A relixión en Alemaña: Deus e os cartos

Sankt Emmeram
Igrexa católica de St. Emmeram, Regensburg

No noso país e estado cada vez se erguen máis voces a favor de máis separación da Igrexa (Católica, no noso caso) e o Estado, sobre todo no referido á financiación e á fiscalidade. E sobre todo nestes tempos, co goberno neonacionalcatólico que padecemos. Pónse como exemplo a “Europa”, ó “Estranxeiro”. Pero amigos, non é o mesmo dicir Francia, país no que a separación de poderes e da Igrexa e o Estado é sagrada, que dicir Alemaña, onde o estado é confesional.

Konfessionen in Deutschland.gif
«Konfessionen in Deutschland» por Dufo – Trabajo propio. Disponible bajo la licencia CC BY-SA 3.0 vía Wikimedia Commons.

En Alemaña a relixión forma unha parte moi tradicional da sociedade. Aquí non hai unha igrexa estatal e oficial, senón dúas, e a diferencia de España, teñen carácter confesional: a Católica Romana e a Evanxélica, a igrexa nacional protestante luterana. O número de fieis de un e outra é moi igualado (uns vintecinco millóns de inscritos), variando a proporción segundo o estado (de cotío, máis católicos no sur e máis protestantes no norte) pero tamén variando segundo a bisbarra ou a cidade. A Católica xa a coñecedes, segue os ditados do Papa de Roma. A Protestante son en realidade varias igrexas luteranas agrupadas na Igrexa Evanxélica de Alemaña. Non acreditan en certos sacramentos (eucaristía, penitencia), os santos ou a virxinidade de María. Mais son unha relixión cristiana e en cuestións de ética e rito as diferencias non son grandes. Algo que nos rechama: os sacerdotes (pastores) poden ser mulleres e non teñen que gardar celibato, podendo casar e formar unha familia.

O papel das dúas igrexas na reconstrucción democrática de Alemaña após da Guerra Mundial foi moi importante, e a súa labor benéfica e social é moi ben aprezada polo alemán medio. Por unha banda non estraña ver bispos nas inauguracións e actos municipais e civís, sobre todo na Baviera, onde o catolicismo é un acto de reafirmación nacionalista. Por outra banda, na vida social está moi mal visto o proselitismo e a intolerancia relixiosa: as dúas comunidades conviven estreitamente e respétanse. A identidade relixiosa do alemán é firme pero non invasiva co próximo. As guerras entre protestantes e católicos quedaron moi atrás e hai un ambiente de tolerancia mutua nos seus fregueses e certo ecumenismo nas súas autoridades, xa que en boa maneira comprenderon que deben camiñar unidas na sociedade alemá moderna. De feito, case todas as “conversións” (cambio de relixión) acontecen por mor do matrimonio. Así, a influencia das dúas Igrexas, e máis da Católica en Baviera, non é desprezable, e non é raro ver nos xornais os bispos opinando disto ou daquilo. A influencia política tampouco é pequena en temas coma o aborto, sobre todo na CDU de Merkel e moito máis na católica democracia cristiana bávara da CSU. Isto explica que a unión homosexual non teña categoría de matrimonio (tampouco a unión de feito fóra do matrimonio, hetero ou homosexual), malia segundo as enquisas a opinión favorable da sociedade alemana.

Unha das cousas que máis rechama a un migrante chegado a Alemaña é o sistema de financiación: un xeito bonito de dicilo é que os fieis sufragan os gastos de cadansúa confesión relixiosa. Cada alemán paga un imposto eclesiástico (Kirchensteuer) sobre o seu salario, que vai parar á súa respectiva igrexa. E non é unha dádiva simbólica, falamos de, por exemplo, no soldo dun traballador normal, de 30 a 60 euros mensuais. Fagan contas. Ese estatuto de “fiel” a unha igrexa é herdado, é como te inscribiran os teus pais ó nacer.

