Os alemáns de fóra de Alemaña

Hai anos que me levo decatando dunha cousa: vou coñecendo xente de aquí procedente de Rusia, Polonia e outros países do leste de Europa que porén teñen apelidos alemáns e non eslavos, húngaros ou romaneses. Son inmigrantes en certa medida, mais tamén son alemáns. Son estranxeiros, pero tampouco moito. Como se explica isto?

Germanborders2.gif
Sucesivas perdas territoriais de Alemaña. Isto explica en parte o fenómeno dos Aussiedler. Germanborders2“. Licensed under Public Domain via Wikimedia Commons

Son os Aussiedler ou Spätaussiedler, xentes de etnia e lingua xermana nacidos e establecidos fóra das fronteiras da actual (saliento o de “actual”) República Federal de Alemaña. A historia desta parte de Europa, no que atinxe a estados independentes e fronteiras dende o século XIX ata hoxe é extremadamente complicada, mais aí van uns conceptos básicos:

– Ata ben entrado o século XIX non existía “Alemaña” máis que como concepto político e filosófico. Había ducias de microestados, condados, marquesados, cidades independentes e minifundios varios que remataron pivotando entre dous eixos, o Imperio Austrohúngaro (Austria, sur) e Prusia (Berlín, norte). É unha lección histórica resumida “a machado”, xa o sei, pero só quero dar unha idea.

Prusia converteuse nun estado militarizado imperialista con Bismarck e o II Reich. Para que vos fagades unha idea, este imperio chegaba ata ben entrado o mar Báltico, co territorio histórico de Prusia Oriental ata Lituania e abranguendo polo camiño boa parte do que hoxe é Polonia.

– Os prusianos perderon a I Guerra Mundial, e aí o antigo Reich reformulouse por fin nos anos vinte na chamada República de Weimar, pacífica e democrática o pouco tempo que durou e embrión da Alemaña moderna. Como vedes, perderon territorio (Alsacia, por exemplo, regresou a mans francesas) mais era un país máis extenso cá Alemaña de hoxe. Funcionou un tempo, ata que a economía se esboroou.

Karte des Deutschen Reiches, Weimarer Republik-Drittes Reich 1919–1937
Deutsches Reich2“ von kgberger – own drawing/Source of Information: Putzger – Historischer Weltatlas, 89. Auflage, 1965. Lizenziert unter CC BY 2.5 über Wikimedia Commons
– E nos anos trinta do século pasado… xa o sabedes. Os nazis tomaron o poder e o austriaco do bigodiño estraño quixo expander o seu III Reich ata o infinito. Alemaña foi militarmente aniquilada na 2ª Guerra Mundial, partida en dúas (Repúblicas Federal e Democrática alemanas, capitalista e socialista) e de castigo perderon territorio: Pomerania e Silesia pasaron a Polonia, os Sudetes a Checoslovaquia, Prusia Oriental foi ocupada pola URSS e a moi xermana Königsberg mudou a Kaliningrado. É o que acontece por comezar guerras e perdelas: rematas peor do que comezaches.

Concluíndo, as fronteiras alemás retrocederon moito na primeira metade do século XX. Mais non expuxen isto para falar de trincheiras e hectáreas perdidas, senón de xente. Que pasou con eses millóns de alemáns, establecidos desde había xeracións nesas terras (dous millóns e medio de habitantes en Prusia Oriental, por exemplo) e que eran parte de Alemaña “de toda a vida” (non falo de territorios ocupados durante a guerra, como por exemplo no III Reich) cando pasaron ser súbditos doutros países? Nada bo.

No 1945 deuse unha paradoxa terrible cos alemáns destes territorios: a terra onde viviran dende sempre deixou de ser formalmente o seu país. E ademáis, comezaron sufrir o acoso soviético (os alemáns eran os “malos” e perderan a guerra, non houbo piedade, tampouco para os civís). Oficial ou oficiosamente doce millóns de alemáns foron expulsados con violencia destas terras e buscaron abeiro como refuxiados en Austria ou nas dúas novas Alemañas, países á súa vez tamén devastados polo conflicto e os bombardeos, dando lugar a unha crise demográfica e humanitaria difícil de imaxinar,

Exemplo. A carón da Regensburg que me da acobillo está a industrial Neutraubling. No 1947 era unha aldea de 53 habitantes. Catro anos despois eran 1300 almas, e en 1960 uns 3800, por mor dos campos de refuxiados dos Heimatvertriebene, os Expulsados do seu Fogar (Fonte). Isto dá unha idea non só da traxedia humana destes Aussiedler (colonos ou “alemáns de fóra”) senón tamén do impacto da súa chegada na poboación local, que pasaba tamén grandes penurias, aínda que cando menos non perderan o seu fogar.

Bundesarchiv Bild 175-13223, Berlin, Flüchtlinge aus dem Osten.jpg
Refuxiados do Este en Berlín, 1945. “Bundesarchiv Bild 175-13223, Berlin, Flüchtlinge aus dem Osten” by Bundesarchiv, Bild 175-13223 / CC-BY-SA. Licensed under CC BY-SA 3.0 de via Wikimedia Commons

Por outra parte había vastas poboacións de colonos xermanos en outros países que non eran parte do II Reich nin de Alemaña: Romanía, os países balcánicos, Hungría, Romanía, Chequia e ata Rusia (os “Alemáns do Volga”) e o Kazastán e Siberia. Pobos de orixe xermana, en etnia, costumes e lingua, falando cada un deles o dialecto conservado dos seus primeiros colonos (suabo, de Hessen, etc.), convivindo en minoría máis ou menos pacificamente coa maioría eslava. Falaban o idioma do país mais conservaban os seus costumes, fundaban escolas alemás, xornais… O alemán era un idioma máis neses países, a súa identidade e un cordón umbilical coa Nai Patria. Inclúo nestes grupos as minorías das minorías: os xudeus xermanos. Estas poboacións xermanas enraigadas noutros países tamén sufriron represalias trala 2ªG.M. e malia seguir sendo considerables nestes días (500000 en Polonia, 1ooooo en Romanía, etc.) a poboación etnicamente xermana nestes países reduciuse ata apenas un 10% do que era en 1945.

