“Boas novas” en alemán dise “Gute Nachrichten”

Hai un tempo comentaba no blog o que era escribir noutra lingua, e os meus esforzos para crear unha linguaxe literaria nun idioma que para min é alleo e aprendido de adulto, o alemán. Asistín a talleres de literatura creativa na Volkhochschule (Escola Popular) de Ratisbona, e aí nos motivaron para participar nun certame promovido polo Concello de Regensburg xunto co seu homónimo da cidade escocesa de Aberdeen, irmanada coa bávara. Os escoceses poderán participar con textos en inglés ou doric, o dialecto escocés desa rexión, tal e como os desta parte poden escribir os textos en alemán estándar ou en dialecto bávaro.

Aquí, a moi noble e moi leal cidade de Aberdeen, que nunca pisei.

Skyline of Aberdeen, Scotland, 2010
Colin Smith [CC-BY-SA-2.0], via Wikimedia Commons
 Aquí, a cidade que me acolle dende hai anos. Ratisbona.
Ponte de Pedra - Stone Bridge - Steinerne Brücke, Regensburg

Podíase participar cunha poesía ou cunha prosa de 500 palabras como máximo, baixo o tema “A vida en Regensburg”. Foron seleccionados dez textos por cada cidade, e publicaranse nun libro bilingüe alemán-inglés. (Aquí, unha nova nun diario escocés, para quen comprenda a lingua de Faulkner mellor que a de Hans Magnus Enzensberger).

Pois tiven a tola idea de participar con dous textos, creados ex profeso en alemán, e o xuri tivo a tola idea de distinguir un deles (“Zurück“, que se pode traducir como “De volta, regreso”) entre os dez escollidos para a súa publicación.

Captura de pantalla 2014-11-29 a las 19.12.18
A carta que o proba!

Os meus relatos foron distinguidos varias veces con premios, sobre todo ó comezo da miña irregular carreira literaria, cando agromaban os certames en galego por todas partes. Gañei mesmo dous fóra das nosas fronteiras, un en Francia e outro en Arxentina, e moitos deles foron experiencias marabillosas. Pero este é o primeiro que obteño escribindo nunha lingua que non é a miña, o galego. É evidentemente unha cousa obxectivamente ben modesta,  pero para min évos moi especial, porque me levou suor e sangue sacar 500 palabras en alemán, axeitar o meu estilo á miña habelencia real neste idioma (isto é, simplificar) e ser recoñecido por un xuri de autores en alemán. Teño que engadir que o texto tivo que ser corrixido por unha compañeira do país, e sen este puimento o premio non tería acontecido.

En resumo, unha grande e inesperada ledicia! Como xa explicara, son realista e non vou desembarcar no sistema literario alemán, pero este recoñecemento anímame a seguir experimentando nesta estrambilicada e fascinante lingua. Mais mañá volvo ó choio loitando con textos no meu idioma, onde os problemas e expectativas son moi distintas. E o libro bávaro-escocés, agora cun celme galego, no 2015.

Para celebralo, música doicha: Farin Urlaub, na súa carreira en solitario separado dos míticos Die Ärzte, rende homenaxe irónica-morriñenta ós Smiths e ós 80 no musical e textual, e a Nosferatu no visual neste vídeo, Sumisu.

Und immer wenn wir traurig waren
Und traurig waren wir ziemlich oft
Nahm ich dich in meine Arme
Und dann hörten wir die Smiths

Manchmal auch The Cure oder New Order
Aber größtenteils die Smiths

E sempre que estabamos tristes
E tristes estabamos decote
collíate nos meus brazos
e escoitabamos os Smiths

Por veces tamén The Cure ou New Order
pero as máis das veces os Smiths.

Advertisements