Achegámonos ó 3 de Outubro, día da Reunificación Alemana, e desta volta cunha connotación especial, xa que é o 25 aniversario do proceso no que os dous estados alemáns (República Democrática Alemana e a República Democrática Alemana, RFA e RDA, BRD e DDR, capitalistas e comunistas) volveron ser un só. Eu de crío pensaba que o muro non dividía xa Berlín, senón que dividía os centos de quilómetros entre a RFA e a RDA, pasando polo medio de Berlín. O cal non me cadraba moito cando vía un mapa.
Non había muro físico do Báltico ata Baviera, pero como se o houbese. Era unha fronteira infranqueable. E quen quixese e puidese atravesala e fuxir á Alemaña Occidental, sabía ben que as represalias sociais contra os que quedaban atrás, a súa familia e achegados, se daban por seguras: interrogatorios, expropiacións, despidos do emprego ou expulsión dos estudos universitarios, impedimento de exercer o teu oficio… castigos non para o “pecador”, senón para os seus pais, irmáns, amigos… só coa fin de disuadir o seguinte que tentase o “salto”. Sen éxito.
Non vou defender o capitalismo estatal, nin o feroz neoliberalismo de agora nin o da Guerra Fría dos estados de aquela. Pero non vou relativizar a represión e a falta de liberdades dos reximes comunistas europeos (satelites da URSS, máis ben). E entre estes, se cadra pola súa especial situación, a DDR non era precisamente dos mellores. A todopoderosa Stasi ou Policía Política Estatal dominaba a vida pública e privada. Co seu acopio infinito de información sobre os seus compatriotas converteu o país nun fato de sopróns e laretas, conspiradores da nada, trepas do Partido Comunista e sobre todo, de xente desesperada que vía A Outra Alemaña como un paraíso, a solución ós seus males. Alá a esperanza, aquí o medo e a frustración.

Inciso automobilístico: aquí hai que falar dos Trabant, os “Trabis“. Tódolos países que se abriron á automoción nos anos 60-70 teñen un modelo popular, mítico e hoxe en día, de culto. O Seiscentos en España, o 2CV en Francia, o Volkswagen “Escaravello” na RFA, etc. Pois na RDA sería o Trabant. Un modelo popular de apariencia xeitosa e fabricación socialista. Aínda quedan algúns, como estes que atopei por Halle (Alemania Oriental) e Budapest.
O Trabi, para ben e para mal, é un símbolo das catro décadas da RDA. Había que solicitarllo ó Estado e para acadalo había que agardar anos de comportamento sen chata e libre de disidencia (como dixemos, non só do solicitante, senón dos seus achegados). Os máis, mercábanse de segunda man. As estradas da RDA estaban vetadas ós coches occidentais (BMW, Volkswagen…) e practicamente no parque automobilístico só se vían Trabis e algún Skoda (checo), Lada (ruso), etc.

O que diferencia dos Seiscentos, Escaravellos, etc., coches pouco luxosos pero robustos, é que o Trabi era, é, sentimentalismos aparte, unha desfeita de coche. Era lento, consumía moito, foi elixido como o “coche menos ecolóxico da historia” por mor das súas terribles emisións, e ademáis era inseguro. Se vedes un (penso que teriades que vir a Alemaña, porque esas cousas rebentarían antes de chegar ós Pirineus) tocádeo e abraiádevos: a carrocería É DE PLÁSTICO. Concretamente de Duroplast, unha resina plástica feita de porcalladas recicladas, así que neste aspecto ata era algo ecolóxico, se ignoramos a súa polución asasina. En caso de accidente e envorcamento podedes imaxinar o que pode pasar nese cascallo de plástico. Nada bo para os que van dentro.
Este enxeño automobilístico, chafalleiro pero icónico, deixouse de producir no 1991. Hoxe son pezas de colección e vense moitos “tuneados” por Alemaña.
Atopei tamén esta nova antiga en Twitter de uns que tentaron convertir un Trabi en unha especie de aeroplano para fuxir a Occidente. Se o fedello era malo sobre a terra, non o quero imaxinar no aire. A nova é do sensacionalista e noxento diario Bild, así que hai que darlle o creto xustiño.
@BILD: „1. Flucht mit fliegendem Trabi“. Arzt (39) baute Segler mit Trabant-Motor. Er floh von CSSR nach Bayern pic.twitter.com/a0wTxVGZkn
— Heute vor 25 Jahren (@Mauerfall89) September 19, 2014
Volvamos ó 1989. a Perestroika de Gorbachov, a apertura, o ulterior e inexorable esboroamento dos reximes comunistas, e nestas terras, os berlineses derrubando o Muro como símbolo definitivo. Mais todo isto non pasou dun día para o outro.
O muro caeu en Novembro do 1989, cando os berlineses cansaron de agardar polos políticos, e anunciouse a Reunificación, pero meses antes a vida non era fácil para os alemáns á “dereita” do Telón de Aceiro. Erich Honecker, canceler da RDA e testa dun rexime anquilosado e negador da realidade que o arrodeaba, afirmaba moi rufo que o muro duraría 100 anos máis. Pero os seus gobernados non estaban dispostos a agardar.


