O xogo de Merkel: inmigración si, inmigración non

Moitos mirades a Alemaña con envexa, e non é estraño. Un dos países máis desenvolvidos de Europa, unha economía que turra de toda a UE (xa que Francia non se dá erguido e Gran Bretaña anda ó seu), en comparación co noso paisiño, cheo de crises (en plural), paro, corrupcións (tamén en plural) e sensación de impotencia, opresión, depresión e carraxe. E tamén mirades os seus políticos, a Merkel que rexe o destino non só do seu Estado, senón tamén o de España e o resto de países que se fixeron a ilusión de coller o tren de Europa (entendida polos países de Europa con bo nivel de vida, unha terceira parte) e acabaron descarrilando.

Angela-Merkel-Pantone-Farbskala-von-Noortje-van-Eekelen
Pantone Merkel. Elixe a túa cor. Licencia Creative Commons de Neuewerbung.org (clicar para agrandar)

Mais, facédeme caso a un que vive aquí e que tampouco ten excesivas queixas de como lle van as cousas: Alemaña ten problemas e Merkel tamén, e non sempre se amosa como esa estadista sensata aínda que inflexible da que temos a imaxe no lonxano Sur. O seu gobernar é por moitas veces errático e contraditorio. Non vou falar de esa actitude parva de afogar as economías en crise e esnaquizar o benestar social e o consumo agardando así recuperar a economía, por aquilo de “non gastar máis do que se ingresa”, como se a economía dun país tivera a mesma complexidade que a dun neno de sete anos que recibe a paga os domingos despois de misa. Pois non, Angela, non. Non vai funcionar. Pero falemos do que acontece das fronteiras xermanas para dentro. De políticas migratorias. Velaquí o dobre discurso. O Goberno de Merkel proclamou que os profesionais europeos eran benvidos a Alemaña, sobre todo os cualificados. Lembrades? O efecto chamada funcionou en España, e expulsados pola crise o número de españois no país multiplicouse. Na meirande parte (non todos) con títulos universitarios ou profesionais que buscaban traballar “do seu” en mellores condicións ca na súa terra. Algúns acadárono, outros tamén pero tras un periodo difícil, outros fracasaron. Non é doado acceder ó mercado laboral alemán cun título e unha traxectoria laboral en outro país e sen desenvolverte ó cen por cen no idioma.

The Economist: Please can we start the engines now, Mrs Merkel? cover by Jon Berkeley #donttellmerkel
“Por favor Señora Merkel, podemos acender os motores xa?” Imaxe do Flickr de Duncan Hull. Fonte premendo na imaxe. Licenza.

Pero velaquí que o Goberno merkeliano abráianos con outra medida: aprobou unha lei que aumenta o control sobre as axudas sociais que reciben os inmigrantes comunitarios, mesmo posibilitándose a expulsión do país no caso de fraude ou mesmo sen el, cando o inmigrante en cuestión leve máis de seis meses sen traballar. Os españois, podendo sufrir o que nós lles facemos ós africanos en España. En fin. En resumo, por primeira vez un país membro da UE ameaza con expulsar a cidadáns comunitarios. Lembra ó caso recente do límite para a inmigración en Suíza, que pode facer perigar os acordos entre o país helvético e a UE, pero ollo, Suíza non é membro da UE. Alemaña si. Alemaña “é” a Unión Europea. O Goberno merkelita insiste malia todo, e nisto leva razón, que Alemaña precisa da inmigración e que se beneficia dela. A economía e o mercado laboral carburan, si, pero non nacen alemanciños e o país está en regresión demográfica. A única saída para que non se esboroe o sistema de pensións é aumentar a poboación activa coa inmigración. Non hai outra. Mais Merkel ve o ascenso de partidos eurófobos e mesmo xenófobos como Alternative für Deutschland (AfD), que lle están comendo votantes pola dereita, e pola presión do irmán bávaro da CDU, a intransixente CSU. E daquela invéntase que aquí non se vén por Turismo Social (Sozialtourismus) e que moitos estranxeiros veñen aquí a desfrutar de axudas sociais (que as hai, e son xenerosas) que non existen no seu país e das que non participaron solidariamente. Alguén decidiu que queixarse da inmigración dá votos. Pero mira unha cousa. A ver. Imos por partes. A que vén esta esquizofrenia? Precisan dos inmigrantes ou hai demasiados? En que quedamos?

Immigration
Imaxe do Flickr de Andrea Barisani: Immigration. Fonte: premendo na imaxe. Licenza Creative Commons Attribution-NonCommercial 2.0 Generic (CC BY-NC 2.0).

