Alsacia: Estrasburgo e Colmar

A semana pasada fixemos unha “viaxe lóstrego” en dirección Oeste. Deixamos Baviera e entramos no estado de Baden-Württenberg, concretamente á cidade de Heidelberg, cruzamos a fronteira con Francia e visitamos as capitais alsacianas Estrasburgo e Colmar, para volver a Alemaña e rematar en Friburgo, tamén no estado de Baden-Württenberg. Poucos días para tantos quilómetros e tantos sitios fermosos. Ousarei escribir un pouquiño sobre o que vin e lin sobre Alsacia, malia só estarmos pouco máis de dous días e ver dúas cidades.

IMG_5134Alsacia é unha rexión francesa moi particular. A fala de seu é o alemán, en concreto un dialecto alemánico. A súa historia é un pim-pam-pum entre as dúas grandes potencias entre as que se encaixa: Francia e Alemaña (co nome de Sacro Imperio Xermánico, Prusia, etc). Desde a I Guerra Mundial é francesa, co triste paréntese do nazismo e a II Guerra Mundial. Alsacia (Elsass, en alemán) foi incorporada ó III Reich. Non foi un “territorio ocupado”, coma o resto de Francia, senón que administrativamente pasou formar parte inequívoca de Alemaña.

Os nazis acometeron unha brutal “(re)xermanización” da rexión. Obrigouse a usar o alemán, prohibiuse o francés e os seus símbolos culturais, incluída a boina francesa (non é broma). Os desobedientes eran enviados a campos de “reeducación” e de concentración. Neste senso, salienta o recrutamento forzoso de 140.000 alsacianos na Wehrmacht para loitar co bando nazi. Son os Malgré-Nous, “malia nosa”. En canto ós xudeus, reduciron a abraiante sinagoga de Estrasburgo a borralla e podedes imaxinar o que pasou coa súa poboación.

Trala derrota nazi, Alsacia volveu a mans francesas. O dialecto alemán pasou de ser obrigatorio a ser minorizado. O estado francés, fortemente centralista, impuxo a lingua francesa na escola e nos medios de comunicación, e a fala dos alsacianos sufriu un grande retroceso. Tamén as outras linguas periféricas do estado francés (bretón, basco, occitano, catalán), pero o alsaciano tiña o agravante de ser a mesma lingua có inimigo, a dos boches que invadiran Francia. O alsaciano é bastante diferente do que se fala en Berlín, pero a dialéctica de vencedores (a IIGM significou máis humillación ca vitoria para Francia) e derrotados non admite sutilezas.

Rue de la Chaine - KettegässelNas últimas décadas Alsacia e en concreto Estrasburgo convertéronse nun símbolo da reconciliación franco-xermana (e europea, por extensión). Neste contexto deronse uns tímidos pasos de revalorización cultural da fala alsaciana, aínda que sen chegar á cooficialidade. Estúdase nas escolas de xeito voluntario e os cartaces das rúas estrasburguesas son bilingües en francés e alemán alsaciano. Coas fronteiras abertas e sé de varias institucións da UE, Estrasburgo (Strasbourg en francés, Straßburg en alemán común, Strossburi en alemán alsaciano) presume de cidade europea e cosmopolita.

É unha cidade fermosísima. O casco vello é unha grande illa (Grande-Île) arrodeada polo río Ill, fermoso e ben conservado, con sorpresas a cada paso: rueiros históricos, pazos, mansións, pontes, ríos, canles e unha catedral impoñente.

Strasbourg, cathedral

Na catedral non puidemos entrar por haber un acto pechado a visitas, pero recoméndovos subir á torre. As pernas han protestar, pero compénsao a vista sobre a cidade e a chaira alsaciana ata a Selva Negra, xa na beira alemna, alén da fronteira marcada polo río Rin.

Strasbourg, view - vista

Seguro que tedes na mente imaxe desas casas típicas centroeuropeas e alpinas, cun esquelete de trabes de madeira, como saídas dun conto dos Grimm. Por onde eu vivo en Baviera non hai moitas, atopei bastantes por Franconia (Nürnberg, Rothenburg)… Non sei como se chaman no noso idioma, en alemán son Fachwerkhäuser e en francés maisons à colombage. Pois en Alsacia seica son o típico. Hai milleiros, como na praciña do Marché des Cochons au Lait ou Ferikelmärik… o Mercado dos Bacoriños, para nós.

Marché des Cochons au Lait

De comezo rechamoume que Estrasburgo, cidade francesa, tivese un barrio co nome de “Petite France”. Este fermoso e turístico cornecho non ten nada que ver co país galo en si, senón que leva o nome dun hospicio que había alí para acoller os soldados enfermos de sífile, doenza coñecida daquela coma “o mal de Francia”. Curioso.

Petite France (II)

Alí atópanse as Pontes Cubertas sobre o río, coas súas fortalezas defensivas para defender a cidade. A paz que se respira nesta cidade é unha nova relativamente recente, se miramos os seus séculos de historia, sempre entre París e Berlín, malgré elle.

Barrage Vauban, Ponts Couverts

Logo puxemos camiño a Colmar. É a capital do departamento do Alto Rin (Estrasburgo é a do Baixo Rin) e a terceira cidade de Alsacia (detrás da capital e de Mulhouse). Colmar é unha pequena alfaia a menos distancia do Friburgo alemán ca de Estrasburgo. Está ateigada de turistas, si, pero non perdeu o seu encanto.

La Petite Venise (Poissonerie), Colmar (I)

La Maison des Têtes (I)

Rue de Colmar (Night) (II)

Quedaron ganas de voltar. Unha visita pendente é o castelo de Haut-Koenigsburg, preto de Sélestat e non lonxe de Colmar… pero botábasenos o tempo enriba. Xa haberá ocasión.

Chateau Haut Koenigsbourg.JPG
« Chateau Haut Koenigsbourg » par JUNG Brice — Travail personnel (Photo personnelle). Sous licence CC BY-SA 3.0 via Wikimedia Commons.

Non todo vai ser camiñar e ver monumentos. Hai que comer e beber. Un dos pratos máis típicos é a torte flambée (flammekueche), unha torta de masa fina con nata e tiras de touciño ó forno. Sinxelo e gorentoso. Comimos delas dúas veces, a primeira foi deliciosa, a segunda foi unha desfeita, toda churruscada. É inxusto, pero non teño foto da torta boa e si da mala:

DSC01394Teñen moitos máis pratos típicos (cervelat, choucrute, peixes de río, o baeckoffe, repostería) e seguro que se ides teredes máis sorte ca nós coa hostalería. Vén sendo como a típica gastronomía xermánica ou suíza cun toque francés. Esta mistura tamén se dá na bebida: teñen boas cervexas como no outro lado da fronteira, pero tamén excelentes viños.

Pois iso, un lugar para revisitar máis polo miúdo. Un encontro entre dúas culturas onde antes había só unha fenda. Recoméndoo.

A imaxe do castelo de Haut-Koenigsburg é da Wikipedia, tal e como reza a atribución. O resto son miñas e a meirande parte están no meu Flickr. Tedes a galería completa aquí e nesta ligazón.

https://www.flickr.com/apps/slideshow/show.swf?v=1811922554

Advertisements