Aquel verán do 1989

Achegámonos ó 3 de Outubro, día da Reunificación Alemana, e desta volta cunha connotación especial, xa que é o 25 aniversario do proceso no que os dous estados alemáns (República Democrática Alemana e a República Democrática Alemana, RFA e RDA, BRD e DDR, capitalistas e comunistas) volveron ser un só. Eu de crío pensaba que o muro non dividía xa Berlín, senón que dividía os centos de quilómetros entre a RFA e a RDA, pasando polo medio de Berlín. O cal non me cadraba moito cando vía un mapa.

Non había muro físico do Báltico ata Baviera, pero como se o houbese. Era unha fronteira infranqueable. E quen quixese e puidese atravesala e fuxir á Alemaña Occidental, sabía ben que as represalias sociais contra os que quedaban atrás, a súa familia e achegados, se daban por seguras: interrogatorios, expropiacións, despidos do emprego ou expulsión dos estudos universitarios, impedimento de exercer o teu oficio… castigos non para o “pecador”, senón para os seus pais, irmáns, amigos… só coa fin de disuadir o seguinte que tentase o “salto”. Sen éxito.

Non vou defender o capitalismo estatal, nin o feroz neoliberalismo de agora nin o da Guerra Fría dos estados de aquela. Pero non vou relativizar a represión e a falta de liberdades dos reximes comunistas europeos (satelites da URSS, máis ben). E entre estes, se cadra pola súa especial situación, a DDR non era precisamente dos mellores. A todopoderosa Stasi ou Policía Política Estatal dominaba a vida pública e privada. Co seu acopio infinito de información sobre os seus compatriotas converteu o país nun fato de sopróns e laretas, conspiradores da nada, trepas do Partido Comunista e sobre todo, de xente desesperada que vía A Outra Alemaña como un paraíso, a solución ós seus males. Alá a esperanza, aquí o medo e a frustración.

Bundesarchiv Bild 183-1989-1007-402, Berlin, 40. Jahrestag DDR-Gründung, Ehrengäste.jpg
Festexos do 40º aniversario da República Democrática Alemana, ironicamente pouco antes da súa disolución. “Bundesarchiv Bild 183-1989-1007-402, Berlin, 40. Jahrestag DDR-Gründung, Ehrengäste” by Franke, Klaus – Deutsches Bundesarchiv (German Federal Archive), Bild 183-1989-1007-402. Licensed under CC-BY-SA-3.0-de via Wikimedia Commons.

Inciso automobilístico: aquí hai que falar dos Trabant, os “Trabis“. Tódolos países que se abriron á automoción nos anos 60-70 teñen un modelo popular, mítico e hoxe en día, de culto. O Seiscentos en España, o 2CV en Francia, o Volkswagen “Escaravello” na RFA, etc. Pois na RDA sería o Trabant. Un modelo popular de apariencia xeitosa e fabricación socialista. Aínda quedan algúns, como estes que atopei por Halle (Alemania Oriental) e Budapest.

Trabant at Halle, East Germany

Trabant at Budapest (I)

Colorful Trabi at Budapest

O Trabi, para ben e para mal, é un símbolo das catro décadas da RDA. Había que solicitarllo ó Estado e para acadalo había que agardar anos de comportamento sen chata e libre de disidencia (como dixemos, non só do solicitante, senón dos seus achegados). Os máis, mercábanse de segunda man. As estradas da RDA estaban vetadas ós coches occidentais (BMW, Volkswagen…) e practicamente no parque automobilístico só se vían Trabis e algún Skoda (checo), Lada (ruso), etc.

Trabant RS02(ThKraft).jpg
“Trabant RS02(ThKraft)” by Thomas Kraft (ThKraft) – Own work. Licensed under CC BY-SA 2.5 via Wikimedia Commons.  Un Trabi de carreiras. E logo Alonso quéixase do seu coche.

