Asinando na Feira da Coruña

O pasado 1 de Agosto estiven asinando exempares de Podería falar de nubes na caseta dos amigos da Libraría Cartabón. Si, xa sei que pasaron moitos días, pero colleume na fin das miñas vacacións e esqueceume comentar nada por aquí.

O evento foi moi positivo. Estiven moi poucos días en Galicia e propúxenlle á editora facer algún acto de presentación do libro nalgures, pero loxísticamente e con tan pouca antelación foi nesta ocasión imposible. Queda para outra, que só foi dado a coñecer en persoa ós coruñeses e vigueses (e curiosamente, en Núremberg), por mor sobre todo da miña perenne ausencia emigrante, pero porémoslle remedio ó seu tempo. O caso é que o único que xordeu foi o de asinar libros na Feira do Libro da Coruña deste ano (xa presentaramos o libro na Feira do 2013). A experiencia foi positiva. Moi moi positiva. Non só porque vendimos unha boa presada de exemplares, cousa que nos tempos que corren é de agradecer. Sobre todo, porque coñecemos xente estupenda e “descoñecida”. É dicir, estes actos son honestos, menos para amizades e parentes e máis para potenciais lectores que, na meirande parte, nunca oíron falar de min nin do meu libro. Como supoñeredes, a promoción activa é moi importante para calquera autor, e faise vital para un autor en galego, privado de espazos nos medios de comunicación e nas mesmas librarías (non en todas, que ninguén se ofenda), sobre todo para min, que estou na terra en contadas e apresuradas ocasións. En fin, que todas as ocasións son boas para que o autor coñeza o público lector. En outras palabras, para que eu vos coñeza a VÓS, que sodes quen move todo isto.

O fotógrafo Fran Queiruga (agradecido, amigo!) sacounos así de ghuapos a Gonzalo da Cartabón e a min (co de Gonzalo non ten mérito, comigo si) e a min en acción na segunda foto. Que non vos estrañe nun futuro ver a mesma imaxe ao revés: ela asinándome un libro a min, pois é a humorista e contista Carmen Conde. Un pracer coñecela a ela e ós demáis que vos pasastes pola caseta, como o será coñecervos a moitos de vos en vindeiros actos. Ata outra!

_DSC0143 _DSC0137

Advertisements