Os sinalados co dedo non son os españois, cuantitativamente unha parte pequena da masa inmigratoria en Alemaña, aínda que con esta lei poidan verse moi prexudicados. O dardo vai disparado contra a inmigración procedente dos novos países membros da Unión, en concreto de Europa do Este e máis en concreto contra búlgaros e romaneses. Houbo unha vaga de chegados destes países que non foi masiva en xeral, pero si que foi problemática en certas cidades (Duisburgo, Fráncfort, etc.) que non estaban preparadas. Saltaron as alarmas cando presuntamente os romaneses e búlgaros foron en masa a pedir as súas axudas sociais, o célebre Hartz IV, o subsidio por excelencia do sistema social alemán. Pero, foi así? Existe esta “invasión” de chupóns con acento eslavo (ou latino)? Estas cousas corrobóranse ou desméntense con cifras, e as do Instituto do Mercado Laboral e Investigación Laboral non enganan. Un 7,7% dos residentes en Alemaña cobran o Hartz IV, e sobe ata o 14,7% no caso dos estranxeiros, lóxico, por ser máis proclives á exclusión social. Mais no caso dos súbditos romaneses e búlgaros é superior á media, mais inferior á media dos estranxeiros: un 10%. O 80% dos perceptores desta axuda son alemáns. Se falamos de fraude na percepción das axudas, non é superior procentualmente neste subgrupo que na media. Ou sexa, os estranxeiros comunitarios non perceben significativamente máis axudas, nin defraudan procentualmente máis cós propios alemáns.

Captura de pantalla 2014-12-08 a las 19.40.02
Taxa de paro. Fixádevos: na primeira columna, o % de paro do conxunto de romaneses e búlgaros. A segunda, só búlgaros. A terceira, só romaneses. A cuarta, a de estranxeiros do resto dos “novos” países (Estonia, Chequia, etc.). A quinta, a dos países do sur, ou sexa, NÓS (España, Italia, Grecia e Portugal), un 10,9%. A sexta e penúltima, o paro no total dos estranxeiros en Alemaña e a sétima e última, o paro no total de Alemaña. Fonte, páxina 7

Pois claro que pode haber romaneses que defrauden, españois que só veñan aquí de festa e a cobrar o paro sen intención de traballar, e andaluces preguiceiros e galegos que respondan con preguntas. E tamén hai estranxeiros que queren traballar, e de feito traballan, e alemáns que viven da sopa boba mentres vén a RTL e beben cervexa do Aldi: non xeralicemos, por favor. As leis téñense que basear en realidades, datos e cifras, non absurdas alarmas sociais alimentadas polo sensacionalista Bild (e aplaudidas por diarios máis serios) nin en populismo electoralista. Non existe unha fraude social masiva por parte dos estranxeiros, iso é unha falacia. O que hai é medo á Armutszuwanderung, a Emigración da Pobreza, que non veñan os enxeñeiros e informáticos que agardaban e si esfarrapados non cualificados que procuren oportunidades de traballar mellor, xa veñan do Este ou empurrados pola brutal crise no Sur de Europa, na que, mira ti, as políticas da UE e do Goberno Federal e do Bundesbank e a Troika (son todo sinónimos) teñen moito que ver. Neste caso, galegos, españois, portugueses, romaneses e checos imos no mesmo barco. Efectos reais? Con que se controle mellor a fraude nas axudas non pode discordar ninguén. Expulsións directas? Meter a xente esposada nun taxi con destino a Varna, Timisoara, Chiclana ou Valdeorras? Pouco realista. O que si vai acontecer é que van dificultar as axudas ós estranxeiros (ós alemáns non, que eses votan!) e que moitos se non atopan traballo de contado terán que regresar, porque permanecer en Alemaña será insostible. Estamos falando dun país no que catro millóns de residentes, entre eles dez milleiros de españois (fonte) cobran unha axuda malia teren un emprego, porque este non abonda para sobrevivir. Eís os famosos minojobs, o segredo do desemprego cero xermano. Moito traballo, pero moi precario e con diferencias brutais de salarios entre o cualificado e o non cualificado. Se cadra con máis inspección laboral en contra do abuso (xente contratada por minijob por 15 horas semanais traballando o triple, traballadores asalariados camuflados de autónomos para non pagar S. Social, etc., etc.) solucionábanse moitos problemas.

Máis consecuencias: que a meirande parte dos españois, malia ser teoricamente obrigatorio, non fagan a Anmeldung ó chegar, que vén sendo coma o empadronamento. Se non consta que estás no país o tempo non corre e ademáis estás cuberto sanitariamente pola Seguridade Social española. Sempre hai tempo de facela, cando precisamente se atope un emprego ou se pida unha axuda, ou as dúas cousas. Por que demo o ían facer ata que non quede máis remedio? Por iso o número real de cidadáns españois e galegos en Alemaña é moi superior ó “oficial”. Así que, miña Merkel: aclárate. Ou queres inmigración (dentro dunha orde, etc., etc.) ou dis que sobramos. Daquela os estranxeiros collemos a maleta outra vez, regresamos e deixamos de pagar cotizacións e impostos directos e indirectos no teu paisiño. Porque para iso si que os Fernández e os Regueira somos tan cidadáns como os Müller: para pagar. Os dereitos son outra cousa. Pero cando marchemos, a ver como lle explicas a Herr Müller que non hai cartos na caixa para pagarlle a pensión. Non é con populismo electoralista como vas saír dese círculo vicioso. E ese é un xogo moi perigoso e pode revirarse na túa contra. Lémbrame á frase de canda nos 60-70 se abriron as fronteiras alemás para os necesarios traballadores españois, italianos e turcos: “Pedimos man de obra. E viñeron persoas“.

Mural emigrante - Wallpaint emigrant
Mural preto da praza de San Pedro de Mezonzo, na Coruña. Foto miña, pero non sei quen o pintou. E vós? Licenza.

Nota: hai uns meses na Voz de Galicia preguntáronnos a varios inmigrantes que opinabamos desta nova lexislación e xa din unha opinión, máis abreviada.

Advertisements