O que diferencia dos Seiscentos, Escaravellos, etc., coches pouco luxosos pero robustos, é que o Trabi era, é, sentimentalismos aparte, unha desfeita de coche. Era lento, consumía moito, foi elixido como o “coche menos ecolóxico da historia” por mor das súas terribles emisións, e ademáis era inseguro. Se vedes un (penso que teriades que vir a Alemaña, porque esas cousas rebentarían antes de chegar ós Pirineus) tocádeo e abraiádevos: a carrocería É DE PLÁSTICO. Concretamente de Duroplast, unha resina plástica feita de porcalladas recicladas, así que neste aspecto ata era algo ecolóxico, se ignoramos a súa polución asasina. En caso de accidente e envorcamento podedes imaxinar o que pode pasar nese cascallo de plástico. Nada bo para os que van dentro.

Este enxeño automobilístico, chafalleiro pero icónico, deixouse de producir no 1991. Hoxe son pezas de colección e vense moitos “tuneados” por Alemaña.

Atopei tamén esta nova antiga en Twitter de uns que tentaron convertir un Trabi en unha especie de aeroplano para fuxir a Occidente. Se o fedello era malo sobre a terra, non o quero imaxinar no aire. A nova é do sensacionalista e noxento diario Bild, así que hai que darlle o creto xustiño.

Volvamos ó 1989. a Perestroika de Gorbachov, a apertura, o ulterior e inexorable esboroamento dos reximes comunistas, e nestas terras, os berlineses derrubando o Muro como símbolo definitivo. Mais todo isto non pasou dun día para o outro.

O muro caeu en Novembro do 1989, cando os berlineses cansaron de agardar polos políticos, e anunciouse a Reunificación, pero meses antes a vida non era fácil para os alemáns á “dereita” do Telón de Aceiro. Erich Honecker, canceler da RDA e testa dun rexime anquilosado e negador da realidade que o arrodeaba, afirmaba moi rufo que o muro duraría 100 anos máis. Pero os seus gobernados non estaban dispostos a agardar.

Kuss
Mural-parodia do famoso bico entre Breznev, xefe de Estado da URSS (quen mandaba realmente na RDA) e Honecker. A lenda di “Meu Deus, axúdame a sobrevivir a este amor fatal”. Despois, con Gorbachov, a sintonia foi moi distinta. Foto do álbum Flickr de Enric Vidal i Famadas, fonte premendo na imaxe. Licenza.
Refugees, East German Hungary, Budapest Zugliget Camp
Dous refuxiados da RDA na Embaixada da RFA en Praga acollen con ledicia a nova do seu permiso para abandonar o seu país. Fonte: Spiegel.

Xa que a fuxida directa cara á RFA era aínda arriscada e temeraria, os cidadáns da RDA discorreron que o mellor para chegar aló era dar un rodeo. Por Polonia, Hungría e Checoslovaquia, no seu caso, penetrando en Austria e rematando na anceiada Bundesrepublik Deutschlands. Millón e medio de alemáns orientais solicitaron o permiso de viaxe cara un dos países “amigos” do Este (cara o Oeste, imposible) e formouse unha inmensa Caravana de Trabis (na súa meirande parte, tamén Skodas e Ladas), sen contar os que usaron o tren e outros medios, uns 20000 alemáns desesperados tentando fuxir da súa propia terra como fose. Milleiros remataron nas embaixadas da República Federal Alemana en Praga e Budapest e nos seus arredores, provocando unha crise humanitaria inesperada. Así foi como moitos alemáns se converteron en refuxiados. Familias enteiras durmindo nos autos, sen querer saber nada de volver atrás. Demasiadas esperanzas “ó outro lado” e demasiado medo á Stasi no seu regreso. Era verán do 1989. As dúas Alemañas e por extensión os países afectados e os bloques capitalista e comunista tiñan un problema. Honecker limitouse a dicir que os que querían marchar “non se botarían de menos”. As manifestacións por todo o país desafían a represión policial.

Aconteceu o que tiña que acontecer. Non se poden poñer portas ó campo. O rexime comunista da RDA estaba en descomposición e o ministro de Exteriores da Alemaña Occidental, Hans-Dietrich Genscher,  pactou ás súas costas coa URSS unha solución. Os soviéticos estaban dentro da estratexia de salvar a súa propia economía e afrouxar o control sobre os países de Europa Oriental e deuse o paso. Abríronse as fronteiras entre Austria e Hungría e Checoslovaquia. O ministro anuncioullo en persoa ós acampados na embaixada de Praga: eran benvidos na República Federal Alemana. Hungría nin se molestou en informar á RDA. O anoxo de Honecker era evidente.

