Crónicas escocesas

Xa hai uns días que regresei da visita en Aberdeen, transcorrida entre o 28 e o 31 de Maio. O pouco tempo que levo reintegrado na rutina estiven poñendo en orde as miñas fotos, que están como as miñas lembranzas desa estadía: fermosas, caóticas, en diferentes carpetas sen conexión aparente, ocultas ou repetidas. Así que tentaremos poñelo todo en orde e contalo desde o principio.

Como xa contara, participei nuns talleres literarios en Regensburg, por aquilo de tentar escribir dun xeito creativo en alemán, lingua que domino máis ou menos ben pero da que nunca terei o dominio e a naturalidade que teño coa miña lingua materna.

Aberdeen & Regensburg, twin towns, cidades irmanadas
Bandeiras de Aberdeen e Regensburg na Casa do Concello

Regensburg está irmanada con moitas cidades, coas que abriu vías de cooperación cultural: Pilsen (Chequia), Tempe (Arizona, USA), Clermont-Ferrand (Francia), etc., mais o irmanamento máis antigo é coa cidade escocesa de Aberdeen. Este ano é o sesenta aniversario e para conmemoralo convocouse un concurso literario en ámbalas cidades. Seleccionaríanse vinte textos (dez de Aberdeen e dez de Regensburg) e publicaríase un libro conmemorativo. Desde o taller animáronos a participar, e tiven o atrevemento de escribir un texto en alemán e envialo. E eles tiveron o atrevemento de premialo e seleccionalo para o libro. Imaxinade a miña ledicia. Gañar un premio literario noutra lingua, o idioma co que pelexo todos os días, pelexas que adoito perder, e por riba que mo publiquen.

Mais as ledicias non remataron aí. O concello de Aberdeen decidiu lanzar o libro como se merece no seu May Festival e para iso convidou a dous dos autores da parte alemana. Un fun eu, para a miña sorpresa e emoción. A outra, a miña compañeira de viaxe, a novísima Lena Dirnberger, que xa pode dicir que ten un texto (merecidamente) premiado ós seus vinte aniños.

Passages (II)
Passages, o libro

Nada máis chegar, puxéronme o libro na man: chámase Passages, New Writing from Aberdeen and Regensburg. A edición estivo a cargo do bo de Shane Strachan e da editora regensburguesa Edition Vulpes. Cada texto está en inglés e alemán, e tradución dos textos nas dúas direccións estivo a cargo da aberdoniana Helen Stellner, que xa hai moitos anos que cambiou Escocia por estas ribeiras bávaras do Danubio. O volume é sinxelo e fermoso. Cabe a curiosidade que se podía participar con textos escritos nos dialectos locais: bávaro en Regensburg e o doric, o inglés-escocés propio de Aberdeen. Helen tivo a feliz idea de traducir os textos en bávaro a doric e viceversa, para que non perderan o seu achegamento e o seu sabor local.

A visita foi intensa e afortunada. Tratáronnos a Lena e a min como reis. Os propios Shane (autor novo e coordinador de Write Aberdeen) e Helen exerceron de magníficos anfitrións. Amosáronnos os segredos da fermosa Aberdeen e mesmo nos levaron a excursións, que logo relatarei.

Helen Stellner, Lena Dirnberger, este que escribe e Shane Strachan na asociación artística Seventeen de Aberdeen.
Helen Stellner, Lena Dirnberger, este que escribe e Shane Strachan na asociación artística Seventeen de Aberdeen.

O sábado 30 de Maio foi o grande día: a presentación do libro e a lectura dos participantes. Foi unha experiencia. Foron e leron oito dos dez participantes escoceses, ademáis de Lena e de min mesmo, que suei gordo para ler en inglés. Por riba, tocoume ler de último. Mais todo foi ben.

89ac12a19d41fd80686cd133af4500f9
Aquí, sufrindo en inglés. Mais feliz, non pensedes.

Despóis, houbo unha recepción na casa do concello, a cargo do alcalde (en Escocia ó cargo chámaselle Sir Provost), cos autores e outros convidados.

O salón do concello é impresionante e solemne, mais o ambiente cos outros escritores foi distendido e entretido. E si, houbo pinchos. Sempre había pinchos. É unha terra celta como a nosa, na que a hospitalidade se rexe por un parámetro: o convidado non pode marchar con fame.

O alcalde, Shane e os escritores do libro que asistiron ó acto (os escoceses, Lena e mais eu). Boa xente!
O alcalde, Shane e os escritores do libro que asistiron ó acto (os escoceses, Lena e mais eu). Boa xente!

