O Nadal en Alemaña

En Alemaña e na Baviera, xa o temos comentado, vívese moito o Nadal. Estendería a acepción de “Nadal” a “Advento”, que comprende as catro semanas anteriores ó 25 de Decembro. Isto non pretende ser un tratado de etnoloxía, senón só un achegamento seguramente cheo de inexactitudes. Disimulade. Que é Nadal.

Os mercados de Nadal

Non hai cidade ou vila que non abra o primeiro fin de semana de Advento os Mercados de Nadal ou de Advento, chamados Weihnachtsmarkt ou Christkindlmarkt aquí no sur. Son uns mercados na rúa onde se adoita vender artesanía, cousas relacionadas co Nadal (beléns ou Krippen, colgarechos para a árbore de Nadal, etc.) ou non e, o que máis éxito ten, cousas de comer e lamber e de beber. Xa chegaremos a iso. Dos máis famosos son o de Dresde e seguramente máis grande é o de Núremberg na Marienplatz, pero a min non me chistou moito, ten o que teñen todos, só que máis grande. Hainos máis fermosos en vilas pequenas e feitiñas, como Bad Hindelang. En canto a Ratisbona, como non temos unha praza tan extensa, o mercado está esparexido en varias prazas da cidade vella, sendo o máis grande o da Neupfarrplatz que vedes nas imaxes.

Weihnachtsmarkt (night - noite)

Weihnachtsmarkt RegensburgO máis coñecido e orixinal desta cidade é o que organiza a princesa de Thurn und Taxis, unha especie de Duquesa de Alba alemana (R.I.P.) cuxa casa nobiliaria ten sé no pazo que teñen en Regensburg, aínda que xa non residan alí. Un día falaremos da Princesa Gloria, todo un personaxe, e con iso non quero dar a entender que me sexa simpática. O caso é que arredor do castelo montou o seu propio Weihnachtsmarkt, de casetas de madeira e iluminado por fachos. Precioso para ver unha vez se pasades por aquí nestas datas. Se cadra unha vez abonda, porque cobran entrada. Para entrar nun mercado, no que as cousas non son de balde. Como oídes.

Mercado de Nadal / Christmas Market

Un paseo por este mercado ou por outros máis “proletarios” sempre paga a pena. Dá mágoa pasear pola rúa en Xaneiro: o mesmo frío e mal tempo, a mesma escuridade… mais nin hai Nadal nin mercado.

Repostería e lambonadas

Lata cunhas poucas Plätzchen, despois de que unha horda de hunos (os do meu choio) case remataran con elas.
Lata cunhas poucas Plätzchen, despois de que unha horda de hunos (os do meu choio) case remataran con elas.

Aquí é onde o petan os xermanos. Hai mil tradicións “milenarias”, todas gorentosas para os sentidos e infames para o sistema circulatorio. Non hai casa que se prece que non faga as bolachas de nadal ou Plätzchen, haivos mil variedades, case todas combinacións de azucre, masa e manteiga e ó forno. Logo poden levar… o que se vos ocorra: vainilla, coco, pasas, noces, chocolate… Fanse en famila, usualmente con axuda dos nenos, e logo compártense, lévanse o traballo e alí hai algún galego larpeiro que come delas e logo o conta no blog.

Nürnberger Lebkuchen
Lebkuchen. von Leon Brocard from London, UK (DSC06891Uploaded by Pirkheimer) [CC BY 2.0], via Wikimedia Commons
Outras raíñas lambeteiras do Nadal son as Lebkuchen. Son unha especie de bolachas circulares grandes (uns 8 cm. de diámetro) que veñen en paquetes de seis ou oito. Teñen froitos secos (améndoas, noces, avelás) e especias para parar un carro (canela, xenxibre…) e logo un glaseado de azucre ou chocolate. Estes paquetes adoitan vir nunhas latas ben fermosas. Son tamén típicas de Núremberg, tanto como é o turrón de Alacante: serán de alí pero hainos por todo o país. Tamén son típicas as casiñas de Lebkuchen.