Trabbi prague
Monumento a eses días na Embaixada de Alemaña en Praga. von Wegmann (Eigenes Werk) [CC-BY-SA-3.0 oder GFDL], via Wikimedia Commons
Fletouse un tren de fuxida que chegaba a Hof (Baviera, RFA) pero que atravesaba Dresden e Karl-Marx-Stadt (hoxe Chemnitz), na RDA. Milleiros foron nese tren, coa esperanza de chegar a Hof e co medo a ser retidos polos controis nas outras dúas cidades. Chegaron. En Hof agardaba un dispositivo humanitario para esa multitude esfarrapada.

 

Bundesarchiv Bild 183-1989-1110-038, Grenzübergang Wartha, Stau.jpg
Atasco no paso da fronteira en Wartha. “Bundesarchiv Bild 183-1989-1110-038, Grenzübergang Wartha, Stau” by Ludwig, Jürgen – This image was provided to Wikimedia Commons by the German Federal Archive (Deutsches Bundesarchiv) as part of a cooperation project. (…) Licensed under CC-BY-SA-3.0-de via Wikimedia Commons.

Xa sabedes o resto: caeu o Muro, caeu Honecker e a RDA e as dúas Alemañas foron unha, de novo, tras décadas de absurda separación e illamento. Pero hoxe, 25 anos despois, hai un forte exame de conciencia no pobo alemán.

Trabi on Berlin Wall
Un dos murais máis icónicos nos restos do muro de Berlín, na East Side Gallery. Un Trabi atravesa o muro.

Coa Reunificación (a Wiedervereinigung, ou como máis a chaman, o Wende, o xiro, o cambio) pasa un pouco coa Transición Española. Era inevitable e fíxose o que se tiña que facer. A división era insostible, así como o prolongamento do rexime socialista. Pero tamén se glorificou esa “Revolución Pacífica” ata a náusea, e non foi tan pacífica, nin tan perfecta. Houbo erros e puntos escuros. Políticos e económicos.

Para comezar, non se fusionaron os dous países para facer “unha nova Alemaña”. Foi unha integración, a República Federal absorbeu á Democrática. As regras foron impostas pola “Alemaña rica”, non pola pobre, que se tivo que adaptar. A división federal, o marco alemán, a lexislación da RFA, o ser turrados violentamente por unha economía moitas veces máis potente cá súa. Unha grande crise sobreviu á nova e agrandada Bundesrepublik, e foi superada non hai tanto a un custo social enorme, iniciado polo canceler socialista Schröder e ratificado por Merkel. O mesmo que esta lle quere aplicar a Europa

As de perder levounas a Alemaña Oriental. De primeiras, despoboouse de xente nova, atiradas polos soldos e condicións “do outro lado”. Ós estados do Oeste chegaron os Ossis (da Ostdeutschland, alemáns orientais) en masa. Por outra banda os “novos estados” (os do Este) melloraron en liberdades pero foron a pior no económico, tralo espellismo de que xa había BMWs nas estradas e chocolate Milka nas tendas. A súa industria e sectores produtivos, hiperprotexidos polo estado socialista, afundíronse, o que retroalimentou a migración cara o Oeste. As estructuras sociais socialistas foron suprimidas, pero os novos estados quedaron a mercé da beneficiencia dos Wessis, os do Oeste. A esta beira a xente está farta de pagar o “Soli“, o imposto solidario en beneficio dos estados orientais, pero os Ossis sinalan que o Occidente foi unha das causas da súa ruína. Desa beira só saíu gañando a cidade de Berlín, unha cidade fendida en dúas polo muro e a Guerra Fría e traumatizada polo nazismo e a II Guerra Mundial, transformada nunha metrópole cultural europea, unificada e capital da nova Deutschland. Cos seus problemas tamén, ollo.

Merkel presume de país perfecto e di saber o que mellor lles convén ó resto de países europeos, incluído o noso. Pero a situación do 40 por cento de Alemaña tampouco é para presumir. E Angela debería sabelo mellor ca moitos, pois tamén veu do Este (criouse en Brandenburgo, non lonxe do Berlín Oriental).

