Nomes e memoria

O outro día tirei esta foto e deume que pensar:

Memorial

Foi tomada nunha igrexa parroquial de Stadtamhof ó outro lado do Danubio, antano unha cidade enfrontada a Regensburg, hoxe un barrio asimilado á cidade. Nunha parede da igrexa loce unha inmensa lápida de mármore presidida centralmente por un crucifixo, tamén impoñente. Alí figuran os nomes de todos os soldados mortos procedentes desa parroquia nas dúas Guerras Mundiais, á esquerda da cruz os da Primeira, e á dereita os da Segunda.

Isto último é unha rareza, polo que puiden observar nestes anos. Non faltan os monumentos e memoriais ós soldados, xenerais e políticos da I GM, a Grande Guerra do 14, mais non é así para os da II GM. O pobo alemán desvencéllase daquela Wehrmacht, non era o exército alemán, eran os nazis. Estamos falando dun exército que contaba con 18 millóns de alemáns (estimade a paranoia militar deste réxime criminoso) dos que houbo 3.200.000 baixas (militares, non se contan civís, FONTE).

Non atoparedes monumentos nin memoriais “persoais” a soldados falecidos en combate do exército nazi, por motivos obvios. Os mortos, desde entusiastas nacionalsocialistas ata xente sinxela enrolada á forza, foron honrados unica e privadamente polas súas familias. Nos anos de posguerra e de rexeneración democrática ninguén quería ter pasado nazi. As fotos de papá ou do avó cun uniforme militar de calquera corpo da Wehrmacht foron ocultadas ou queimadas. Si que hai memoriais para os caídos na I Guerra Mundial (usualmente anteriores á II GM, mais sobreviven ata hoxe) porque carecen deses reparos traumáticos. Aquilo foi unha guerra que se perdeu e punto. O da II GM non, aquilo foi unha vergoña colectiva para o actual pobo alemán, xa antes do inicio do conflicto bélico.

IMG_6184.CR2
Lapa permanentemente prendida na Praza ás Vítimas do Nacionalsocialismo, Múnic

Si que hai, por suposto, monumentos á barbarie nazi (en xeral), ás vítimas do nazismo ou ó Holocausto de xudeus, xitanos e disidentes políticos. Se falamos xa non en xeral, senón en particular de nomes e apelidos de vítimas, lembrade o que contabamos das praquiñas no chan cos nomes dos xudeus deportados e asasinados. Pero non ós soldados alemáns. Outra razón é sen dúbida para evitar que eses lugares se convirtan en centros de peregrinación para os neonazis, como está pasando en certos sitios, moi ó pesar dos seus habitantes.

En canto á lápida que abre este artigo, malia o inusual de ver nomes de soldados mortos da II GM nun monumento público, tampouco atoparedes mensaxes heroicos nin laudatorios para estes militares. Tan só unha lembranza a fregueses da parroquia que morreron lonxe desta por unha guerra suicida, tráxica e sobre todo, estúpida. Só os nomes. E estes son numerosos: boa parte dos varóns da parroquia foron aniquilados na desfeita.

Berlín – Monumento ó Holocausto

Poucos pobos fixeron exame de conciencia despois dunha guerra como o alemán nas últimas décadas. Mais non todo son flores. Erguéronse desa inmensa catástrofe e convertéronse nunha nación de referencia, mais quedaron mortos nos armarios. Por exemplo, nos espectaculares xuízos de Núremberg xulgáronse os principais cabezas nazis que aínda restaban vivos, mais moitos mandos intermedios, inclusive rectores e gardas dos campos de exterminio, quedaron impunes, integrándose outra vez na sociedade civil ou aínda peor, nos corpos de seguridade e do novo exército. A Guerra Fría precisaba da súa experiencia.

IMG_6186
Praza ás Vítimas do Nacionalsocialismo, Múnic
Adolfiño, todo ledo co seu VW Escaravello. Conduce o seu construtor, Porsche.
Adolfiño, todo ledo co seu VW Escaravello (Volkswagen=”Coche do Pobo”). Conduce o seu construtor, Porsche.

Algo que fede: os que se enriqueceron na barbarie. A Volkswagen fundada polo mesmo Hitler, a compañía ferroviaria Deutsche Reichsbahn  (hoxe Deutsche Bahn) que tan eficientemente organizou a deportación de milleiros de xudeus alemáns, que ían morrer a cámaras de gas Siemens con gas letal desenvolvido pola Bayer. Certo que a colaboración era máis ou menos obrigada, mais todas as grandes empresas alemanas da época se enriqueceron nun réxime non só brutal e sanguinario, senón tamén lambón e corrupto ata os alicerces. Moitas destas empresas son hoxe multinacionais, co agravante de teren utilizado man de obra escrava procedente dos campos de concentración. A estes si que habería que pedirlles explicacións e compensacións.

