Tres semanas en Arxentina, I: A pegada galega

Houbo un tempo que contabamos nos blogs, entre outras cousas, todas as nosas viaxes. Eu sígoo facendo, xa o vistes: desde as escapadas de fin de semana ata as vacacións máis longas. E os que me coñecedes saberedes que casei polo mes de setembro e que liscamos máis de tres semanas de lúa de mel a Arxentina. E non, da viaxe máis grande da miña vida, en quilómetros e en experiencias, aínda non contei nadiña. Poñámoslle remedio a isto.

A viaxe dividiuse en catro partes: Bos Aires, os Glaciares da Patagonia, Iguazú e Corrientes. Sempre me gusta visitar grandes cidades, pisar a súa historia, misturarme na súa vitalidade: Londres, Barcelona, París, Berlín… Pero Buenos Aires é algo máis. É historia da miña familia, son os sobres que lle chegaban á miña avoa, con eses bordes vermellos e azuis e a lenda “Por avión”. Porque Bos Aires construíuse coa inmigración, en parte coa inmigración galega, e desa emigración foi parte a miña familia. Alí estivo unha tempada o meu avó, e nos anos dourados da Arxentina emigraron dous irmáns da miña nai. Alí seguen, aínda coa mente en Galicia malia levar cinco décadas no país austral e de ter fillos e netos arxentinos. Non podo describir a sensación de ver de novo esa parte da miña familia na súa casa (desta vez o visitante era eu e non eles) e mesmo coñecer curmáns e os seus fillos que nunca vira antes. E logo ter a sorte de ter un curmán, Óscar, que che faga de guía pola caótica e fascinante Buenos Aires (un grolo por el e Alejandra!). A emoción de ver a familia de tan lonxe xunta e “no seu”, de saber mellor da súa vida e dos seus problemas… A miña muller pode contar outro tanto, porque tivo tamén un reencontro coa súa familia arxentina, desta vez en Corrientes, no norte do país.

Non hai país con máis emigrantes galegos ca Arxentina. Todo hai que dicilo, foi tal o aluvión migratorio no país entre comezos do XX e os anos 60 que a inmigración española, maioritariamente galega, non era maioritaria en Arxentina, sendo máis numerosa a italiana (do sur da bota, principalmente). Tal como todos os españois eran “gallegos”, todos os italianos eran “tanos” (napolitanos), aínda que iso era coller a parte polo todo. Mais é significativa. Sen esquecer a armenios, alemáns, xudeus europeos (“rusos”), árabes (“turcos”) e non rematou hoxe en día, sendo substituída pola migración dos países limítrofes sudamericanos (Paraguay, Bolivia…). Arxentina acolle. Hoxe falarei un pouco desas pegadas que vin da emigración e da galeguidade en Arxentina. Haberá logo outro post máis “turístico”.

En #buenosaires, #galicia amósase de moitos xeitos. Por exemplo, nos buses. Perdón, colectivos.

A post shared by Fran Castiñeira (@kastanienwald) on

Si, hai unha Villa Galicia, na Provincia de Bos Aires. Aquí aclaro unha cousa, que a min me custou comprender. Bos Aires é un dos máis grandes conglomerados urbanos do mundo, case vinte millóns de almas, case a metade da poboación de toda Arxentina. Pero Bos Aires non é unha cidade, son moitas. O Bos Aires propiamente dito, a chamada Capital Federal ou Cidade Autónoma de Bos Aires ou sinxelamente CABA é a orixe da urbe, o centro, político e económico. Conta cuns tres ou catro millóns de habitantes, con orixe arredor do porto. Aí rematan todos os camiños, por así dicilo. E arredor está a Provincia de Buenos Aires, que se compón de varios distritos (Avellaneda, Lomas de Zamora, Mar del Plata, La Plata -que non é o mesmo, como pensaba eu-, Quilmes, Lanús, etc.) e que é onde se reparten os quince millóns de almas que non viven na CABA. Mais todas estas cidades, se viaxades en coche polo salvaxe tráfico bonaerense, non teñen separación aparente, continúanse unhas coas outras, alternando vivendas con zonas industriais.

A Provincia de Bos Aires é unha das 23 provincias da República, que é federal. En cambio, a Capital Federal non pertence a provincia ningunha, senón que ten un estatus propio. Para que vos fagades unha idea das distancias, a Provincia de Bs.As. ten quince millóns de habitantes e unha extensión semellante a Italia. Tamén hai que dicir que non é urbana na súa totalidade, senón que boa parte é rural e gandeira: pastos e vacas.

Unha visita interesante é o Museo de la Inmigración, porque é o punto de vista dos de alá, os arxentinos que acolleron tantos milleiros de emigrantes, sen os cales non se podería explicar a historia do país. Está no antigo Hotel dos Emigrantes, que é un edificio orixinalmente de Aduanas, anexo ó porto, onde acollían os recén chegados. Fichábanos, atendíanos sanitariamente, xa que algúns viñan en condicións moi precarias, vacinábanos ou púñanos en corentena chegado o caso e dábanlles unha cama. Alí quedaban un día ou varios ata que alguén relacionado con eles os viña a buscar.