Non se pode ignorar que nos estados ex-comunistas é onde é máis forte a presencia da extrema dereita e os neonazis. Onde máis agresións hai ós refuxiados e inmigrantes. Cando hai 25 anos os refuxiados eran eles, os propios alemáns…

 

Bonus tracks musicais:

David Hasselhoff, si, Maiquel Nait, cantou para milleiros de persoas para celebrar a caída do muro. El anda a dicir que axudou a que caera o muro e todo o que sobreviu despois. Debuxaba Castelao: “Pensan os galos que abre o día porque cantan eles”. O bo de David, de ascendencia xermana, converteuse nunha estrela na Alemaña oitenteira.

Para compensalo, Pink Floyd. The Wall.

Alsacia: Estrasburgo e Colmar

A semana pasada fixemos unha “viaxe lóstrego” en dirección Oeste. Deixamos Baviera e entramos no estado de Baden-Württenberg, concretamente á cidade de Heidelberg, cruzamos a fronteira con Francia e visitamos as capitais alsacianas Estrasburgo e Colmar, para volver a Alemaña e rematar en Friburgo, tamén no estado de Baden-Württenberg. Poucos días para tantos quilómetros e tantos sitios fermosos. Ousarei escribir un pouquiño sobre o que vin e lin sobre Alsacia, malia só estarmos pouco máis de dous días e ver dúas cidades.

IMG_5134Alsacia é unha rexión francesa moi particular. A fala de seu é o alemán, en concreto un dialecto alemánico. A súa historia é un pim-pam-pum entre as dúas grandes potencias entre as que se encaixa: Francia e Alemaña (co nome de Sacro Imperio Xermánico, Prusia, etc). Desde a I Guerra Mundial é francesa, co triste paréntese do nazismo e a II Guerra Mundial. Alsacia (Elsass, en alemán) foi incorporada ó III Reich. Non foi un “territorio ocupado”, coma o resto de Francia, senón que administrativamente pasou formar parte inequívoca de Alemaña.

Os nazis acometeron unha brutal “(re)xermanización” da rexión. Obrigouse a usar o alemán, prohibiuse o francés e os seus símbolos culturais, incluída a boina francesa (non é broma). Os desobedientes eran enviados a campos de “reeducación” e de concentración. Neste senso, salienta o recrutamento forzoso de 140.000 alsacianos na Wehrmacht para loitar co bando nazi. Son os Malgré-Nous, “malia nosa”. En canto ós xudeus, reduciron a abraiante sinagoga de Estrasburgo a borralla e podedes imaxinar o que pasou coa súa poboación.

Trala derrota nazi, Alsacia volveu a mans francesas. O dialecto alemán pasou de ser obrigatorio a ser minorizado. O estado francés, fortemente centralista, impuxo a lingua francesa na escola e nos medios de comunicación, e a fala dos alsacianos sufriu un grande retroceso. Tamén as outras linguas periféricas do estado francés (bretón, basco, occitano, catalán), pero o alsaciano tiña o agravante de ser a mesma lingua có inimigo, a dos boches que invadiran Francia. O alsaciano é bastante diferente do que se fala en Berlín, pero a dialéctica de vencedores (a IIGM significou máis humillación ca vitoria para Francia) e derrotados non admite sutilezas.

Rue de la Chaine - KettegässelNas últimas décadas Alsacia e en concreto Estrasburgo convertéronse nun símbolo da reconciliación franco-xermana (e europea, por extensión). Neste contexto deronse uns tímidos pasos de revalorización cultural da fala alsaciana, aínda que sen chegar á cooficialidade. Estúdase nas escolas de xeito voluntario e os cartaces das rúas estrasburguesas son bilingües en francés e alemán alsaciano. Coas fronteiras abertas e sé de varias institucións da UE, Estrasburgo (Strasbourg en francés, Straßburg en alemán común, Strossburi en alemán alsaciano) presume de cidade europea e cosmopolita.

É unha cidade fermosísima. O casco vello é unha grande illa (Grande-Île) arrodeada polo río Ill, fermoso e ben conservado, con sorpresas a cada paso: rueiros históricos, pazos, mansións, pontes, ríos, canles e unha catedral impoñente.

