Marzo na empresa. Xa rematei, en realidade, estou de vacacións. Iso será o xoves, ese mesmo día collerei un tren para Múnic. Alí comezarei de novo, nun novo emprego: no laboratorio dun hospital, volta á clínica, ó servizo público, fóra da empresa privada. Ilusión e medo, diso está tamén feita a vida. E agobio por non dar atopado unha vivenda na capital bávara, tarefa dura e frustrante, mais solucionarase. Estamos seguros.

Non deixo Alemaña, non regreso á terra, que é o que me gustaría… mais deixo Ratisbona. Foi unha boa amiga, agardo que a urbe bávara, Múnic, München (encántame como a chaman os italianos: Monaco di Baviera), Minga en bávaro (léase “Min-a”, con n velar) me acolla ben. Perdón. Que nos acolla ben, ós dous. Deséxenme sorte e eu ireilles contando.

Múnic

Xa sei que prometera silencio textual, seguirá, isto foi só unha excepción. Regensburg merecíao.

Advertisements

2 thoughts on “Adeus, servus, Regensburg

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s