Tamén lles presta o mazapán (agasallan porquiños de mazapán polo Aninovo, traen sorte), pero sonlles descoñecidos os nosos turróns, polvoróns, mantecados, etc., cousas en realidade máis árabes ca centroeuropeas. O que non falta é o Stollen, orixinario de Dresde, un biscoito compacto de masa, azucre e mazapán. Outras son as Spekulatius, unhas bolachas finas de caramelo e especias moi ricas para comer no momento mais que na maleta se desintegran en farangullas. Comédeas xa.

O Glühwein

Cuncas de Glühwein da miña cativa colección. A de Regensburg aprézase o Christkindl, xa chegaremos a iso.
Cuncas de Glühwein da miña cativa colección. A de Regensburg aprézase o Christkindl, xa chegaremos a iso.

Por bonitos que sexan os mercados de Nadal, decembro en Alemaña non é sinónimo de tempo agradable, e perder un par de horas entre as casetas é sinónimo de aterecer de frío a medio prazo. Así que inventaron o Glühwein (“viño candente”), unha sorte de viño quente especiado que serven á temperatura da lava do volcán do Krakatoa. Un par de grolos abondan para quentar o espírito e/ou abrasar o esófago. Sérveno nunhas cuncas que ás veces son verdadeiras lembranzas do mercado e da cidade. Se queres quedar con elas, non hai problema: o Glühwein véndeno cun recargo de dous euros sobre a cunca, que che devolverán na caseta cando ti lle devolvas o recipente. Se quedas coa cunca, non pasa nada: xa a pagaches.

Ó Glühwein tradicional engádenselle agora hai mil variantes modernas: cun chorro de ron, de sabor amorodo ou baias, que sei eu. Comezade polo tradicional, facédeme caso. Para os nenos e para os que non queiran ou poidan beber alcohol hai ponche (Kinderpunsch), igual de quente. Para os máis atrevidos, o Hitzkopf (“cabeza ardente”), unha beberaxe parecida ó Glühwein mais trocando o viño por sidra.

Que ven na tele

Moi pouco diferente do que hai que ver ó sur dos Pirineus. Especiais de Nadal con friquis cantantes de Schlager (a canción lixeira xermana), non hai mensaxe do Rei porque isto é unha república, pero si que Angela ten unhas palabras. Películas nadaleiras americanas e refretidos. Pero se os súbditos do Tío Sam reven sempre nestas datas Que fermoso é vivir, os doiches tamén teñen a súa película icónica, Die Feuerzangebowle. Este nome impronunciable e intraducible denomina un ponche alcohólico flambeado, unha especie de queimada de Nadal. Arredor das lapas desta beberaxe os protagonistas deste filme reviven e reinventan os seus anos escolares.

Non vin a película, mais aquí é de culto, mesmo a poñen nos cines. Data do 1944, e é un remake de outra da década anterior, mais a que repiten é a do 44. Houbo outra versión en 1970, mais foi un fracaso.

E por Noitevella poñen a curta Diner for two, da que xa falara outro ano. É un sketch británico tamén do ano da pataca, mais que segue a ter chiste. Póñoo aquí outra vez, que o vídeo da outra ligazón faleceu.

 

O calendario de Advento

Marianne Schneegans Adventskalender.jpeg
„Marianne Schneegans Adventskalender“ de Marianne Schneegans – Nachlass von Marianne Schneegans. Lizenziert unter CC BY-SA 3.0 de über Wikimedia Commons.

Son uns calendarios que abranguen do 1 ó 24 de Decembro. Cada día ten normalmente cadansúa caixiña ou pestana numerada que agocha un pequeno chocolate. Ou sexa, cada día un bombón, ata chegar á Noiteboa. Hainos tamén que teñen na vez de chocolate un debuxo, por suposto, relativo ó nadal. Poden ser verdadeiras obras de arte.

A cousa se puxo barroca nos últimos tempos e hoxe hai Adventskalender do Bayern de Múnic, de publicidade, ou que na vez de chocolate teñen gominolas Haribo, xoguetiños, infusións de diferentes sabores, ou eróticos para adultos. E por suposto con motivos de películas ou debuxos animados. Teño un amigo que recibiu un dos Simpson de agasallo, e descubriu que o calendario non chegaba ó 24, senón ó 31. Viva Springfield!

