
Hai pouco souben da aventura duns regensburgueses hai oito décadas. Unha epopea tola e insensata, mais marabillosa na súa inxenuidade, heroica e irrepetible. A viaxe dos Ballonauten, os Balonautas.
Érase unha vez Regensburg no ano 1932. O escenario, o mesmo que o de toda Europa trala desfeita e a crise do 29: paro, desesperanza e pobreza. Hai que dicir que hoxe Regensburg e Baviera teñen un nivel económico moi salientable con respecto a outras rexións de Alemaña, pero naqueles anos era todo o contrario: Regensburg era unha cidade pobre nun país en colapso económico, desemprego imparable e inflación brutal. A República de Weimar consagrara relativamente as liberdades e a democracia trala I Guerra Mundial tralo militarismo imperialista prusiano, pero se estaba amosando un rexime feble e inefectivo para os graves problemas do país.
Éranse naquel tempo e naquela terra un panadeiro de 26 anos, Jakob Schmid, e un amigo seu, Franz Perzl, traballador portuario (aquí mar non hai, pero si porto, fluvial no Danubio). Ámbolos dous considerabanse sportmen, como lles chamaban antes, cando o deporte era unha romántica filosofía de vida e non un negocio profesionalizado. Concretamente, ó fútbol, que xa tiña un oco no corazón dos alemáns mais que non tiña moito que ver co espectáculo de masas que é hoxe. Para estes dous membros do 1. FC Regensburg (clube extinto actualmente, penso eu) o fútbol podía unir persoas, facer amigos. Os dous eran sans, novos, vitais, con gañas de viaxar e ver mundo e ser recoñecidos como deportistas. Pero, ai, os dous eran pobres, desempregados e non tiñan un can para viaxar, atoados nunha cidade miserenta.


E que fixeron? Pois o que fariades vós e eu. A única saída lóxica. Construir un carromato xiratorio de madeira en forma de balón de fútbol xigante e levalo polas estradas de todo o país. Financiaríanse vendendo postais e contactarían e pedirían hospitalidade polos clubes de fútbol que fosen atopando. O carro pesaba 600 quilos e turraban del eles mesmos, sen motor nin bestas. Durmían dentro. Ah, non é o que fariades vós? Nin eu tampouco, pero Jakob e Franz si. Os dous bávaros xa non eran dous parados máis entre tantos. Eran Balonautas.


Que é o que fai tan especial a aventura destes dous arroutados ratisboneses? Primeiro, a proeza física monumental que realizaron. Non foron recoñecidos como deportistas nos seus tempos, é máis, na súa propia cidade ás penas se saíron no xornal. Pero baixo unhas condicións lamentables arrastraron ese monstro nada menos que 4000 km, percorrendo o país desde o Sur bávaro ata o norte no mar Báltico e de volta ó sur outra vez a Baviera e Baden-Württenberg, por estradas e carreiros, verán e inverno, sen axuda. Rubiron unha montaña de 1500 m. preto do Tegernsee (Baviera). Para baixar, tiveron que asegurar o macrobalón-caravana cun abeto, non fose precipitarse a rolos e arrastralos a eles. Esta epopea durou 16 meses. No norte o estibador Franz atopou traballo e abandonou a aventura, sendo substituído por Georg Grau que se uniu a Jakob en dirección sur.

Segundo, polo contexto. Cando partiron Alemaña era unha república libre e unida, chegaron coñecer o Berlín libertino dos cabarets. Mais era un país en crise, con convulsións sociais constantes e unha crise económica abafante, loita obreira e asaltos nazis. Mentres viaxaban, o fascismo consumou o seu ascenso ó poder e Hitler tomou o mando. Iniciouse a arrepiante ditadura que todos coñecedes, mais que daquela só se intuía. Os nazis viñan poñer orde, Hitler era o salvador. A guerra, o exterminio, o horror aínda non aconteceran.

