As rúas estrañadas

Igrexa dos Franciscanos

Desde hai un tempo sorpréndome a min mesmo botando de menos unha rúa da Coruña. Imaxínome paseando por ela ou sinxelamente, visualízoa, e isto provócame sensacións agradables, dunha feliz saudade. Supoño que é unha manifestación máis da morriña. Algo lóxico nun coruñés que reside lonxe da cidade, concretamente en Alemaña, e que estraña a súa terra, paisaxe, lingua, clima. Pero sobre todo, a súa xente.

Pero o máis curioso é, cando recapitulo estes paseos do maxín, vexo que son rúas que non teñen case nada que ver comigo. Non é a rúa onde vivía e me criei, nin a do meu colexio nin a dos meus bares da mocidade. Non é paseo de Riazor nin Os Cantóns nin o parque de Santa Margarida. Son rúas polas que pasei poucas veces e que non significaban nada para min, ou iso pensaba eu. Unha esquina da rúa Noia nos Mallos, a rúa que sae da avenida de Fisterra entrando nas Conchiñas, preto do INEM, outra do Gurugú preto da Falperra… Alí non vive ninguén coñecido, nin se atopaban no meu camiño diario, nin nunca me aconteceu nelas nada salientable. Non son rueiros fermosos, pintorescos, turísticos nin evocadores. Tan só rúas modestas, de edificios funcionais e sen pretensións e coches estacionados en dobre ringleira.

E agora, a tres mil quilómetros nun país estraño, son eses currunchos os que asaltan o meu subconsciente. Curioso.

Os alemáns teñen dúas palabras ben xeitosas: “Heimweh”, a “dor de casa”, a morriña, a nostalxia do fogar. E “Fernweh”, a “dor do Lonxe”, a nostalxia de novos horizontes, dos lugares que aínda non se coñecen. O alemán, sempre poñendo nomes a conceptos que están aí pero nos que non pensaramos moito. Para iso sonche moi agudos.

Mañá, domingo 19 de Outubro, cúmprense oito anos desde que emprendín esta cativa aventura, desde que cheguei cunha maleta ó aeroporto de Múnic disposto a tentar facerme unha vida en Baviera. Sabía moi pouco do idioma, non tiña emprego e só tiña vivenda para un mes. Todo era arrepiante, hostil e tamén excitante. Se de algo teño morriña, é desa sensación de non ter nada que perder. De dicir, “Se a cousa sae mal, volvo”. Seica non saíu mal.

Pasou o tempo, as motivacións cambiaron, tamén a ilusión, as circunstancias e as perspectivas. Disque a estes cambios lle chaman “vida”. A última vez que fixen mudanza non me cabían as cousas nunha maleta, crédeme. Pero iso só son cousas, non a vida. O futuro? É un tempo verbal que conxugo moi deficientemente. Teño bastante claro o que e o con quen, o espazo xeográfico é tan incerto como secundario.

Polo de agora seguimos aquí, en Regensburg, á beira do Danubio. A vida sempre é desconcertante, tanto se non se cumpren os teus plans como se si o fan, nunca é o que agardabas cando ías só naquel taxi do aeroporto de Múnic para Passau, cagado de medo, dispensando. Non sabía que ía estrañar rúas estrañas (perdoade a voluntaria redundancia) da miña cidade. Podería inventar outro vocablo xermano para iso, Fremdstraßenweh, a Dor das Rúas Estrañas.

Mais non pensades que choromico, ó contrario. Vaise levando. Os anos fante realista, sen deixar de ser idealista. Non estamos tan mal. Penso que a decisión de marchar foi boa. Por suposto, houbo erros. Por suposto, gustaría de ter un Delorean e mudar acontecementos pasados, e permutar a vida en infinitos “What if…”. Pero o conto non vos é así. Isto é o que fixemos e isto é o que temos. Aprendemos un idioma, temos certa estabilidade que se cadra non sería posible na terra, certa experiencia, algún libro feito e moitos borranchos escritos. Repito: non estamos mal. Aínda que estrañe esas rúas, aínda que non saiba por que o fago. A morriña está ben, pero é mal sitio para quedar vivir.

Como cantan Los Enemigos: “Non hai moito tempo. Pero o que hai está todo por diante”.

Comecemos de novo.

Oito anos xa! Veña un brinde.

Poetengässchen

Advertisements

2 thoughts on “As rúas estrañadas

Os comentarios están pechados.