O peor para min é que o pago do imposto relixioso se utiliza como arma de discriminación. O ensino é en boa parte público e gratuíto, pero está tamén maioritariamente en mans das dúas igrexas. Se ben (penso) xa non se pode negar a matrícula dun neno nunha escola por motivos relixiosos, si se pode vetar a posibles traballadores. Tamén, por exemplo, se exercen unha conducta da que non gustan as autoridades eclesiásticas: divorcio, convivencia coa parella fóra do matrimonio, homosexualidade, etc., son susceptibles de non ser contratados ou de ser despedidos. O mesmo para calquera organización dependente das igrexas: benéficas, sanitarias, hospitais… institucións rexidas por en teoría por bispos, pero pertencentes ó sistema público e alimentadas por cartos estatais. E falamos de cargos profesionais non relacionados coa relixión (como serían os catequistas): enfermeiros, profesores…

Esta Pax Religiosa ten aparencia de crebar nos tempos que corren, e cada vez son máis as voces discordantes, e non só desde a esquerda. Unha razón é que as igrexas saben moito de atrapar impostos, pero pouco de pagalos: desfrutan de innumerables exencións e avantaxes fiscais. Recadan moito, e se algo distingue ó pobo alemán, é a vixilancia e esixencia de sobre como se gastan os seus impostos, por outra banda nun estado social coma este, moi elevados. E o exemplo dado polas dúas igrexas non é moi edificante, con casos como o do bispo de LimburgoFranz-Peter Tebartz-van Elst. 

Bischof Franz-Peter Tebartz-van Elst.jpg
„Bischof Franz-Peter Tebartz-van Elst“ da “Christliches Medienmagazin” pro – Flickr: Der Limburger Bischof Franz-Peter Tebartz-van Elst. Licenza CC BY 2.0 über Wikimedia Commons.

Resumindo o escándalo deste paxaro, á parte dunha actitude moi conservadora, clasista e pouco conciliadora, agradáballe levar un estilo de vida principesco e movido polo despilfarro: viaxes en primeira clase, hoteis de cinco estrelas, roupas caras… O escándalo principal xirou arredor da reforma da Residencia Episcopal. O orzamento disparouse duns previstos inicialmente 2,5 millóns de euros a preto de 40, coas continuas e insensatas modificacións esixidas por Tebarzt, que quería transformar unha residencia de por si nada modesta nun auténtico pazo versallesco, para a estupefacción e vergoña dos seus propios fregueses. E o peor pecado ós ollos dun crente e contribuínte xermano: mentiu nas contas. O papado do tamén alemán Benedicto-Ratzinger era tolerante con estas actitudes (sóavos Rouco Varela?), mais o arxentino Francisco-Bergoglio cesouno do cargo, xa que el (segundo pecado en Alemaña) non estaba moi disposto a demitir nin comprendía moito por que reprobaban as súas accións. O dano social e mediático á Igrexa Católica, neste caso, foi irreparable.

Malia as presións e ameazas de exclusión social (non recibir máis ningún sacramento, como o matrimonio eclesiástico), cada vez máis alemáns piden a apostasía: saírse da relixión e deixar de pagar este imposto. En Alemaña é un proceso bastante sinxelo. O apóstata queda exento deste imposto, pero iso si, tamén da vida relixiosa: non pode desfrutar de ningún sacramento (por exemplo o matrimonio eclesiástico, que neste país é un proceso independente do civil), optar a empregos en mans da Igrexa, etc.

O crego e os gansos. The priest and the gooses
Escultura satírica en Regensburg de Joseph Michael Neustifter, “A fonte do Predicador e os Gansos”, por diante e por detrás. Crítica á dobre moral e hipocrisía do clero.