Strasbourg, cathedral

Na catedral non puidemos entrar por haber un acto pechado a visitas, pero recoméndovos subir á torre. As pernas han protestar, pero compénsao a vista sobre a cidade e a chaira alsaciana ata a Selva Negra, xa na beira alemna, alén da fronteira marcada polo río Rin.

Strasbourg, view - vista

Seguro que tedes na mente imaxe desas casas típicas centroeuropeas e alpinas, cun esquelete de trabes de madeira, como saídas dun conto dos Grimm. Por onde eu vivo en Baviera non hai moitas, atopei bastantes por Franconia (Nürnberg, Rothenburg)… Non sei como se chaman no noso idioma, en alemán son Fachwerkhäuser e en francés maisons à colombage. Pois en Alsacia seica son o típico. Hai milleiros, como na praciña do Marché des Cochons au Lait ou Ferikelmärik… o Mercado dos Bacoriños, para nós.

Marché des Cochons au Lait

De comezo rechamoume que Estrasburgo, cidade francesa, tivese un barrio co nome de “Petite France”. Este fermoso e turístico cornecho non ten nada que ver co país galo en si, senón que leva o nome dun hospicio que había alí para acoller os soldados enfermos de sífile, doenza coñecida daquela coma “o mal de Francia”. Curioso.

Petite France (II)

Alí atópanse as Pontes Cubertas sobre o río, coas súas fortalezas defensivas para defender a cidade. A paz que se respira nesta cidade é unha nova relativamente recente, se miramos os seus séculos de historia, sempre entre París e Berlín, malgré elle.

Barrage Vauban, Ponts Couverts

Logo puxemos camiño a Colmar. É a capital do departamento do Alto Rin (Estrasburgo é a do Baixo Rin) e a terceira cidade de Alsacia (detrás da capital e de Mulhouse). Colmar é unha pequena alfaia a menos distancia do Friburgo alemán ca de Estrasburgo. Está ateigada de turistas, si, pero non perdeu o seu encanto.

La Petite Venise (Poissonerie), Colmar (I)

La Maison des Têtes (I)

Rue de Colmar (Night) (II)

Quedaron ganas de voltar. Unha visita pendente é o castelo de Haut-Koenigsburg, preto de Sélestat e non lonxe de Colmar… pero botábasenos o tempo enriba. Xa haberá ocasión.

Chateau Haut Koenigsbourg.JPG
« Chateau Haut Koenigsbourg » par JUNG Brice — Travail personnel (Photo personnelle). Sous licence CC BY-SA 3.0 via Wikimedia Commons.

Non todo vai ser camiñar e ver monumentos. Hai que comer e beber. Un dos pratos máis típicos é a torte flambée (flammekueche), unha torta de masa fina con nata e tiras de touciño ó forno. Sinxelo e gorentoso. Comimos delas dúas veces, a primeira foi deliciosa, a segunda foi unha desfeita, toda churruscada. É inxusto, pero non teño foto da torta boa e si da mala:

DSC01394Teñen moitos máis pratos típicos (cervelat, choucrute, peixes de río, o baeckoffe, repostería) e seguro que se ides teredes máis sorte ca nós coa hostalería. Vén sendo como a típica gastronomía xermánica ou suíza cun toque francés. Esta mistura tamén se dá na bebida: teñen boas cervexas como no outro lado da fronteira, pero tamén excelentes viños.

Pois iso, un lugar para revisitar máis polo miúdo. Un encontro entre dúas culturas onde antes había só unha fenda. Recoméndoo.

A imaxe do castelo de Haut-Koenigsburg é da Wikipedia, tal e como reza a atribución. O resto son miñas e a meirande parte están no meu Flickr. Tedes a galería completa aquí e nesta ligazón.

https://www.flickr.com/apps/slideshow/show.swf?v=1811922554

O soño inventado, en Palavra Comum

A revista online literaria e cultural Palavra Comum tivo a ben acoller outro relato meu, O soño inventado, ata agora inédito. Se pasades por aló podedes lelo. Agardo que vos preste.

Ligazón:

O soño inventado

IMG_4338