Aberdeen é unha cidade inesperadamente fermosa. En contraste coa tranquila e medieval Regensburg, Aberdeen non mira atrás á historia nin se preocupa demasiado polo turismo, senón que vive no presente. É unha cidade viva, ruidosa, barullenta mais con recunchos encantadores. Vivía da pesca e do seu importante porto ata os anos 70, mais este sector desapareceu para dar paso ó fornecemento das plataformas petrolíferas do mar do Norte, das que Aberdeen é un dos portos base máis achegados. Non hai petroleiros, senón inmensos cargueiros que fornecen ás plataformas de todo o necesario, incluídos os traballadores.

Harbour, Porto
Porto de Aberdeen

Mais o pasado tamén deixou un barrio histórico ben conservado. Aberdeen é famosa por ser a Cidade do Granito, a pedra local que lle dá a súa cor gris característica.

Marischal College
Marischal College
Castlegate
Kirk St. Nicholas - Cemitery, Cemiterio
Cemiterio da Kirk (Igrexa) de St. Nicholas. Gaivotas por toda a cidade, por todas partes. Punto de conexión coruña.

Mais un puntazo a favor de Aberdeen: ten mar. Non só iso: ten praia, a unha distancia camiñable do centro.

Aberdeen beach

Aberdeen's beach and harbour

A un extremo da praia, aillado da cidade polo porto e esquecido pola especulación, está o antigo barrio pesqueiro do Footdee ou Fittie. As casas de pescadores recuperáronse e decoráronse en plan kitsch, e son sé de iniciativas artísticas.

IMG_7665

Os nosos anfitrións, riquiños ata o exceso, non se contentaron con amosarnos a cidade, senón que nos levaron coñecer unha Escocia algo máis profunda, tampouco lonxe de Aberdeen: a vila costeira de Stonehaven.

Stonehaven, Harbour - Porto
Porto de Stonehaven

As principais atraccións de Stonehaven son a súa praia e, a milla e media de camiñada, as ruínas do castelo de Dunnotar, tan impresionantes por si mesmas como o seu enclave, metido no mar entre cantís. Albergou gloria e tamén historias terribles, como era habitual: asedios, masacres e asasinatos, mais hoxe só hai paz, historia e boas vistas.
Dunnotar - Castle, Castelo

Dunnotar Castle

Dunnotar

Toxo escocés
Chorima escocesa

E que máis vou contar de Escocia. A xente é amable e educada. Hai toxos, mais os camiños están libres para camiñar. Ata as vacas son amables.  O fish and chips, que eu pensaba que era unha friturada de peixe sen moito mérito, está boísimo. Cómese ben, en xeral. O peixe é fresco, a carne non falta. Con todo non cheguei probar o Haggis, a comida nacional, unha especie de botelo de año. E o símbolo nacional eles din que é o cardo na botánica, o whisky nos licores (unha relixión aquí, non é un estereotipo) e o unicornio na heráldica, mais son tamén inventores de grandes avances da humanidade como a barra de Mars fretida. Vou repetir o concepto. Collen unha barra de chocolatina de Mars. Empánana. E frítena. Eu vino. E comino. Cambiou a miña vida, para mellor. E o estado das miñas arterias, para peor.

Barra de Mars fretida. Apuntádeo. Non o tentedes na casa. Ou si.
Barra de Mars fretida. Apuntádeo. Non o tentedes na casa. Ou si.

En fin, non me gusta empeñar a miña palabra en van, mais esta foi unha das viaxes que sei que vou repetir. Volverei a Escocia: deixei amigos, a terra é fermosa, o whisky quenta o espírito, o clima… ben, o clima explica o do whisky. Outro lugar fermoso e outra boa xente á que me levou o meu costume de emborranchar folios con historias. A literatura, esa axencia de viaxes.

Passages (II)O libro tamén se presentará en Regensburg, por suposto, e agardo que o concello trate tan ben os convidados escoceses como eles nos trataron a nós. En canto ó meu relato, non esperedes marabillas, xa vos dixen que o escribín en alemán e que precisei dunha corrección allea. En todo caso, sacareino por aquí en galego. Xa contaremos!
Regensburg to Aberdeen

Scottish Flag - Bandeira escocesa

BONUS: Shane Strachan, un dos meus anfitrións en Caledonia e tamén escritor, tamén relatou o acontecido, remontándose ó irmanamento literario entre as dúas cidades, no seu blog (en inglés).

Advertisements

3 thoughts on “Crónicas escocesas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s