Este é un problema de calquera recén chegado do noso país a Alemaña. Un dos primeiros pasos burocráticos do inmigrante é a Anmeldung, o empadroamento no concello de turno. O funcionario pregúntanos, de boas a primeiras, que cal relixión profesamos. Sendo españois asúmese que somos católicos e pregúntannos se estamos bautizados. Se dicimos que si, ai, xa estamos inscritos como católicos na máquina burocrática xermana e só será posible corrixir isto apostatando. Xa chegaremos a iso. Hai dúas posibilidades:

  • Dicimos a verdade. Somos católicos convencidos e dicimos que si, que estamos bautizados e que sufragaremos cos nosos xenerosos Steuer a Tebarzt e compaña, tal como facíamos no noso país co ático de Rouco. Ou pola contra, os nosos pais non nos bautizaron e estamos fóra desa relixión, e dicimos “non” sen ningún cargo de conciencia.
  • Mentimos coma cochos. Os nosos pais bautizáronnos, pero a nosa conciencia relixiosa está entre o ateísmo radical ou a relixiosidade “non practicante”, ese concepto tan español. O que non queremos “practicar” é pagar máis impostos. Daquela dicimos que non estamos bautizados e que non somos católicos (nin protestantes). Isto, malia ser o habitual, é unha fraude e as autoridades alemanas ameazan con investigar a inscrición católica noutros países e cobrar os atrasos. Unha ameaza que non soa moi realizable.
  • Está a terceira: ser “legal” e admitir que estás bautizado, mais log querer imitar os apóstatas alemáns e querer “borrarte” deste xogo. Aí ven o complexo: apostatar da igrexa católica en España non é tan doado e depende en boa medida da boa vontade da túa diócese. Sobre todo, como xa dixemos, se vives no estranxeiro. A maioría dos procesos de apostasía en España son por parte de residentes no estranxeiro que non queren pagar o imposto eclesiástico.

As incongruencias deste proceso:

  • Os funcionarios alemáns non informan plenamente das consecuencias de inscribirte como fregués dunha relixión, e non facilitan de primeiras información de como saír legalmente da túa igrexa, se é que así o desexas.
  • Esta decisión legal de pertencer a unha relixión non é adulta e consciente. Depende de se os teus pais decidiron que un sacerdote verquera auga sobre a túa testa cando non tiñas idade para saber defecar só. E vinte ou trinta anos despois, e se cadra tras unha década sen pisar unha igrexa, afecta ós teus impostos sobre o teu pequeno salario de inmigrante.
  • Como xa dixemos, o non inscrito queda fóra da vida católica (neste caso) en Alemaña. Pero non do seu país, non estás excomungado. Podes non pagar Kirchensteuer en Alemaña e casar e bautizar os teus fillos en España, por exemplo. Todo depende da comunicación entre as igrexas e os estados dos dous países, que no caso de España e Alemaña, teñen funcionamentos moi distintos. Mesmo en Alemaña isto está levado ós tribunais, xa que para o demandante a relixión, as crenzas e a fe son un asunto personal que non debería ter nada que ver coa túa vida civil e fiscal. Non sei como quedou o conto.
  • Non afecta a outras relixións, que teñen procedementos diferentes de financiación. Por exemplo, a terceira relixión en fieis de Alemaña, o Islam, máis de tres millóns de fieis, non ten imposto eclesiástico, en parte porque non existe unha congregación única a nivel nacional. Finánciase con doazóns dos fieis. O cal, de primeiras, parece algo moito máis sensato. Outras relixións, como a xudía, tamén seguen outras vías.

Consecuencias: a actitude abusiva e avarenta das dúas igrexas cristianas tradicionais, os diversos escándalos (os casos de pederastia e a actitude indulxente e encubridora do Vaticano nos anteriores papados desde logo que non axudou), e sobre todo nesta vida moderna, pagar impostos por unha confesión personal que non se profesa moi activamente, fan que número de solicitudes de apostasía (Kirchenaustritt) medren de ano en ano. O afastamento personal da relixión no noso país é un asunto personal, porque o Estado financia á Igrexa debaixo da mesa queramos ou non. En Alemaña, ser cristián sae caro, e cando amolece a fe o cidadán pregúntase por que ten que seguir pagando. A financiación das igrexas seguen sendo moi xenerosas, pero parece que é unha polémica que medra de ano en ano e que parece de raigames máis profundas có simple anticlericalismo. As igrexas alemás, menos enrocadas en posicións tradicionalistas como a católica española, veranse ameazadas pola irrelevancia social e a perda dos seus privilexios económicos. Mais… isto vai amodo. E máis nunha sociedade tan conservadora como a xermana. Pero vai.

Vela - Candle

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s