KAS-Aussiedler-Bild-11707-1
1976: A CDU de Helmut Kohl promove e celebra o dereito dos alemáns de Polonia a abandonar este país e establecerse na RFA. “Todos os alemáns poden vir”. By CDU [CC BY-SA 3.0 de], via Wikimedia Commons
Nos anos 80 e 90 a Bundesrrepublik abriuse e facilitou a chegada destes “alemáns do estranxeiro”. En moitos casos estes tiveron que “reaprender” o idioma de Goethe e Schiller, que falaban os avós nunha variedade dialectal e non escolarizada, mais xa un tanto perdida na xeración presente. Chegaron por milleiros, atraídos polo milagre capitalista da RFA e escorrentados pola eterna desconfianza antixermana trala guerra e, sobre todo, pola precariedade económica dos estados socialistas. Esta segunda onda de reintegración alemana son os Spätaussiedler.

Aquí tiveron e teñen que pelexar contra os prexuízos e a xenofobia dos propios alemáns. Puiden comprobar que os estereotipos contra os rusos en particular son moi marcados, e aí contan moi pouco que o ruso sexa un aussiedler de etnicidade xermana ou un inmigrante sen máis. Contáronme que para ter o permiso para establecerse en Alemaña non tiñan só que amosar o seu dominio da lingua, senón amosar as súas “raigames culturais” describindo a receita dun plato típico alemán. Non sei se tamén o tiñan que cociñar e dárllelo a probar ós funcionarios. Básicamente declinar os artigos der-die-das e facer un Schweinebraten. Manda truco.

Coñecín e traballei con moitos Spätaussiedler, alemáns étnicos acollidos, algúns xa de segunda xeración e vidos a Alemaña moi noviños de Rusia, Romanía, Hungría, etc., ou que xa naceron aquí, todos con apelido e papeis doiches, perfectamente “integrados” (horríbel vocablo) pero con morriña do seu país natal. A diferencia cos inmigrantes “normais”, os papeis din que son tanto deste país como do que deixaron atrás. Outra cousa é o sentimento.

A situación lingüística é variada: desde os que non se manexan ben en alemán ata os que si o fan pero falan o idioma do país de orixe en privado (ruso, romanés, etc.), tamén dependendo de como se conservara a tradición xermana na súa familia e de hai canto chegaran a Alemaña. Coñecín un que tiña o “combo” completo da diglosia: viñera de Romanía de raparigo como alemán étnico, oficialmente un romanés-alemán, mais a súa lingua materna era o húngaro, falada maioritariamente na súa rexión de orixe mais moi minorizada socialmente en favor do romanés.

Kafka
Monumento a Kafka en Praga

Estas poboacións xermanas en países do leste deron personaxes senlleiros á literatura. Entre os escritores, por suposto, sobrancea o inmenso Franz Kafka, checo como o que máis e tamén xudeu, e que porén tiña como “patria” a lingua alemana, á que consagrou toda a súa obra. Herta Müller, Nobel de Literatura hai uns anos, é outra Spätaussiedlerin de fala e cultura xermana mais orixinaria de Romanía, hoxe acollida na Alemaña. O grande Joseph Roth, austríaco e xudeu mais nacido e criado na Galitzia, non a nosa, senón no que hoxe é Ucraína e Polonia e daquela parte do Imperio Austrohúngaro. Morreu lonxe da súa terra natal e da súa querida Austria, exiliado da barbarie nazi. Todos foron saltando por fronteiras móbiles e inestables, mais, como dixera Pessoa, a súa patria foi a súa lingua. Outro foi Vladimir Kaminer, do que xa falaramos, ruso xudeu xermánico que emigrou da URSS á RDA para ver como ó pouco ambos os dous países se esfarelaban trala Perestroika e a Reunificación. Hoxe é un escritor de éxito en Alemaña e en alemán. Outro Nobel, Günter Grass, procede de Danzig, a capital da Pomerania alemá, hoxe de nome Gdańsk e pertenza polaca. Arrasada durante a guerra, a maioría alemá da cidade foi expulsada e a obra de Grass é testemuña.

Grass.JPG
Grass“ von Florian KBild:Grass.jpg. Lizenziert unter CC BY-SA 3.0 über Wikimedia Commons

Este pequeno artigo, con pouco rigor histórico, non é unha tentativa de vitimizar a Alemaña na historia máis recente e lamentaría moito que así se interpretara. Quería salientar tan só como os cambios de poder, os conflictos bélicos e a violencia atrapan e desprazan os seres humanos, non só expulsándoos dos seus fogares senón tamén transformando estes en lugares novos e alleos e propiciando “retornos” que non o son tanto. As fronteiras non son inmutables, as ditaduras inxustas non duran eternamente e as identidades culturais e lingüísticas son malas de morrer.

Advertisements