Insolvencia, novo relato en Palavra Comum

Insolvencia é a miña nova colaboración na revista dixital Palavra Común. Un relato de familia, cartos e certo pánico. Agardo que vos preste.

Presentación de Passages

O libro “Passages” que inclúe o meu pequeno relato “Zurück / Due back” será presentado o vindeiro 29 de Setembro en Regensburg. Un pequeno éxito noutro idioma! Iso si, non estarei alí porque non son ubicuo e conto con estar eses días en Arxentina. Xa falaramos da súa presentación en Aberdeen (Escocia), onde paradoxalmente si que estiven.
O conto? Poderédelo ler axiña en galego. Onde, cando? Avisaremos.

Polo de agora e por se andades por Regensburg, a cita é no Thon-Dittmer-Palais, Haidplatz 8, o día 29 de Setembro ás 19:15. Oiredes o meu relato non da miña voz, como xa dixen, senón da de Lena Dirnberger, outra das gañadoras.

Ligazón (en alemán): https://www.regensburg.de/veranstaltungen/detail/138426

IMG_20150906_124138

IMG_20150906_124302

Aneis e pasaxes de avión

Colgado por ti - Hanging for you

Os meus achegados xa o saberedes, o resto igual xa o sentistes por aí. Neste blog non adoito falar da miña vida privada, pero cando a cousa é tan “gorda” non hai xeito de agachalo, nin ganas, é máis, pétame berralo ós catro puntos cardinais, pero contereime.

Agora mesmo estou metido nun avión rumbo a Arxentina, onde pasarei tres semanas entre Bos Aires, Corrientes, Iguazú e outros sitios que nin sequera planexamos aínda. Ó meu carón viaxa a muller da miña vida, o meu amor, pero mellor non publico o seu nome porque se cadra me esgana no medio do avión e de todos xeitos, algúns xa o saberedes. No seu dedo anular e no meu locen dous aneis. Casamos o día 19, hai dous días, e foi marabilloso. É dicir, estou escribindo isto quince días antes da voda e non sei como vai saír, pero, por que non ía saír ben? Se cadra algunhas pequeneces saíron (sairán, escribo desde o pasado) reviradas ou fóra do previsto, pero alí estaba ela, eu e case toda a xente que queremos e aprezamos. Que máis se quere?

Volverei a comezos de Outubro a Alemaña e irei contando esta marabillosa aventura, onde coñecerei tamén de preto a realidade actual e pasada da emigración galega na “quinta provincia”. Pero aínda queda.

Deica!