Pensemos na nosa terra. Xa, hai grandes diferencias entre o nazismo e o franquismo (mais que colaboraban un co outro) e entre a Segunda Guerra Mundial e a Guerra Civil española. Mais só os máis manipuladores e manipulados negan que o franquismo foi unha ditadura que deixou moreas de vítimas. Pois ben, o franquismo tamén tiña as súas lápidas ós “caídos”. No noso agro galego son aínda ben habituais este tipo de placas conmemorativas nas igrexas cos nomes dos soldados mortos da Guerra Civil e con elas non puido nin a Lei de Memoria Histórica. Se as ve un cidadán alemán e nos pregunta por elas, vainos ser moi difícil xustificalo. Cales son as diferencias entre as súas e as nosas? Son ben claras:

  1. Tan só aparecen os “caídos” do bando parafascista ou “Nacional”. Non aparecen os “caídos” do bando republicano, nin os do campo de batalla, nin os de tantos represaliados nas súas casas, escolas, concellos, asasinados a sangue fría. Moitos dos cales, profesores, intelectuais, obreiros, labregos, mariñeiros, xente que nunca pegara un tiro. Na parroquia de Stadtamhof só había baixas por un dos bandos da contenda, pero na parroquia galega houbo seguramente mortos dos dous. Só figuran os de un, os gañadores.
  2. Non lamentan sen máis a súa perda, senón que glorifican e xustifican a súa “loita”.
  3. Aparecen xugos, frechas e demáis parafernalia fascista-falanxista, e proclamas que fan sangrar os ollos: “¡Españoles! La sangre de los caídos no admite traición”. (E loas a un tal José Antonio que, polo que preguntei, non era veciño da parroquia).
  4. Todo no lugar público por excelencia da aldea, a igrexa, a parroquia. Patrocinado pola Igrexa Católica coa tolerancia dos gobernos democráticos municipais elexidos entre o 1977 e o 2015. Que xa son anos. Sen ningunha enmenda ou aclaración histórica ó pé. Tal cal estaba en 1936.
Arriva España
Do Flickr de Sento, “Arriva España”. Fonte facendo click. Dereitos de uso.

E mellor non levemos o noso amigo alemán a ver o Val dos Caídos en Madrid porque lle ía estoupar a cabeza. Que diferencia hai co teu país, amigo? Que aquí os fascistas gañaron a guerra. E a historia escríbena os vencedores.

Cando nos imos reconciliar? Cando imos lembrar os mortos, pero TODOS os mortos? Que foi dos caídos “do outro lado”, dos que moitos, aínda que a efectos humanos careza de importancia, eran bos católicos? Cantos foron soterrados en segredo, cantos están en fochancas que este goberno español indigno se nega a investigar e desenterrar? De que hai medo?

Nunha destas pracas na igrexa de Santa María de Serantes (Laxe), lugar natal do meu avó paterno, figura o nome deste entre os “caídos pola patria”. Por desgraza, non teño fotografía. Se ben o meu avó loitou na guerra trátase dun erro, porque sobreviviu a esta e non deixou este mundo ata o ano 93. Quen debía figurar nesa macabra lista era o seu irmán, a quen aló levaron pero non trouxeron de volta. Nin o un nin o outro, e estou seguro que ninguén desa listaxe, eran “fascistas”, nin ata a sublevación do 36 sabían que era tal cousa nin tiñan unha idea clara do que era un “rojo”. Eran labregos, xente sinxela á que obrigaron ir a unha carnizaría en terras estrañas como Belchite ou Teruel, a matar compatriotas por algo que non entendían. Non eran animosos voluntarios da “cruzada”, eran enrolados á forza.

O meu avó, home de poucas palabras, non falaba nunca deste tema. Pregúntome que pensaría cando lía o seu propio nome entre os dos “caídos pola patria”. Supoño que nunca se sentiu un heroe por esa loita que el non empezou e da que cando menos acadou o seu obxectivo: non caer, regresar á súa vida. Non hai honra posible en figurar nesa lista. É a lembranza grotesca dunha traxedia e do fracaso dun país

Algún día maduraremos como pobo e non borraremos eses nomes da nosa memoria. Engadirémoslle os nomes “dos outros”, darémoslle unha digna sepultura a quen non a teña, estudaremos historia e miraremos para que cousas así non volvan acontecer. Seguiremos adiante. Mais, polo de agora, borremos ese xugo e frechas da ignominia. Tempo dabondo estivo alí xa.

Advertisements