Hotel de los inmigrantes
Leitos para os inmigrantes

Hotel de los inmigrantes

Hoxe atopamos aí lembranzas daqueles tempos e exposicións de fotografías, obxectos e documentos que nos dan unha idea, sentimental e sociolóxica, daquel drama daqueles tempos (o que non fuxía da guerra ou de ditaduras, facíao da miseria), mais tamén da esperanza dunha nova vida. Entre eles, por suposto, galegos. Houbo un “soño americano” como o de que fala Hollywood, mais dirixido ó hemisferio sur. Galicia desangrouse nos portos da Coruña e Vigo. Cada unha desas persoas é unha historia, unha novela. E desde a perspectiva dos arxentinos, contan a piada de que “os homes descenden do mono, mais os arxentinos descenden dos barcos”.

IMG_20150924_102132
Certificado de “arribo” a Arxentina do meu defunto avó, impreso precisamente polo Museo de la Inmigración baseado en datos dos seus arquivos. Consta ata a data e o nome do barco.
IMG_8704
Foto no Museo da Inmigración cedida polo MEGA, do que falaremos a continuación.

Federación de Asociaciones GallegasUn museo moi recomendable, como tamén o é o MEGA: O Museo da Emigración Galega. Na rúa Chacabuco no porteñísimo barrio de San Telmo atópase a Federación de Asociacións Galegas de Bos Aires, que xunto ó Centro Galego eran e son os polos da comunidade galega na capital bonaerense. No caso da Federación, cun compromiso increbable coa República e cos exiliados desta e contra as ditaduras, a desta beira do Atlántico e da outra.

 

IMG_8820
Sé da Federación en San Telmo

 

Federación de Asociaciones Gallegas

A Federación segue a ser un punto de encontro para a galeguidade, con diferentes actividades culturais, recreativas e musicais (como gostamos de ver os gaiteiros ensaiando). Ademáis, acolle ó devandito Museo da Emigración Galega, con lembranzas etnográficas da terra e dos socios que deixaron pegada, como Basilio Álvarez, Eduardo Blanco Amor, obras de Luís Seoane ou o grande galego da foto de aquí abaixo, que acabaría os seus días en terra arxentina, sen poder volver á súa patria. Tamén ten unha biblioteca, a Biblioteca Galega de Bos Aires, ben fornecida de libros galegos, entre eles, ehem, os meus…

Castelao

A Federación (a primeira á esquerda é Débora Campos) faime entrega do premio por medio do meu representante, meu curmán Óscar. Tardei en irllo buscar, mais catro anos despóis, recollino.
A Federación (a primeira á esquerda é Débora Campos) faime entrega do premio por medio do meu representante, meu curmán Óscar. Tardei en irllo buscar, mais catro anos despóis, recollino.

Cómpre dicir que teño un contacto especial coa Federación desde que convocaran o seu Certamen Literario de Narrativa Breve 90º aniversario e premiaran o meu relato “Sobre maletas“. Aquilo foi polo 2011 e houbo unha fermosa cerimonia de premios á que loxicamente non puiden asistir, delegando na miña familia.

Catro anos despóis fun recoller o meu premio e visitei a Federación, o MEGA e a Biblioteca do mesmo. Aquí a nova e aquí, o relato “Sobre maletas“.

 

Máis pegadas galegas:

O Banco Galicia, unha das entidades bancarias máis importantes do país e que non nega as súas orixes. Curiosamente, é o único banco que queda de accionariado totalmente arxentino.
O Banco Galicia, unha das entidades bancarias máis importantes do país e que non nega as súas orixes. Curiosamente, é o único banco que queda de accionariado totalmente arxentino. O seu logo é a cruz de Santiago.
O mítico Café Tortoni non só era frecuentado por Borges, Alfonsini e Carlos Gardel. Aquí unha lembranza a un grande noso, Eduardo Blanco Amor.
O mítico Café Tortoni non só era frecuentado por Borges, Alfonsini e Carlos Gardel. Aquí unha lembranza a un grande noso, Eduardo Blanco Amor.

E como xa dixen, xa farei outro post máis “recreativo” sobre as cousas que vin, marabillosas ou curiosas. No “debe” deses veloces días: non dar coñecido por exemplo a persoas coas que teño contacto na galeguidade arxentina, como Débora Campos ou Ruy Farías e outros. Por moito que fose unha ocasión única para min, ás veces as axendas non cadran. Outra visita que perdín foi o histórico Centro Galego. Mais non pasa nada: teño o aquel de que volverei.

Non se pode explicar a historia arxentina recente sen valorar a inmigración e o aporte dos galegos, e tampouco se pode explicar a historia galega do último século sen ter en conta a sangría (e)migratoria, sendo a Arxentina o primeiro país receptor e onde máis galegos hai fóra das nosas fronteiras, e ademáis, exercendo como comunidade galega activa. Sería inxusto ignorarmos ese capital humano. Inxusto para eles, mais absolutamente negativo e prexudicial para nós mesmos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s