En Agosto do 1933 a caravana-balón dos dous afoutos bávaros escachou definitivamente polo que é hoxe o Estado de Baden-Württenberg. Xa sufrira mil avarías e outras tantas reparacións, pero esta vez foi definitiva. Jakob Schmid regresou en tren a Regensburg. A viaxe rematara. Pero quedaba unha xoia: o libro. Schmid documentouno todo. Levou un diario das súas peripecias, boas e malas, tirou fotografías, pegou postais e lembranzas no seu libro-álbum, que engordou ata pesar oito quilos. Os balonautas eran xente sinxela, non era de esperar unha análise xeopolítica dunha época convulsa, Jakob tan só escribía o que vivía: o duro que era pero o ben que se sentían na liberdade da viaxe, quen era hospitalario con eles e quen lle botaba os cans, as cidades que lles prestaron e as que non… mais a realidade cóase nas súas páxinas. Pasan por unha exposición ximnástica en Stuttgart e Jakob colecciona souvenirs de clubes deportivos de todo o país e pégaos no libro: aparecen de primeiras cruces gamadas e figuras de idealización da raza aria. Mendicando sempre hospitalidade por onde pasan, relatan que en Schönau foron acollidos e alimentados polo Partido Nazi, “xente simpática”, escriben os balonautas, agradecidos e ignorantes da significancia que podían ter tales simpatías. Presenciaron disturbios e revoltas en Chemnitz, non sabemos de que signo político, mais os policías fálanlles de mortos. Todo o anota Jakob no seu álbum.
Jakob volta ó punto de partida xeográfico, mais en aquel ano e pouco o país se transformara completamente, e a cousa ía virar a peor, como sabedes. Jakob “perdeuse” na súa viaxe a queima de libros “xudaizantes e comunistas” na Neupfarrplatz de Regensburg en 1933, pero seguro que foi testemuña de represalias políticas. E logo virían a Guerra, a masacre, as deportacións… Jakob Schmid morreu nos últimos días da Guerra Mundial en 1945 enrolado do lado da Wehrmacht, cando a derrota dos nazis era inevitable. Unha ducia de anos despois da súa aventura.

E o libro? Durmiu e criou poeira, xunto coa lembranza da aventura, case oito décadas. Descubriuse e recuperouse, nada menos que no 2012, e decontado se puxo en relevancia o seu significado. Naceu un proxecto coordinado por Hubertus Wiendl que non só expón e explica o libro dos Balonautas e o seu tempo senón que ademáis construíron unha réplica do balón-caravana que pensan pasear por toda Alemaña e Europa. Non só para contar a fazaña dos bravos e esforzados balonautas, senón para situala no seu contexto temporal. Falouse moito do nazismo e da guerra, pero menos do seu ascenso, por que se produciu, de por que un pobo apoia de súpeto un populismo violento e homicida. A memoria histórica impedirá que tal desfeita se repita, e por que non facelo cun balón de fútbol xigante.
Engadido:
Como os meus pais me educaron ben, quixen pedirlle ó comisario da exposición e proxecto dos Ballonauten, Hubertus Wiendl, permiso para utilizar as fotos da súa web para este artigo, todas saídas da cámara do mesmo balonauta Jakob Schmid. Accedeu sen problemas, e así mo confirmou esta mesma mañá por correo electrónico. Desde aquí o meu agradecemento. Ich bedanke mich sehr!
Pero, velaquí a feliz casualidade, un par de horas despois estabamos camiñando pola cidade vella de Regensburg cando demos de fociños na Neupfarrplatz co mesmísimo balón dos Balonautas (a réplica, claro) e o mesmísimo Herr Wiendl, o argallante de todo. Abeizoados sexan os móbiles con cámara, que sempre sacan fotos cutres pero que sempre están a man para estas casualidades espontáneas.

Falamos un chisco do proxecto, preguntoume por este blog que estades a ler e eu pola marabillosa lea na que se metera. Contoume a afeizón de Jakob Schmid pola fotografía, que fundiu boa parte do presuposto da viaxe en revelados, con resultados estupendos. Da transcrición do libro dos balonautas que fixo a súa avoa, porque a caligrafía daqueles tempos en Baviera non era a mesma ca hoxe e ninguén dos nosos días era quen de entender a letra de Schmid. E dos prexuízos e da prudencia que impediron sacar esta xoia á luz. Era un libro dos tempos nazis nos que saían cruces gamadas, aquelo era mellor non amosalo en público nas décadas que seguiron á guerra fría por moito contexto no que se lle quixera encadrar. Hai que felicitar á familia Schmid pola súa valentía e polo coidado que tiveron co libro e as fotografías, e por suposto a Wiendl por crear esta oportunidade de reflexión histórica. O balón volverá viaxar polos colexios para participar en proxectos escolares coa rapazada. E Wiendl agasalloume cunha postal, réplica das mesmas que vendían os balonautas, que gardarei como un tesouro.
Que rode o balón!
Ligazóns e documentación:
- En español: A fantástica revista futboleira Panenka fíxose eco no seu número de Xaneiro do 2013, aquí reeditado.
//e.issuu.com/embed.html#0/3619948
- En alemán, na páxina do proxecto, onde van informando das súas actividades e posteando as fotografías e documentación histórica desta viaxe. A meirande parte das fotos están tomadas de aquí, tomadas polo propio Jakob Schmid durante a viaxe. Se o alemán non é o voso, hai unha páxina en inglés con vídeos e outra en francés.
Un vídeo en inglés:
Nova en alemán na BR:
Este tipo de tolos argallantes son os que me deixan crer no ser humano.
Graciñas por darme a coñecer esta xente que eu descoñecía totalmente.
GústameGústame
Ata hai ben pouco ninguén sabía destes argallantes aquí mesmo, nesta cidade. A familia mantivo o libro case en segredo para evitar malas interpretacións e vencellos cos tempos nazis. Unha mágoa, pero agora está a ser reparado.
GústameGústame