Gardan relación co Advento tamén os Adventskranz, unhas coroas vexetais con catro candeas grosas. Acéndese unha candea por cada domingo de Advento, polo tanto chégase á Noiteboa coas catro velas acesas.

Quen trae os agasallos? Nikolaus, o Christkindl e o Weihnachtsmann

A tradición máis antiga de agasallos é a do San Nicolás, o Nikolaus. Xa falamos dela polo miúdo hai anos. Non se celebra en Nadal, senón que é un aperitivo deste, o 6 de Decembro. É un bispo-santo boíño que trae lambonadas e agasallos ós nenos bos. Vai en compaña do seu criado Ruperto (Knecht Rupprecht) ou, aquí no sur, unha especie de diaño Krampus que zorrega ós nenos malos e arrepía ós demáis. Nunca chega o sangue ó río e cada neno recibe o seu agasallo. E, sobre todo, proliferan en todo establecemento os Nikolaus de chocolate para agasallar.

Christkind in Struwwelpeter 1845.jpg
„Christkind in Struwwelpeter 1845“ von Heinrich Hoffmann – → Lizenziert unter Gemeinfrei über Wikimedia Commons.

No sur (Baviera, Austria, Suíza…) trae os agasallos o día de Nadal o Christkindl, literalmente “o neno Xesús” pero que en apariencia non ten moito que ver coa iconografía relixiosa. Represéntase cun neno, as máis das veces unha nena, de melena dourada e ás de anxo. Ninguén o viu nunca, mais toca unha campá para facerlle saber ós nenos que os agasallos xa están ó pé da árbore. Foi un invento dos protestantes luteranos para desprazar o moi católico San Nicolás, pero curiosamente a súa tradición está máis presentes nas rexións católicas como Baviera. Si. A min tamén me parece raro. Nikolaus mola máis.

Mais a competencia é dura e vén de fóra. O gordo chungo de Papá Noel, aquí Home do Nadal ou Weihnachtsmann, que non é máis que o Santa Claus dos americanos, que á súa vez non é máis ca un refretido do propio Nikolaus de Centroeuropa coas cores da Coca-Cólida. Mais a metrópole é poderosa e despraza ás tradicións. Preguntádelle ó Apalpador.

Sternsinger Segensbitte Marienberg.jpg
„Sternsinger Segensbitte Marienberg“ von Papiermond – Transferred from de.wikipedia (Original text : selbst fotographiert). Lizenziert unter Gemeinfrei über Wikimedia Commons.

Os que non traen nada son os Reis Magos. O día dos Reis, 6 de Xaneiro, é feirado nas rexións católicas e andan os nenos cantando e pedindo polas porta para obras de caridade ou para a parroquia (QUE NON É O MESMO!-na miña opinión). Ós fogares xenerosos píntanlle con xiz no marco da porta as iniciais dos tres reis xunto co ano, e así quedan “bendecidos” para os doce meses. Por exemplo, para o 2015 a lenda será: “20+C+M+B+15”, de Caspar, Melchior e Balthasar, ou tamén “Christus mansionem benedicat”, Cristo bendiga esta casa. Pero de agasallos, nanai. Aquí o tempo de Nadal comeza antes ca na nosa terra (se tiramos fóra o Cortinglés), mais remata o 26, que tamén é feirado. Hai grandes xantares familiares o 25 e o 26, mais o 24 non fan grande cousa: é só a noite dos agasallos. O 27 retiran os adubíos nadaleiros, as árbores… o Nadal rematou. En Fin de Ano tiran petardos e pirotecnia e van de festa, mais a cousa xa non ten nada que ver co Nadal. E quen non comezou traballar ou a escola o 27 de Decembro, faráo o segundo día do ano.

Como a min sempre me toca vivir o Advento en Alemaña mais procuro escapar no Nadal para a casiña en Galicia, estas datas nadaleiras cunden moito. Así que igual me vedes por aí, se non estades atentos. Felices Festas a todos! Pasade ben o solsticio!

 

Advertisements

3 thoughts on “O Nadal en Alemaña

Os comentarios están pechados.