Os ollos do peixe

Teño un novo xoguete. Unha pequena cámara lomográfica de ollo de peixe. Que quere dicir isto, en cristián? O da lomografía explícase mellor aquí, saen unhas cores máis especiais, sobreexpostas e moi luminosas, aínda que non na miña, algo estarei a facer mal. Todo naceu de dous turistas austriacos que foron de viaxe a Praga, recén caído o telón de aceiro, e mercaron unhas cámaras soviéticas “Lomo”, xa daquela en desuso. Xogaron con elas, dispararon e cando viron as fotos en Austria, abraiáronse. Tachán. Xa temos moda hipster. Un novo enredo, no auxe da fotografía dixital. Outra frikada, diredes con motivos.

Lomography Fisheye
É moi semellante a esta. Foto de Steve HarwoodLomography Fisheye“, Licenza Creative Commons. Fonte premendo na imaxe.

Do que quería esbardallar era sobre o obxectivo de ollo de peixe. Quere dicir que toma imaxes desde un grande ángulo, en concreto 170º, moito máis amplo cá visión humana. Isto queda concentrado na película nunha imaxe circular, cos extremos distorsionados. Tal e como ven os peixes. E os animais de máis abaixo na cadea alimentaria: un campo tan amplo advirte os posibles depredadores. Estes, en cambion, fitan para as súas presas, cun ángulo moi reducido pero con máis alcance e enfoque.

Callao
Callao, Madrid.

A cámara requere moita luz, mais en boas condicións lumínicas e co flash acádanse resultados abraiantes ou polo menos moi divertidos.

Pequeno almorzo - Breakfast

Toys - Xoguetes

A Neupfarrplatz, en Regensburg

E por riba, damos unha volta atrás ó vintage: é unha cámara de película, de “carrete”. Volver á improvisación e á incógnita de non saber se a foto que acabas de facer saíu ben ou mal. O analóxico. Perder o noso obsesivo control sobre os resultados. E paradoxalmente, relaxarse e disparar. E ese suspense perdido de cando iamos “recoller as fotos” ó estudio. Na miña, por riba, o obxectivo tapa parcialmente o visor e unido a que o angular é moito máis amplo cá miña propia visión, non teño moita idea da composición da miña foto ata que a vexo despóis de revelada. Non se pode controlalo todo. Outra lección.

Lémbrame á literatura. Non só no da obsesión polo control, senón nas intencións da obra, o relatado no texto. Canto máis queres abranguer, menos enfoque, e en canto máis amplo é o ángulo, maior é a distorsión nos bordes.

Francisco Catoira / Ronda de Outeiro
Polos Mallos, na Coruña

Non estamos para retratar a realidade coa nosa ficción. Non poderiamos, e non é ese o noso cometido. O realismo leva á distorsión. Reproducir é mentir. Escribir é tirar fotos: iluminar cousas e crear sombras sobre as outras, enfocar uns eventos e desenfocar outros, ampliar ata ter unha grande escena sobredimensionada e irreal ou reducir ata enfocar como con un microscopio. Mentimos, pero para iso precisamos da realidade, é a nosa materia prima. E creamos outra realidade a partir dela, ou mellor dito, créaa o lector coa nosa axuda, se é que o fixemos ben.

Ronda de Outeiro
Tamén nos Mallos

 

E precisamos de alguén que nos lea, aínda que sexan estas divagacións e analoxías (paralelismos) analóxicas (non dixitais). Agradézovos que as aturedes, ós que andedes por aí.

E, cun mes de atraso, feliz ano!

Advertisements