Xa que a fuxida directa cara á RFA era aínda arriscada e temeraria, os cidadáns da RDA discorreron que o mellor para chegar aló era dar un rodeo. Por Polonia, Hungría e Checoslovaquia, no seu caso, penetrando en Austria e rematando na anceiada Bundesrepublik Deutschlands. Millón e medio de alemáns orientais solicitaron o permiso de viaxe cara un dos países “amigos” do Este (cara o Oeste, imposible) e formouse unha inmensa Caravana de Trabis (na súa meirande parte, tamén Skodas e Ladas), sen contar os que usaron o tren e outros medios, uns 20000 alemáns desesperados tentando fuxir da súa propia terra como fose. Milleiros remataron nas embaixadas da República Federal Alemana en Praga e Budapest e nos seus arredores, provocando unha crise humanitaria inesperada. Así foi como moitos alemáns se converteron en refuxiados. Familias enteiras durmindo nos autos, sen querer saber nada de volver atrás. Demasiadas esperanzas “ó outro lado” e demasiado medo á Stasi no seu regreso. Era verán do 1989. As dúas Alemañas e por extensión os países afectados e os bloques capitalista e comunista tiñan un problema. Honecker limitouse a dicir que os que querían marchar “non se botarían de menos”. As manifestacións por todo o país desafían a represión policial.
Aconteceu o que tiña que acontecer. Non se poden poñer portas ó campo. O rexime comunista da RDA estaba en descomposición e o ministro de Exteriores da Alemaña Occidental, Hans-Dietrich Genscher, pactou ás súas costas coa URSS unha solución. Os soviéticos estaban dentro da estratexia de salvar a súa propia economía e afrouxar o control sobre os países de Europa Oriental e deuse o paso. Abríronse as fronteiras entre Austria e Hungría e Checoslovaquia. O ministro anuncioullo en persoa ós acampados na embaixada de Praga: eran benvidos na República Federal Alemana. Hungría nin se molestou en informar á RDA. O anoxo de Honecker era evidente.

Xa sabedes o resto: caeu o Muro, caeu Honecker e a RDA e as dúas Alemañas foron unha, de novo, tras décadas de absurda separación e illamento. Pero hoxe, 25 anos despois, hai un forte exame de conciencia no pobo alemán.

Coa Reunificación (a Wiedervereinigung, ou como máis a chaman, o Wende, o xiro, o cambio) pasa un pouco coa Transición Española. Era inevitable e fíxose o que se tiña que facer. A división era insostible, así como o prolongamento do rexime socialista. Pero tamén se glorificou esa “Revolución Pacífica” ata a náusea, e non foi tan pacífica, nin tan perfecta. Houbo erros e puntos escuros. Políticos e económicos.
Para comezar, non se fusionaron os dous países para facer “unha nova Alemaña”. Foi unha integración, a República Federal absorbeu á Democrática. As regras foron impostas pola “Alemaña rica”, non pola pobre, que se tivo que adaptar. A división federal, o marco alemán, a lexislación da RFA, o ser turrados violentamente por unha economía moitas veces máis potente cá súa. Unha grande crise sobreviu á nova e agrandada Bundesrepublik, e foi superada non hai tanto a un custo social enorme, iniciado polo canceler socialista Schröder e ratificado por Merkel. O mesmo que esta lle quere aplicar a Europa
As de perder levounas a Alemaña Oriental. De primeiras, despoboouse de xente nova, atiradas polos soldos e condicións “do outro lado”. Ós estados do Oeste chegaron os Ossis (da Ostdeutschland, alemáns orientais) en masa. Por outra banda os “novos estados” (os do Este) melloraron en liberdades pero foron a pior no económico, tralo espellismo de que xa había BMWs nas estradas e chocolate Milka nas tendas. A súa industria e sectores produtivos, hiperprotexidos polo estado socialista, afundíronse, o que retroalimentou a migración cara o Oeste. As estructuras sociais socialistas foron suprimidas, pero os novos estados quedaron a mercé da beneficiencia dos Wessis, os do Oeste. A esta beira a xente está farta de pagar o “Soli“, o imposto solidario en beneficio dos estados orientais, pero os Ossis sinalan que o Occidente foi unha das causas da súa ruína. Desa beira só saíu gañando a cidade de Berlín, unha cidade fendida en dúas polo muro e a Guerra Fría e traumatizada polo nazismo e a II Guerra Mundial, transformada nunha metrópole cultural europea, unificada e capital da nova Deutschland. Cos seus problemas tamén, ollo.
Merkel presume de país perfecto e di saber o que mellor lles convén ó resto de países europeos, incluído o noso. Pero a situación do 40 por cento de Alemaña tampouco é para presumir. E Angela debería sabelo mellor ca moitos, pois tamén veu do Este (criouse en Brandenburgo, non lonxe do Berlín Oriental).
Non se pode ignorar que nos estados ex-comunistas é onde é máis forte a presencia da extrema dereita e os neonazis. Onde máis agresións hai ós refuxiados e inmigrantes. Cando hai 25 anos os refuxiados eran eles, os propios alemáns…
Bonus tracks musicais:
David Hasselhoff, si, Maiquel Nait, cantou para milleiros de persoas para celebrar a caída do muro. El anda a dicir que axudou a que caera o muro e todo o que sobreviu despois. Debuxaba Castelao: “Pensan os galos que abre o día porque cantan eles”. O bo de David, de ascendencia xermana, converteuse nunha estrela na Alemaña oitenteira.
Para compensalo, Pink Floyd. The Wall.