A Igrexa Escocesa de Santiago

Seguramente non é das igrexas máis fermosas de Regensburg (a competencia é alta, hai verdadeiras xoias) pero quixen falar un pouco da Schottenkirche St. Jakob, a Igrexa Escocesa de Santiago ou San Xacobe (que é o mesmo santiño) por remitirnos a súa arte e historia a Escocia, Irlanda, Baviera… e un pouco a Galiza, a nosa terra.

A pranta da igrexa é bastante moderna en comparanza con outras de Ratisbona, e chama a atención unha especie de cuberta de cristal que protexe o seu pórtico. Ignoro a súa función, se cadra sen ela o pórtico caía a anacos, pero estética non é. Mais non é o único elemento discordante. Pero non quero criticar, porque se cadra cumpre unha función protectora indispensable.

Entrando na furna de vidro, por fin podemos admirar o pórtico. Románico, moi habitual nas igrexas da nosa terra pero moi pouco nestas bisbarras.

Schottenkirche St. Jakob (I)Atoparedes mellores fotos pola rede, pero ben, esta é a miña. Faltábame ángulo e campo por mor da devandita peixeira de cristal.

A construción xa rechama por si soa, unha verdadeira xoia. Pero máis aínda se achegamos o ollo ós seus adornos. No tímpano aprézase un Cristo flanqueado por San Xoán e San Xacobe-Santiago, a advocación do templo. E certos santos, monxes e cousas bíblicas en xeral. Mais as pezas escultóricas relixiosas son minoritarias: o que abondan son bechos como leóns, serpes, lobos, paxaros e peixes ou directamente mitolóxicos coma pegasos e grifos mesturados con motivos vexetais.

Schottenkirche St. Jakob (III)

Schottenkirche St. Jakob (V)

Schottenkirche St. Jakob (IV)

Schottenkirche St. Jakob (VI)Non son experto en arte e sei que nos nosos portais románicos atópanse moitas figuras desta caste, pero nunca as vira en tanta profusión. Lévanse estudando en serio dende o XIX e os expertos aínda non atoparon unha teoría convincente que explique tal bestiario.

Por dentro a igrexa decepcionoume bastante. É grande e luminosa, pero de fasquía moderna e para nada románica. Non pensedes que é fea, todo o contrario, pero parece que chantaron o pórtico no templo trabucado. Ou viceversa.

Schottenkirche St. Jakob (II)

E por que se chama a Igrexa Escocesa? Porque foi un mosteiro de orde escocesa. Debrullemos isto. Muiredac Trog Macc Robartaig, latinizado a Marianus, era un monxe irlandés que chegou a estas terras en labor evanxelizador no salvaxe e perigoso século XI, e de camiño a Roma de peregrinaxe (seica non chegou) fundou o Mosteiro Escocés de Regensburg. Naqueles tempos chamábanlles escoceses (Scotti) a todos os de fala gaélica, fosen escoceses, galeses ou irlandeses, así que o de escocés non hai que tomalo ó pé da letra. Mais non foron os primeiros gaélicos que se estableceron en Regensburg ou Baviera por arelas relixiosas, nin foi esta igrexa a primeira congregación “escocesa” da cidade (Mercherdach e San Pedro Bautista) pero foi a única que chegou ós nosos tempos.

A lenda di outra cousa. Discutiuse se Mariano, o home santo, tiña que seguir a súa peregrinaxe cara Roma ou permanecer en Ratisbona. O irmán Mercherdach suxeriu xaxuar e pedir a inspiración do Espírito Santo. Esa mesma noite o Espírito reveloulle a Mariano que debía emprender camiño e establecerse aló onde o sol do amencer o iluminase de fronte. Á mañá despediuse dos seus frades e foille rezar cos seus compañeiros de viaxe á igrexa (hoxe catedral) de San Pedro de Regensburg, a mesma advocación que a de Roma, por protección para tan longo e perigoso camiño. Ó saír da igrexa xa riscaba o día e o sol da mañá iluminou coas súas raiolas a faciana de Mariano e dos seus. Era Regensburg onde tiña que establecerse. E quedou.

Lendas á parte, préstanos este Mariano viaxeiro e místico e ademáis amante dos libros, escritor e copista. Outros Marianos… en fin, deixémolo.

Muiredac ou Mariani Scotti ou Mariano o Escocés (que era irlandés) faleceu en Regensburg pero a orde non fixo senón medrar. Erixiuse a igrexa, derruírona para facer unha máis grande, esta veuse abaixo debido á súa construción apresurada e trapalleira e fixeron unha terceira, xa co pórtico do que falamos. Os monxes peregríns irlandeses fundaron máis congregacións en outras cidades bávaras. Sankt Jakob non foi unha excepción.

Estes “tempos irlandeses” deron paso no mosteiro a “tempos escoceses” no século XVI, desta vez escoceses de seu, da Escocia. O trasfondo, as guerras de relixión, a Reforma e a Contrarreforma. Monxes católicos tiveron que fuxir de Escocia para o continente e foron acollidos por mosteiros, tamén en Baviera. A Reichstadt de Regensburg, cidade-estado, adquiriu o luteranismo. Mais o mosteiro de San Xacobe acolleu monxes benedictinos escoceses e sobreviviu, ata a volta da cidade á fe apostólica romana. Xa no século XIX, superados estes tempos, perdeu a razón de ser dun mosteiro escocés, e foi adquirido polo Episcopado de Regensburg, que o converteu nun seminario e parroquia, deixando de ser mosteiro.

Aquí, unha historia da igrexa escocesa en pdf, se tedes máis curiosidade despóis da chapa que acabo de soltar e sabedes alemán. 

Jakobsweg / Camiño de Santiago

Se esta viaxe comezou en Irlanda e Escocia, non remata en Regensburg. Por aquí pasa o Camiño de Santiago (Jakobsweg para os xermanos) cara a nosa terra, 2705 km. ata Compostela se acreditamos no letreiro da foto de abaixo. Os asentamentos “escoceses” de Regensburg, Eichstätt e Kelheim, entre outros, son fitos senlleiros da rota.

 Só / Only 2705 km

Fixástesvos, sobre todos os habitantes de Compostela, de que unha boa proporción dos peregrinos estranxeiros son alemáns? Aparte do feito da promoción cultural-turística que leva o camiño desde hai vinte anos (o Xacobeo do Pelegrín foi no 93, como pasa o tempo), en Alemaña púxose en boga facer o camiño polo libro do Hape Kerkeling, Ich bin dann mal weg (traducido ó castelán por Bueno, me largo). Hape era e é un dos humoristas e showmen máis famosos (e irreverentes) de Alemaña, e un personaxe de primeiras pouco asociable coa relixión e a espiritualidade. Un bo día, en crise existencial e profesional colleu a mochila, sen moita reflexión e preparación e con nulo adestramento físico tirou para Saint-Jean-Pied-de-Fort a facer a camiñada xacobea, e de aí saíu este libro. Foi un éxito e converteuse nunha especie de guieiro para os alemáns que queren facer o camiño. Aparte dos guieiros habituais, claro, e GPS e chuvasqueiros Jack Wolfskin e botas Salewa e todo que faga falla, sen deixar nada ó chou. Agás o propio Hape, claro.

Advertisements